Un mísil é un proxectil autopropulsado, que pode ser guiado cara ao seu obxectivo durante toda ou parte da súa traxectoria.

Mísil Balístico Intercontinental Minuteman III.

Hainos de tamaños moi variados, dende os mísiles antitanque que poden ser lanzados por unha soa persoa ata os enormes mísiles balísticos intercontinentais.

Cargas e usos dos mísiles editar

Os mísiles son comunmente usados nas guerras xa que levan un poder destrutivo grande (polo xeral en forma de cabeza explosiva) ata un obxectivo. Amais de explosivas, os mísiles poden ter cargas químicas e biolóxicas. Ás veces os mísiles tamén levan cargas deseñadas para romper infraestruturas sen danar ás persoas. Por exemplo, na Guerra do Golfo os mísiles de cruceiro foron cargados con filamentos de grafito que levados a centrais eléctricas e estacións de distribución de enerxía provocaron curtocircuítos. Outros mísiles fan uso tan só da enerxía cinética para destruír o obxectivo co seu impacto a gran velocidade. Pero os máis devastadores son, sen ningunha dúbida, os mísiles balísticos intercontinentais con cabezas termonucleares.

Tipos de mísiles editar

Mísiles balísticos editar

 
Mísil alemán V-2.
Artigo principal: Mísil balístico.

Son mísiles que se autopropulsan só na parte inicial da súa traxectoria e que non usan a súa aerodinámica para variar o seu rumbo (porque o seu movemento está gobernado polas leis da balística). O seu primeiro precursor foi a V-2 alemá. Todos estes mísiles fan uso de motores foguete e xenericamente adoitan recibir o nome de foguetes. Acadan altitudes moito maiores cós mísiles de cruceiro polo que os reactores son menos viables, así mesmo poden carecer de calquera tipo de mecanismo de sustentación xa que todo o pulo vertical extráeno do lanzamento inicial. Estes mísiles non son estritamente mísiles guiados xa que a súa marxe de manobra está moi limitado polas características iniciais do lanzamento.

As vantaxes deste sistema son, unha maior rapidez dende o lanzamento ata o impacto e unha moito máis difícil intercepción.

Unha extensión pesada dos mísiles balísticos son os actuais foguetes espaciais que se usan para poñer cargas útiles en órbita.

Mísiles de cruceiro editar

 
Mísil de cruceiro Tomahawk.
Artigo principal: Mísil de cruceiro.

Estes mísiles propúlsanse ao longo de toda a súa traxectoria. En esencia voan coma os avións, usando ás e aleróns que lles permiten manobrar en voo. O primeiro precursor destes artefactos foi a bomba voante V-1. Actualmente distínguense varios tipos de mísiles cruceiro usados amplamente. Os mísiles de precisión de ataque a terra como os Tomahawk, os mísiles para avións aire/aire e os antibuque como o Exocet. Algúns deles utilizan motores a reacción (motores que queiman un combustible co osíxeno do aire) outros fan uso de simples motores foguete (motores que cargan con ámbolos dous propelentes) o que lles reduce o alcance pero tamén o seu tamaño facéndoos máis manexables. Esta é a necesidade dos pequenos mísiles aire/aire, por exemplo.

Hai algunhas similitudes entre os mísiles e as bombas guiadas. Unha bomba guiada, lanzada por un avión, non ten propulsión e usa a aerodinámica para voar horizontalmente e caer o máis vertical posible sobre o obxectivo.

Véxase tamén editar