Contorniato
O contorniato (palabra italiana; pl. contorniati; en galego: "contornado") é un tipo de medallón ou ficha monetiforme de bronce de época romana, propio dos séculos IV e V d. de C., caracterizado pola gran grafila ou contorno que rodea as figuras principais representadas, tanto no seu anverso como no reverso.[1][2][3]
Existe controversia acerca do seu uso como moeda e son un asunto de grande interese dentro da arqueoloxía romana.
Caracterización
editarO termo italiano contorniato comezou a ser utilizado polos anticuarios no século XVII, para se referir aos obxectos de bronce con forma de moeda fabricados (cuñados ou fundidos) en Italia entre os séculos IV e V, con trazos moi diferenciadores con respecto ás grandes moedas de bronce da época, non só tendo en conta que o seu diámetro sexa superior, senón tamén pola súa finura, que lles outorga un peso moi inferior.[4]
A súa tipoloxía é moi variada e con frecuencia relaciónase coa propaganda pagá da aristocracia senatorial. Puideron ser utilizados como agasallos, talismáns etc. Con frecuencia presentan graffiti incisos con motivos como palmas, follas ou letras.[1][4] En opinión de Gnecchi, a recorrente aparición das letras P E incusas podería facer referencia á expresión latina PRAEMIA EMERITA.[3]
O motivo principal dos seus anversos adoita ser o busto dun personaxe ilustre (unha divindade, un emperador, un filósofo, un atleta etc.), en tanto que nos reversos se representan escenas cotiás da vida romana, entre elas os xogos e espectáculos máis habituais. Eses motivos poden estar acompañados de lendas relativas en latín ou en grego.[4]
Interpretación
editarMalia a súa forma, os contorniati non deberon ser concibidos para seren utilizados como moeda: consonte unha opinión xeneralizada entre os investigadores, era habitual que se intercambiasen antes dos xogos. No entanto, semella posible que no período que vai desde o reinado de Flavio Honorio ata o de Anastasio I, cando a moeda en circulación escaseaba, fosen utilizados tamén como substitutos dela nos intercambios comerciais.[3][4]
Para Santo Mazzarino, os contorniati serían "medallóns distribuídos co gallo das grandes festas e dos xogos romanos, unha celebración da cultura tradicional" a modo da pecunia spectaculis citada nun edicto do Baixo Imperio, destinados á súa distribución entre os cidadáns romanos como un dereito de entrada a eses espectáculos.[5]
Consonte a interpretación do numismático húngaro Andreas Alföldi, os contorniati serían "un medio da propaganda senatorial contra o imperio cristián", unha especie de amuletos pagáns distribuídos entre os senadores durante as festas de Saturnalia para revitalizar os valores da relixión tradicional.[6][7]
Esta tese foi retomada por Riccardo di Giuseppe, que concibe os contorniati como recordos do pasado pagán romano, un signo de loita contra os avances dos novos valores cristiáns.[8]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Contorniato". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. Páxina 53. ISBN 978-84-8181-405-7
- ↑ Frey, A. R. (1916).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Martinori, E. (1915) Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine..
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Cesano, S. L. (1931).
- ↑ Mazzarino, S. (1959).
- ↑ Alföldi, A. (1942-1943).
- ↑ Alföldi, A. (1970-1990).
- ↑ Di Giuseppe, R. (2000). "Sugli dèi, il mondo e gli affari umani". En Salustio, Sugli dèi e il mondo. Adelphi, Milán. Páxinas 11-63. ISBN 9788845915192
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Contorniato |
Bibliografía
editar- Alföldi, A. (1942-1943). Die Kontorniaten. Ein verkanntes Propagandamittel der stadt-römischen heidnischen Aristokratie in ihrem Kampfe gegen das christliche Kaisertum. Festschrift der Ungarischen numismatischen Gesellschaft zur Feier ihres vierzigjährigen Bestehens. Vol. I: 1942; Vol. 2. 1943. Magyar Numizmatikai Társulat, Budapest.
- Alföldi, A. (1970-1990). Die Kontorniat-Medaillons (con Elisabeth Alföldi-Rösenbaum). De Gruyter, Berlín. Vol. I: 1976, ISBN 3-11-003484-0; Vol. II: 1990, ISBN 3-11-011905-6
- Cesano, S. L. (1931). "Contorniati". En Enciclopedia Italiana.
- Frey, A. R. (1916). "Contorniates". En A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50. Páxina 58.
- Gnecchi, F. (1895). "Cos'erano i contorniati". En Rivista italiana di numismatica. Società numismatica italiana. Milán.
- Martinori, E. (1915). "Contorniati". En La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica. Páxina 75.
- Mazzarino, S. (1959). "Contorniati". En Enciclopedia dell'Arte Antica, Classica e Orientale. Vol. II. Roma. Páxinas 784-791.
- Sabatier, J. (1860). Description générale des médaillons contorniates. Pillet, París.