Consenso científico

O consenso científico é o xuízo, posición e opinión colectiva da comunidade científica nun determinado campo de estudo. Este consenso implica un acordo xeral entre os expertos, aínda que non necesariamente unha total unanimidade.[1]

Chégase ao consenso por medio da comunicación científica en conferencias e publicacións, e pola replicación reproducible dos resultados por outros, o debate erudito,[2][3][4][5] e a revisión por pares. Isto conduce a unha situación na cal os que pertencen a esa disciplina poden a miúdo recoñecer tal consenso cando exista; porén, pode ser difícil comunicar aos alleos que se chegou a ese consenso, porque os debates "normais" por medio dos cales progresa a ciencia poden parecer aos alleos unha contradición.[6] Nalgunhas ocasións, as institucións científicas emiten declaracións sobre a súa posición para comunicar un resumo da ciencia desde os "de dentro" aos "de fóra" da comunidade científica. Nos casos onde hai pouca controversia sobre unha materia en estudo, o establecemento do consenso pode ser bastante directo.

O debate popular e político sobre materias que son polémicas na esfera pública pero non necesariamente entre a comunidade científica pode apelar ao consenso científico: véxanse asuntos como a evolución,[7][8] o cambio climático,[9] ou a falta de ligazón entre a vacina MMR e o autismo.[6]

Cambio de consenso co tempo

editar

Existen moitas teorías filosóficas e históricas nas que o consenso científico cambiou co tempo. Como a historia do cambio científico é extremadamente complicada e como hai unha tendencia a proxectar "gañadores" e "perdedcores" a tempos pasados en relación co noso consenso científico actual, é moi difícil dar con modelos rigorosos e axeitados para o cambio científico.[10] Isto faise moi difícil tamén en parte porque cada unha das diversas pólas da ciencia funciona de maneira algo diferente, usando diferentes tipos de probas e aproximacións experimentais.[11][12]

A maioría dos modelos do cambio científico dependen dos novos datos producidos polos experimentos científicos. Karl Popper propuxo que como ningún conxunto de experimentos podían probar unha teoría científica, e que un só experimento podería refutala, a ciencia debería estar baseada na falsabilidade.[13] Aínda que isto constitúe unha teoría lóxica para a ciencia, éo nun sentido "atemporal" e non necesariamente reflicte unha visión de como progresará a ciencia co tempo.

Entre os opoñentes máis influentes a este enfoque estivo Thomas Kuhn, que argumentaba que os datos experimentais sempre proporcionan algúns datos que non se axustan completamente á teoría, e que a falsabilidade por si soa non ten como resultado un cambio científico ou mina o consenxso científico. Propuxo que o consenso científico funcionaba como "paradigmas", que eran teorías interconectadas e asuncións subxacentes sobre a natureza da propia teoría, que conectaban a varios investigadores nun determinado eido. Kuhn argumentou que só despois da acumulación de moitas anomalías "significativas" o consenso científico entraría nun período de "crise". Nese momento, deberían buscarse novas teorías e finalmente un paradigma novo triunfaría sobre o vello, o que supón unha serie de cambios de paradigma en vez dunha progresión linear cara á verdade. O modelo de Kuhn tamén enfatizou máis claramente os aspectos sociais e persoais do cambio da teoría, demonstrando con exemplos históricos que o consenso científico nunca foi unha materia de pura lóxica ou puros feitos.[14] Porén, estes períodos de ciencia 'normal' e de 'crise' non son mutuamente excluíntes. A investigación mostra que estes son na práctica modos diferentes, máis que períodos históricos diferentes.[6]

Percepción e opinión públicas

editar

A percepción de se existe un consenso científico sobre un determinado asunto e do forte que é esa concepción, foi descrita como unha "crenza portal" ("gateway belief") sobre a cal están baseadas outras crenzas e despois accións.[15]

Politización da ciencia

editar

Nos debates públicos ás veces utilízase a afirmación de que existe ou non un consenso científico para apoiar certas posturas.

Por exemplo, o consenso científico sobre as causas do quecemento global é que as temperaturas superficiais globais se incrementaron nas últimas décadas e que a tendencia está causada principalmente polas emisións inducidas polos humanos de gases de efecto invernadoiro.[16][17][18] A historiadora da ciencia Naomi Oreskes publicou un artigo en Science no que informaba que o exame dos resumos de 928 artigos científicos publicados entre 1993 e 2003 non mostraba ningún que estivese explicitamente en desacordo coa noción do quecemento global antropoxénico.[16] Nun editorial publicado en The Washington Post, Oreskes declarou que os que se opoñen a estes descubrimentos cinetíficos están amplificando o rango normal de incerteza científica sobre calquera feito para dar unha aparencia de que hai un gran desacordo científico ou unha falta de consenso científico.[19] Os descubrimentos de Oreskes foron replicados por outros métodcos que non requiren interpretación.[6]

A teoría da evolución por selección natural nas súas sínteses modernas está tamén apoiada por un consenso científico esmagador; é unha das teorías máis fiables e empiricamente probadas da ciencia. Non se dubida do feito da evolución; en todo caso debátense algúns aspectos da teoría ou engádense novas achegas.[20][21] Os que se opoñen á evolución afirman que hai un disenso significativo sobre a evolución na comunidade científica.[22] A estratexia da cuña, un plan para promover o deseño intelixente, dependía en grande medida de sementar e construír na percepción pública a idea de ausencia de consenso sobre a evolución.[23]

A incerteza inherente á ciencia, na que as teorías non están nunca probadas senón que só poden ser refutadas (ver falsabilidade), presenta un problema para políticos, lexisladores, avogados e profesionais dos negocios. Mentres que as cuestións científicas ou filosóficas poden a miúdo languidecer na incerteza durante décadas dentro dos seus marcos disciplinarios, os lexisladores enfróntanse ao problema de tomar decisións sólidas baseadas nos datos dispoñibles actualemnte, mesmo se é probable que non teñan a forma final de "verdade". A parte delicada é distinguir que é o que está o suficientemente preto da "verdade final". Por exemplo, a acción social contra o hábito de fumar probablemente chegou moito tempo despois de que para a ciencia o asunto tivese 'bastante consenso'.[6]

Certos dominios, como a aprobación de certas tecnoloxías para o consumo público, poden ter amplos efectos humanos e económicos con grandes repercusións políticas e poderían ir mal coas predicións dos científicos. Porén, ata agora como se espera que a política nun determinado campo reflicta o coñecemento e os datos pertinentes e os modelos ben aceptados das relacións entre os fenómenos observables, hai poucas alternativas boas para os políticos distintas de confiar no que pode grossso modo denominarse 'o consenso científico' para guialos no deseño da poítica a seguir e a súa aplicación, polo menos en circunstancias nas que a necesidade de intervención política é obrigada. Aínda que a ciencia non pode proporcionar unha 'verdade absoluta' (ou incluso no caso contrario un 'erro absoluto') a súa utilidade está unida coa capacidade de guiar as políticas na dirección de incrementar o ben público e evitar os prexuízos públicos. Visto desta maneira, a demanda de que a política dependa soamente do que está probado pola "verdade científica" sería unha prescrición da parálise política e na páctica sería avogar pola aceptación de todos os custos e riscos cuantificados e non cuantificados asociados coa inacción política.[6]

  1. "Scientific Consensus". Green Facts. Consultado o 24 de outubro de 2016. 
  2. Laudan, Larry (1984). Science and Values: The Aims of Science and Their Role in Scientific Debate. Londres, Inglaterra: University of California Press. ISBN 0-520-05267-6. 
  3. Ford, Michael (2008). "Disciplinary authority and accountability in scientific practice and learning" (PDF). Science Education 92 (3): 409. Bibcode:2008SciEd..92..404F. doi:10.1002/sce.20263. A construción do coñecemento científico é ante todo pública, un esforzo colaborativo entre unha comunidade de pares que traballan nunha determinada área. 'Colaborativo' pode parecer un nome pouco apropiado porque cada científico compite cos outros nos debates sobre as afirmacións do coñecemento. Porén, este senso de colaboración é importante: comproba que a cada científico non se lle dea autoridade sobre as novas afirmación de coñecemento prematuramente. 
  4. Webster, Gregory D. (2009). "The person-situation interaction is increasingly outpacing the person-situation debate in the scientific literature: A 30-year analysis of publication trends, 1978-2007". Journal of Research in Personality 43 (2): 278–279. doi:10.1016/j.jrp.2008.12.030. 
  5. Horstmann, K. T., & Ziegler, M. (2016). Situational Perception: Its Theoretical Foundation, Assessment, and Links to Personality. In U. Kumar (Ed.), The Wiley Handbook of Personality Assessment (1st ed., pp. 31–43). Oxford: Wiley Blackwell. ("En Personality Assessment, Walter Mischel céntrase na inestabiliadade da personalidade e afirma que é case imposible predicir o comportamento coa personalidade (Mischel, 1968, 2009). Isto leva ao debate sobre persoa-situación, unha controversia en psicoloxía que trata de responder á cuestión de se o comportamento depende máis da personalidade do suxeito ou a situación (ou ambos) e recibiu unha considerable atención en investigación (Webster, 2009).")
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Shwed Uri; Peter Bearman (decembro de 2010). "The Temporal Structure of Scientific Consensus Formation". American Sociological Review 75 (6): 817–40. PMC 3163460. PMID 21886269. doi:10.1177/0003122410388488. 
  7. "Statement on the Teaching of Evolution" (PDF). American Association for the Advancement of Science. 2006-02-16. Consultado o 2008-05-02. 
  8. "NSTA Position Statement: The Teaching of Evolution". National Science Teacher Association. Consultado o 2008-05-02. 
  9. ""Joint Science Academies' Statement"" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de setembro de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2020. 
  10. Pickering, Andrew (1995). The Mangle of Practice. IL: Chicago University Press. ISBN 978-0-226-66802-4. 
  11. Read "Responsible Science: Ensuring the Integrity of the Research Process: Volume I" at NAP.edu (en inglés). 
  12. Kerr, John R.; Wilson, Marc Stewart (2018-07-06). "Changes in perceived scientific consensus shift beliefs about climate change and GM food safety". PLOS ONE (en inglés) 13 (7): e0200295. ISSN 1932-6203. PMC 6034897. PMID 29979762. doi:10.1371/journal.pone.0200295. 
  13. Popper, Karl Raimund (1934). The Logic of Scientific Discovery (2002 ed.). New York: Routledge Classics. ISBN 978-0-415-27844-7.  Publicada orixinalmente en alemán como Logik der Forschung: zur Erkenntnistheorie der modenen Naturwissenschaft. Schriften zur Wissenschaftlichen Weltauffassung. Vienna: Springer. 1935. OCLC 220936200. 
  14. Kuhn, Thomas S. (1962). The Structure of Scientific Revolutions (1996 ed.). University of Chicago Press, Chicago. ISBN 978-0-226-45808-3. 
  15. "Scientists are from Mars, Laypeople are from Venus: An Evidence-Based Rationale for Communicating the Consensus on Climate". Reports of the National Center for Science Education 34 (6). novembro/decembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2017. Consultado o 31 de xaneiro de 2020. 
  16. 16,0 16,1 Oreskes, Naomi (decembro de 2004). "Beyond the Ivory Tower: The Scientific Consensus on Climate Change". Science 306 (5702): 1686. PMID 15576594. doi:10.1126/science.1103618. 
  17. America's Climate Choices: Panel on Advancing the Science of Climate Change; National Research Council (2010). Advancing the Science of Climate Change. Washington, D.C.: The National Academies Press. ISBN 978-0-309-14588-6. doi:10.17226/12782. 
  18. "Understanding and Responding to Climate Change" (PDF). United States National Academy of Sciences. 2008. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de abril de 2013. Consultado o 30 de maio de 2010. 
  19. Oreskes, Naomi. "Undeniable Global Warming". The Washington Post. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2008. Consultado o 26 de decembro de 2004. 
  20. National Academy of Science Institute of Medicine (2008). Science, Evolution, and Creationism. National Academy Press. pp. 3–4. ISBN 978-0-309-10586-6. doi:10.17226/11876. 
  21. "Que esta controversia é en gran medida fabricada polos propoñentes do creacionismo e o deseño intelixente pode non importar, e con tal de que a controversia se ensine en clases sobre asuntos actuais, política ou relixión e non nas clases de ciencia, nin os científicos nin os cidadáns deberían preocuparse." Intelligent Judging – Evolution in the Classroom and the Courtroom Arquivado 20 de setembro de 2009 en Wayback Machine. George J. Annas, New England Journal of Medicine, Volume 354:2277–81 25 de maio de 2006
  22. Gould, Stephen Jay. "Evolution as Fact and Theory". Stephen Jay Gould Archive. Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2019. Consultado o 1 de xaneiro de 2019.  in Hen's Teeth and Horse's Toes. New York: W. W. Norton & Company, 1994: 253–62.
  23. "The Wedge Document" Discovery Institute, 1999.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar