Guerra
Unha guerra[1] no seu sentido estritamente técnico, é aquel conflito social en que dous o máis grupos humanos relativamente masivos, principalmente tribos, sociedades ou nacións, se enfrontan de maneira violenta mediante o uso de armas de todo tipo, en moitas ocasións con resultado de morte (individual ou colectiva) e danos materiais dunha entidade considerable.[2][3]


A guerra é a forma de conflito socio-político máis grave. É quizais a máis antiga das relacións internacionais e xa no comezo das civilizacións se constata o enfrontamento organizado de grupos humanos co propósito de controlar recursos naturais ou humanos (conflitos entre cazadores nómades e recolectores sedentarios que desenvolveron o concepto de propiedade),[4] esixir un desarme ou impor algún tipo de tributo, ideoloxía ou relixión, sometendo, despoxando e no seu caso destruíndo o inimigo, no que se podía chegar ao xenocidio. Este tipo de conduta gregaria é extensible á maior parte dos homínidos[5] e atópase estreitamente relacionado co concepto etolóxico de territorialidade.
As guerras prodúcense por múltiples causas, entre as que adoitan estar o mantemento ou o cambio de relacións de poder, dirimir disputas económicas, ideolóxicas, territoriais etc. En ciencia política e relacións internacionais, a guerra é un instrumento político, ao servizo dun estado ou outra organización con fins eminentemente políticos, xa que en caso contrario constituiría unha forma máis desorganizada aínda que igualmente violenta: o bandoleirismo por terra ou a pirataría por mar.
Segundo Richard Holmes, a guerra é unha experiencia universal que comparten todos os países e todas as culturas.[6] Segundo Sun Tzu, «a guerra é o maior conflito de estado, a base da vida e a morte, o Tao da supervivencia e a extinción. Polo tanto, é imperativo estudala profundamente». Segundo Karl von Clausewitz, a guerra é «a continuación da política por outros medios».[7]
As regras da guerra, e a existencia mesma destas, variaron moito ao longo da historia. O concepto de quen son os combatentes tamén varía co grao de organización das sociedades enfrontadas. As dúas posibilidades máis frecuentes son civís sacados da poboación xeral, xeralmente varóns novos, en caso de conflito, ou soldados profesionais formando exércitos permanentes. Tamén pode haber voluntarios e mercenarios. A combinacións de varios ou de todos estes tipos de militares son así mesmo frecuentes.
As formas de facer unha guerra dependen dos propósitos dos combatentes. Por exemplo, nas guerras romanas, que tiñan como obxectivo expandir o imperio, o obxectivo militar principal eran os combatentes da nación que se ía conquistar, para incorporar o pobo unha vez conquistado ao imperio.
En ocasións faise distinción entre conflitos armados e guerras. De acordo con este punto de vista, un conflito só sería unha guerra se os belixerantes fixeron unha declaración formal da mesma. Nunha concepción da doutrina militar dos Estados Unidos non se fai distinción ningunha, referíndose aos conflitos armados como guerras de cuarta xeración.
Entre o final da segunda guerra mundial e o ano 2010 houbo 246 enfrontamentos armados en 151 lugares do mundo.
Tipos e característicasEditar
- Unha guerra civil, coma a española ou a estadounidense, onde se loita no territorio de só un país porque as dúas faccións teñen ideoloxías distintas;
- Unha guerra mundial, cada unha das dúas guerras internacionais que se produciron nos períodos de 1914-1917 e 1942-1945. Tiveron coma referente histórico común a loita entre Alemaña xunto cos seus aliados fronte a outro grupo de países (entre eles Francia e Reino Unido), xa que houbo países que modificaron as súas alianzas ou entraron ou non se inmisciron na segunda (EEUU). Con todo, a segunda tivo unha escala mundial pois, ademais do Xapón, entraron na guerra países coma o Brasil ou Australia;
- A guerra fría, que foi a tensión militar e escalada armamentística latente que enfrontou ó bloque comunista do Comecon cos países da OTAN trala segunda guerra mundial, chegando á máxima crispación coas guerras de Corea, Vietnam e, en Cuba, a errada invasión da baía de Cochinos en 1961 e a crise dos mísiles de 1962;
- Unha guerra de revolución, normalmente de orientación política de esquerdas ou independentista, sendo as máis importantes a revolución rusa ou soviética de 1917, a cubana, a chinesa, a iraniana ou as guerras de descolonización;
Datos numéricosEditar
- A guerra máis breve que se coñece é a que se declarou entre Gran Bretaña e Zanzíbar o 27 de agosto de 1896; segundo os rexistros, durou 38 minutos.[8]
- A guerra máis longa foi a guerra dos Cen Anos que durou 116 anos. Ademais, as cruzadas foron unha serie de batallas que duraron preto de 200 anos e a chamada guerra de Arauco foi unha serie interrompida de batallas que durou 300 anos con longos períodos de tregua.[8]
- A guerra máis sanguenta polo número de mortos foi a segunda guerra mundial, con máis de 60 millóns de falecidos por unha ou outra causa. Porén, a guerra da Tripla Alianza seríao en relación á aniquilación dunha poboación nacional organizada (a poboación paraguaia descendeu de 1 400 000 a 220 000, quedando só uns 30 000 varóns en idade fértil).[8]
- A segunda guerra mundial tamén foi a guerra máis custosa economicamente.[8]
- As guerras que máis continentes, territorios e países abrangueron en todo o mundo foron a primeira e a segunda guerra mundial.[8]
NotasEditar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para guerra.
- ↑ Reinel Sánchez, José (marzo de 2004). "Una respuesta a la pregunta "¿Qué es la guerra?"" (PDF). Aposta - Revista de Ciencias Sociales (6): 18. Consultado o 9 de outubro de 2016.
- ↑ Arabia Zúñiga, Ana María (2009). Nociones de la Guerra Internacional, del concepto clásico de la guerra a los conflictos de baja intensidad. Caso de estudio: guerra contra el terrorismo internacional en Afganistán (PDF) (en castelán). Universidad Colegio Mayor de Nuestra Señora del Rosario- Facultad de Relaciones Internacionales. p. 3-4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de outubro de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2016.
- ↑ José Manuel Nieves, "Una cruel matanza, la primera guerra de la Historia", en Abc de Madrid, 20-I-2016: http://www.abc.es/ciencia/abci-cruel-matanza-primera-guerra-historia-201601201857_noticia.html y Nuño Domínguez, "Paleoantropología. Una masacre hace 10.000 años habla sobre el origen de la guerra. Los restos de la primera matanza documentada entre cazadores y recolectores cuestionan que las sociedades primitivas fueron menos sanguinarias", El País, 20-I-2016: http://elpais.com/elpais/2016/01/20/ciencia/1453311077_947443.html
- ↑ Guillermo Altares, "Viaje al origen de la guerra. Nuevos hallazgos indican que los conflictos bélicos son anteriores a las sociedades organizadas", en El País, 6-II-2016 http://cultura.elpais.com/cultura/2016/02/05/actualidad/1454697897_262483.html
- ↑ Holmes Richard, La experiencia de la guerra, capítulo 13 de Soldados, BBC, Londres, 1985
- ↑ "Frases de Karl von Clausewitz". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2013. Consultado o 07 de outubro de 2017.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Varios, Libro Guinness dos Récords, Ediciones MAEVA, Estella, 1987, ISBN 84-86478-04-9
Véxase taménEditar
A Galicitas posúe citas sobre: Guerra |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guerra |