Guerras púnicas
As guerras púnicas foron guerras sostidas nos séculos III e II a. C. entre Roma e Cartago. A causa foi a competencia económica e militar da emerxente Roma coa potencia marítima hexemónica no Mediterráneo occidental e central dos cartaxineses.
Primeira guerra púnica
editar- Artigo principal: Primeira guerra púnica.
Transcorre en Sicilia, entre o 264 e o 241 a. C. A escusa foi a axuda romana ós mamertinos, donos de Mesina en Sicilia, na súa loita contra Hierón de Siracusa, aliado de Cartago. As lexións romanas vencen ao exército mercenario cartaxinés dirixido por Amílcar Barca nunha guerra principalmente centrada nas batallas navais, rematando coa potencia marítima hexemónica dos cartaxineses dos últimos séculos na batalla das illas Egadas. Como resultado da vitoria militar Roma obtén Sicilia, Córsega e Sardeña.
Segunda guerra púnica
editar- Artigo principal: Segunda guerra púnica.
Tras a primeira guerra púnica Amílcar Barca toma a decisión estratéxica de estender a área de influencia cartaxinesa á Península Ibérica para centrar outros posíbeis enfrontamentos con Roma lonxe do mar, unha prematura morte nun enfrontamento cos Iberos leva a asumir o mando do protectorado cartaxinés a Aníbal Barca. Debido a gran riqueza da península Cartago experimenta unha rápida recuperación da derrota, o que leva a desconfianza ao senado romano. Quen, rompendo o acordo de non agresión polo que se establecía que ao sur do río Ebro era área de influencia cartaxinesa, toma baixo á súa protección á cidade de Sagunt, a cal desafía a autoridade de Cartago.
Coa resposta de Aníbal atacando, sitiando e arrasando Sagunto, desátase a segunda guerra púnica que se desenvolveu entre os anos 218 e o 202 a. C. Durante esta longa guerra Aníbal despois de arrasar Sagunto atravesa os Pireneos e Alpes derrotando aos exércitos consulares que se envían para detelo nas batallas de Tesino e Trebia, derrota ao cónsul Flaminio xunto o lago Trasimeno. Un dos puntos álxidos da contenda é a que se coñece como unha dos fitos máis importantes da historia da estratexia militar, a batalla de Cannas onde un exército cartaxinés canso despois do periplo dende a Península Ibérica se enfronta a un exército romano totalmente fresco tres veces superior, vencéndoo e case exterminándoo cunha estratexia envolvente e facendo uso dunha cabalaría moi superior á romana.
Nos seguintes anos levará a cabo unha campaña para tentar sublevar ás tribos itálicas contra Roma con desigual fortuna, sendo o máis salientábel a deserción de Capua, pero o tempo desgástao e Roma desvía o lugar da loita a Península Ibérica onde Publio Cornelio Escipión derrota aos exércitos cartaxineses moi superiores e conquista o protectorado cartaxinés. Nun intento desesperado os irmáns de Aníbal, Asdrúbal e Magón tentan chegar a territorio itálico con reforzos para afrontar o asedio de Roma pero son derrotados e ambos rematan morrendo na contenda.
Como último paso Escipión afronta a invasión de África para afastar a Aníbal de Roma, táctica exitosa ao reclamar Cartago a axuda do xeneral bárcida, xa en territorio púnico e rotas unhas infrutuosas negociacións desátase a batalla de Zama (202 a.C.) na que Aníbal cun exército maior ao romano pero moito menos experimentado e en inferioridade na cabalaría se enfronta a un mozo Escipión que logra contrarrestar os elefantes nunha gran vitoria romana que supón o fin do imperio púnico e o nacemento do grande Imperio Romano que chegará a dominar todo o mediterráneo. Nesta batalla Publio Cornelio Escipión recibe o cognomen de Africanus.
Terceira guerra púnica
editar- Artigo principal: Terceira guerra púnica.
Os cartaxineses tras un período de leve florecemento pagan as débedas de guerra que contraeran con Roma e, a pesar da necesidade de Aníbal de exiliarse, reármanse para facer fronte aos ataques do rei de Numidia. Roma temendo unha repunta do poderío militar púnico e seguindo a política de Catón (Delenda est Carthago), comeza no ano 149 a. C. un asedio que durará tres anos con Escipión Emiliano, fillo de Publio Cornelio Escipión, á fronte. O resultado é que a cidade e Cartago outrora cidade máis poderosa do mediterráneo é arrasada e convértese en provincia romana.