Revolución Americana

A Revolución Americana de 1776 tivo as súas raíces na sinatura do Tratado de París en 1763 tras finalizar a guerra dos Sete Anos. No final do conflito, o territorio do Canadá incorporouse á coroa británica. Por este motivo, as trece colonias do sur: Massachusetts, Rhode Island, Connecticut, Nova Hampshire, Nova Jersey, Nova York, Pensilvania, Delaware, Virxinia, Maryland, Carolina do Norte, Carolina do Sur e Xeorxia comezaron a ter seguidos e crecentes conflitos coa metrópole. Alén diso, estas colonias alcazaran desde principios do século XVIII unha gran prosperidade económica, que contribuíu a crear entre os colonos un sentimento de unidade e que se comezase a ver a metrópole como explotadora, ao ver que o goberno inglés non lles proporcionaba ningún beneficio tanxible.

Antes da Revolución, coas 13 colonias en vermello, a área rosa foi reclamada por Gran Bretaña e a laranxa por España.

Conflitos

editar

A guerra dos Sete Anos, terminada coa vitoria de Inglaterra sobre a Francia (Tratado de París, 1763), deixou a nación vencedora na posesión de ricos territorios no continente americano, xa colonizados, sendo recoñecido o seu dereito de expandir o seu dominio en dirección ao interior do continente. Esta posibilidade agradou aos colonos, que rapidamente se prepararon para explorar e aproveitar novas terras, mais, para a súa sorpresa, o goberno de Londres, por recear desencadear guerras coas nacións indias, determinou que ningunha nova exploración ou colonización de territorios podería facerse sen a sinatura de tratados cos indios. Foi esta a primeira fonte de conflito entre os colonos e a Coroa inglesa.

Mais, pouco despois, xurdiron novos conflitos. A Guerra dos Sete Anos, a pesar de vencer Inglaterra, obrigou a Coroa a impor medidas restritivas ás Trece Colonias. Procurando restaurar o equilibrio financeiro, a metrópole apertaba as mallas do pacto colonial con varios actos. En 1750 prohibiuse a fundición de ferro nas colonias. En 1754 prohibíronse a fabricación de tecido e o contrabando. En 1765 aprobouse un decreto regulamentando a obrigación de abrigar e sustentar tropas inglesas en solo americano (práctica que pesaba moito sobre as finanzas coloniais). Foron aínda criadas a Lei do Selo que acrecentou un imposto de selo sobre xornais, documentos legais e oficiais etc., e os Actos de Townshend, que procuraban limitar e mesmo impedir que os americanos continuasen as súas relacións comerciais con outras rexións que non fosen Inglaterra. Pero os colonos rexeitaron pagar os impostos, alegando que carecían de representantes no Parlamento inglés, e durante anos houbo un conflito permanente entre os colonos e as autoridade inglesas. A campaña de protesta americana foi dirixida por un grupo de escritores e intelectuais discípulos dos filósofos ilustrados franceses.

En 1773, o Parlamento inglés concedeu o monopolio do comercio do á Compañía Británica das Indias Orientais, da cal moitas personalidades inglesas posuían accións. Os comerciantes rebeldes norteamericanos que se sentiran prexudicados disfrazáronse de indios peles vermellas, asaltaron os navíos da compañía que estaban no porto de Boston e lanzaron o cargamento de té no mar (Festa do Té de Boston). A Inglaterra reaccionou de inmediato declarándoos rebeldes e cun conxunto de leis que os americanos chamaron as "Leis Intolerábeis" (1774): fechamento do porto de Boston; indemnización á compañía prexudicada e o xulgamento dos asaltantes na Inglaterra.

As reaccións dos colonos foron, de inicio, exaltadas, pero pacíficas: exixiron o dereito de elixir representantes para o Parlamento de Londres (para poderen discutir e votar as leis que lles afectaban), pasando despois a actos de boicot ás mercadorías inglesas. Esta guerra económica desencadearía motíns e forzou o goberno inglés a algúns recúos, que con todo non satisfixeron os colonos. O conflito agravouse coa presenza de tropas enviadas para conter as protestas. Como resposta, en 1774 os representantes das colonias americanas, excepto Xeorxia, enviaron os seus delegados a Filadelfia, nun primeiro Congreso Continental que, a partir de aí, aínda que con diverxencias no seu seo, foi a voz política dos colonos. Nese Congreso, a pesar de se manteren leais ao rei, os colonos pediran a suspensión das "Leis Intolerábeis" e firmaron unha Declaración dos Dereitos dos Colonos, no cal pediron a supresión das limitacións ao comercio e á industria, ben como dos impostos abusivos. O rei reaccionou, pedíndolles aos colonos que se sometesen; estes, porén, non se abrandaron diante da coroa británica. O extremo das posicións levou á creación de milicias, á constitución de depósitos de municións e a un aumento continuo de tensión que iría dexenerar en guerra.

Cronoloxía

editar

Alén dos conflitos políticos, iniciouse un movemento contra a carga tributaria exercida polos británicos sobre a produción de azucre (Sugar Act), e sobre a produción gráfica (Stamp Act).

Alén da cobranza excesiva de impostos, os ingleses en 1765 prohibiran a apertura de estabelecementos fabrís nas colonias. Isto xerou unha onda de descontentamento entre os colonizadores que foran para América do Norte facer fortuna. Comezou entón un sentimento de independencia e de nacionalidade nos habitantes da rexión.

Os ingleses, vendo que a economía da colonia mostraba sinais de enriquecemento e vigor, resolveron forzala para baixo coa adición de novos impostos e sobre-taxas de produción sobre a fabricación de tintas, vidro, papel e principalmente .

En 1773, debido á suba dos impostos, ocorreu en Boston a revolta do té. Samuel Adams e John Dickinson fundaron a Sociedade dos Fillos da Liberdade.

Na Filadelfia en 5 de setembro de 1774, reuníronse os representantes das 13 colonias no chamado entón primeiro congreso continental. Neste encontro foi redactada unha declaración de dereitos e exixido o retorno á situación anterior.

O Parlamento británico non aceptou as reivindicacións da colonia, aumentando desta forma os conflitos entre as trece colonias e o goberno central, culminando na eclosión da guerra en 1775 en Lexington e Concord.

Aínda en 1775 ocorreu o segundo congreso continental, simultaneamente houbo a batalla de Ticonderoga, coa vitoria dos anticolonialistas. Coa moral elevada dos combatentes houbo a creación do exército continental.

O 4 de xullo de 1776, o Segundo Congreso Continental referendou a Declaración de Independencia, que proclamaba a independencia das 13 colonias e ademais recollía os principios fundamentais da filosofía ilustrada, fundando un Estado rexido pola razón e a liberdade. O día 17 de outubro de 1777, os norteamericanos venceron na batalla de Saratoga. Os franceses, polacos, españois e prusianos, países antagonistas da Gran Bretaña, viñeron no auxilio dos rebeldes, enviando soldados para axudar na guerra da independencia.

En 1780, os ingleses foron derrotados na batalla naval de Chesapeake; e o 19 de outubro de 1781, o exército británico, baixo o comando de Lord Cornwallis, rendeuse en Yorktown.

Finalmente en 1783, en París, asinouse o tratado en que os Estados Unidos representados por Benjamin Franklin, John Adams e John Jay viron a súa independencia recoñecida pola Gran Bretaña. Era o triunfo da ideoloxía revolucionaria, que se plasmou nunha Constitución (1787) que tiña como alicerces a soberanía nacional e o sufraxio de todos os cidadáns, que tivo un enorme impacto nos filósofos ilustrados franceses.