Antigüidade clásica
A Antigüidade clásica é un termo amplo que abrangue un longo período de tempo nas áreas dominadas por Grecia e Roma; é dicir, identifícase co período grecorromano da Idade Antiga no mundo grecorromano: a Conca do Mediterráneo e o Oriente Próximo.
A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude das civilizacións grega e romana (século V a. C. ao século II) ou no sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a. C. ao século V d. C.). O termo oponse á Antigüidade tardía e remite á herdanza da civilización grecorromana. É, sobre todo, empregado pola historiografía anglosaxoa para describir a Antigüidade. Neste senso, considérase que este período comézase co poema grego de Homero (século VIII-VII a.C), o máis antigo atopado intacto até os nosos días. Este período abrangue o auxe do cristianismo e o declive do imperio romano e remata coa disolución da cultura clásica e o principio do período denominado Antigüidade tardía (300-600 d. C.) e da Alta Idade Media (500-1000 d.C).
A dimensión espacial coincide coa conca do Mediterráneo, espallada cara ao Oriente Próximo co Imperio de Alexandre Magno e o Helenismo, e cara a Europa Occidental co Imperio Romano. O emprego deste termo é unha referencia para a Europa dos séculos XVIII e XIX, fortemente influenciada polo clasicismo, ademais do neoclasicismo na súa cultura, reiventándose unha continuación dese pasado por medio dunha prolongación indirecta. A laxitude ao redor das ideas transmitidas polo Occidente cristián é, pois, evidente.
O termo clásico significa 'digno de imitación', e derívase da admiración pola arte, a literatura e a cultura en xeral de Grecia e Roma que se redescubre no Renacemento tras unha Idade Media cuxos valores se desprestixiaron. O mesmo aconteceu co Neoclasicismo, movemento intelectual e artístico que segue ao descubrimento das ruínas de Pompeia a mediados do século XVIII.
Tal mostra ampla de historia e territorio cobre moitos períodos e culturas dispares. Por iso, a "Antigüidade clásica" refírese máis que nada a unha visión idealizada posterior sobre o que era esa época. A civilización dos antigos gregos foi inmensamente influente na lingua, política, sistema educativo, filosofía, ciencia, arte e arquitectura no mundo moderno, volvendo durante o Renacemento na Europa occidental e rexurdindo novamente durante varios movementos neoclásicos no século XVIII e XIX.
Grecia clásica (séculos V - IV a.C)
editar- Artigo principal: Grecia clásica.
O período clásico da Grecia antiga corresponde á maior parte do século V e o IV a.C. (i.e., da caída da tiranía en Atenas en 510 a.C. ata a morte de Alexandre Magno en 323 a.C.).
En 510 a.C., tropas espartanas axudaron aos atenienses a derrocar ao seu rei, o tirano Hipias, fillo de Pisístrato. Tras o cal, Cleómenes I, rei de Esparta, puxo no seu lugar unha oligarquía prol-espartana liderada por Iságoras. As guerras médicas (499-449 a.C.), que concluíu coa Paz de Calias, tivo como consecuencia a posición dominante de Atenas na Liga de Delos, situación que levou a un conflito con Esparta e a Liga do Peloponeso. A subseguinte guerra do Peloponeso (431-404 a.C.) terminou cunha vitoria espartana e o fin do dominio ateniense.
Así, Grecia entrou ao século IV a.C. baixo unha hexemonía espartana. Pero, para 395 a.C., os gobernantes espartanos destituíron a Lisandro do seu cargo e Esparta perdeu a súa supremacía naval. Atenas, Argos, Tebas e Corinto, os dous últimos antigos aliados espartanos, desafiaron o dominio de Esparta na guerra de Corinto que tivo un fin non concluínte no 387 a.C. Logo, os xenerais tebanos Epaminondas e Pelópidas gañaron unha vitoria decisiva na batalla de Leuctra (371 a.C.). O resultado desta batalla significou o fin da supremacía espartana e o establecemento da hexemonía tebana. Tebas procurou manter a súa posición ata que, finalmente foi eclipsada polo poder crecente do Reino de Macedonia no 346 a.C.
Baixo o reinado de Filipo II (359-336 a.C.), Macedonia expandiuse aos territorios dos peonios, tracios e ilirios. O fillo de Filipo, Alexandre o Grande (356-323 a.C.) logrou estender brevemente o poder de Macedonia non só sobre os estados-cidade da Grecia central, senón tamén ao imperio persa, incluíndo Exipto e as terras orientais tan lonxe como os lindeiros coa India. Convencionalmente, o período clásico termina coa morte de Alexandre no 323 a.C. e a fragmentación do seu imperio, divido entre os Diádocos.
Período helenístico (330 a 146 a.C.)
editar- Artigo principal: Período helenístico.
- Véxase tamén: Arte helenística.
A Grecia clásica ingresou ao período helenístico co ascenso do reino de Macedonia e as conquistas de Alexandre o Grande. A koiné converteuse na lingua franca moito máis alá da Grecia mesma, e a cultura helenística interactuou coas culturas de Persia, Asia central, India e Exipto. Realizáronse avances significativos nas ciencias (xeografía, astronomía, matemáticas etc.), en particular cos seguidores de Aristóteles (Aristotelismo).
O período helenístico terminou co ascenso da República romana a un poder suprarrexional no século II a.C. e coa consecuente conquista de Grecia en 146 a.C.
República romana (séculos V-I a.C.)
editar- Artigos principais: República romana e Cultura da antiga Roma.
O período republicano da Roma antiga comezou co derrocamento da monarquía romana 509 a.C. e durou máis de 450 anos ata a súa subversión, por medio dunha serie de guerras civís, nun principado como forma de goberno e o período imperial. Durante o medio milenio da república, Roma emerxeu de ser un poder rexional no Latium a unha forza dominante en Italia e máis aló. A unificación de Italia baixo a hexemonía romana foi un proceso gradual, provocado por unha serie de conflitos no século IV e III: as guerras samnitas, guerras latinas e guerras pírricas. A vitoria romana nas guerras púnicas e nas guerras macedónicas estableceron a Roma como un poder suprarrexional para o século II a.C., seguida pola adquisición de Grecia e Asia Menor. Este incremento tremendo de poder foi acompañado por inestabilidade política e malestar social, factores que levaron á conxuración de Catilina, a guerra social e o primeiro triunvirato. Como resultado, a república romana transformouse no imperio romano na última metade do primeiro século a.C.
A Antiga Roma contribuíu grandemente co desenvolvemento do dereito, a guerra, a arte, a literatura, a arquitectura e a linguaxe en Occidente; e a súa historia continúa tendo grande influencia no mundo actual.
Imperio romano (século I a.C. ao século V d.C.)
editar- Artigo principal: Imperio romano.
Determinar o final preciso da república romana é unha tarefa de disputa para historiadores modernos;[1] Os cidadáns romanos desa época non se decataron que a república deixara de existir. Os "emperadores" temperáns da dinastía Xulio-Claudia mantiveron que a res publica aínda existía, aínda que baixo a protección dos seus poderes extraordinarios, e eventualmente retornaría á súa forma completamente republicana. O estado romano continuaba chamándose a si mesmo un res publica tanto tempo como o que mantivo o latín como idioma oficial.
Roma adquiriu un carácter imperial de facto desde a década de 130 a.C. coa adquisición de Galia, Iliria, Grecia e Iberia, e definitivamente coa anexión de Xudea e Asia no primeiro século a.C. Ao momento da máxima extensión do imperio baixo o mandato de Traxano (117 d.C.), Roma controlaba todo o mar Mediterráneo, así como a Galia, partes de Xermania e Britania, os Balcáns, Dacia, Asia Menor, o Cáucaso e Mesopotamia.
Culturalmente, o Imperio romano foi significativamente helenizado, pero tamén asumiu tradicións orientais sincréticas, tales como o mitraísmo, o gnosticismo e, máis particularmente, o cristianismo. O imperio comezou a declinar na crise do século III.
Véxase tamén
editarNotas
editar- ↑ O evento preciso que sinalou a transición da República romana no imperio romano é un asunto de interpretación. Algúns historiadores propuxeron a designación de Xulio César como ditador perpetuo (44 a.C.), a Batalla de Actium (2 de setembro de 31 a.C.) e a concesión de poderes extraordinarios a Octaviano por parte do Senado romano baixo o primeiro pacto (16 de xaneiro de 27 a.C.), como candidatos para converterse no evento central definitorio.
Ligazóns externas
editar- www.historiaclasica.com, blog adicado exclusivamente á historia das civilizacións antigas e clásicas