Paradigma (ciencia)
Paradigma, termo derivado do grego antigo παράδειγμα (parádeigma), que á súa vez se compón cos vocábulos παρά (pará, 'xunto a', 'ao lado') e δείγμα (deígma, 'mostra', 'exemplo'), e que podemos traducir como "modelo", é un modelo ou patrón en calquera disciplina científica ou noutro contexto epistemolóxico.
Esta definición correspóndese co significado máis usual da palabra case homónima do idioma inglés paradigm.[1]
Pero o concepto foi orixinalmente específico da gramática; en 1900, o dicionario Merriam- Webster's definía o seu uso soamente en tal contexto (ou en retórica, para referirse a unha parábola ou a unha fábula).
En lingüística, Ferdinand de Saussure usou paradigma para referirse a unha clase de elementos con similitudes. Mesmo no dicionario da Real Academia Galega recóllese só o significado gramatical e lingüístico [2]
O termo ten tamén unha concepción no campo da psicoloxía refiríndose a acepcións de ideas, pensamentos, crenzas, incorporadas xeralmente durante a nosa primeira etapa de vida, que se aceptan como verdadeiras ou falsas sen poñelas a proba dunha nova análise.
Non obstante, dado que este termo se utiliza amplamente en ciencia, en técnica e en epistemoloxía en galego coa definición aquí expresada, non se pode considerar que esta interpretación do vocábulo paradigma non sexa axeitada, polo menos, a efectos prácticos.[3]
Neste artigo tratarase só do paradima científico. Para os aspectos gramaticais e lingüísticos do termo, véxase o artigo Paradigma.
Paradigma científico
editarO filósofo e científico Thomas Kuhn deu a paradigma o seu significado máis contemporáneo cando o adoptou para referirse ao conxunto de prácticas que definen unha disciplina científica durante un período específico de tempo. O mesmo Kuhn prefería os termos exemplar ou ciencia normal, que teñen un significado filosófico máis exacto. Porén, no seu libro A estrutura das revolucións científicas [4] define un paradigma da seguinte maneira:
- O que se debe observar e escrutar.
- O tipo de interrogantes que se supón que hai que formular para achar respostas en relación ao obxectivo.
- Como tales interrogantes deben estruturarse.
- Como deben interpretarse os resultados da investigación científica.
Considero os paradigmas como realizacións científicas universalmente recoñecidas que, durante certo tempo, proporcionan modelos de problemas e solucións a unha comunidade científica. (...) O paradigma é un cadro que define os problemas e os métodos lexítimos, e que permite así unha mais grande eficacia na investigación: unha linguaxe común favorece a difusión dos traballos e canaliza as investigacións.Thomas Kuhn, The Structure of Scientific Revolutions.
Os modelos paradigmáticos son modelos metafísicos e epistemolóxicos, que proporcionan o "contexto" en que se forman os diferentes modelos teóricos e teorías dun nivel inferior, presentando as directrices xerais de agrupamento das diferentes teorías.
O dicionario Oxford define paradigma, na súa primeira acepción, como un patrón ou modelo, un exemplo.[5] Así, un compoñente adicional da definición de Kuhn é:
- Como debe conducirse un experimento e que equipamento está dispoñíbel para realizalo.
Desta forma, dentro da ciencia normal, un paradigma é o conxunto de experimentos modélicos capaces de seren copiados ou emulados, sendo a base para crear un consenso científico. O paradigma prevalente presente no consenso imperante representa, a miúdo, unha forma máis específica de ver a realidade ou as limitacións de propostas para a investigación futura; máis que un método científico moito máis xenérico. Isto nos podería conducir a un paradigma positivista.[6][7]
Un exemplo de paradigma comunmente aceptado sería o modelo estándar da física. Os métodos científicos permitirían aos científicos ortodoxos investigar moitos fenómenos que poden resultar contraditorios ou contrastantes co modelo estándar. Porén, é moito máis difícil obter consenso para os mesmos, en proporción á diverxencia dos principios aceptados do modelo estándar que tales experimentos examinarían. Por exemplo, un experimento para investigar a masa do neutrino ou a descomposición de neutróns recibiría máis fondos que un experimento que buscara violacións á conservación de momentos, ou outro que pretendera estudar a enxeñería das viaxes no tempo.
Algúns conceptos máis despectivos (pensamento de grupo[8] ou o seu case equivalente mindset) teñen significados moi similares que aplican a pequena e grande escala do pensamento disciplinado.
Michel Foucault usou os termos epistemolóxico, discursivo, matese e taxinomial, para aspectos do paradigma no sentido orixinal dado por Kuhn.[9].
Cambio de paradigma
editarO cambio de paradigma adoita ser difícil (dramático, dirían os anglosaxóns) nas ciencias, xa que estas parecen ser estábeis e maduras, como a física a fins do século XIX. Naquel tempo a física aparentaba ser unha disciplina que completaba os últimos detalles dun sistema moi traballado.
É famosa a frase de Lord Kelvin en 1900, cando dixo: "Non queda nada na actualidade por ser descuberto no campo da física. Todo o que falta son medidas máis e máis precisas".
Tan só cinco anos despois desta aseveración, Albert Einstein publicou seu traballo sobre a relatividade especial que fixou un sinxelo conxunto de regras superando a mecánica de Newton, que fora utilizada para describir a forza e o movemento por máis de douscentos anos.
Neste exemplo, o novo paradigma reduce ao vello a un caso especial, xa que a mecánica newtoniana segue sendo unha excelente aproximación no contexto de velocidades lentas en comparación coa velocidade da luz.
Notas
editar- ↑ Por exemplo, no Merriam-Webster's podemos ver: paradigm 1: EXAMPLE, PATTERN mistaken the paradigm for the theory (Margaret Mead), a typical conditioned-response paradigm (W.N.Kellogg), regard science as the paradigm of true knowledge (G.C.J.Midgley), paradigms of musical perfection (H.G.Aiken) 2a: an example of a conjugation or declension showing a word in all its inflectional forms b: a set of forms peculiar to a verb, noun, pronoun, or adjective 3: a narrative passage in the Gospels that illustrates a saying of Jesus and represents one of the literary patterns distinguished by form criticism the paradigm T is represented in its purity by the healing of the paralytic (Times Literary Supplement) synonyms see MODEL
- ↑ paradigma s.m. 1. Gram. Forma ou conxunto de formas que se toman como modelo para a flexión dun substantivo, verbo etc. O paradigma dunha declinación. O paradigma da 1ª conxugación. ‘Andar’ segue o paradigma dos verbos regulares. 2. Ling. Conxunto de palabras dunha mesma clase que poden ser substituíbles nun punto determinado da cadea falada. As palabras camisa, saia, chambra etc., constitúen un paradigma porque figuran no contexto: A... é unha peza de vestir. Diccionario da Real Academia Galega Arquivado 22 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ E por cumprir as Normas da Galipedia non imos de deixar de tratar deste significado, como se fai en todos os idiomas modernos, esperando a que nunha próxima edición do dicionario da RAG o inclúa.
- ↑ Kuhn, Thomas S. (1970): The Structure of Scientific Revolutions, 2nd Ed., Chicago & London: Univ. of Chicago Press.
- ↑ paradigm noun 1 a typical example or pattern of something; a pattern or model: society‘s paradigm of the’ ideal woman. ♦ a world view underlying the theories and methodology of a particular scientific subject. 2 Linguistics a set of linguistic items that form mutually exclusive choices in particular syntactic roles. Often contrasted with SYNTAGM. 3 (in the traditional grammar of Latin, Greek, and other inflected languages) a table of all the inflected forms of a particular verb, noun, or adjective, serving as a model for other words of the same conjugation or declension. Oxford Dictionaries Online. [1] Arquivado 18 de outubro de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ Slattery, Martin (2003): Key ideas in sociology. Cheltenham: Nelson Thornes. [2] ISBN 9780748765652
- ↑ Nickles, Thomas (2002): Thomas Kuhn. Cambridge: Cambridge University Press. [3] Cita: Thomas Kuhn (1922–1996), the author of The Structure of Scientific Revolutions, is probably the best-known and most influential historian and philosopher of science of the last 25 years, and has become something of a cultural icon. His concepts of paradigm, paradigm change and incommensurability have changed the way we think about science. ISBN 9780521792066
- ↑ En inglés, Groupthink, termo cuñado por William H. Whyte en 1952 na revista Fortune.
- ↑ Foucault, Michel (1966): Les Mots et les Choses. Une archéologie des sciences humaines. Paris: Gallimard, col. "Bibliothèque des sciences humaines".
Véxase tamén
editarArtigos relacionados
editarBibliografía
editar- Clarke, Thomas e Clegg, Stewart (eds). (200): Changing Paradigms. Londres: HarperCollins. ISBN 0-00-638731-4
- Handa, M. L.(1986): "Peace Paradigm: Transcending Liberal and Marxian Paradigms" Artigo presentedo no "International Symposium on Science, Technology and Development", Nova Delhi, India, 20-25 de marzo de 1987. Publicado por: O.I.S.E., University of Toronto, Canadá (1986).
- Kuhn, Thomas S. (1966): The Structure of Scientific Revolutions, 3rd Ed. Chicago $ Londres: Univ. of Chicago Press. ISBN 0-226-45808-3
- Masterman, Margaret, "The Nature of a Paradigm," pp. 59–89 in Imre Lakatos & Alan Musgrave. (1970): Criticism and the Growth of Knowledge. Cambridge: Cambridge Univ. Press. ISBN 0-521-09623-5
- Encyclopaedia Britannica, Univ. of Chicago, 2003. ISBN 0-85229-961-3