Traxano

emperador romano entre 98 e 117

Marco Ulpio Traxano (en latín: Marcus Ulpius Traianus), coñecido abreviadamente como Traxano, nado en Itálica, preto de Hispalis (actual Sevilla), o 18 de setembro do ano 53 e finado en Selinus o 9 de agosto de 117, foi un emperador romano. Reinou desde o ano 98 até a súa morte, e foi o primeiro emperador de orixe non itálica. Iniciou a tradicionalmente chamada dinastía Antonina.

Infotaula de personaTraxano

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Marcus Ulpius Traianus
(la) Imperator Caesar Nerva Traianus Augustus
(la) Divus Traianus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(la) Marcus Ulpius Traianus Editar o valor en Wikidata
18 de setembro de 53 Editar o valor en Wikidata
Ciudad romana de Itálica (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Morte7 de agosto de 117 ↔ 9 de agosto de 117 Editar o valor en Wikidata (63 anos)
Selinus (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteapoplexia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaColumna de Traxano Editar o valor en Wikidata
Emperador romano
28 de xaneiro de 98 – 7 de agosto de 117
← NervaHadriano →
Pretor
Gobernador romano
Senador romano
Cónsul romano
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor en Wikidata
RelixiónRelixión na Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónestadista , político , oficial Editar o valor en Wikidata
Período de tempoAlto Imperio Romano, Exipto grecorromano, Era do Exipto romano, Cinco bos emperadores e principado Editar o valor en Wikidata
LinguaLingua latina Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rango militarlegado romano
Imperator Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloAugusto (título) Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastia nerva-antonina (pt) Traducir e Ulpii Traiani (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxePlotina
FillosHadriano, fillo adoptivo Editar o valor en Wikidata
PaisMarco Ulpio Traxano e Nerva Editar o valor en Wikidata  e Marcia Editar o valor en Wikidata
IrmánsUlpia Marciana Editar o valor en Wikidata

BNE: XX938012 WikiTree: Trajan-1 Find a Grave: 34837860 Editar o valor en Wikidata

O 27 de xaneiro do ano 98 sucedeu tras a súa morte ao emperador Nerva, do cal, aínda que o adoptou previamente, aceptou usar só o cognomen. Como administrador civil, Traxano é coñecido sobre todo polo seu amplo programa de construción de edificios públicos que reformaron a cidade de Roma e deixou numerosos monumentos perdurables como o foro de Traxano, o mercado de Traxano e a Columna Traxana. Con todo, foi como comandante militar polo que celebrou os seus maiores triunfos: no 101 lanzou unha expedición punitiva ao reino de Dacia, derrotando os seus exércitos un ano despois e tomando definitivamente o territorio no 106. Un ano despois, dirixiuse cara ao Leste e conquistou o reino nabateo (actual Xordania) e estableceu a provincia de Arabia Pétrea. Logo de varios anos de paz, no 113 lanzou unha ofensiva contra Partria e, chegando a Susa no 116, co que o Imperio acadou a súa maior extensión da Historia. Cando regresaba a Roma, contraeu unha enfermidade e faleceu. Foi deificado polo Senado post mortem e os seus restos descansaron baixo a Columna Traxana até as incursións bárbaras sobre a cidade. Sucedeuno o seu fillo adoptivo Hadriano.

Traxectoria

editar
 
Busto de Traxano nun contorniato romano

Marco Ulpio Traxano naceu o 18 de setembro de 53 d. C. na cidade de Itálica, a escasos quilómetros de Hispalis (Sevilla), adscrita á provincia romana de Bética, que estaba intensamente romanizada. A patria dos Ulpios era Itálica, onde os seus antepasados se asentaran a finais do século III a. C. Isto indica que a orixe italiana era posible, pero recentemente sinalouse convincentemente que os antepasados da familia eran nativos, sendo Traxano o Vello en realidade un Traius adoptado pola familia dos Ulpii. O propio Traxano non era máis que un dos moitos e ben coñecidos Ulpios (Ulpii) nunha serie que continuou moito despois da súa propia morte.

Como seu pai, Traxano era fiel á casa dos Flavios. Ascendeu por méritos propios na escala do exército romano, servindo nalgunhas das partes máis polémicas da fronteira imperial, en diversos lugares: desde a súa nativa Hispania até o río Danubio, Xermania e Siria. Nesta última, con 24 anos, Traxano tivo o mando dunha lexión. No ano 96 converteuse en gobernador de Xermania, prestando servizo na fronteira, unha das máis problemáticas do Imperio, ao longo do río Rin. Tomou parte nas guerras do emperador Domiciano contra os pobos xermanos e era coñecido como un dos mellores comandantes do Imperio cando, no ano 96, foi asasinado o emperador. O 18 de setembro, Nerva sucedeu a Domiciano, pero debido á súa impopularidade, logo dun ano no poder, unha rebelión da Garda Pretoriana obrigouno a adoptar ao moi popular Traxano, entón gobernador da Xermania Superior, como herdeiro e sucesor, na primavera ou o verán de 97. Segundo a Historia Augusta, foi o futuro emperador Hadriano quen levou a Traxano a noticia da súa adopción. Nerva morreu inesperadamente o 27 de xaneiro do 98 e Traxano, sucedeuno sen incidentes e, co goberno despótico de Domiciano aínda latente, foi recibido cos brazos abertos polo Senado.

O Imperio

editar

Converteuse en emperador en xaneiro do 98, sendo o primeiro emperador romano de orixe non itálica, o que denotaba unha perda de peso político desta rexión no poder romano. Porén, non foi proclamado emperador até dous anos despois de ser nomeado, pois antes de chegar a Roma asegurou a fronteira entre o Rin e o Danubio e tamén mellorou as comunicacións entre as cidades xermanas.

O Senado

editar

O novo Emperador foi acollido polo pobo de Roma con grande entusiasmo, pois o seu ascenso sen derramamento de sangue nin terror contrastaba co anterior goberno de Domiciano: liberou a moitas persoas que foran encarceradas inxustamente por Domiciano e devolveu boa parte das propiedades privadas que este confiscara. A súa popularidade foi tal que co tempo o Senado Romano conferiulle a Traxano o título honorífico de Optimus, isto é, "Óptimo". Durante a cerimonia no Senado con motivo do seu ascenso ao trono imperial, o senador Plinio dedicoulle un famoso e interminable Panexírico (Panegyricus Traiani) no que pedía que se lle concedese ao Senado unha maior implicación na condución dos asuntos da administración pública do Estado; Traxano observou aquela regra e chamou a moitos dos senadores a gobernar as provincias romanas. Conservou un control moi forte, ocupándose escrupulosamente dos asuntos das diversas provincias e reservándose, por exemplo, os permisos para a construción de edificios públicos. Isto permitiulle desenmascarar e castigar a moitos senadores acusados de malversación, que aproveitaran a política indulxente do precedente emperador, Nerva. Traxano valeuse dun órgano xudicial creado por el para investigar estes delitos, o Consilium Principis, do cal formaron parte os mellores xuristas da época. Foron numerosos os investigados por casos de mal goberno das provincias, aínda que o mesmo Senado ditou xeralmente sentenzas favorables.

Guerra contra os dacios

editar
 
Dacia no Imperio Romano

Para os historiadores, Traxano destaca sobre todo como comandante militar, particularmente polas súas conquistas en Oriente Próximo, pero inicialmente polas dúas guerras contra Dacia, no que hoxe é Romanía. A súa conquista (101-102), logo da súa demorada reconquista e a desfavorable (e, para algúns, vergoñosa) paz negociada polos servidores de Domiciano perturbou o pensamento romano durante anos. Así, durante o reinado de Traxano un dos máis importantes éxitos foi a vitoria sobre este pobo. A primeira confrontación importante entre os romanos e os dacios aconteceu no ano 87 e foi iniciada por Domiciano. Foi o xeneral dacio Decébalo, que logo se convertería en rei, quen ofreceu a principal resistencia á dominación. O emperador Domiciano fixera campaña contra Dacia desde 86 a 87 sen se asegurar un resultado decisivo e Decébalo desobedecera descaradamente os termos da paz (89) que pactara ao termo desta campaña.

Con esta ofensiva para ampliar territorios, Traxano acababa cunha política seguida desde os tempos de Augusto de manter o Imperio dentro de certos límites e facer simples guerras defensivas (a única excepción fora a conquista de Britania en tempos de Claudio). Cara a marzo de 101, Traxano iniciou a súa primeira guerra contra os dacios liderados por Decébalo. Para isto pasou á beira setentrional do Danubio sobre unha ponte de pedra que construíra, cruzou as Portas de Ferro e dirixiuse cara á capital, Sarmizegetusa. Atacou o reino con catro lexións e derrotou ao exército dacio preto dun porto chamado Tapae. As tropas de Traxano, con todo, quedaron danadas no encontro, e desistiu de calquera outra campaña durante o resto do ano, para sandar ás tropas, reforzarse e reagruparse. Durante o inverno posterior, o rei Decébalo lanzou un contraataque cruzando o Danubio máis lonxe corrente abaixo, pero foi rexeitado. O exército de Traxano penetrou máis en territorio dacio e forzou ao rei Decébalo a someterse o ano seguinte, despois de que o emperador acampase a poucos quilómetros da capital, en Sarmizegetusa Rexia. Conquistou Dacia completamente en 106, a pesar da forza e a resistencia dos nativos. O avance do exército de Roma até a capital non padeceu obstáculos grazas á súa superioridade numérica, á loxística e ás tácticas xa consolidadas por séculos de guerras e asedios, por exemplo, a formación en tartaruga e o "carrobalista", antepasado dos canóns. Tras destruír a capital dacia, fundou a Colonia Ulpia Traiana Augusta Dacica Sarmizegetusa, noutro lugar distinto á da previa capital, aínda que levou o mesmo nome. Colonizou Dacia con romanos e anexionouna ao imperio como unha nova provincia. As campañas dacias de Traxano beneficiaron as finanzas do Imperio a través da adquisición de minas de ouro. Ademais, descubriu o tesouro escondido de Decébalo, que ascendía a 165 toneladas de ouro e o dobre de prata.

Expansión cara a Oriente

editar
 
As provincias de Siria (vermello escuro) e Arabia Pétrea (vermello claro)

As razóns formais da anexión do reino nabateo son inseguras, mais certas evidencias epigráficas suxiren unha operación militar, con forzas de Siria e Exipto. O que resulta claro, con todo, é que para o ano 107, establecéronse lexións romanas na rexión que rodea Petra e Bostra. Este reino dos nabateos converteuse en provincia romana co nome de Arabia Petraea, e abarcaba o sur da actual Xordania e o noroeste de Arabia Saudita. Coa anexión deste territorio asegurouse a continuidade territorial entre Exipto e as provincias asiáticas. Todo o Mediterráneo quedaba desde entón en mans dos romanos, os cales o consideraron «un lago privado», e déronlle o título de Mare Nostrum.

Período de paz: as reformas

editar

Os sete anos seguintes, Traxano gobernou como un emperador civil, pero co mesmo éxito que antes. Tolerou a incipiente relixión cristiá sempre que non se promocionase en público; construíu varios edificios novos, monumentos e estradas en Italia e a súa Hispania natal (como a Vía Traxana e a Vía Traxana Nova). Un acto destacado de Traxano foi celebrar uns xogos de gladiadores de tres meses no gran Coliseo de Roma, aínda que a data exacta descoñécese. Combinando carreiras de carros, loita con animais e loitas de gladiadores, díxose que este espectáculo sanguento deixara 11.000 mortos, na súa maioría escravos e criminais, amais dos miles de bestas feroces mortas canda eles. Atraeu a un total de cinco millóns de espectadores ao longo dos xogos.

Outro acto importante foi a creación formal dos alimenta, un programa de benestar que axudaba a nenos orfos e pobres por todo o Imperio: proporcionaba fondos xerais, así como comida e educación subvencionada, que foi apoiado inicialmente polos fondos da guerra dacia, e máis tarde por unha combinación de impostos estatais e de filantropía[1]. Favorecía ao tempo o desenvolvemento da natalidade, que caera até índices alarmantes, de maneira que se corría o perigo de que houbese escaseza de soldados. Con iso ponse en evidencia que Traxano non concentrou as súas enerxías e as do Imperio só en campañas militares e a construción de edificios públicos: tamén foi un cauteloso estadista e filántropo, interesado nas condicións de vida dos seus cidadáns e polo tanto atento ás reformas sociais e políticas.

En materia xudicial, diminuíu os tempos dos procesos, prohibiu as acusacións anónimas e mais as condenas con falta de probas sólidas ou en presenza de calquera dúbida.

En materia económica e social atopou a forma de organizar a burocracia e promulgou leis a favor da pequena propiedade campesiña, cuxa base estaba ameazada ao se estender o latifundio: Traxano favoreceu a repoboación de campesiños libres na península, investindo capitais e proporcionando aos colonos os medios para se sustentar e traballo nos campos; a cambio, os colonos investían unha parte das colleitas como pago da débeda. Este sistema, coñecido como colonato, necesitou control estatal para poder funcionar. Por unha banda, había que impedir que os recadadores de impostos depredaran aos colonos ou que os latifundistas esixisen máis do debido reducindo á miseria e a semiescravitude aos campesiños; por outra necesitaba defender aos colonos dos bandidos e os invasores que puidesen devastar as terras obrigándoos ao abandono do campo e marchar á cidade deixando as terras sen cultivar. Para evitar o declive da agricultura itálica impuxo aos senadores que investisen en Italia polo menos a terceira parte dos seus capitais. Puxo límites á emigración da península, tentando incentivar a presenza da clase social empresarial e a man de obra nunha Italia que estaba a perder a súa centralidade e que estivo a piques de se encamiñar a unha fase de decadencia. Aliviou a presión fiscal sobre as provincias, aboliu algunhas taxas que cargaban sobre os provinciais e os itálicos, creando así un tipo de "caixa de aforros popular" que concedeu préstamos aos pequenos campesiños e empresarios romanos que se beneficiaron de amplas concesións, favorecendo as primeiras cooperativas e asociacións profesionais. Cos beneficios e as rendas das reformas emprendidas, Traxano edificou colexios e orfanatos. Facendo isto, o emperador garantiu aos emperadores seguintes unha clase social dirixente hábil e capaz.

Os problemas económicos solucionábanse no campo de batalla, que tiña a dobre finalidade de establecer a paz nas fronteiras e atopar o ouro e a prata necesarios para as construcións, as reformas e para colmar o déficit económico dos emperadores precedentes. As súas prolongadas estancias na guerra exterior non impediron, pois, que Traxano levase a cabo unha intensa política interior, motivo de acesos eloxios na historiografía romana, portavoz do Senado, unha vella institución que botaba en falta o poder do que gozaba na época anterior a Augusto, durante a República. O ascenso ao poder de Traxano supuxo para os senadores a recuperación da liberdade perdida, «un tempo novo», segundo Plinio. Coa colaboración do Senado, onde instaurou o voto secreto, Traxano trazou un plan de rexeneración moral e política que tivo consecuencias na administración, a xustiza e a economía.

Guerra contra os partos

editar

No 113, Traxano comezou unha campaña contra os partos, provocada pola decisión do rei parto Osroes de colocar a un rei monicreque inaceptable no trono de Armenia, reino sobre o cal compartiran hexemonía os dous grandes imperios desde os tempos de Nerón, uns cincuenta anos antes. Probablemente, a idea do emperador nacía tamén do seu desexo de levar a cabo as campañas que fixera Xulio César, o seu autor favorito, antes de morrer: ao norte do Danubio e contra os partos.

 
O Imperio Romano no 116, na súa máxima extensión

A primeira fase foi un completo éxito: os partos foron derrotados e Armenia, Asiria e Mesopotamia foron integradas no Imperio. Comezou por Armenia, depondo no ano 114 ao seu rei parto, Partamasiris, e convertendo Armenia en provincia romana. Logo marchou cara ao sur, entrando na propia Partia, tomando as cidades de Babilonia, Seleucia e finalmente a capital Ctesifonte no ano 116. Seguiu cara ao sur, até alcanzar o Golfo Pérsico, lamentando ser demasiado vello para seguir os pasos de Alexandre Magno e alcanzar a exótica e distante India. Foi o punto oriental máis afastado ao que chegou o Imperio romano. Non só quedou ocupada toda Mesopotamia senón que a vangarda do exército romano, dirixida por Lucio Quieto asomouse ás primeiras cadeas montañosas de Persia. Máis aló destes límites non puido proseguir, ante todo, por problemas loxísticos. A vasteza dos territorios ocupados e a presenza de bulsas de resistencia e a táctica da guerrilla con arqueiros de a cabalo, usada polos partos, puñan en perigo a conquista. En 116, Traxano, consciente das dificultades, decidiu adoptar as armas da política: depuxo ao rei parto Osroes I e puxo o seu propio gobernante monicreque, Partamaspates no trono. Por outra banda, a súa saúde comezoulle a fallar. Estivo persoalmente presente no asedio da cidade de Hatra e é posible que sufrise un golpe de calor coas elevadas temperaturas. Pouco despois, os xudeus do interior do Imperio romano rebeláronse unha vez máis, por todo Oriente Próximo: Exipto, Chipre, Cirenaica, Xudea e Mesopotamia desde o ano 115, en plena campaña contra os partos. O emperador viuse obrigado a retirar o seu exército para esmagar as revoltas. Considerouno simplemente como un contratempo pasaxeiro, pero estaba destinado a non volver nunca a mandar un exército no campo de batalla, entregando os seus exércitos orientais ao legado de alto rango e gobernador de Xudea, Lucio Quieto, quen se fixo cargo deles xunto con Marcio Turba.

As conquistas de Traxano fixeron crecer o imperio de cinco a seis millóns de quilómetros cadrados.

Morte e sucesión

editar

Concluída a anexión dos territorios partos e mesopotámicos, no 116, Traxano caeu enfermo e emprendeu a viaxe de volta cara a Italia. A súa saúde declinou na primavera-verán de 117, e para cando chegou a Selinus de Cilicia, que máis adiante se chamou Traxanópolis na súa honra, morreu repentinamente de edema o 9 de agosto. As cinzas de Traxano colocáronse debaixo da Columna Traxana, o monumento que conmemoraba o seu éxito, derogando a antiga lei que impedía as sepulturas no interior do perímetro cidadán. A urna perdeuse durante as invasións bárbaras e tamén o seu rastro. Hadriano, ao converterse en emperador, devolveu Mesopotamia ao imperio parto como parte dun tratado de paz no 125, pero conservou o resto de territorios conquistados por Traxano.

 
Busto de Hadriano, Museo Capitolino.

Xusto antes de morrer, Traxano adoptou a Hadriano (Publius Aelius Hadrianus) como sucesor. Era fillo dun primo de Traxano e estaba casado cunha sobriña neta do emperador. Loitara, ademais, nas guerras dacias, onde tivo unha participación destacada. Entre a historiografía romana estendeuse o rumor de que este nomeamento fora unha argucia da súa muller, Pompeia Plotina, e que realmente nunca nomeou expresamente a Hadriano como sucesor. No entanto, parece que xa dera mostras da súa preferencia polo mozo, xa desde o ano 100 ou polas voltas do 106, pois aínda que as súas relacións sufriran altibaixos, en realidade, Hadriano era o seu único familiar home directo e polo tanto o único herdeiro posible para a continuación dunha verdadeira dinastía.

Construcións

editar

Traxano foi un gran construtor, tanto en Roma como nas provincias, e moitos dos seus edificios foron obra do talentoso arquitecto Apolodoro de Damasco. Realizou construcións necesarias para facilitar a romanización e mellorar as condicións de vida dos cidadáns: reforzou a rede viaria, restaurando as principais calzadas que se expandían desde a Urbe, uníndoa co resto do imperio. Ademais, ergueu edificacións que contribuíron a perpetuar a súa memoria á vez que buscaban o embelecemento das cidades e un aumento nas posibilidades de diversión dos romanos, como teatros ou circos.

Portos

editar

Entre as construcións que realizou cóntanse o celebérrimo Porto de Traxano hexagonal de Ostia, que unía Roma coas rexións occidentais do Imperio. A obra estivo entre as máis importantes para a cidade, que obviou así os seus problemas de aprovisionamento. Ampliou o porto de Ancona coa construción dun embarcadoiro para facilitar a navegación cara a Oriente, embarcadoiro que foi adornado mediante un arco; procurou un novo traxecto da vía Apia cara ao porto de Brindisi, que partía doutro arco edificado en Benevento. Tamén interveu nas Lagoas Pontinas.

Rede hídrica

editar

A Traxano débese a construción doutro acueduto que aumentaba aínda máis os recursos hídricos de Roma, que estaban xa asegurados de abondo polos acuedutos construídos con anterioridade. Os labores iniciáronse no ano 109, recollendo a estrutura auga que xurdía nos montes Sabatinos, preto do lago de Bracciano (Lacus Sabatinus). A extensión da rede hídrica foi incentivada non só en Roma, senón tamén en Dalmacia, na súa nativa Hispania e en Oriente, isto é, nos climas áridos que precisaban un maior aprovisionamento hídrico. En Roma, Traxano fixo ampliar as canles subterráneas e os desaugadoiros da Cloaca Máxima para que corresen con máis eficiencia as augas de choiva e as que acababan descargando no Tíber. Tamén se reforzaron as beiras do río para evitar desbordamentos que afectasen á cidade.

Complexo monumental

editar
 
Vista do Foro de Traxano.

En Roma, renovou o centro da cidade coa construción dun inmenso foro e dos edificios de ladrillo contiguos a el, destinados á administración pública, para cuxa realización fixo nivelar grandes zonas das ladeiras dos outeiros circundantes (Quirinal e Capitolino). O extraordinario complexo do Foro de Traxano resolvía os problemas de conxestión da zona centro da cidade antiga ao redor da vía Sacra. Tamén destaca o Mercado de Traxano.

 
Columna de Traxano.

Ademais da pública basílica Ulpia, a praza, as oficinas, as bibliotecas e o templo do divino Traxano, erixiu no seu foro a Columna de Traxano como celebración das súas conquistas militares na campaña de Dacia, aínda hoxe un dos símbolos da eternidade de Roma. Ten preto de 30 metros de alta e 4 de diámetro, en orixe coloreada, no interior ten unha escaleira de caracol que leva ao cume. No exterior desenvólvese unha espiral sobre a columna, cun fresco de 200 metros de longo con máis de 2 000 figuras esculpidas en baixorrelevo. A columna estaba coroada por unha estatua do emperador, substituída no ano 1588 por unha de San Pedro, e na base colocouse a urna funeraria de ouro contendo as cinzas do defunto emperador que recibiu así a honra excepcional de ser sepultado dentro do pomerium, isto é, os muros da cidade. A urna de ouro foi collida polos visigodos no saco de Roma (410) e perdeuse o seu rastro. Para o lecer e o pracer da plebe fixo executar algúns traballos que deron a Roma o aspecto que a grandes liñas teñen todos no imaxinario común da cidade.

