Militar

membro das forzas armadas

Un militar[1] é un membro dunha organización autorizada a usar a forza, xeralmente incluíndo o uso de armas de fogo, na defensa do seu país a través da loita real ou de ameazas. Como adxectivo, o termo "militar" tamén é usado para se referir a calquera propiedade ou aspecto desas organizacións. As organizacións militares funcionan moitas veces como unha sociedade no seo das sociedades, tendo as súas propias comunidades militares, economía, educación, medicina, xustiza, normas e outros aspectos de funcionamento diverxentes dos da sociedade civil.

Desfile militar en Alemaña.

Etimoloxía

editar

Militar provén do latín militarius, de miles (xenitivo militis) = 'soldado'.

Historia

editar

A figura do guerreiro xa está presente na prehistoria, no inicio das sociedades humanas, así como os enfrontamentos entre grupos de humanos, inicialmente provocados dentro dun contexto cara á loita pola supervivencia. Ao comezo nas sociedades recolleitoras-cazadoras todo membro do clan era partícipe da defensa deste. Con todo, a medida que evoluciona o ser humano, as sociedades que forma tamén evolucionan e aparece a especialización de tarefas e a diferenciación entre os diferentes individuos que o integran, formándose deste xeito as diferentes castes ou clases sociais. De entre estas, a caste guerreira ou militar, estivo, normalmente, situada dentro das clases dominantes da sociedade, debido ás, principalmente, necesidades de defensa, ou supervivencia da sociedade da cal forman parte.

A pesar de que é bastante discutido cando apareceron as primeiras guerras, é moi probable que estas fosen froito da especialización dos diferentes grupos de humanos na aparición da agricultura, feito que creou unha primeira división entre grupos agricultores e cazadores, sendo os primeiros sedentarios e os segundos nómades. En períodos de fame é moi probable que os grupos cazadores atacasen os poboados de agricultores, facendo que estes últimos se tivesen que organizar para a defensa. Deste xeito, é nas sociedades agricultoras onde a división de tarefas e as divisións sociais comezan a facerse patentes, cando aparece a figura do soldado.

Os restos arqueolóxicos máis antigas que se teñen dunha batalla están datados entre 12.000-14.000 anos de antigüidade, no Nilo sudanés (nunha área nomeada cemiterio 117), lugar no cal se atoparon gran número de corpos, moitos dos cales presentan puntas de frecha incrustadas.

Moito do que coñecemos da historia antiga fai referencia a feitos militares: conquistas, movementos e innovacións tecnolóxicas. Hai moitas razóns que explican este feito; na antigüidade déronse moitos reinos e imperios a raíz dos cales se asentaba no poder militar e a forza. As armas e armaduras son deseñadas para ser robustas e duradeiras, e fabricadas en gran número, motivo polo cal moitos restos recuperados son deste tipo. Cando se inventou a escritura esta foi empregada polos reis para describir a súa grandeza incidindo nas súas conquistas e vitorias. Así mesmo os escritos da xente común tamén tenden a describir éxitos e fracasos militares. Canto maior fose a batalla e a conquista, máis probable era que se fixese un relato, como, por exemplo, os poemas de Homero respecto da Guerra de Troia, ou ben cancións ou obras de arte.

En Europa considérase que o primeiro exército profesional estable que se constituíu fíxose no Imperio Romano, coas formacións das Lexións (o termo latino legio significa leva); ata aquel momento, os exércitos eran inestables, formábanse para campañas particulares, e non había militares profesionais, senón persoas recrutadas voluntariamente ou á forza, que despois do final da campaña eran retidas ou eran soltadas.

Pero o militar, entendido como a persoa que fai da milicia a súa profesión, xurdiu en Europa durante o Renacemento, coa aparición dos exércitos profesionais ao servizo dos novos estados modernos, consolidándose durante os séculos XVII e XVIII. A posterior creación das escolas militares fixo que o exercicio das armas tomase un aire netamente profesional.

Historia militar

editar
 
Soldados americanos patrullando en Iraq.
 
Mariñeiros franceses.
Artigo principal: Historia militar.

A miúdo, considérase como historia militar á historia de todos os conflitos, non soamente a historia dos estados militares. A diferenza respecto da historia da guerra radica en que a historia militar céntrase máis nas persoas e as institucións, mentres que a historia da guerra trata a evolución da guerra en si mesma, vista como evolución en tecnoloxía, gobernos e xeografía. A historia militar ten unha serie de propósitos, entre eles por exemplo aprender de situacións e erros do pasado para poder realizar un labor bélico máis efectivo no futuro, crear un sentimento de tradición militar para crear forzas militares cohesionadas ou aprender a previr a guerra dunha forma eficaz. O coñecemento humano en materia militar baséase amplamente na historia oral e escrita dos conflitos militares, os exércitos e armadas participantes, e máis recentemente, as forzas aéreas.

Os historiadores profesionais normalmente concéntranse nos feitos militares que tiveron un maior impacto nas sociedades que se viron envoltas, mentres que os historiadores afeccionados prestan máis atención a detalles das batallas, equipamento ou uniformes. Os historiadores encárganse de narrar estes acontecementos, mediante escritos ou outras formas.[2]

Tecnoloxía militar

editar
Artigos principais: Loxística e Napoleón.
 
Punta de frecha. Bronce, século V aC. Atopada en Olint, Península Calcídica.

Igualmente a outras moitas ocupacións, desde os tempos antigos os militares distinguíronse doutros membros da sociedade polas súas ferramentas, as armas militares e equipamento militar utilizado en combate. Cando na idade de pedra os humanos tomaron un anaco de pedra para afiar unha lanza, foi o primeiro exemplo de investigación tecnolóxica aplicada para mellorar unha arma.

Desde entón, os adiantos das sociedades humanas e o das armas estiveron irremediablemente vinculados. As armas de pedra deron paso ás da idade de bronce, e máis tarde ás da idade de ferro. Con cada cambio tecnolóxico deuse un certo aumento tanxible na capacidade militar, tal como unha maior eficacia ao penetrar as armaduras de coiro, ou unha mellora de densidade dos materiais utilizados na fabricación de armas.

En canto á guerra terrestre o primeiro avance tecnolóxico importante foi o desenvolvemento das armas de proxectil, e en particular da fonda. O seguinte adianto significativo chegou coa domesticación do cabalo e o dominio da equitación.

 
Cabaleiro dacabalo, con armadura. As armaduras e a cabalaría dominaron os campos de batalla ata a invención das armas de fogo.

Posiblemente o máis grande invento que non só afectou os militares, senón a toda a sociedade, despois da adopción de lume, foi o da roda, e a súa utilización na construción do carro. Non houbo adiantos na tecnoloxía militar, desde a simple acción do brazo mecánico dunha fonda, ata o desenvolvemento da máquina de asedio, polos gregos, exipcios, romanos, persas, ou chineses. O arco fabricouse en versións cada vez máis grandes e potentes para aumentar tanto o alcance das armas como o rendemento de penetración de armaduras. Creáronse os poderosos arcos compostos e as béstas da antiga China. Estes resultaron particularmente útiles durante a aparición da cabalaría, encaixada nunhas cada vez máis sofisticadas armaduras, dominando o campo de batalla.

Un pouco antes na China medieval, fora inventado o canón, e utilízase cada vez máis no combate. O uso da pólvora nos primeiros morteiros de vaso en Europa e versións avanzadas de arco longo e a bésta, todos os cales tiñan puntas de frecha co poder de perforar armaduras, puxeron fin á dominación do cabaleiro armado. Despois do arco longo, que require grande habilidade e forza para usarse, o seguinte avance tecnolóxico máis importante foi o mosquete, que podía ser utilizado con eficacia con pouco adestramento. Co tempo, os sucesores dos mosquetes e o canón, en forma de rifles e de artillaría, converteríanse no núcleo da tecnoloxía do campo de batalla.

A medida que a velocidade dos adiantos tecnolóxicos acelerouse en aplicacións civís, tamén a guerra fíxose máis industrializada. A nova invención da metralladora e do fusil de repetición redefiniu o concepto de potencia de fogo no campo de batalla e, en parte, explica as altas taxas de vítimas da guerra civil americana. O seguinte avance foi a conversión dos parques de artillaría desde as armas de avancarga a armas de retro carga.

O desenvolvemento da retro carga tivo o seu maior efecto sobre a guerra naval, posto que por primeira vez desde a Idade Media alterouse a forma en que as armas se montaban nos barcos, e por tanto cambiaron as tácticas navais, atendida a menor dependencia das velas coa invención da combustión interna. Outro avance na tecnoloxía naval militar foi o deseño do submarino e a súa arma, o torpedo.

Os carros de combate e outros equipos pesados, por exemplo os AFV, avións de guerra e barcos son característicos das forzas militares organizadas.

Durante a primeira guerra mundial a necesidade de romper o estancamento das trincheiras provocou o rápido desenvolvemento de moitas novas tecnoloxías, en particular dos tanques e da aviación militar. A aviación foi amplamente utilizada, e en particular os bombardeiros durante a segunda guerra mundial, que marcou o período máis frenético de desenvolvemento de armas da historia. Moitos novos deseños e conceptos foron utilizados en combate, e todas as tecnoloxías existentes melloráronse significativamente entre 1939 e 1945.

Durante a guerra fixéronse adiantos significativos en comunicación militar a través do uso da radio, en intelixencia militar mediante o uso do radar, e en medicina militar mediante o uso da penicilina, mentres que no aire observáronse por primeira vez mísils, avións a reacción e helicópteros. Quizais a máis famosa de todas as tecnoloxías militares foi a creación da bomba atómica, aínda que os efectos da radiación permaneceron descoñecidos ata a década de 1950. O moi elevado uso de vehículos militares finalmente eliminou a cabalaría da estrutura do exército.

 
Un mísil aire aire AIM-7 Sparrow de medio alcance, tirado desde un F-15 Eagle

Despois da segunda guerra mundial, co inicio da guerra fría, o constante desenvolvemento tecnolóxico de novas armas foi institucionalizado, con varios estados comprometidos nunha constante carreira armamentista no desenvolvemento de novas capacidades para a guerra. Este constante estado de desenvolvemento de armas continúa actualmente, e segue sendo unha sangría constante dos recursos nacionais, en parte debido ao chamado complexo militar e industrial.

Os adiantos tecnolóxicos máis importantes que influíron no combate foron os mísiles guiados que son utilizados por tódolos servizos. Máis recentemente, a tecnoloxía da información e o seu uso na vixilancia, incluídos os sistemas de recoñecemento baseados no espazo, exerceron un papel cada vez máis grande nas operacións militares.

O impacto da guerra da información, que se centra en atacar os sistemas de comunicacións de mando e bases militares uniuse ao novo desenvolvemento na tecnoloxía militar, no uso de sistemas robóticos no combate de intelixencia, tanto en aplicacións de hardware e software.

Recentemente, tamén houbo un enfoque particular cara ao uso de combustibles renovables para facer funcionar vehículos militares. A diferenza dos combustibles fósiles, os combustibles renovables pódense producir en calquera país, cousa que é unha vantaxe estratéxica. O exército dos Estados Unidos xa se comprometeu a que o 50% do seu consumo de enerxía proveña de fontes alternativas.[3]

Os MIRV, os ICBM e a Bomba Tsar considéranse as armas máis destrutivas nunca inventadas.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para militar.
  2. JSR Group. Military-challenge.com, ed. "VOS Military Lapel Pins by Jewelry Designers Resource Center". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2016. Consultado o 2012-08-17. 
  3. Craig Hooper. Nextnavy.com, ed. "Ray Mabus greening the military". Consultado o 22 de maio de 2012.  (en inglés)

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar