Atleta
O significado máis habitual de atleta (do grego antigo ἆθλος athlos, que significaba "competición") é o dunha persoa que posúe unha capacidade física, forza, axilidade ou resistencia superior á media e, en consecuencia, é apto para actividades físicas, especialmente para as competitivas.
En contextos máis específicos, un atleta é quen practica o atletismo,[1] ou participa nos Xogos Olímpicos e outras manifestacións deportivas como os deportes profesionais.
Pódense considerar moitas cousas para elixir o mellor atleta, xa que os catro alicerces dun atleta son a resistencia, a forza, a velocidade e a axilidade, e moitos atletas destácanse en distintas disciplinas (ex. Ben Johnson como velocista e Jouko Ahola como atleta de forza).
Historia
editarAtleta era o nome entre os gregos que se lle daba aos homes robustos e valorosos que exercitaban o seu corpo para obter o premio en probas físicas e, tamén, aos poetas, historiadores e músicos que competían publicamente para alcanzar o premio outorgado aos vencedores nos certames. En Roma coñecíase como atletas aos loitadores e aos púxiles, xa que todos os demais tiñan nomes específicos.
A institución dos combates atléticos é antiquísima. Crese que Licaón foi o primeiro que estableceu os de Arcadia, e Hércules aqueles que fixeron soado a Olimpia. Segundo o testemuño de Homero parece que antes da guerra de Troia celebráronse xa para facer máis solemnes os funerais dos grandes homes. Pero é de crer que entón non sería unha profesión diferente, senón parte dos exercicios militares como sucedeu despois un século antes de Platón cando a frecuencia dos mesmos xogos e a esperanza do premio e da fama puxo en sumo crédito a ximnástica dos atletas.
En Grecia, os atletas eran de condición libre, en tanto que os romanos eran escravos ou libertos.
Estes xogos, inventados polo valor e a virtude, dexeneraron en vicio e vanidade. O oficial que presidía os exercicios chamábase agonistarco, nome derivado da voz grega agon, combate ou pelexa, polo que se chama agonística[2] -a ciencia dos combates ou arte dos atletas e tamén gimnástica por pelexar espidos.
Preparación
editarOs atletas observaban un réxime de vida particular. Nos primeiros tempos, se creemos a Plinio e a Pausanias de Lidia, non se mantiñan senón de figos secos, noces e queixo tenro. Segundo Plinio, un famoso mestre de palestra chamado Pitágoras, contemporáneo do filósofo do mesmo nome, foi o primeiro que lles permitiu o uso da carne e o primeiro atleta que a comeu chamábase Eutímenes. En tempo de Hipócrates comíana efectivamente, como se deduce do seu Epidemia. Con todo, non comían indistintamente de calquera especie de carne: a máis sólida e por conseguinte a máis propia para fornecer forza e un alimento máis nutritivo era preferida a todas as outras. O boi e o touciño condimentados con vinagre, cunha especie de pan sen lévedo moi pesado, cuberto con queixo tenro chamado coliphium, eran os seus manxares; e estas carnes eran máis ben asadas que fervidas ou guisadas, modo de alimentarse chamado por algúns autores gerophagia, isto é, nutrimento seco. Ordinariamente comían os atletas con exceso semellantes alimentos. Galeno conta que un atleta cría facer unha comida moi frugal cando non comera máis que dúas minas ou dúas libras de carne e o pan proporcionado. Milón de Crotone apenas estaba saciado con vinte minas de carne, outras tantas de pan e quince pintas de viño.
Con todo destes excesos, os antigos aplauden en xeral a súa temperanza:
- Primeiro, porque usaban con moita moderación o viño e as mulleres
- Segundo, porque preparaban con extrema simplicidade os seus alimentos
- Terceiro, porque se abstiñan moito máis deles ao ter que entrar á liza e porque sufrían cunha paciencia constante as fatigas e os golpes.
A natureza dos exercicios atléticos, a calor do clima e a estación en que se celebraban aqueles xogos obrigaban aos atletas a combater espidos. Levaban con todo unha especie de faixa chamada zona, cuxo uso cesou entre os gregos na 15ª Olimpíada, con motivo de que habéndoselle caído a un tal Orispo no medio da palestra e enredádose os seus pés con ela caeu e foi vencido.
A nudez dos atletas facilitaba o uso das uncións destinadas a comunicar a todas as partes do corpo a flexibilidade necesaria. Polo común usábase o aceite mesturado cunha determinada cantidade de cera e de pos, co que se facía unha especie de ungüento chamado ceroma, nome que algunhas veces dábase tamén ao lugar mesmo en que os atletas se untaban chamado eleothesion, alepterion e unctuarium.
Os atletas facíanse untar polos criados da palestra chamados aliptæ unctores e algunhas veces untabanse eles mesmos mutuamente. Despois de untados, cubríanse polo común os atletas co barro que había na palestra e con máis frecuencia, de area ou de po, revolvéndose nel ou ben facéndollo botar encima. Era isto un preliminar tan esencial á loita e ao pancracio, que os gregos dicían dun atleta, que levase o premio sen combater, que vencera sen po, é dicir, sen fatiga e sen pena. Despois do certame os atletas limpábanse e se unxían de novo.
Admisión
editarPara ser admitidos aos públicos e solemnes certames, era preciso poñerse baixo a dirección dos mestres da pelestra para observar dez meses consecutivos as leis artéticas e perfeccionarse cun traballo asiduo en todos os exercicios que debían proporcionar aos vencedores o premio destinado. Estes preliminares facíanse publicamente nos ximnásticos e cando se achegaba o día en que tiñan que celebrarse os xogos olímpicos redobrábanse as fatigas dos atletas que debían combater neles. Entre os atletas non se admitían aos estranxeiros, aos escravos, nin as persoas de nacemento escuro e incerto. Os agonotetas, os atlotetas e os elanódicos estaban encargados de informarse do nacemento e costumes dos atletas. A estes manifestábanselles as condicións con que eran admitidos e logo un heraldo levantando a man para impoñer silencio ao pobo, poñíaa sobre a cabeza de cada atleta e conducíndoo polo estadio preguntaba en alta voz se algún lle acusaba dalgún delito, se era de costumes irreprensibles, se era libre, etc. Despois facíase en Olimpia xurar aos atletas:
- que se suxeitaron por dez meses a todos os exercicios e a todas as probas de institución atlética
- que observarían relixiosamente todas as leis prescritas en cada especie de certame e que non farían nada contra a boa orde e o goberno establecido nos xogos, xuramento que se pronunciaba diante da estatua de Xúpiter.
O día dos xogos cando os atletas estaban reunidos e o heraldo proclamara os seus nomes, distribuíanse por sorteo os varios exercicios en que debían ocuparse. Na loita, no puxilato e no pancracio en que non combatían senón de dous en dous, os adversarios ou as parellas sacábanse por sorteo e cando o número era impar, o que quedaba sen antagonista chamábase efedro e reservábase para combater co vencedor. Arranxados así os atletas, animábaselles con algunha exortación dos agonotetas e dos ximnásticos. Dábase entón o sinal do ceilámen e abríase a liza. O engano, o artificio, a andrómena e a excesiva violencia estaba desterrada dos xogos: e os contraventores ás leis atléticas castigábanse severamente polos mastigóforos destinados a isto.
Os premios
editarAs recompensas das penosas e terribles fatigas dos atletas eran nun principio as aclamacións con que os espectadores honraban a súa vitoria, e deseguido os premios, que variaron segundo os tempos e lugares. Nos xogos chamados tematici ou argiriti propoñíanse por premio diversas cousas que podían cambiarse por diñeiro e nos nomeados stefaniti non se distribuían máis que coroas. Os primeiros dábanse, segundo Píndaro, en diversos lugares de Grecia, como en Lacedemonia, en Tebas, Argos, etc.; e parece que foron estes os máis antigos que coñecemos, como que con estes honráronse os funerais de Patroclo e de Anquises. Os premios propostos en semellantes xogos consistían en escravos, cabalos, machos, bois, vasos de bronce co seu trípode, en cuncas de prata, en vestidos e armas. Había dous ou tres premios para cada exercicio: en Homero vense cantos son os combatentes.
Os xogos nos que non se distribuía máis que coroas eran os máis famosos de Grecia. Un agonoteta distribuíaas: un heraldo poñíaas sobre a cabeza do vencedor no lugar mesmo en que combatera e algunhas veces os mesmos vencedores tomábanas do lugar en que estaban colocadas e cinguíansas coa súa propia man. Honrábase tamén aos vencedores cunha palma que levaban na man esquerda e era este un segundo premio que se daba en todos os xogos da Grecia.
Despois de que un atleta vencedor recibira a coroa e a palma e que se achaba revestido cunha roupa cuberta de flores, era conducido por un heraldo por todo o estadio e proclamábase en alta voz o seu nome e a súa patria no medio dos aplausos dos espectadores, os cales se esmeraban en vitorealo e en facerlle agasallos.
A cerimonia do triunfo enético terminaba sempre con banquetes. Eran estes de dúas especies:
- os uns, facíanse a expensas do público. Estaban en uso en Olimpia, onde os atletas vencedores eran mantidos no Pritaneo todo o tempo que duraban os xogos olímpicos;
- os outros, a expensas dos particulares. Eran custeados polos amigos do vencedor. Os atletas xenerosos e de distinción facían regalos tamén aos seus parentes e amigos e algunhas veces, a moitos dos espectadores. Alcibíades e Leofron deron un convite a toda a asemblea.
O primeiro e principal coidado dos atletas despois da vitoria era de dar grazas aos deuses e cumprir os votos feitos aos mesmos para obtela, consagrando nos seus templos estatuas, escudos e outras ofrendas de valor.
Privilexios
editarGozaban os atletas vencedores de grandes privilexios:
- presidían os xogos públicos
- entre os espartanos combatían á beira do rei nas expedicións militares
- eran alimentados durante a súa vida a expensas da patria: Solón asignara 500 dracmas de pensión a cada atleta vencedor
- estaban exentos de todos os cargos e funcións civís
- anotábanse os seus nomes nos arquivos públicos e distinguíanse as Olimpíadas co nome dos vencedores: os poetas compoñían versos no seu loor, erixíanselles estatuas e gravábanse inscricións para eternizar a memoria da súa vitoria
- finalmente, prodigábanselles as honras divinas: a pesar dos esforzos que facían os elanódicos para reprimir estes excesos.
O primeiro exemplo destes abusos foi o de Filipo Crotoniato, vencedor nos xogos olímpicos, o cal era o home máis fermoso e ben formado do seu tempo. Os egestianos eleváronlle despois da súa morte, segundo o testemuño de Heródoto, un soberbio monumento e fixéronlle sacrificios como a un heroe. O segundo exemplo foi o de Eutimio de Locrion, atleta soado no puxilato, o cal recibiu en vida as honras divinas por orde do oráculo. O terceiro é o de Teagenes, adorado despois da súa morte polos tasios os seus compatriotas e por outros pobos gregos e bárbaros.
Non eran soamente os homes adultos os que entraban na liza: na 37ª Olimpíada establecéronse en Olimpia varios premios para mozos nas probas de carreira e loita.
Nestes Xogos estaba prohibida a asistencia de mulleres. Calipatua, nai de Posidonio, que se coroou campión varias veces, querendo dirixir ela mesma ao seu fillo, disfrazouse de mestre. O mozo gañou a competición e a nai, arrebatada de gozo, saltou a barreira e tirándose ao pescozo do seu fillo deu a coñecer o seu sexo. Os xuíces desculparon un exceso do amor maternal e perdoárona; pero dispuxeron que de alí en diante os mestres dos atletas debían presentarse enteiramente espidos, o mesmo que estes, segundo di Pausanias.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para atleta.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para agonístico.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Atleta |