Fixo reconstruír e ampliar definitivamente o Circo Máximo: a estrutura fíxose así segura e contra incendios, favorecendo a construción de talleres e negocios aos seus lados. Sobre o outeiro Oppio fixo erixir grandiosas termas sobre os restos da Domus Aurea de Nerón. Sobre a beira dereita do Tíber, onde xorde o actual Castelo de Sant'Angelo fixo realizar unha área para as naumaquías, isto é, as reproducións de batallas navais.

Fóra de Italia

editar

Os esforzos edificadores do emperador non se concentraron só na capital senón en todo o Imperio. En Exipto uniu o río Nilo co mar Vermello cunha gran canle, o río Traxano. Fundou moitas colonias por todos os lados do Imperio. Construíu pontes, entre as que destacan a ponte do Danubio, a máis longa (1 135 m), preto de Drobeta. Servía para unha dobre finalidade: por unha banda garantía unha vía de abastecemento ás lexións e, por outra, impresionaba e desanimaba aos inimigos por ser unha demostración de superioridade tecnolóxica, loxística e militar.

Tamén fixo varias na Península Ibérica: destacadamente a ponte de Alcántara sobre o río Texo e a ponte romana de Salamanca. En Galiza, Traxano construíu a ponte do Bibei, no concello da Pobra de Trives, que é unha das mellor conservadas de Galicia e a única transitada até o día de hoxe.

Legado

editar

A diferenza doutros gobernantes apreciados ao longo da Historia, a reputación de Traxano perdurou sen menoscabo durante case dous mil anos, até a actualidade. Para estar máis próximo ao pobo romano, Traxano fixo escribir sobre a porta da súa residencia "Palatium Publicum", para que todo o mundo puidese entrar nel libremente. Adoitaba recibir, persoalmente e sen cita previa, a quen quixese conseguir del xustiza. Disto deriva outra anécdota soada: ante as protestas do seu secretario, que se queixaba de que o seu señor confiase incautamente en todo o mundo, Traxano contestoulle: "Trato a todos como eu quixese que o Emperador me tratase a min, se fose un cidadán particular".

Foi lembrado polos seus contemporáneos como un dos máis grandes emperadores, equiparable só a Augusto. Recibiu o título de Optimus Princeps ("o mellor dos príncipes") por parte do Senado, tanto polas súas conquistas, como polas súas construcións ao longo de todo o Imperio e o bo trato que tivo cos senadores. Nos séculos posteriores, tanto no Imperio romano como durante boa parte do Bizantino, cada vez que un emperador ascendía ao trono, o Senado sempre expresaba o seguinte desexo: Felicior Augusto Melior Traiano, é dicir, "que sexa máis afortunado que Augusto e mellor que Traxano", simbolizando ambos os príncipes os cumes da etapa imperial.

A cristianización de Roma deu como resultado un maior embelecemento da súa lenda: dicíase na época medieval que o papa Gregorio I, a través da intercesión divina, resucitara a Traxano de entre os mortos bautizárao na fe cristiá. Un relato disto aparece na Lenda Áurea. Entre os teólogos cristiáns medievais, como Tomé de Aquino, foi considerado como exemplo de pagán virtuoso. Tamén Dante viuno, na súa Divina Comedia, como un dos seis maiores espíritos pola súa xustiza e valor.

Modernamente, o historiador do século XVIII Edward Gibbon incluíu a Traxano entre os cinco emperadores que gobernaron o gran territorio do Imperio romano "por un poder absoluto, guiado pola virtude e a sabedoría", considerando que se se pedise a calquera que determinase o período da Historia do mundo en que a condición humana foi máis próspera e feliz, mencionaría sen dubidar a que se estende entre a morte de Domiciano até o ascenso de Cómodo[2].

Romanía, país cuxos alicerces se atopan no reino dacio, conquistado por Traxano, inclúe no seu himno nacional, Esperta, romanés!, unha estrofa que fai alusión a el e di: E que nos nosos corazóns gardamos con orgullo un nome / triunfante nas batallas, o nome de Traxano! (trad. do romanés).

  1. "Alimenta". Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2014. Consultado o 2009. 
  2. Gibbon, E., Historia de la decadencia y caída del Imperio romano, edición abreviada por Dero A. Saunders, Alba Editorial, Barcelona, 2001, pág. 88.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
En galego
En castelán
  • Blázquez, J.M., Trajano, Editorial Ariel, S.A., 2003
  • Canto, A.M.,
    • Las raíces béticas de Trajano: los "Traii" de la Itálica turdetana, y otras novedades sobre su familia, RD Editores, 2003. ISBN 84-95724-17-0
    • "Los Traii béticos: novedades sobre la familia y los orígenes de Trajano", en Trajano, edd. J. Alvar e J. Mª Blázquez, edit. Actas, Madrid, 2003, 33-73
  • González Fernández, J.,
    • Marco Ulpio Trajano, emperador de Roma: documentos y fuentes para el estudio de su reinado, Universidad de Sevilla. Secretariado de Publicaciones; Andalucía. Consejería de Cultura, 2005
    • Trajano, óptimo príncipe, Fundación Cajasol, 2005
  • González-Conde Puente, M.P., La guerra y la paz bajo Trajano y Adriano, Fundación Pastor de Estudios Clásicos, 1991
  • Lago Marín, J.I., Trajano: las campañas de un emperador hispano, Almena Ediciones, 2008
  • Morales Polo, L. de, Epítome de los hechos, dichos del Emperador Trajano, Universidade de Valencia. Servizo de Publicacións = Universitat de València. Servei de Publicacions, 2000
  • VV.AA., Trajano, edd. J. Alvar e J. Mª Blázquez, edit. Actas, Madrid, 2003 (recensión en Athenaeum, 2006, 671-678)
En inglés
  • Benario, Herbert W. (2000). "Trajan (A.D. 98-117)". De Imperatoribus Romanis. Consultado o 24 de setembro de 2007. 
  • Ancell, R. Manning. "Soldiers." Military Heritage, decembro de 2001, vol. 3, n.º 3: 12, 14, 16, 20 (Trajan, Emperor of Rome).
  • Bennett, J. Trajan: Optimus Princeps, 2.ª edición, Routledge 2001
  • Bowersock, G.W. Roman Arabia, Harvard University Press, 1983
  • Fuller, J.F.C. A Military History of the Western World, tres vol., Da Capo Press, Inc., Nova York, 1987 e 1988.
    • v. 1. From the earliest times to the Battle of Lepanto; ISBN 0-306-80304-6: 255, 266, 269, 270, 273 (Trajan, Roman Emperor).
  • Isaac, B. The Limits of Empire, The Roman Army in the East, edición revisada, Oxford University Press, 1990
  • Kennedy, D. The Roman Army in Jordan, edición revisada, Council for British Research in the Levant, 2004
  • Lepper, F.A. Trajan's Parthian War, Oxford University Press, Londres, 1948.
  • Scarre, C., Chronicle of the Roman Emperors, Londres, 1999. ISBN 0-500-05077-5
En italiano
  • Grant, M., Gli imperatori romani, Roma, 1984. ISBN 88-8289-400-2
  • Mazzarino, S., L'impero romano, vol.1, Roma-Bari, 1976. ISBN 88-420-2401-5
  • Migliorati, G., Cassio Dione e l'impero romano da Nerva ad Antonino Pio, Milán 2003.
  • Nardoni, D., La colonna Ulpia Traiana, Roma 1986.
  • VV.AA., Gli imperatori romani, Turín, 1994. ISBN 88-7819-224-4
  • CAH, L'impero romano da Augusto agli Antonini, Milán, 1975.

Outros artigos

editar
Imperio Romano

Segue a:
Nerva
Traxano
Precede a:
Hadriano
Dinastía dos Antoninos