Nikita Khrushchev
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2017.) |
Nikita Sergeievich Khrushchev (en ruso: Ники́та Серге́евич Хрущёв, tamén transcrito como Khruschov, Kruschov ou Kruschev), nado en Kalínkova, Kursk, Imperio Ruso o 15 de abril de 1894 e finado en Moscova o 29 de agosto de 1971, foi o máximo dirixente da Unión Soviética entre os anos 1953 e 1964.
Primeiros anos
editarNado na rexión agrícola de Kursk nunha familia campesiña pobre, emigrou cos seus pais á actual Donetsk (Ucraína), abandonando o campo por traballos fabrís. Khrushchev comezará traballando na limpeza interior de grandes caldeiras e traballará tamén como obreiro axustador, un traballo cualificado que estaba ben pagado e que lle serviu para conseguir a exención do servizo militar na primeira guerra mundial.
Inicios políticos
editarKhrushchev participou na Revolución Bolxevique de 1917 e loitou no Exército Vermello durante a Guerra Civil que a seguiu (1918-20). Despois do triunfo da revolución, fixo carreira política no Partido Comunista ucraíno até chegar a ser o primeiro secretario da rexión de Moscova (1935-38) e da República de Ucraína (1938-49). Neste último cargo levou unha política contraria ao nacionalismo ucraíno e organizou a anexión dos territorios gañados por Ucraína en función da repartición de Polonia entre o III Reich e a Unión Soviética.
Segunda guerra mundial
editarDurante a segunda guerra mundial, dirixiu a fronte política de resistencia contra a invasión alemá como Comisario político (zampolit), con rango de Tenente Xeneral. Tras a queda de Kíiv, foi chamado a Moscova e desde alí foi enviado a Stalingrado, onde se destacou especialmente como Comisario Xefe do NKVD na batalla de Stalingrado. Posteriormente, participou na batalla de Kursk e na liberación de Kíiv, onde tamén foi empregado na represión dos nacionalistas do Exército Insurxente Ucraíno, que combatera a carón das tropas nazis contra o Exército Vermello.
Distanciamento do stalinismo
editarEn función da súa grande proximidade a Stalin, Khrushchev conseguiu sobrevivir a todas as purgas stalinistas e en 1949 regresa a Moscova, onde comeza a destacar como especialista do Comité Central do PCUS en cuestións agrícolas. O seu papel a carón de Stalin foi recoñecido publicamente e, tras súa a morte en 1953, foi elixido Secretario Xeral do Partido Comunista da Unión Soviética, compartindo o poder cunha dirección colexiada do Presidium do Partido. De vagar, Khrushchev apareceu como líder dunha corrente renovadora disposta a romper co pasado stalinista. Nesa liña, apartou do goberno o Ministro do Interior e representante da liña stalinista Lavrenti Beria, e a mala marcha da economía permitiulle tamén prescindir do seu rival, o Primeiro Ministro Georgi Malenkov en 1955. A dimisión do novo Primeiro Ministro Nikolai Bulganin en 1958 permitiu a Khrushchev concentrar persoalmente a dirección do Estado e do Partido.
Antes diso, en 1956 defendeu perante o XX Congreso do PCUS un informe que denunciaba os erros e os crimes da época de Stalin, o culto á personalidade e o dogmatismo ideolóxico, considerándoos contrarios ao marxismo-leninismo, o que tivo unha forte repercusión do movemento comunista internacional e motivou a expulsión do partido dalgúns dos continuadores teóricos da era staliniana, até que en 1961, o XXII Congreso do PCUS condenou oficialmente Stalin.
Política
editarKhrushchev orientou a súa política nun sentido liberalizador, aínda que manténdose dentro do que os seus críticos consideraban a ortodoxia comunista. Así, aínda que impulsou a reconciliación coa Iugoslavia de Tito, tamén interveu militarmente para esmagar a revolta anticomunista de Hungría (1956) e rompeu as relacións coa República Popular da China durante o mandato de Mao Tse Tung (1961). Por outra banda, acuñou a doutrina coñecida co nome de Coexistencia pacífica co bloque capitalista, pero, na práctica, as relacións empeoraron a raíz da localización dun avión espía americano sobrevoando o territorio soviético, que os Estados Unidos se negaron a explicar. Aquilo desembocou na construción do Muro de Berlín (1961) e no intento de instalar mísiles en Cuba (Crise dos mísiles de Cuba, 1961) que o enfrontou coa administración de John Fitzgerald Kennedy. Durante o seu mandato, a URSS obtivo un grande suceso na carreira espacial, co lanzamento en 1957 do primeiro satélite e, en 1961, co primeiro voo espacial tripulado. O mesmo suceso aconteceu na carreira armamentista.
No ámbito económico, Khrushchev lanzou planos orientados a liberalizar a economía soviética co fin de alcanzar aos Estados Unidos, descentralizando a planificación e aumentando a autonomía das rexións e das empresas, impulsando a colonización de terras virxes en Siberia, fomentando a investigación científica e prestando maior atención á industria lixeira e á agricultura. Iso permitiulle dar prioridade ao abastecemento dos bens de consumo, iniciando unha nova política económica baseada no economismo. Porén, serían os malos resultados económicos derivados da queda da produción agrícola e da importación maciza de cereais, unidos ao illamento exterior, permitiron a conspiración que o apartou do poder. As reformas impulsadas para adelgazar a burocracia e a administración fixérono ser contestado no interior do partido, e, finalmente, ser dimitido en 1964 acusado do mesmo que el acusara a Stalin: culto á personalidade e erros políticos. Sucedeuno á fronte do Partido un dos seus colaboradores máis estreitos, Leonid Brezhnev. En 1966 foi expulsado do Comité Central do PCUS. Morreu en Moscova o 11 de setembro de 1971
Véxase tamén
editarA Galipedia ten un portal sobre: Rusia |