Canón (arma)

peza de artillaría

Canón é a denominación xeral do tubo das armas de fogo por onde sae o proxectil. Porén, o termo adoita referirse a unha determinada peza de artillaría para disparar proxectís pesados dotada de rodas para o seu transporte ou desprazamento que pode ser de diversas formas e calibres segundo a época e a finalidade[1]

Canón na Fortaleza do Castro, en Vigo.

O canón usa pólvora ou outro propelente baseado en explosivos para disparar un proxectil. Os canóns varían en calibre, alcance, mobilidade, cadencia de tiro, ángulo de disparo e potencia de fogo; os distintos tipos de canón combinan e equilibran eses atributos en distintos graos, dependendo do uso que se lle pretende dar no campo de batalla. A palabra canón deriva do aumentativo de cano por extensión do tubo polo que se dispara o proxectil.[2]

O canón ordinario permite bater albos situados dentro da vista directa do artilleiro. O canón emprégase xeralmente en carros de combate e tamén como arma anticarro, por mor que ten unha traxectoria tensa ou rasante. Para atacar albos que non están dentro do alcance da peza e que se atopan agachados tras obstáculos naturais ou defensas, utilízase o obús ou o morteiro, os cales teñen unha traxectoria curva, ou sexa, cando dispara un proxectil, este describe unha curva parabólica.

Actualmente, a maior parte das pezas artilleiras, agás as de calibres máis pequenos, son mixtas canón-obús, para poderen actuar en ambas as dúas funcións. Seguen a ser canóns puros os modelos específicos, como os que portan os carros de combate, os antitanques ou antiaéreos e os montados en barcos de guerra.

Ademais do seu uso xeneralizado na guerra, os canóns tamén se empregan para unha serie de propósitos pacíficos como no control de avalanchas.

Historia

editar

Usado por vez primeira na China, o canón atópase entre as primeiras formas de artillaría de pólvora, e co tempo substituíu as armas de asedio, entre outras formas de armamento antigo, no campo de batalla.

Idade Media

editar

O primeiro canón de ma  apareceu durante a Batalla de Ain Yalut de 1260 entre os mamelucos e os mongois en Oriente Medio. O primeiro canón en Europa foi usado probabelmente na Península Ibérica, durante a Reconquista, no século XIII, e o canón inglés foi despregado por vez primeira na Guerra dos Cen Anos, na Batalla de Crécy, en 1346. Foi durante este período, a Idade Media, cando o canón converteuse en estándar e máis efectivo nas funcións de arma contra infantaría e de asedio. Despois da Idade Media os canóns máis grandes foron abandonados en favor dun maior número de pezas máis lixeiras e maniobrábeis. Ademais, desenvolvéronse novas tecnoloxías e tácticas que converteron a maioría das defensas en obsoletas; isto levou á construción das trazas italianas, fortes especificamente deseñados para resistiren o bombardeo de artillaría e as tácticas de asedio asociadas. Aínda que estes fortes (xunto coas Torres Martello volvéronse obsoletos cando apareceron os proxectís explosivos e perforantes de blindaxe que fixeron que mesmo estas fortificacións se tornasen vulnerábeis.

Idade Moderna

editar

O canón tamén transformou a guerra naval a comezos da Idade Moderna, cando as armadas europeas aproveitaron a súa potencia de fogo. Cando o canón raiado pasou a ser algo común, a precisión do canón mellorou significativamente e fíxose máis mortífero ca nunca, especialmente para a infantaría.

Idade Contemporánea

editar

Na primeira guerra mundial, a maioría das mortes foran causada polos canóns; tamén foran amplamente usados na segunda guerra mundial. A maioría dos canóns modernos son semellantes aos empregados na segunda guerra mundial, agás nos canóns navais pesados, que foron substituídos por mísiles. En concreto, o canón automático mantívose case idéntico aos seus homólogos da segunda guerra mundial.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar