Colonialismo

O colonialismo (de colonia, e este do latín colonus, -i, "labrador") é a política dun país que procura estenderse ou reter a súa autoridade sobre outros pobos ou territorios,[1] en xeral coa intención do dominio económico.[2] No proceso de colonización, os colonizadores poden impoñer a súa relixión, lingua, economía e outras prácticas culturais aos pobos indíxenas. As administracións estranxeiras dirixen o territorio na procura dos seus intereses, buscando beneficios dos pobos e os recursos da rexión.[3] A influencia e dominación dun pode producirse dun xeito violento, a través dunha invasión militar, ou sutil, sen que interveña a forza.

Territorios colonizados por potencias europeas, os Estados Unidos e o Xapón dende 1492

Algúns estudosos e sectores sociais e políticos, utilizan o termo neocolonialismo para facer referencia a unha dominación do tipo económico, e mesmo político, sobre un Estado xuridicamente independente. En senso similar utilízanse os termos imperialismo e neoimperialismo.

A importancia da era colonial e a súa historiografía tivo un grande desenvolvemento dentro das disciplinas históricas, e viuse fortalecida nos últimos anos a raíz da necesidade de comprender mellor os procesos globais.

Colonialización en 1800.

HistoriaEditar

 
O imperio romano en tempos de Traxano en 117 a.C..

AntigüidadeEditar

En termos xerais pode dicirse que as primeiras colonias apareceron cos primeiros imperios hai 5 500 anos, comezando coas exipcias.

Fenicia foi unha cultura comercial marítima emprendedora que se expandiu polo mar Mediterráneo entre o 1550 e o 300 a.C. e posteriormente os gregos e os persas continuaron nesta liña co establecemento de colonias. A metrópole do Imperio Cartaxinés, Cartago, foi na súa orixe unha colonia fenicia. Ao mesmo tempo foi unha das primeiras culturas en estabelecer colonias, xa que posuía territorios no norte de África, Sicilia, Illas Baleares, Sardeña e Hispania. As súas colonias eran fundamentalmente comerciais, aínda que no marco das Guerras púnicas acentuouse o dominio militar dos territorios.

O proceso de fundación por parte de Grecia de polis en lugares afastados das cidades tradicionais clásicas (Atenas, Esparta...), cidades nais ou Metrópoles, que formaban parte da península grega, deron orixe a novas cidades en lugares como Italia (Magna Grecia), a Península Ibérica (Emporion) ou Francia (Massalia).

A antiga Roma continuou co proceso, con colonias no Mediterráneo, norte de África e Asia occidental, formou un grande imperio, incluíndo territorios tan diversos como as actuais Galiza, España, Francia, Portugal, Italia, Romanía, Líbano, parte de Marrocos etc. As súas colonias fundamentábanse nunha orde regrada (dúas vías principais e perpendiculares), a partir do cal se artellaba a cidade, baseada a miúdo sobre acampamentos das lexións. Nelas tratábase de impor a orde romana en tódolos campos (xurídico, arquitectónico, administrativo etc.). Un imperio moderno que a imitou foi o Imperio Español, no senso dunha orde tamén regrada (construción da praza maior, en torno á cal se comezaba a igrexa, o concello (a semellanza do foro, templo, curia etc.), a partir dos cales se artellaba o resto da cidade, practicado case exclusivamente en América.

Tamén existiron colonias sumerias, babilónicas, maias, incas, aztecas, xaponesas, chinesas, hindús, ghanianas, malianas etc.

A partir do século VII, os árabes colonizaron unha importante sección de Oriente Medio, o norte de África e partes de Asia e Europa. No século IX comezou unha nova vaga de colonización mediterránea entre estados que competían entre eles como os venecianos, xenoveses e amalfianos, invadindo as terras antes ricas do Imperio Bizantino. A República de Venecia iniciou a súa conquista con Dalmacia e acadou a súa maior extensión nominal ao final da Cuarta Cruzada en 1204, coa declaración da adquisición dos tres oitavos do Imperio Bizantino.[4] Entre os séculos XI e XVIII, os vietnamitas estableceron colonias militares ao sur das súas fronteiras orixinais e absorberon o territorio, nun proceso coñecido como nam tiến.[5]

Imperios coloniaisEditar

 
Unión Ibérica de España e Portugal entre 1580 e 1640

O colonialismo moderno comezou co portugués Henrique o Navegador, iniciando a Era das Exploracións. España (inicialmente a Coroa de Castela) e despois Portugal chegaron a América cruzando o océano, construíndo postos comerciais e conquistando grandes extensións de terra. Estas terras dividíronse entre os imperios español e portugués.[6]

O século XVII viu a creación dos imperios coloniais francés e neerlandés, así como as posesións inglesas de ultramar, que se converteron no Imperio Británico. Tamén se estableceron o imperio colonial dinamarqués e algunhas colonias suecas.[7] A diseminación dos imperios coloniais reduciuse no final do século XVIII e inicios do XIX pola Guerra Revolucionaria Americana e a independencia da América Española. No entanto, establecéronse moitas colonias novas dende ese tempo, incluídos o imperio colonial alemán e o imperio belga. O Imperio Ruso, o Imperio Otomán e o Imperio Austríaco existían ao mesmo tempo, mais non se expandiron sobre os océnaos, senón polos territorios veciños (agás a colonización rusa de América a través do estreito de Bering). O Imperio do Xapón modelouse nos imperios coloniais europeos.

No uso estrito do termo, o colonialismo a grande escala comezou contra o século XIX cando Europa comezou un proceso de expansión e colonización económica (denominado expansión capitalista) de case todo o mundo.

DescolonizaciónEditar

Artigo principal: Descolonización.

A Independencia dos Estados Unidos no 1776 deu orixe a un amplo proceso de descolonización e creación de nacións independentes. Durante o curso do século XIX independizáronse Haití e as principais colonias españolas. Trala primeira guerra mundial, os vitoriosos aliados dividiron imperio colonial alemán e gran parte do Imperio Otomán entre eles como mandato da Sociedade das Nacións. Estes territorios foron divididos en tres clases de acordo coa rapidez con que eran consideradas que estarían preparadas para a independencia.[8] No entanto, a descolonización fora de América demorouse para ocorrer despois da segunda guerra mundial. En 1962, as Nacións Unidas crearon un Comité Especial de Descolonización.

NeocolonialismoEditar

A expresión neocolonialismo foi moi popular nas antigas colonias a finais do século XX,[9] referido a diferentes contextos. En xeral, non se refire a un tipo directo de colonización, senón á colonización por outros medios. Especificamente refírese á teoría das antigas ou existentes relacións económicas, como o General Agreement on Tariffs and Trade e o Central American Free Trade Agreement, ou mediante compañías (como Royal Dutch Shell en Nixeria e Brunei) creadas por antigas potencias coloniais empregadas para manter o control das súas antigas dependencias tralos movementos de independencia.

Grandes imperios coloniaisEditar

Imperio PortuguésEditar

Artigo principal: Imperio Portugués.

O Imperio colonial portugués foi o primeiro que fixo asentamentos estables en África (Cabo Verde en 1462, Illa de Fernando Poo en 1471, Cabo de Boa Esperanza en 1488) e o segundo en América (Brasil, por Pedro Álvares Cabral en 1500). As súas posesións consistían sobre todo no Brasil, Angola e Mozambique, aínda que durante os seus primeiros séculos, mantivo factorías nas costas da India (Vasco da Gama, 1498), gran parte das costas africanas, Indias Orientais e Timor Leste.

Un dos comercios máis notables na historia de Portugal foi o comercio de escravos africanos mediante o método do comercio triangular (a metrópole enviaba manufacturas ás colonias africanas, dende aí enviaba máis manufacturas e escravos ata América e as riquezas deste último ían parar á metrópole).

Portugal continuou a expandirse no Brasil ata que se independizou no ano 1822. A pear diso, Portugal mantivo e expandiu as súas colonias africanas ata a independencia en 1974 (Angola) e 1975 (Mozambique).

Imperio EspañolEditar

Artigo principal: Imperio Español.

Coa conquista das illas Canarias e a chegada de Cristóbal Colón a América no 1492 e a primeira volta ao mundo comezada por Fernão de Magalhães e culminada polo segundo de abordo, Juan Sebastián Elcano, entre 1520 e 1522, España iniciou un enorme proceso de colonización do mundo que culminou coa constitución do Imperio Español, onde nunca se puña o sol como lle gustaba dicir ao rei Filipe II de España. Os territorios españois estendíanse por case toda América do Sur e América Central, gran parte do Caribe (Cuba, República Dominicana, Porto Rico), parte de América do Norte (Florida, Texas, California), África (parte de Marrocos, o Sáhara Español, as illas Canarias, Guinea Española, Cabo Juby, Río de Oro, Ifni e Saguia el Hamra), Asia (Filipinas), Oceanía (Guam, Micronesia, Palau, as Illas Marianas do Norte).

Os territorios de España, acostumaban contar con vicerreis ao mando directo do territorio. Os territorios españois en América foron organizados en virreinatos e capitanías. Ademais, contaron cun proceso constitutivo de seu no senso da creación de cidades en territorio americano (citado en Imperio Romano).

Imperio BritánicoEditar

Artigo principal: Imperio Británico.

O Imperio colonial británico foi o máis grande do mundo. A India era a colonia máis rica, polos seus produtos e a súa poboación. Foi conquistada entre 1845 e 1848 por unha empresa privada inglesa, a Compañía Británica das Indias Orientais. En 1857 estalou unha revolta dos compoñentes indios das tropas inglesas (cipayos). Foi difícil contela, polo que ao conseguirlo, a raíña Vitoria transferiu o poder ao estado. Foi proclamada Emperatriz da India (1876) e máis adiante, os británicos fixeron expedicións militares para reforzar as fronteiras indias.

O británicos conquistaron Norteamérica (as trece colonias que deron orixe aos Estados Unidos e o Canadá), gran parte de Oceanía (como Australia e Nova Zelandia), Guiana e o Caribe (Xamaica), Birmania, Paquistán e Malasia. En África realizaron conquistas dende Exipto ata o océano Índico e Suráfrica, onde tuvieron que enfrontarse cos antigos colonos neerlandeses (bóers).

Os territorios coloniais británicos tiveron réximes de goberno moi diferentes. As colonias en América tiñan un réxime de tipo republicano. Porén, a India era gobernada por un vicerrei.

Imperio FrancésEditar

O Imperio colonial francés comezou baixo o reinado de Luís XIII. Nesa época, Francia creou o Vicerreinato de Nova Francia, con capital en Québec. Máis tarde, durante Luís XIV, creou tamén Luisiana, un extenso territorio que abranguía o centro do continente. Tamén fundou a colonia da Güiana Francesa e recibiu Haití de España. Trala guerra dos sete anos, perdida pola Francia de Luís XV, a Luisiana foi regalada a España e Nova Francia a Gran Bretaña, co que o imperio francés quedaba reducido a Haití e Güiana.

Despois de Napoleón, Francia comezou a colonizar África Occidental e o Sueste Asiático. O resultado foi un gran e duradeiro imperio colonial que abranguía un terzo do continente africano, Madagascar e Indochina. Este imperio resistiu as dúas guerras mundiais, fragmentándose trala segunda.

Francia aínda mantén territorios de ultramar, coma as illas Reunión e Mayotte (no Océano Índico preto de Madagascar), Martinica e Guadalupe (no Mar Caribe) e a Güiana Francesa (en América do Sur, ao norte do Brasil).

Colonias neerlandesasEditar

Países Baixos tamén vai posuír dominios coloniais en Norteamérica (Nova Ámsterdan), ao norte de Suramérica (Suriname), Indonesia e algúns puntos de África.

Colonias alemás, belgas e italianasEditar

Tamén Bélxica, Italia e Alemaña conquistaron nacións e terriorios para sometelos ao dominio colonial. Como por exemplo o Congo Belga colonizado polo país europeo e paradigma da explotación occidental de África.

ContemporáneaEditar

Engadiríanse tamén os antes citados, pero tendo en conta só as posesións de cada un a partir deste século [ex.: Gran Bretaña contabilizaríase a India, Australia, Xibraltar etc... ou Francia o Imperio Africano (e non a Luisiana). Igual para os restantes.

ConsecuenciasEditar

O colonialismo tivo consecuencias históricas moi importantes tanto dende os puntos de vista económico, demográfico, lingüístico, cultural, relixioso e político. No plano económico, a revolución industrial europea requiriu as materias primas procedentes das súas colonias e a forza de traballo, así como algunhas materias primas básicas.

A consecuencias foron enormes en América, onde a poboación autóctona moi vulnerable ás epidemias de orixe euroasiática quedou decimada. En África as consecuencias demográficas foron menores; Suráfrica é un dos países con maior impacto demográfico europeo. En Asia, agás polas fames negras da India de finais do século XIX, provocadas polo sistema de produción impuesto cos británicos as consecuencias tiveron só un impacto transitorio. Dende o punto de vista lingüístico, o colonialismo preparou o terreo para o emprego das linguas europeas como linguas diplomáticas e comerciais.

Entre as consecuencias máis negativas pódense mencionar a destrución da sociedade indíxena, a explotación económica total, o cambio dos valores propios dos indíxenas e o intento de creación do imperio continuo, unindo territorios dispares e ademais xerando conflitos para conseguilo, mesmo tendo que evitar outras metrópoles.

NotasEditar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para colonialismo.
  2. Rodney, Walter (2018). How Europe underdeveloped Africa. ISBN 978-1-78873-119-5. OCLC 1048081465. 
  3. Veracini, Lorenzo (2010). Settler Colonialism: A Theoretical Overview. New York: Palgrave Macmillan. pp. 5. ISBN 978-0-230-22097-3. 
  4. Peter N. Stearns, ed., An Encyclopedia of World History (2001) pp 21–238
  5. The Le Dynasty and Southward Expansion
  6. Charles R. Boxer, The Portuguese Seaborne Empire, 1415–1825 (1969)
  7. Thomas Benjamin, ed. Encyclopedia of Western Colonialism Since 1450 (3 vol 2006)
  8. Advameg, ed. (2010). "The Trusteeship Council - The mandate system of the league of nations". Encyclopedia of the Nations. Consultado o 8 de agosto de 2010. 
  9. Uzoigw, Godfrey N. (2019). "Neocolonialism Is Dead: Long Live Neocolonialism". Journal of Global South Studies 36 (1): 59–87. doi:10.1353/gss.2019.0004. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar