Hipócrates de Cos, nado en Cos (Espóradas) no século V a.C. (c. 460 a.C.) e finado en Lárisa, Tesalia no século IV a.C. (c. 370 a.C.), foi un médico da Antiga Grecia que exerceu durante o chamado século de Pericles.

Hipócrates
Gravado de Peter Paul Rubens, 1638, cortesia da National Library of Medicine.[1]
Datos persoais
Nacementoc. 460 a.C.
LugarCos Espóradas
Falecementoc. 370 a.C.
LugarLárisa, Grecia
ResidenciaGrecia
Nacionalidadegrega
FillosThessalus
Actividade
CampoMedicina
editar datos en Wikidata ]

É considerado unha das figuras máis destacadas da historia da medicina e moitos autores refírense a el como o «pai da medicina» moderna,[2][3][4] en recoñecemento ás súas importantes e duradeiras contribucións a esta ciencia como fundador da escola que leva o seu nome. Esta escola intelectual revolucionou a medicina da Antiga Grecia, establecéndoa como unha disciplina separada doutros campos cos cales se asociaba tradicionalmente (notablemente a teúrxia e a filosofía), convertendo o exercicio da medicina nunha auténtica profesión.[5][6]

Con todo, adoitan mesturarse os descubrimentos médicos dos escritores do Corpus hippocraticum, os practicantes da medicina hipocrática e as accións do mesmo Hipócrates, polo que se sabe moi pouco sobre o que o propio Hipócrates pensou, escribiu e fixo realmente. A pesar desta indefinición, Hipócrates é representado a miúdo como paradigma do médico antigo. En concreto, atribúeselle un gran progreso no estudo sistemático da medicina clínica, reunindo o coñecemento médico de escolas anteriores e prescribindo prácticas médicas de grande importancia histórica, como o xuramento hipocrático e outras obras.[5][7]

Non hai que confundilo con Hipócrates de Quíos, matemático grego do século V antes de Cristo,[8] e que naceu na illa de Quíos, non moi lonxe da de Cos.

Traxectoria editar

 
Hipócrates

Naceu en Cos, pequena illa do Exeo, do arquipélago das Espóradas, segundo se deduce polo ano 460 a.C., viviu en Grecia, e ao longo da súa vida converteuse nun soado médico e profesor de medicina.[9] Fillo de Heráclito e neto de Hipócrates, ambos os dous médicos e mestres de Hipócrates, designado como "o grande". Ós 13 anos comezou os seus estudos de medicina que lle abriron as portas do templo dos Asclepiades (de Asclepio, deus mitolóxico da medicina). Logo viaxou a Exipto para rematar a súa formación. Deixou unha obra composta por 53 escritos que foi recollida polos seus discípulos no Corpus hippocraticum. Foi autor do Tratado do prognóstico e de Aforismos, entre outras obras. Pai indiscutido da medicina moderna, o seu mérito fundamental foi o de desenvolver un sistema racional baseado na observación e na experiencia para o estudo das doenzas cuxas causas atribuía a fenómenos naturais e non a intervencións dos deuses ou a fenómenos de tipo máxico-relixioso. Indubidábel xenio da medicina naturista, a el atribúese o coñecido Xuramento Hipocrático.

Dietética editar

 
Calidades dos catro elementos da antigüidade grega.

Hipócrates é considerado un precursor da dietética, promovendo o consumo de legumes e froitas, aínda que os seus ensinos respecto diso considéranse obsoletos. Os alimentos clasificábanse en función da súa correspondencia cun ou outro dos catro elementos: a auga, a terra, o aire e o lume, que corresponden a catro temperamentos definidos pola teoría de os catro humores: flemático, melancólico, sanguíneo e colérico, respectivamente.[10]

Cada alimento era clasificado segundo as súas calidades, que se graduan en catro graos sobre dous eixos principais: quente-frío e seco-húmido (ou, secundariamente, en eixos doce-amargo e cru-cocido). Estas calidades inflúen no xeito na que o alimento se transforma dentro do corpo e na calidade e consistencia dos humores producidos polo organismo. Segundo a escola hipocrática, a calor da dixestión transforma os alimentos en linfa que, á súa vez, transfórmase en humores ou actúa sobre a calidade e o equilibrio dos humores presentes. Para conservar a boa saúde ao longo do tempo, hai que ter unha dieta equilibrada. Por iso, os médicos que se baseaban na tradición hipocrática recomendaban aos seus pacientes consumir alimentos que se correspondesen co inverso do seu temperamento, para corrixir o desequilibrio dos humores.[11] Así pois, o viño tinto (quente e seco) e a carne (quente e seca) eran recomendados para os anciáns, os flemáticos e os melancólicos, de natureza fría. En cambio, o peixe fresco (frío e húmido) e as froitas ou legumes (frías e húmidas) crían que conviñan máis ben aos coléricos e optimistas, así como aos mozos, de temperamento quente.[11]

Segundo Hipócrates, a alimentación tamén tiña que variar segundo o clima e as estacións, que cría que influían nos humores. En inverno, un período en que domina o frío e a humidade, sería preferible consumir carnes con salsa, cociñadas con especias quentes; en primavera, cando domina o calor e a humidade, aconsellábase pasar aos poucos dos pucheros aos asados e empezar a comer máis legumes verdes; en verán, cando domina a calor, sería o momento de consumir carnes e peixes á prancha, máis lixeiros, e preferir alimentos fríos e húmidos como o melón, a cirola ou a cereixa; en outono, un período en que empeza o frío, faría falta comer alimentos apetitosos e lixeiramente acedos para expulsar a melancolía, así como reducir o consumo de viño e froitas.[11]

A medicina hipocrática editar

Descríbese o corpo humano como unha asociación dos catro humores: flegma (auga), bile amarela (lume), bile negra (terra), e sangue (aire). A doenza desenvólvese por unha perda do equilibrio destes humores. O mantemento da saúde efectúase a través da dieta e a hixiene. Estas ideas persisten durante a Idade Media e o Renacemento

Notas editar

  1. National Library of Medicine (2006). "Images from the History of Medicine". National Institutes of Health. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2007. Consultado o 23 de setembro del 2011. 
  2. Useful known and unknown views of the father of modern medicine, Hippocrates and his teacher Democritus., U.S. National Library of Medicine
  3. Hippocrates Arquivado 29 de outubro de 2009 en Wayback Machine., Microsoft Encarta Online Enciclopedia 2006. Microsoft Corporation. 31-10-2009.
  4. Strong, W.F. y Cook, John A. (julio de 2007). "Reviving the Dead Greek Guys". Global Media Journal, Indian Edition. ISSN 1550-7521. Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2007. Consultado o 26 de setembro de 2011. 
  5. 5,0 5,1 Garrison, 1966, p. 92–93
  6. Nuland, 1988, p. 5
  7. Garrison, 1966, p. 96
  8. O'Connor, John J.; Robertson, Edmund F., «Biografía de Hipócrates» (en inglés), Universidade de St Andrews
  9. Edelstein, Ludwig; Owsei Temkin, C. Lilian Temkin (1987). Owsei Temkin, C. Lilian Temkin, ed. Ancient Medicine. Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-3491-0. 
  10. "Diététique hippocratique" (en francés). 2006. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2012. Consultado o 28 de novembro de 2009. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Salas-Salvadó J., García-Lorda, P. Sánchez Ripollés, J. M. (2005). La alimentación y la nutrición a través de la historia (en castelán). Glosa. ISBN 9788474292572. (en castelán)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar