Guerra fría

enfrontamento politico e ideoloxico que tivo lugar no século XX

A guerra fría[1] foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética.

A expresión "guerra fría", no sentido específico de sinalar tensións xeopolíticas entre a Unión Soviética e os Estados Unidos, foille atribuído ao financeiro e asesor presidencial estadounidense Bernard Baruch.[2] Este, o 16 de abril de 1947, pronunciou un discurso no que dixo: "Non nos enganemos: estamos inmersos nunha guerra fría".[3] Posteriormente, o termo foi popularizado polo xornalista Walter Lippmann quen, en 1947, o empregou nun libro titulado "The Cold War, a Study in U.S. Foreign Policy[4]" para designar a disputa que enfrontou ós Estados Unidos e a Unión Soviética tras finalizar a segunda guerra mundial.

O concepto fai referencia á ausencia de enfrontamento militar directo entre ámbalas superpotencias, malia que o antagonismo entre elas deu lugar a intensas rivalidades militares, económicas e diplomáticas. Esta tensión manifestouse nunha carreira de armamentos con risco de desemboscar nun enfrontamento atómico entre ámbolos dous países.

A rivalidade exteriorizouse tamén na espionaxe, na propaganda hostil, na intimidación e no apoio a terceiros países en guerras locais ou rexionais, xeralmente no Terceiro Mundo[5].

Bandos

editar
 
A OTAN (NATO, en inglés) e o Pacto de Varsovia (Warsaw) entre 1949 e 1990.

Orixes

editar
 
Harry S. Truman.

Trala derrota do fascismo, Europa atopábase semidestruída e cunha forte presenza militar, no oeste, exércitos de democracias occidentais, e no leste o Exército Vermello da comunista Unión Soviética. Nestes últimos países, a URSS comezou a apoia-los partidos comunistas, que pronto acadaron o poder. Comezaban a nace-las democracias populares. Pola súa parte, o presidente Harry S. Truman pronunciaba un discurso no Congreso o 12 de marzo de 1947, a chamada doutrina Truman, defendendo que os Estados Unidos axudarían a calquera país que fixera fronte á "ameaza comunista". Baixo esta doutrina amparáronse numerosos réximes ditatoriais ó longo das seguintes décadas.

As democracias populares tiñan características comúns: partido único, colectivización de campos e fábricas, predominio da industria pesada de base, prohibición da liberdade de expresión,...

En xullo de 1947 a administración Truman crea a CIA, e impulsa o Plan Marshall de axuda ás democracias europeas.

En febreiro de 1948, na reconstituída democracia de Checoslovaquia, o líder comunista Gottwald, con beneplácito de Stalin convoca unha folga xeral e, apoiado por traballadores armados derroca ó goberno (Golpe de Praga), pronto constituiríase a República Democrática Popular de Checoslovaquia.

Iugoslavia, tamén comunista baixo a ditadura de Tito, rompeu relacións coa URSS en agosto de 1948, porén, non fixo un achegamento ó bloque occidental, pasaría a ser un dos países non aliñados.

Nos Acordos de Londres, en xuño de 1948, Francia, os Estados Unidos e o Reino Unido decidiron poñer en circulación o Deutschemark nas súas zonas. Stalin protestou e como represalia, prohibiu toda comunicación terrestre coa parte occidental de Berlín, é o chamado bloqueo de Berlín. Porén, a superior loxística americana conseguiu non illar a Berlín Occidental con voos de subministración cada poucos minutos. En 11 meses, a ponte aérea berlinesa foi testemuña de 275.000 voos. Stalin levantou o bloqueo o 12 de maio de 1949.

O 8 de maio de 1949, as tres zonas occidentais de Alemaña constitúense nunha democracia liberal, a RFA. O bloque soviético pasa a ser unha democracia popular, a RDA. Un pano de aceiro dividira Europa, e máis tarde ó mundo.

Dous bloques

editar

Para manter a súa influencia en Europa Occidental, os Estados Unidos promoven unha maior interdependencia económica e militar coa creación do Fondo Monetario Internacional (FMI), a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), e, no 1949, a creación da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que garante a protección mutua dos seus membros.

En 1950 créase a Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro (CECA), este proceso de unión culminaría co Tratado de Roma en 1957 e a creación da Comunidade Económica Europea (CEE).

En 1948 créase en Río de Xaneiro a Organización dos Estados Americanos (OEA). En 1951, no marco da guerra de Corea, fírmase o pacto ANZUS, unha alianza militar entre Australia, Nova Zelandia e os EUA. En 1954, fúndase a SEATO, Organización do Tratado do Sueste Asiático. Así, nos anos 50 o bloque occidental esténdese ó mundo. Pero o bloque comunista non se quedaría de mans cruzadas.

En 1947, a URSS organiza o Movemento pola Paz, protesta de intelectuais marxistas contra as armas nucleares americanas. De 1948 a 1952, é un período de purgas nas democracias populares, moitos militantes de esquerdas son acusados de desviacionistas ou trotskistas e duramente represariados. En 1949 nace o Consello de Axuda Mutua Económica (COMECON), o seu obxectivo era a planificación dos intercambios comerciais nos países do bloque comunista.

En 1955 nace o Pacto de Varsovia, tratado de cooperación e axuda militar entre os países da esfera soviética.

A coexistencia pacífica

editar

Stalin morre o 5 de marzo de 1953. Sucédeo Nikita Khrushchev, que lanza a prerrogativa da coexistencia pacífica, recoñecendo que o conflito co capitalismo xa non era inevitable, e renunciando á saída militar para o dominio comunista mundial. Pero a URSS non deixará por iso de competir cos capitalistas, así, comeza unha carreira científica, técnica, artística entre os dous bloques e máis concretamente entre as dúas superpotencias, os EUA e a URSS.

Mentres tanto, nos EUA, esténdese a fobia anticomunista, institucións gobernamentais como o Comité de Actividades Antiamericanas ou a propia CIA, investigan a altos cargos do goberno, directores de cine, escritores,... O 'perigo comunista' aparece como a temática principal das novelas e películas. Dende Estados Unidos, vese que o enfrontamento co bloque soviético é inevitable. En 1953 gaña as eleccións Dwight D. Eisenhower, a nova administración republicana adopta a doutrina das represalias masivas, dándolle un pulo definitivo á proliferación das armas estratéxicas.

A década dos 50 ve o fin da guerra de Corea e da guerra de Indochina, as tropas soviéticas abandonan Austria (1955) e a URSS recupera as relacións diplomáticas coa Iugoslavia de Tito.

No XX Congreso do PCUS, Kruschev denuncia os excesos da época stalinista e rexeita o culto á personalidade.

O 24 de outubro de 1956, unha insurrección popular en Hungría eleva ó poder ó sector máis moderado do Partido Comunista. O dirixente Imre Nagy, declara o dereito á libre asociación e o abandono do Pacto de Varsovia. Inmediatamente, forzas do Pacto entraron en Hungría e puxeron fin á insurrección.

En Berlín, o 13 de agosto de 1961, obreiros do leste mandados por militares comezan a levantar un muro ó redor da cidade para frea-lo éxodo da poboación oriental, ou, segundo as autoridades da RDA, evita-la invasión das forzas capitalistas e protexe-la poboación. O muro de Berlín sería a materialización do pano de aceiro.

En 1959 Kruschev entrevístase con Eiesnhower, entrevista que repetiría con Kennedy en 1961. Pero é no 1960 cando os soviéticos derriban un avión espía U2 sobre o seu territorio, Kruschev protesta ante as Nacións Unidas das actividades de espionaxe que poderían desencadear fortes represalias. Pero non foi ata 1962 coa crise dos mísiles de Cuba que o mundo estivo máis preto dunha III guerra mundial.

O presidente exipcio Gamal Abdel Nasser, únese ó Movemento de Países Non Aliñados (1954), Estados Unidos como represalia retira as subvencións á construción da presa de Assuan. Como resposta o exipcio nacionaliza o canal de Suez. Esta nacionalización provoca o desembarco de tropas franco-británicas e a invasión do Sinaí por parte de Israel, a Unión Soviética ameaza con usa-lo seu arsenal nuclear contra Londres e París se as tropas invasoras non se arredan, finalmente, Estados Unidos convence ós seus aliados de retirarse. A Unión Soviética pasa a se-la construtora da presa de Asuán. Este conflito decanta a posición do mundo árabe cara ao bloque comunista e reflicte a dependencia das pequenas potencias europeas dos ditados americanos.

Co derrocamento do ditador Batista en Cuba, os revolucionarios de Castro chegan ó poder. Estados Unidos apoia entón un intento de invasión por Baía Cochinos, que é frustrado. Isto fai que o novo ditador cubano Fidel Castro pida axuda á URSS e converte o que era un movemento patriótico nunha 'revolución comunista'. A cooperación cos soviéticos supón o despregue de mísiles nucleares na illa. Os U2 americanos detectan as lanzadeiras e Kennedy decreta o embargo á illa. Un convoi soviético para no Atlántico en espera de ordes de Moscova. Se continúan cara a Cuba, os americanos dispararían contra eles e entón os soviéticos atacarían dende Cuba ós Estados Unidos con armas atómicas, finalmente, Kruschev accede a retira-las plataformas de lanzamento e Kennedy levanta parcialmente o bloqueo e retira os seus mísiles de Turquía.

O período de cooperación

editar

A finais dos 60, o chanceler alemán Willy Brandt lanza a Ostpolitik, un intento de achegamento de posicións co leste. Esta política materialízase coa firma de tratados bilaterais con Polonia, URSS e Checoslovaquia. En 1972 a RFA e a RDA establecen relacións diplomáticas. tamén a comezos dos 70, a Unión Soviética debe pedir axuda ós Estados Unidos e o Canadá en forma de trigo debido á pobre maquinaria agrícola soviética que non é capaz de producir comida dabondo. Dáse o caso do pragmatismo soviético na utilización de motores de carros de combate para usar de tractores.

Hungría comeza unha serie de reformas económicas á marxe da ortodoxia comunista. Os países de Europa Oriental ven como os seus veciños europeos prosperan coa CEE e tratan de impulsar distintas reformas para acadar un maior benestar da poboación.

O dirixente checoslovaco Alexander Dubcek, propón o denominado socialismo de rostro humano, que supón unha apertura ó exterior e reformas económicas liberais este pequeno período de liberdade é coñecido como Primavera de Praga. No verán de 1968, tropas do Pacto de Varsovia entran na capital checa. A doutrina Breznev de supremacía soviética quedaba patente.

Coa derrota na guerra de Vietnam, os americanos deciden non involucrarse directamente en ningún conflito armado. En 1972, Nixon entrevístase con Mao, e o xigante comunista obtén un asento no Consello de Seguridade da ONU. Nos anos 70 os EUA para evitar calquera tipo de revolución, non dubida en apoiar ditadores en América do Sur. O caso máis destacable é o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 en Chile.

Carreira armamentística

editar

A inicial vantaxe americana no terreo das armas atómicas, é suposta por todo o mundo ata que en 1957 co lanzamento do Sputnik (do ruso, "satélite"), os soviéticos declaran a súa capacidade estratéxica. Durante os anos 50, Eisenhower deu un importante apoio á fabricación de armas atómicas. En 1958 o Explorer 1 da mariña americana pon o primeiro satélite artificial americano en órbita. No ano 1963 os americanos xa tiñan cinco mísiles nucleares por cada un dos soviéticos.

Trala crise dos mísiles de Cuba, en 1968, EUA, URSS e o Reino Unido firman o primeiro Tratado de Non Proliferación Nuclear. Acordo ó que lle seguiría o SALT I firmado en Moscova en 1969. Este tratado determinaba a prohibición do aumento dos mísiles estratéxicos ICBM e dos sistemas ou escudos antimisís. Tratábase de acada-la paz mediante o medo á mutua destrución asegurada (Mutual Assured Destruction, MAD, que en inglés significa "tolo").

