Primeira guerra púnica
A primeira guerra púnica foi un conflito trabado entre -264 e -241 que opuxo Cartago á República de Roma, as maiores potencias da rexión do Mediterráneo da época. Foi a primeira de tres guerras entre os dous pobos, todas vencidas polos romanos. As baixas e consecuencias económicas do enfrontamento foron moi altas para ambas as partes.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Antecedentes
editarA mediados do século -III, Roma era xa unha forza militar que dominaba toda a Península itálica, mediante guerra ou por alianzas con outras cidades, coma as cidades da Magna Grecia, colonias gregas na península italiana, sendo Taranto a máis importante, que se renderon a Roma tralo fracaso da guerra coa que Pirro, rei de Epiro, prestou axuda ás cidades de influencia grega.
Cartago era unha potencia comercial e marítima no Mediterráneo, con portos no norte de África, Península Ibérica e Sicilia. A cidade púnica e Siracusa tiñan unha rivalidade histórica pola proximidade e pola pretensión de ambas de dominar Sicilia.
En -288, unha compañía de mercenarios itálicos que loitara por Siracusa contra Cartago, os mamertinos, atacou a cidade de Messina, ata entón en poder de Siracusa, matando todos os homes e facendo das mulleres as súas esposas. Os mamertinos dominaron o Estreito de Messina que separa o sur de Italia da illa, dominando algunhas das rutas comerciais máis importantes da rexión. O éxito da ocupación incentivou unha rebelión semellante na cidade romana de Rhegium, na outra beira do Estreito de Messina que só foi controlada dez anos despois, en -270.
Asumindo o poder de Siracusa en -270, Hierón II decidiu reconquistar Messina e cercou a cidade. Acuados, os mamertinos pediron axuda asemade a Roma e a Cartago. Cartago viu no pedido de axuda unha oportunidade de prexudicar a Siracusa e aumentar o seu poder en Sicilia e así respondeu enviando tropas.
A pesar dos mamertinos seren itálicos, os romanos quedaron dubitativos a axudalos contra Siracusa, sobre todo por sufriren en Rhegium un conflito semellante contra mercenarios, pero temían un aumento do poder de Cartago na súa veciñanza.
Cando Roma decidiu axudar os mamertinos, Cartago xa dominaba Messina, pero os mercenarios preferiron entregar o poder aos romanos. Enfurecida, Cartago aliouse a Hierón contra a nova ameaza ao seu poder en Sicilia: os romanos.
Dunha guerra que tiña que ver co control dunha cidade nas mans de mercenarios, pasouse a un conflito entre as maiores forzas da rexión do Mediterráneo.
Os combates
editarOs primeiros combates en Sicilia
editarA pesar de estaren cercados por dous fortes inimigos, os romanos comandados polo cónsul Apio Claudio atacaron e venceron primeiro as tropas de Siracusa, e logo as de Cartago, forzándoas a abandonaren e fuxiren en desorde. Co éxito e a ida de novas tropas baixo mando do novo cónsul Manio Valerio Mesala os romanos atacaron e cercaron Siracusa, forzando a Hierón a cambiar de perfil no conflito, aliándose Roma contra Cartago en -263.
Coa situación desfavorábel, Cartago pasou a utilizar exércitos mercenarios e concentrou a súa forza na cidade de Agrigento, principal cidade de Sicilia so o seu dominio. En -262 Roma comezou un gran e lento cerco á cidade. Aníbal Grisco, o comandante das tropas cercadas, pediu reforzos e mantementos a Cartago e Hannón foi enviado con tropas e elefantes para axudalo. Hannón conseguiu significativas vitorias atacando as liñas de auxilios do exército romano, pero debido á situación e fame e desercións nas tropas de Grisco que continuaban cercadas, Hannón tivo que partir para unha batalla contra as tropas principais de Roma. A batalla de Agrigento terminou con vitoria dos romanos, a pesar de que Grisco conseguiu fuxir coa maior parte das súas tropas, abandonando a cidade aos inimigos.
Primeiras batallas navais
editarTrala vitoria en Agrigento, Roma pasou a controlar gran parte do territorio de Sicilia, porén Cartago continuaba a dominar os mares, atacando as cidades costeiras aliadas a Roma e dificultando a chegada de reforzos e auxilios. Con iso Roma decidiu empezar a producir unha frota marítima.
Ata o principio da guerra Roma non posuía ningunha experiencia naval, pero coa axuda das cidades gregas so o seu dominio, Roma produciu unha frota de 100 quinqueremes e 20 trirremes, a partir de barcos capturados de Cartago.
A primeira batalla naval foi trabada próxima ás illas Lípari e rematou coa derrota das inexpertas forzas romanas. Pouco despois nunha batalla maior (Batalla de Mylae) os romanos acadaron a súa primeira vitoria naval, baixo o mando do cónsul Gaio Duilio, que pasou a ser considerado coma un heroe en Roma. Esa e as demais vitorias romanas na fase inicial da guerra débense en gran parte a un novo dispositivo que pasou a equipar os barcos romanos: o corvus. O corvus era unha especie de ponte que os romanos prendían nos barcos inimigos ao achegárense, e así tomaban o barco, utilizando a súa superioridade no combate home a home. Con esa táctica Roma acabou co dominio marítimo de Cartago, vencendo nas batallas de Sulci (-258) e Tyndaris (-257).
En -256 unha gran forza con preto de 330 barcos foi montada so o mando dos cónsules Marco Atilio Régulo e Lucio Manlio Vulso para invadir o Norte de África. Cartago, consciente desta ameaza, enviou a súa frota para impedir o ataque. Os xenerais Hannón e Hamílcar (coñecidos polas súas accións en Agrigento e Paropus) foron postos ao mando da frota de Cartago. Cando esas dúas forzas se enfrontaron ao sueste de Sicilia na batalla de Ecnomo, a maior batalla naval da antigüidade, a frota romana saíu vitoriosa, podendo seguir para atacaren os territorios de Cartago na África.
Combates na África
editarTrala batalla gran parte da forza romana volveu con Lucio para Roma ou para Sicilia, deixando a Régulo con 15 mil homes na África. Régulo avanzou atacando cidades menores. Cartago mandou un exército para afrontalo cando cercaba Adys. A batalla de Adys foi gañada polos romanos, o que fixo que Cartago tentase un acordo de paz cos invasores. Porén as condicións impostas polos romanos foron tan severas que o acordo non foi concretado.
Sen acordo Cartago contratou o xeneral mercenario espartano Xantipo para organizar a súa defensa contra as lexións romanas. Xantipo enfrontouse a Régulo na batalla de Tunis, onde os romanos sufriron unha pesada derrota.
Ao saber da derrota en Tunis, Roma enviou a súa frota para rescatar os sobreviventes. Cartago tentou impedilo, pero foi derrotada na batalla naval de Hermaeum. Porén, no retorno a Sicilia, unha tempestade destruíu a maior parte desa frota (case 300 barcos destruídos).
Debido á traxedia, Roma tivo que construír unha nova frota decontado. Esa frota foi mandada para Sicilia, onde conquistou a cidade de Panormo, a máis importante baixo o dominio de Cartago.
Trala vitoria, parte da frota foi para África, onde atacou algunhas cidades, pero no retorno foi novamente sorprendida por tempestades, perdendo preto de 150 barcos.
Cerco a Lilibeo
editarTras algúns anos sen maiores batallas, Cartago tentou reconquistar Panormus, pero foi derrotada. A vitoria reanimou e encoraxou as forzas de Roma que acabara de reconstruír a súa frota. Roma cercou por terra e por mar a derradeira cidade de Cartago en Sicilia: Lilybaeum. Cartago mandou reforzos á cidade, que so mando de Himilcón viña conseguindo defenderse.
A frota de Cartago baixo mando do almirante Aderbal atopábase próxima e pese ao cerco, viña conseguindo enviar auxilios á cidade.
Para terminar con ese problema, o cónsul Publio Claudio Pulcro decide atacar a frota inimiga por sorpresa, pero o ataque é un fracaso completo, volvéndose a maior derrota naval dos romanos na guerra. Pouco despois o resto da frota romana que non participara na batalla é destruída por tempestades mentres tentaba cercar a frota de Aderbal. Após iso Cartago volveu a ter o dominio marítimo na guerra e Roma quedou moitos anos sen poder construír unha nova frota.
En terra, o cerco a Lilybaeum e a base naval de Drepana continuou, pero sen maiores avances.
Asustada co rumbo que a guerra estaba tomando, Roma nomea a Aulo Atilio Caiatino ditador.
En -247 Amílcar Barca, pai de Aníbal Barca, converteuse en comandante das forzas de Cartago e comezou a aproveitar o dominio marítimo para atacar cidades costeiras no Sur de Italia. No mesmo ano el estabeleceuse co seu exército preto de Panormus, en medio do territorio inimigo. De alá os seus ataques a cidades italianas estendéronse ata Cumas e, grazas a eses ataques, el conseguía auxilios para as súas tropas, xa que a esa altura da guerra a economía de Cartago, e ata mesmo de Roma, estaban quebrantadas dabondo. A pesar das constantes ataques, o seu exército non só atinxiu defenderse, senón que avanzou cara ao Monte Eryx (Monte San Giuliano).
A nova frota de Roma
editarDebido á dificultade enfrontada na guerra en terra contra Amílcar, Roma volveu a construír unha frota, pretendendo acabar coa chegada de auxilios por mar ás tropas de Cartago en Sicilia.
Como o Estado non tiña máis remedio que pagar esa nova frota, foi custeada polos cidadáns ricos que se organizaron en pequenos grupos, construíndo cadanseu barco. Así Roma, mesmo desfalecida pola guerra que xa se estendía por máis de 20 anos, atinxiu unha nova frota de 200 barcos.
En -242 a nova frota foi mandada para as proximidades de Lilibeo. Ao saber da inesperada forza naval romana, Cartago mandou a súa frota con auxilios esperando que chegase á base de Amílcar, onde embarcarían os expertos mariñeiros baixo o seu mando. Así e todo, a frota foi avistada o que resultou na batalla das Illas Aegates (Illas Égadi), gañada polos romanos. A cidade de Lilibeo acabou dominada, restando en Sicilia só a base de Amílcar, illada e sen auxilios que chegaban por mar.
Cartago, sen recursos para intentar calquera manobra na guerra, aceptou a derrota e, so o mando de Amílcar, negociou un tratado de paz con Roma, poñendo fin á guerra.
Consecuencias
editarRoma gañou a Primeira Guerra Púnica tras 23 anos do conflito e substituíu a Cartago como poder naval dominante de Mediterráneo. Na fin da guerra, ambos os estados estaban esgotados financeira e demograficamente.
Para determinar as fronteiras finais dos seus territorios, fixeron unha liña recta a través de mediterráneo. Hispania, Córsega, Sardeña e África permaneceron con Cartago. Todo ao norte desa liña foi incorporado por Roma. A vitoria de Roma foi influenciada extremadamente pola súa escusa persistente a admitir a derrota e aceptando soamente a vitoria total. Ademais, a habilidade da república de atraer investimentos privados no esforzo de guerra, usando o patriotismo dos seus cidadáns para pagar barcos e tripulación, foi un dos factores decisivos na guerra, sobre todo cando o comparamos coa desatención aparente da nobreza de Cartago en arriscar as súas fortunas para o ben común. A fin da primeira guerra púnica resultou tamén no nacemento oficial da mariña romana, que no futuro proporcionou a expansión do Imperio Romano.
Termos de Paz
editarOs termos da paz proxectados polos romanos eran particularmente pesados contra Cartago, que non estaba en posición de negociar. Foron impostos a Cartago:
- Evacuar Sicilia.
- Liberar os seus prisioneiros de guerra sen rescate, pero pagar rescates para que os seus fosen liberados.
- Non atacar Siracusa e aliados.
- Transferir a Roma un grupo de pequenas illas ao Norte de Sicilia.
- Evacuar todas as pequenas illas entre Sicilia e África.
- Pagar unha indemnización de 2200 talentos en dez prestacións anuais, máis unha indemnización adicional de 1000 talentos inmediatamente.
Outras cláusulas determinaban que os aliados de cada lado non serían atacados polos do outro e a ambos os dous lados lles foi prohibido levantaren tropas dentro do territorio do outro. Isto impedía a Cartago usar forzas mercenarias romanas.
Perdas no conflito
editarO número de vítimas de cada lado é sempre difícil de determinar precisamente, debido á parcialidade nas fontes históricas, dirixidas normalmente a realzar o valor de Roma. Porén, considerando que (excluíndo vítimas da guerra terrestre):
- Roma perdeu 700 barcos (sobre todo debido ao mal tempo e aos líderes incompetentes) e polo menos parte das súas tripulacións.
- Cartago perdeu 500 barcos e polo menos parte das súas tripulacións.
- Cada barco tiña aproximadamente 100 homes.
Chégase á conclusión que, aínda que incertas, as vítimas eran definitivamente pesadas para ambos os lados. O historiador Polibio comentou que a guerra foi, ata entón, a máis destrutiva en termos de vítimas na historia das guerras, incluíndo as batallas de Alexandre o Grande, o que pode dar unha idea da dimensión do conflito. Ollando os datos do censo romano do século III a. de C., Adrian Goldsworthy notou que, durante o conflito, Roma perdeu aproximadamente 50.000 cidadáns. Isto exclúe tropas auxiliares e os homes no exército sen status de cidadán, que estarían fóra do cómputo principal.
Cartago trala guerra
editarTrala guerra, Cartago non tiña practicamente cartos e non puido sequera pagar os exércitos mercenarios mobilizados. Isto conduciu a un conflito interno, a Revolta dos Mercenarios, gañada tras duro esforzo por Amílcar Barca. Quizais o resultado político máis inmediato da primeira guerra púnica foi a caída de Cartago como un poder naval principal. As condicións asinadas no tratado da paz comprometeran a situación económica de Cartago e impediron a recuperación da cidade. A indemnización esixida polos romanos causou unha tensión adicional nas finanzas, forzando a cidade a mirar para outras áreas de influencia para obter o diñeiro para pagar a Roma. Iso resultou nunha ocupación cada vez máis agresiva nas colonias de Hispania, o que máis tarde causou a segunda guerra púnica.
Unha comparación interesante pode ser feita coa política da Alemaña trala derrota na primeira guerra mundial. O tratado de Versalles levou á crise económica e por consecuencia a segunda guerra mundial.
Para Roma, a fin da primeira guerra púnica marcou o principio da expansión ademais da península italiana. Sicilia transformouse na primeira provincia romana gobernada por un pretor, en vez dun aliado. Sicilia tornaríase moi importante para Roma como fonte de gran. En -238 Roma anexionou Sardeña como outra provincia e Córsega como mero territorio (ambos os dous perdidos por Cartago).
Cronoloxía
editar- -264 – Os mamertinos piden axuda Roma e Cartago para soportaren os ataques de Hierón II de Siracusa. Ambas as cidades responden ao pedido.
- -263 – Hierón II é derrotado polo cónsul Manio Valerio Mesala; Siracusa vólvese aliada de Roma.
- -262 – Empeza a intervención romana contra a ocupación cartaxinesa de Sicilia; comezo do cerco de Agrigento.
- -261 – Batalla de Agrigento, que remata nunha vitoria de Roma; os romanos deciden construír unha mariña de guerra para ameazaren o poderío naval de Cartago.
- -260 – O primeiro encontro nos mares (Batalla de Lípari) é un desastre para Roma; pouco despois, o cónsul Gaio Duilio gaña a batalla de Mylae e vólvese heroe nacional.
- -259 – A guerra en terra esténdese á Sardeña e Córsega.
- -258 – Batalla naval de Sulci: vitoria romana
- -257 – Batalla naval de Tyndaris: vitoria romana
- -256 – Roma intenta invadir o territorio de Cartago no Norte de África. A mariña cartaxinesa intenta interceptar a frota de transportes, pero é derrotada na batalla de Ecnomo. As tropas romanas desembarcan e conseguen unha primeira vitoria na batalla de Adys. Desenvólvense negociacións de paz, que resultan infrutíferas. A guerra continúa.
- -255 – Cartago contrata o xeneral Espartano Xantipo para organizar a defensa da cidade; o xeneral obtén éxito e derrota os romanos na batalla de Tunes. Os sobreviventes son evacuados a Roma, mais a frota onde son transportados é destruída por unha tempestade.
- -254 – Roma constrúe unha nova frota de 140 barcos de guerra.
- -253 – Os romanos organizan varios ataques a cidades cartaxinesas en África. Despois dun éxito moderado, voltan a casa e a frota é novamente destruída polas condicións meteorolóxicas.
- -251 – Comezo do cerco de Lilibeo.
- -249 – Cartago vence na batalla de Drepana (a súa única vitoria naval) e pon fin ao peche de Lilibeo. No mesmo ano Amílcar Barca consegue importantes vitorias en Sicilia. Roma nomea un ditador para soportar a situación, que será Aulo Atilio Caiatino.
- -248 - -242 – Combates esporádicos en Sicilia; Roma constrúe unha nova frota en -242.
- -241 – O 10 de marzo ocorre a batalla das Illas Aegates (Illas Égadi); a vitoria romana é decisiva e pon fin ao conflito, obrigando a Cartago a aceptar condicións de paz.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Primeira guerra púnica |
Ligazóns externas
editar- As Historias, de Políbio Colectánea sobre a historia romana escrito por Políbio (inglés).
- Roman Empire Site sobre a historia de Roma antiga (inglés)