Xenebra, Suíza
Coordenadas: 46°12′0″N 6°9′0″L / 46.20000, -6.15000
Xenebra[1] (en francés Genève [ʒəˈnɛv], en italiano Ginevra, en alemá Genf, en romanche: Genevra) é a segunda cidade máis grande de Suíza e a capital do cantón de Xenebra. En total, 203.856 persoas habitan no concello de Xenebra (2020). A lingua oficial é o francés.
Xenebra | ||
---|---|---|
Genève Ginevra Genf | ||
| ||
![]() | ||
Varias imaxes de Xenebra | ||
Localización | ||
País | ![]() | |
Cantón | Xenebra | |
Xeografía | ||
Altitude | 375 msnm | |
Superficie | 15,93 km² km² | |
Demografía | ||
Poboación | 203.856 hab. (2020) | |
Densidade | 12.797 hab/km² | |
Outros datos | ||
Código postal | 1200 | |
Alcalde | Alfonso Gómez Cruz (Os Verdes) | |
www.ville-geneve.ch |
Xeografía Editar
Centro comercial, bancario, industrial, intelectual e universitario, a cidade foi construída no lugar onde o Ródano deixa o lago Léman, ou lago Xenebra, e conflúe co río Arve, concretamente na beira suroeste do lago. Atópase nun fondo rodeada polo Salève e o Xura e a tan só unha hora en coche do mítico Mont Blanc, visible dende a cidade.
Na rada de Xenebra atópanse as pedras de Niton, unha das cales é o punto de referencia de todas as altitudes de Suíza. Trátase de dúas grandes rochas que emerxen do propio lago e que datan da última Idade do xeo.
Historia Editar
A cidade aparece mencionada por primeira vez tras a súa toma por parte dos romanos no ano 121 a.C., facendo dela un posto fortificado na fronteira do Imperio Romano coas tribos celtas e xermánicas helvéticas. Logo da caída do Imperio, pasou sucesivamente a mans de burgundios e francos ata a súa incorporación ao Sacro Imperio Romano Xermánico en 1033.
Sen dúbida, un dos momentos históricos máis importantes vividos pola urbe é o que tivo como protagonista a Xoán Calvino e que fixo dela un punto vital da Reforma protestante. En 1532 o bispo católico da cidade foi obrigado a deixar a súa residencia. Catro anos despois, os seus habitantes xa se declaraban protestantes e proclamaron unha república propia, baixo o liderado espiritual do propio Calvino, quen viviu na cidade ata o seu pasamento en 1564.
Xenebra é considerada desde hai tempo como cidade de acollida, xa desde que acolleu aos protestantes que seguiron á Reforma. Co acollemento de numerosos reformadores, ademais do xa citado Clavino, coma Guillaume Farel ou Théodore de Brèze, gañou o sobrenome de Roma protestante ou de cidade de Calvino. Numerosos persoeiros internacionais igualmente atoparon aquí refuxio, coma o célebre Lenin.
É grazas a esta tradición de acollida e á neutralidade de Suíza polo que numerosas organizacións internacionais decidiron instalar a súa sede en Xenebra:
- A Organización das Nacións Unidas (ONU) - Sede europea
- A Organización Mundial do Comercio (OMC)
- A Organización Mundial da Saúde (OMS)
- A Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT)
- A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM)
- A Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI)
- A Organización Internacional do Traballo (OIT)
- A Organización Europea para o Desenvolvemento Nuclear (antigo CERN)
- A Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR)
Poboación Editar

Transportes Editar
Xenebra ten un aeroporto internacional accesible en autobús ou en tren, a menos de 10 minutos do centro. Grandes compañías como Swiss, British Airways, Air France, Lufthansa ou EasyJet teñen liñas con destinos a toda Europa e ao resto do mundo. No seo da cidade os transportes públicos xenebreses explotan unha densa rede de autobuses e trolebuses, así como unha liña de tranvías en pleno renacemento.
Cultura Editar
Xenebra acolle numerosas festas e manifestacións ao longo do ano, tales como o Salón internacional do automóbil de Xenebra no mes de marzo, a Festa da música no mes de xuño, a Lake Parade no mes de xullo e a celebración da Escalada en decembro. As festas da cidade desenvólvense entre xullo e agosto.
Lugares de interese Editar
- O Jet de Genève (o Chorro de Xenebra) que é o símbolo da cidade. Localizado ao longo do Quai des Eaux-Vives é máis que centenario. Instalado orixinalmente preto do Bâtiment des Forces Motrices (Edificio das Forzas Motrices), servía en principio para diminuír a presión nas canalizacións da cidade. Foi despois desprazado á rada e conservado polo seu atractivo turístico.
- A Catedral de San Pedro. Do século XII, foi o templo relixioso adoptado por Calvino dende o cal irradiar o seu reformismo relixioso. No seu interior consérvase a cadeira de madeira empregada por este. Existen evidencias da existencia de templos anteriores ao edificio actual, polo menos do século VIII, así como restos de actividade en época romana.
- Alberga, por outro lado, numerosos museos entre os cales salientan:
- O Musée d'Art et d'Histoire é o museo principal da cidade. Acolle pinturas dende a Idade Media ata o século XX, iconas, armas, instrumentos musicais e pezas téxtiles. Tamén ten un espazo adicado á arqueoloxía, incluíndo obxectos da Europa prehistórica, así como das culturas clásicas grega e romana e do Antigo Exipto, entre as que destaca unha momia do século IX a. C.
- O Museo de historia natural.
- O Museo etnográfico.
- O Museo de arte moderna e contemporánea.
- O Museo internacional do automóbil.
- O Xardín e o Conservatorio botánicos.
- O Museo da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella.
- O Museo Patek Philippe.
Notas Editar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xenebrino.
Véxase tamén Editar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Xenebra, Suíza |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Xenebra |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de xenebrino |