Novos desencontros

editar

1973, crise do petróleo e a terceira guerra árabe-israelí (ver guerra do Ion Quippur), 1974 dimisión de Nixon e escándalo do Watergate. 1975 retirada do exército americano de Vietnam, vitoria comunista. Todos estes acontecementos supoñen un desequilibrio a favor do lado comunista. Que levan a unha nova escalada de tensións. A revolución sandinista en 1979 en Nicaragua derroca ó ditador proamericano Somoza en favor dun movemento próximo ás teses de Moscova. Etiopía declárase en 1977 república socialista. En 1974 os réximes xurdidos das antigas colonias portuguesas pasan a ser claramente prosoviéticos. Estados Unidos perde influencia no terceiro mundo.

A noiteboa de 1979, seccións motorizadas soviéticas entran en Afganistán para reafirma-lo poder do goberno comunista. Estados Unidos, por medio da CIA comeza a armar ás milicias dos muhaiddín.

Pero nos Estados Unidos Jimmy Carter gaña as eleccións de 1976 e logra un rotundo éxito e renome cos Acordos de Camp David entre Anwar el-Sadat e Menachem Begin, e o recoñecemento do dereito a existir de Israel por parte de Exipto. En 1979 asina con Leónidas Breznev os acordos SALT II. Pero as cousas tórcense para os americanos co triunfo da Revolución Islámica de Irán (1979). Ó grito de "morte ós americanos", os islamistas tomaron a embaixada americana en Teherán. Pero era un movemento revolucionario ese, non subvencionado polo Kremlin. As dúas superpotencias vían nacer un acontecemento novo: o fundamentalismo islámico.

Carter, vendo os acontecementos na rexión do Golfo Pérsico, lanza a chamada doutrina Carter: os Estados Unidos reservaríanse o uso da forza militar para asegurarse dos recursos petrolíferos do Golfo Pérsico. En 1980 prodúcese o boicot dos EUA nos xogos de 1980 en Moscova, a URSS faría o mesmo cos xogos dos Ánxeles en 1984.

En 1982 un discurso de Ronald Reagan cualifica á URSS de Imperio do Mal, o que non contribúe a mellorar as deterioradas relacións diplomáticas. Para afoga-la economía soviética, Reagan lanza unha agresiva política de rearmamento. En 1983, os Estados Unidos despregan mísiles con capacidade estratéxica en Europa Occidental. A Unión Soviética fai o propio nos países do bloque oriental. A tensión elévase. Tamén, os EUA lanzan o programa SDI, a Iniciativa de Defensa Estratéxica (Strategic Defense Initiative), que significa a posibilidade de crear un escudo antimisís que contraviría os tratados de desarme. O apoio americano á contra nicaraguano antisandinista significa o escándalo do Irán-Contra. Para financiar á Contra, os Estados Unidos venderon armas a Irán, declarado inimigo dos Estados Unidos.

A comezos dos 80, a situación económica da URSS empeoraba por momentos. A dependencia de gran dos americanos (que xamais meteron presión ós seus inimigos por esa banda, xa que a subvencionada agricultura americana necesitaba as divisas soviéticas), e o cada vez máis evidente atraso tecnolóxico respecto a Occidente facían baixa-lo nivel medio de vida, o que á súa vez complicaba a competición militar con América e Europa. Ademais, faltaba un claro liderado que unificara a burocracia. Breznev morreu en 1982, Andropov en 1984 e Chernenko en 1985. O 11 de marzo de 1985, Mikhail Gorbachev accedía á Secretaría Xeral do PCUS.

Novo pensamento político (1985-1989)

editar
 
Reagan e Gorbachov firmando o Tratado de Washigton

Ante a situación de crise da URSS, o novo premier comeza a facer cambios na cúpula do poder. Substitúe a Andrei Gromiko por Eduard Shevarnadze no ministerio de asuntos exteriores. Comeza a facer "xiras" por Europa Occidental, ata que en novembro de 1985 entrevístase con Ronald Reagan en Xenebra. No XXVII Congreso do PCUS, a nova cúpula avoga polo "novo pensamento político" (en ruso Novy Myshlenie), isto significaba esquece-las diferenzas e colaborar polo ben e progreso do mundo.

Nos seguintes anos, feitos como o accidente de Chernóbil (1986), as baixas en Afganistán ou o aterraxe dunha avioneta Cessna na Praza Roxa (1987), todo unido ó glasnost (transparencia), poñen de manifesto que a URSS xa non pode competir de igual a igual cos EUA.

En 1987 as dúas superpotencias firman o Tratado de Washington de redución de ICBMs. En decembro de 1988, Gorbachov anuncia a redución das forzas armadas soviéticas en 500.000 soldados, así como a progresiva retirada do Exército Roxo dos países do bloque oriental. O 15 de febreiro de 1989, a URSS abandona Afganistán.

Caída do Bloque Comunista (1989-1991)

editar

A retirada das tropas soviéticas da Europa Oriental, propiciou a caída dos réximes comunistas. En 1989, tralas continuas folgas do sindicato católico Solidariedade en Polonia, obrigan ó goberno comunista á legalización dos sindicatos non oficiais e ó comezo dunha transición democrática. Nas primeiras eleccións o Partido Comunista é derrotado, e o dirixente de Solidariedade (Mazowiecki) pasa a forma-lo primeiro goberno democrático do bloque oriental.

En Hungría, o cambio o propiciaron os propios comunistas reformistas. Na primavera de 1989, legalizouse o multipartidismo, e nas eleccións de outubro o Partido Socialista Obreiro Húngaro disolvíase e comezaba o proceso constituínte dunha nova Constitución democrática. En setembro de 1989, Hungría abre a súa fronteira con Austria, provocando a primeira fenda no pano de aceiro. Por esta fenda escaparon milleiros de cidadáns da RDA cara a RFA. Isto viu acompañado de numerosas manifestacións na RDA. Ó mesmo tempo, dende Rusia, Gorbachov condena explicitamente a Doutrina Breznev, feito que é aproveitado polos comunistas reformistas na RDA para asumir o poder e abrir o Muro de Berlín o 9 de novembro de 1989.

O 3 de outubro de 1990, tralos Acordos 4+2 (entre as catro potencias vencedoras da segunda guerra mundial e as dúas Alemañas), a RFA absorbe á RDA, co compromiso de reducir os seus efectivos militares e de que a OTAN non se despregue no antigo territorio da RDA. A caída do Muro precipitou os acontecementos nos restantes países do bloque oriental. En Checoslovaquia, a denominada Revolución de Veludo subiu ó goberno ó heroe da Primavera de Praga, Alexander Dubcek, e á xefatura do goberno a Václav Havel, un dos disidentes máis famosos na Europa comunista.

Ó día seguinte á caída do Muro, prodúcese un golpe de estado en Bulgaria, ascendendo ó poder Petar Mladenov, comunista reformista. O 21 de decembro de 1989, unha manifestación en Bucarest, acaba en violentos enfrontamentos entre o pobo e o exército contra a Securitate (policía política) do Conducator Nicolae Ceaucescu, que nos últimos anos destacara por dirixir o país con man de ferro e métodos condenados por Moscova, xa que el e a súa muller vivían na riqueza, mentres Romanía se empobrecía cada día máis. O conducator e maila súa muller Elena, foron detidos mentres fuxían e executados sumariamente o día de Nadal de 1989.

En febreiro de 1990, convócanse as primeiras eleccións multipartidistas da historia de URSS. Nas repúblicas bálticas vencen os partidos independentistas. Lituania foi a primeira república soviética en se independizar. En maio de 1990, Boris Eltsin foi elixido presidente da Duma ou Parlamento Ruso. O 19 de agosto de 1991, Gorbachov foi secuestrado na súa dacha do Mar Negro polo sector comunista máis ortodoxo. O intento de golpe de Estado freárono as protestas populares e o temor a represalias de altos cargos do Exército. Boris Eltsin apareceu como a cabeza visible da oposición á "vella garda". Como consecuencia deste intento de golpe de Estado, o resto de república soviéticas comezan procesos de secesión. Finalmente, o propio PCUS é ilegalizado. O 1 de decembro de 1991, Ucraína independizouse. O 8 de decembro, Ucraína, Belarús e Rusia abandonaron a URSS e fundaron a Confederación de Estados Independentes na chamada Declaración de Belovezhskaya Pusha. O 21 de decembro, oito das doce repúblicas restantes da URSS intégranse na nova Confederación. As repúblicas bálticas (Estonia, Letonia e Lituania) e Moldavia non estarán confederadas.

O día de Nadal de 1991, Gorbachov dimitiu e a bandeira vermella "dos traballadores e campesiños" era arriada en Moscova. A bandeira tricolor rusa era izada. A Federación Rusa herdaría o posto no Consello de Seguridade da ONU e a condición de segunda potencia nuclear. A guerra fría era historia e xurdía unha nova orde mundial.

Carreira espacial

editar

En 1945, un grupo de científicos alemáns que traballaban no programa balístico do III Reich, encabezados por Wernher von Braun, réndense ás tropas americanas e son trasladados a Huntsville, Alabama, para continuar as súas investigacións. Despois da Vitoria en Europa, científicos rusos chegan a Alemaña para avaliar a situación do programa alemán de foguetes. En setembro, Helmut Gröttrup e outros científicos alemáns, son trasladados á URSS para retomar o programa alemán de mísiles.

O 14 de outubro de 1947, Charles Yeager, piloto do X-1, rompe a barreira do son. O 17 de setembro de 1948, os soviéticos lanzan o R-1, versión do V-2 alemán. 24 de febreiro de 1949, o Bamper-5 americano alcanza os 393 quilómetros de altitude. 26 de abril de 1950 Serguei Korolev é nomeado director do programa espacial soviético. 18 de febreiro de 1953 a Academia de Ciencias da Unión Soviética funda a Comisión Estatal para a Exploración do Espazo. Os americanos co X-1A establecen un novo récord de velocidade (2.655 km/h) e altitude (27 km) en 1953.

En 1955, os EUA comezan a desenvolver o proxecto Viking cara a posta en órbita dun satélite artificial. No verán de 1956, o X-2 establece unha no va marca nos 38 quilómetros de altura e 3.540 km/h. Comeza o programa Vanguard da Mariña dos Estados Unidos. Verán de 1957, o R-7 soviético (ICBM) completa con éxito as probas de lanzamento. Porén, o americano Atlas dura tan só 22 segundos no aire antes de estourar.

O 4 de outubro de 1957, a Unión Soviética pon en órbita o primeiro satélite artificial, o Sputnik-1. 23 de outubro de 1957, a mariña americana volve a fallar co foguete Vanguard. O 3 de novembro, o Sputnik-2, coa cadela Laika, é satelizado con éxito. Instrumental a bordo constata que o animal sobrevive á aceleración do lanzamento. O 6 de decembro un novo lanzamento do Vanguard americano dura tan só 2 segundos no aire.

 
A cadela Laika

31 de xaneiro de 1958, o Explorer-1 americano alcanza a órbita. En febreiro a mariña volve a fracasar co Vanguard. O 15 de maio, o Sputnik-3, primeiro satélite científico é satelizado sen novidade. 1 de outubro, o congreso dos EUA crea a NASA. No aninovo de 1959, o Lunik-1 soviético é o primeiro obxecto en abandona-la órbita terrestre. No mesmo ano, o Lunik-2 estrélase contra a Lúa e o Lunik-3 transmite as primeiras fotografías da cara escura da Lúa á Terra. En abril de 1960, o Tiros-1 americano convértese no primeiro satélite meteorolóxico. O primeiro satélite de posicionamento é o Transit-1B americano. A mediados de maio, comezan as probas do Vostok soviético. Belka e Strelka, dúas cadelas a bordo da primeira nave Vostok (Sputnik-5), aterran e son recuperadas con vida tralo voo espacial. O 31 de xaneiro de 1961, o programa Mercury é estreado por un chimpancé chamado Ham. A URSS comeza a exploración de Venus co Venera-1.

O 12 de abril de 1961, Iuri Gagarin completa con éxito o primeiro voo orbital dun ser humano na cápsula Vostok. O 5 de maio, Alan Shepard na cápsula Mercury completa un voo suborbital, feito que é promocionado pola NASA, como "o primeiro home libre no espazo". 21 de xullo, Gus Grissom completa outro voo suborbital no Mercury. En agosto, o comandante Gherman Titov, pasa máis dun día na órbita terrestre a bordo do Vostok.

O 20 de febreiro de 1962, John Glenn é o primeiro americano en completar un voo espacial 10 meses despois da satelización de Gagarin. En agosto produciuse o primeiro encontro espacial entre o Vostok-3 e o Vostok-4. Do 16 ó 19 de xuño de 1963, Valentina Tereshkova a bordo do Vostok-6 convértese na primeira muller no espazo. En 1964, a URSS ostenta o récord de tripulación dunha nave espacial, con tres persoas a bordo da nave Voskhod.

O 18 de marzo de 1965 o soviético Alexei Leonov é o primeiro home en dar un paseo espacial. O 3 de febreiro de 1966, o Lunik-9 pousase suavemente na superficie lunar. O foguete soviético Proton, o 10 de marzo de 1967, pon en órbita ó redor da Lúa o Cosmos-146. Nese mesmo ano, o Saturno-V americano pon en órbita o Apolo-IV (baleira). Na noiteboa de 1968, o Apolo VII, con tres astronautas a bordo, rodea a Lúa e volve sen novidade.

O 20 de xullo de 1969, o Apolo-XI pousa a dous americanos na Lúa. O 11 de outubro, a Soiuz-6, Soiuz-7 e a Soiuz-8 protagonizan a primeira manobra de tres naves xuntas. Todas tripuladas. O 24 de abril de 1970, China pon en órbita o seu primeiro satélite artificial. O 22 de xullo a Venera-7 transmite información dende a superficie venusiana. O 17 de abril de 1971, a soviética Saliut-1 é a primeira estación espacial. En 1972, Nixon aproba o orzamento para o desenvolvemento do transbordador espacial. En decembro, o Apolo-XVII, é o sexto e último enxeño tripulado que aterra na lúa. O 14 de maio de 1973, os EUA satelizan a estación espacial Skylab, de tres tripulantes. En decembro, a Pioneer 10 americana chega a Xúpiter.

En 1975 a Soiuz e o Apolo, xúntanse no espazo. A partir deste momento, darase por rematada a carreira espacial. A soviética Venera-9 transmite as primeiras imaxes da superficie venusiana. Un ano despois, a sonda Viking americana transmitiu imaxes de Marte. En 1976, a URSS comeza a desenvolve-lo seu programa de transbordador espacial (o Buran). En 1977, o transbordador Enterprise comeza os seus primeiros voos. En 1979 o Pioneer 11 cruza a órbita de Saturno. En 1981, o Columbia convértese na primeira nave reutilizable. En 1988 o transbordador espacial Buran completa dúas órbitas en voo automático. O programa será abandonado por falta de orzamento.

A partir de mediados dos 80, moitos programas espaciais soviéticos serán apoiados pola NASA ou a ESA debido á escaseza económica. Mención especial merece a estación espacial MIR (paz), que ostenta o récord de permanencia en activo no espazo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para guerra.
  2. Gaddis (2005), p. 54
  3. Redacción (13 de novembro de 2009). "Bernard Baruch coins the term “Cold War”". history.com (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  4. "The Cold War, a Study in U.S. Foreign Policy". questia.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2020. Consultado o 24 de outubro de 2020. 
  5. Fernández Bulete, Virgilio (2012). Ciencias sociais historia. SM Xerme. ISBN 978-84-9854-281-3. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar