A arte da guerra

tratado militar escrito durante o século IV adC polo estratego coñecido como Sun Tzu

A arte da guerra (chinés: 孫子兵法; chinés simplificado: 孙子兵法; pinyin: Sūnzi bīngfǎ, literalmente "Estratexia Militar do mestre Sun") é un antigo libro chinés que trata sobre tácticas e estratexias militares. É a obra do pensador chinés Sun Tzu (544 aC - 496 aC). Crese que foi compilado a finais do Período de Primavera e Outono ou a principios do Período dos Reinos Combatentes, presúmese pois, que foi escrito cara ó ano 500 antes da nosa era, representando así o tratado militar máis antigo que se coñece.[1]

A arte da guerra
A arte da guerra nun libro de bambú da época do reino do Emperador Qianlong, século XVIII.
Título orixinal孫子兵法
Autor/aSun Tzu
OrixeChina
Linguachinés
Tema(s)arte militar
Xénero(s)economía, tratado e treatise on war
EditorialTeófilo Edicións
Data de pub.século IV adC en chinés
2013 en galego
ISBN978-84-940757-6-6
TraduciónXulio Ríos
editar datos en Wikidata ]

O texto componse de 13 capítulos, cada un dos cales está dedicado a un aspecto da guerra. Coñécese comunmente como a obra definitiva sobre estratexia militar e táctica do seu tempo. Foi o máis famoso e influente dos Sete Clásicos Militares da China, e: "Durante os últimos dous mil anos segue sendo o tratado militar máis importante en Asia, onde mesmo a xente do pobo o coñecía polo seu nome."[2] Foi e segue sendo estudado por todos aqueles estrategas militares que dirixiron exércitos e aínda é a miúdo utilizado na actualidade debido ó feito que as súas ensinanzas poden ser aplicadas noutras moitas áreas máis aló dos conflitos armados.

O libro foi traducido por primeira vez ó francés en 1772 polo xesuíta Jean Joseph Marie Amiot e unha tradución parcial ó inglés foi tentada polo oficial británico Everard Ferguson Calthrop en 1905. A primeira tradución inglesa foi completada e publicada por Lionel Giles en 1910.

A obra foi publicada en galego no 2013 por Teófilo Edicións, con tradución de Xulio Ríos.[3]

 
Taboíñas de bambú desenterradas en 1972 na montaña Yinque, cidade de Linyin, Shandong. Inclúe unha copia de "A arte da guerra", data do século II a. C.

O autor de "A arte da guerra" foi Sun Zi ou Sun Tzu, o seu nome oficial. Os relatos tradicionais afirmaban que o seu descendente, Sun Bin (孙膑/sūn bìn), tamén escribiu un tratado sobre tácticas militares, titulado A arte da guerra de Sun Bin (孙膑兵法/ sūn bìn bīngfǎ). Tanto Sun Tzu como Sun Bin son referidos como Sun Tzu nos escritos chineses clásicos, e algúns historiadores creron que ambos eran a mesma persoa, con todo, grazas ó descubrimento de varios rolos de bambú desenterrados en 1972 na Montaña do Pardal de Prata (Yinqueshan), na cidade de Linyin, Shandong, confírmase que Sun Bin escribiu a súa propia arte da guerra.[4]

Considérase que o texto foi escrito cara ó último terzo do século IV a.C.[4] Este texto deuse a coñecer en Europa a finais do século XVIII. A súa primeira aparición foi a edición francesa de 1772 en París, do xesuíta Jean Joseph-Marie Amiot, foi titulada Art Militaire des Chinois.

A obra amosa a intelixencia e a frescura dos ensaios de Sun Tzu. Nela, explica con detalle os preparativos previos á guerra: estratexias de engano, disposición das tropas no campo de batalla, armamento necesario, carros de combate, etc. A idea principal é mostrar como vencer ó inimigo sen un enfrontamento real: simplemente impoñendo unha moral dominante, infundindo o medo ó inimigo para así poder vencer sen chegar á batalla.

En tempos recentes, o libro foi utilizado como guía en programas de administración de empresas dedicados á xestión de conflitos e a cultura corporativa. Numerosos homes de negocios din atopar maneiras de resolver os seus conflitos nas estratexias e tácticas descritas por Sun Tzu.[5]

A arte da guerra é un dos libros máis antigos que se escribiron. Foi o primeiro intento coñecido sobre leccións de guerra.

Sun Tzu considerou a guerra como un mal necesario que se ten que evitar sempre que sexa posible. Segundo el a guerra ten que ser combativa e rápida para evitar perdas económicas: "Nunca ningunha guerra longa beneficiou ningún país: 100 vitorias en 100 batallas é algo simplemente ridículo. Calquera persoa que se destaca na derrota dos seus inimigos triunfa antes de que a ameaza do seu inimigo se faga realidade.". Segundo o libro, hai que evitar as matanzas e atrocidades, porque isto pode provocar resistencia e posiblemente pode permitir que un inimigo cambie a guerra no seu favor.[6] Para o vencedor, "a mellor política é capturar o estado intacto, soamente ten que ser destruído se non hai outras opcións dispoñibles".[6]

Sun Tzu salientou a importancia do posicionamento na estratexia militar. A decisión de situar un exército tense que basear en dúas condicións obxectivas, na contorna física e as crenzas subxectivas dos outros actores con competencia nesta contorna. Pensou que a estratexia non era planear no sentido de traballar a través dunha lista establecida, senón que esixe respostas rápidas e adecuadas ás condicións cambiantes. Non planear nunha contorna controlada, senón nunha contorna cambiante onde os plans que compiten chocan, creando situacións inesperadas.

Estrutura

editar

O tratado está composto de trece capítulos (o piān), onde en cada capítulo é abordado un aspecto da estratexia de guerra, de modo que se compón un panorama de todos os eventos e estratexias que deben ser abordados nun combate racional. Este conxunto, denomínase un zhuàn ("todo" ou, alternativamente, "crónica").

Acredítase que o libro teña sido usado por diversos estrategos a través da historia como Napoleón, Adolf Hitler e Mao Tse Tung. Malia a antigüidade da obra, ningunha obra ou tratado é tan comprensíbel e tan actual canto á Arte da Guerra. Co seu carácter sentencioso, Sun Tzu forxa a figura dun xeneral cuxas cualidades son o segredo, o disimulo e a sorpresa. Aínda que as tácticas bélicas teñan mudado desde a época de Sun Tzu, ese tratado tería influenciado, segundo a Enciclopedia Británica, certos estrategos modernos como Mao Tsé-Tung, na súa loita contra os xaponeses e os chineses nacionalistas.

Hoxe en día, o libro parece estar destinado a secundar outra guerra: a das empresas no mundo dos negocios. Así, o libro migrou dos estantes dos estrategos para os do economista e do administrador.

Os trece capítulos de A arte da guerra

editar
  1. Cálculos preliminares (chinés: 作戰): explora os cinco factores fundamentais (a Forma, estacións, terreo, liderado e xestión) e os sete elementos que determinan o desenlace de accións militares. Pensando, avaliando e comparando estes puntos, un comandante pode calcular as súas probabilidades de vitoria. A desviación destes cálculos pode dar lugar ó fracaso debido ó uso de accións incorrectas. O texto expón que a guerra é unha cuestión moi importante para as nacións e que non se pode levar a cabo sen considerar a fondo todos os factores.
  2. Os preparativos da guerra (chinés: 謀攻): explica como entender a economía da guerra e como o éxito require ganancias decisivas de forma rápida. Esta sección explica que o éxito en campañas militares require limitar o custo do conflito.
  3. Plan do ataque (chinés: 軍形): define que a unidade é a orixe da forza e non a medida e lista os cinco principais factores que son necesarios en calquera guerra. En orde de importancia estes factores son: ataque, estratexia, alianzas, exército e cidades.
  4. Demostración do poderío militar (chinés: 軍形): Explica a importancia de defender as posicións existentes ata que un comandante sexa capaz de avanzar de forma segura destas posicións. Ensina ós comandantes a importancia de recoñecer oportunidades estratéxicas e a non dar ocasións ó inimigo.
  5. Disposición do potencial militar (en chinés: 兵勢): Explica o uso da creatividade e o tempo á hora de dar forza a un exército.
  6. O cheo e o baleiro (chinés: 虛實): Explica como as oportunidades dun exército proveñen de gretas na contorna causadas por debilidades relativas do inimigo nunha zona dada.
  7. As manobras ou a loita (chinés: 軍爭): Explica os perigos do conflito directo e como gañar estas confrontacións cando estas son forzadas polos mandos.
  8. Resolución de nove circunstancias (chinés: 九變): Céntrase nas necesidades de flexibilidade na resposta do exército. Explica como responder ás circunstancias cambiantes de forma satisfactoria.
  9. A marcha das tropas (chinés: 行軍): Describe as diferentes situacións nas cales un exército pode atoparse ó moverse cara a novos territorios e como responder a estas situacións. Gran parte desta sección céntrase en avaliar as intencións dos outros.
  10. Topografía militar (chinés: 地形): Explica as tres áreas xerais de resistencia (distancia, perigos e barreiras) e os seis tipos de posicións que resultan. Cada unha das seis situacións teñen vantaxes e desvantaxes.
  11. As nove configuracións do terreo (chinés: 九地): Describe as nove situacións (ou etapas) nunha campaña, de dispersión a morte, e a aproximación que un comandante pode necesitar para afrontalas.
  12. Ataques con lume (chinés: 火攻): Explica o uso xeral de armas e como utilizar a contorna coma se fose unha arma. Esta sección examina os cinco obxectivos para atacar e os cinco tipos de ataques ambientais e as respostas apropiadas a estes ataques.
  13. O aproveitamento de espías (chinés: 用間); Céntrase na importancia de desenvolver boas fontes de información e especifica os cinco tipos de fontes de intelixencia e como xestionalas.

Aplicacións

editar

En varios países do leste asiático, a Arte da Guerra foi considerado parte do plan de estudos para potenciais candidatos para exames do servizo militar. Hai varias traducións dispoñibles en diferentes idiomas asiáticos.

Aplicacións militares

editar

Durante a era Sengoku no Xapón, díxose que un dàimio chamado Takeda Shingen (1521-1573) converteuse en case invulnerable a todas as batallas sen utilizar armas de fogo grazas ós seus coñecementos da Arte da Guerra.[7] O libro mesmo o inspirou na a súa famosa batalla "Fūrinkazan" (Vento, Bosque, Lume e Montaña), que significa rápido como o vento, silencioso como o bosque, feroz como o lume e inamovible como a montaña.[8]

O tradutor Samuel B. Griffith engadiu un capítulo chamado Sunzi e Mao Tse-tung onde se cita o libro como unha influencia para Mao nas súas obras Sobre a Guerra de Guerrillas, Sobre a Guerra Prolongada e Problemas Estratéxicos da Guerra Revolucionaria da China e inclúe a cita de Mao: "Non temos que desprezar os ditos do libro de Sun Tzu, o grande experto militar da China antiga. Coñece o teu inimigo e coñécete a ti mesmo e poderás loitar mil batallas sen perder.".[9]

Dise que durante a Guerra do Vietnam, algúns oficiais do Vietcong estudaban o libro e podían recitar pasaxes de memoria.

O xeneral Vo Nguyen Giap utilizou tácticas descritas na Arte da Guerra na Batalla de Dien Bien Phu, acabando coa maior parte da dominación colonial francesa e que conduce aos acordos que dividiron Vietnam ó Norte e ó Sur. O xeneral Vo, máis tarde, foi o principal comandante militar do PVA na Guerra do Vietnam, foi un ávido estudante e practicante das ideas de Sun Tzu. A derrota dos Estados Unidos no Vietnam, máis que calquera outro acontecemento, levou a Sun Tzu a ter a atención dos líderes da teoría militar norteamericana.[10][11][12] É aínda hoxe en día un libro de referencia para este exército, onde se recomenda que as diferentes unidades teñan un exemplar para ser consultado e é un documento frecuente de traballo. É, ademais, lectura recomendada para todo o persoal militar de intelixencia e obrigatoria para os oficiais da CIA.[13]

O mariscal de campo Mannerheim e o xeneral Aksel Airo, ambos finlandeses, eran ávidos lectores da Arte da Guerra. Os dous leron a tradución francesa e dise que Airo gardaba sempre unha copia na mesa de noite do cuartel.

Segundo algúns autores, a estratexia de desinformación de A arte da guerra foi estudada e amplamente utilizada polo KGB: forzarei o inimigo a tomar a nosa forza por debilidade e a nosa debilidade por forza, e por tanto a súa forza volverase en debilidade.[14] O libro é amplamente citado polos oficiais da KGB a cargo das operacións de desinformación na novela de Vladimir Volkoff Le Montage.

Aplicacións non militares

editar

A arte da guerra aplicouse a moitos campos fóra da contorna militar. Gran parte do texto trata sobre como librar guerras sen ter que iniciar unha batalla: dá consellos sobre como ser máis astuto que o opoñente para que a batalla física non sexa necesaria. Como tal, atopou aplicación como unha guía de adestramento para moitas iniciativas competitivas que non impliquen combate real.

Escribíronse libros para negocios que aplican os seus consellos en política laboral e estratexia corporativa.[15][16][17] Moitas empresas xaponesas converteron o libro nunha lectura obrigatoria para os seus executivos máis importantes.[18] O libro tamén é moi popular entre a xestión empresarial occidental, que buscou nel inspiración e consellos sobre como ter éxito en situacións de competitividade nos negocios. Tamén se aplicou no campo da educación.

A arte da guerra foi tamén o tema principal de libros sobre dereito e artigos xurídicos sobre procesos xudiciais, incluíndo tácticas de negociación e de comportamento en xuízos.

A arte da guerra tamén se aplicou no mundo do deporte. O adestrador da NFL Bill Belichick é coñecido por ler o libro e utilizar as súas ensinanzas para obter información na preparación anterior ós partidos. Tamén é coñecido que os adestradores de crícket australiano e os seleccionadores brasileiros Luiz Felipe Scolari e Carlos Alberto Parreira adoptaron o texto no seu traballo. Scolari deu nocións da obra ós seus xogadores durante o Mundial do Brasil do 2002, que gañaron.

Autenticidade

editar

Punto de vista tradicionalista

editar

Os expertos tradicionalistas atribúen este libro ó histórico Sun Tzu, quen sae mencionado tanto nos Rexistros do Gran Historiador como nos Anais de Primavera e Outono por estar activo un Tzu cara a finais do século VI a.C, a partir do 512 a.C. A interpretación tradicional considera que o texto tería que datar, polo tanto, deste período, e tería que reflectir directamente a táctica e estratexias utilizadas e creadas por Sun Tzu. O enfoque dos tradicionalistas asume que só revisións de menor importancia puideron ter lugar ó pouco da morte de Sun Tzu, no século V a.C, e o corpo dos seus escritos necesitaron ser compilados para formar o texto completo e moderno.

O apoio textual do punto de vista dos tradicionalistas, é que uns cantos dos máis antigos dos Sete clásicos militares comparten un mesmo foco en conceptos literarios específicos (como as clasificacións do terreo), que os estudosos tradicionalistas asumen que foron creados por Sun Tzu. A arte da guerra tamén ten en común con outros "clásicos militares" unhas cantas frases enteiras, implicando que outros textos utilizaban a Arte da guerra, e/ou que este texto usara outros textos anteriores. Segundo os estudosos tradicionalistas, o feito de que A arte da guerra fose o texto militar máis amplamente reproducido e difundido do Período dos Reinos Combatentes, indica que calquera préstamo entre textos militares debe de ser exclusivamente de A arte da guerra cara a outros textos e non o revés.[19] (Os textos clásicos que máis similarmente reflicten os termos de Sun Tzu e a súa fraseoloxía son o Wei Liaozi e a Arte da Guerra de Sun Bit).[20]

Crítica posterior

editar

Os escépticos da visión tradicionalista dentro da China abundaron como mínimo dende o tempo da Dinastía Song. Algúns, segundo Du Mu, acusaban ó primeiro comentarista de A arte da Guerra, Cao Cao, de asañarse co texto. As críticas a Cao Cao baseábanse no Libro de Han notación bibliográfica dun traballo composto de oitenta e dúas seccións que se atribuía a Sun Tzu. A descrición dun libro de Sun Tzu composto por oitenta e dúas seccións contrasta coa descrición de A arte da Guerra que fan as Lembranzas do gran historiador onde se di que tiña trece seccións (o número actual). Outros dubidaban da existencia histórica de Sun Tzu, e/ou afirmaban que o traballo fora unha falsificación posterior. Moitas das condenas históricas dentro da China de A arte da Guerra foron debido ó seu enfoque realista da guerra: avogaba por usar espías e enganos. Avogar por métodos deshonestos contradicía os valores do confucianismo, facéndoo un obxectivo da literatura Confuciana durante a historia chinesa posterior. Segundo os estudosos seguidores de Confucio posteriores, a existencia histórica de Sun Tzu foi a consecuencia dunha invención tardía, indigno de consideración, excepto por ser moralmente reprobable.[21]

Se o texto moderno de A arte da guerra reflicte interpretacións contrastantes do valor da cabalaría na guerra, a existencia destas diferenzas de interpretación apoia á teoría de que a base de A arte da guerra creouse por unha figura (é dicir, o Sun Tzu histórico), que existiu nun momento en que a cabalaría se valoraba máis (é dicir, o período de Primavera e Outono), e que o texto foi modificado polos seus seguidores para reflectir as realidades da guerra, nun período claramente posterior, sen cabalaría (é dicir, o período dos Reinos Combatentes).

Descubrimentos arqueolóxicos modernos

editar

O descubrimento en 1972 dunha copia case completa de A arte da Guerra da dinastía Han (206 aC -220) dentro dunha tumba, que é case completamente idéntica a edicións modernas, demostra decisivamente que a obra conseguira o seu formato actual como mínimo a comezos da dinastía Han, e os descubrimentos de copias menos completas datadas anteriormente confirman o feito de que existía cunha forma aproximadamente ó actual como mínimo ó período medio e final dos Reinos Combatentes. Por probas arqueolóxicas queda demostrado que A arte da Guerra existía na súa forma actual a comezo da dinastía Han, así o rexistro do traballo da dinastía Han de oitenta e dúas seccións atribuídas a Sun Tzu foi asumido polos historiadores modernos como un erro ou un traballo perdido que combinaba a existente Arte da Guerra con material biográfico e dialéctico. Algúns eruditos modernos suxiren que A arte da Guerra debía ter trece seccións antes de que Sun Tzu contactase co rei de Wu, posto que o rei menciona o número trece na descrición da súa reunión nas Lembranzas do gran historiador.[22]

Puntos de vista alternativos da súa orixe

editar

Algúns historiadores modernos impugnan a interpretación tradicionalista da historia do texto. Mesmo se se ten en conta a posibilidade de revisións posteriores, a interpretación tradicionalista de que Sun Tzu creou A arte da guerra el mesmo (ex nihilo), e que todos os outros estudosos militares teñen que copiar e prestar del, fai caso omiso da posibilidade de que houbese unha tradición formal ou literaria previa dos estudos tácticos, a pesar da existencia histórica de máis de 2.000 anos de guerra chinesa e o desenvolvemento táctico que tivo a guerra na China antes do ano 500 antes de Cristo. Como que é pouco probable que Sun Tzu crease o corpo enteiro dos estudos tácticos da China, "os conceptos básicos e as vías comúns parecen argumentar a favor dunha tradición militar global e unha experiencia en constante evolución, no canto da creación ex nihilo.

Unha alternativa á teoría dos tradicionalistas afirma que A arte da guerra logrou a súa forma actual durante o período medio e final dos Reinos Combatentes (do século IV ó III aC), séculos despois da morte do histórico Sun Tzu. Esta interpretación baséase nas diferenzas entre as tácticas de A arte da guerra e as condicións históricas da guerra a finais do período de Primavera e Outono (finais do século VI aC). Exemplos de guerra descritos en A arte da guerra que non pasaron até o período dos Reinos Combatentes inclúen:

  • A mobilización de mil carros e 100.000 soldados para unha soa batalla.
  • Asedios prolongados (as cidades eran pequenas, debilmente fortificadas, centros económicos e estratexicamente pouco importantes no período de Primavera e Outono).
  • A existencia de oficiais militares como unha clara subclase da nobreza.
  • A delegación dos gobernantes do seu dereito de comandar exércitos a estes oficiais.
  • O uso avanzado e detallado de espías e tácticas pouco ortodoxas (nunca destacou no período de Primavera e Outono)
  • A ampla énfase na velocidade da infantaría e a mobilidade, no canto da guerra con carros.

Debido ó feito de que as condicións e as tácticas defendidas en A arte da guerra son historicamente anacrónicas á época do Sun Tzu histórico, é posible que A arte da guerra fose creado a mediados ou a finais do período dos Reinos Combatentes.

A interpretación que hai entre a tradicionalista de que Sun Tzu foi o único creador da arte da guerra no Período de Primavera e Outono, e o punto de vista oposto, de que A arte da guerra foi creado a mediados e finais do Período dos Reinos Combatentes, séculos despois da morte de Sun Tzu, suxire que o núcleo do texto foi creado por Sun Tzu e foi sometido a un período de revisión antes de chegar máis ou menos á súa forma actual despois dun século da morte de Sun Tzu (na última metade do século V aC).

Parece probable que existiu a figura histórica (de Sun Tzu), e que non só serviu como estratego e, posiblemente, como xeral, e que tamén que compuxo o núcleo do libro que leva o seu nome. A partir de entón as ensinanzas esenciais foron probablemente transmitidas dentro da familia ou unha escola próxima de discípulos, sendo mellorado e revisado co paso das décadas, mentres que pouco a pouco gañou maior difusión.[23]

A opinión de que A arte da guerra conseguiu máis ou menos a súa forma actual a finais do século V aC apóiase na recuperación dos antigos fragmentos existentes de A arte da guerra e pola análise da prosa de A arte da guerra, que é similar a outros textos que datan, definitivamente, de finais do século V aC (por exemplo o Mozi), pero diferentes, xa sexan anteriores (como As Analectes) ou posteriores (por exemplo, o Xunzi) á literatura de aproximadamente o mesmo período. Esta teoría explica tanto o rexistro histórico atribuíndo A arte da guerra a Sun Tzu como a descrición das tácticas anacrónicas á época de Sun Tzu na A arte da guerra.

Anotacións

editar
 
Unha parte de A arte da Guerra nun escrito Tangut.

Antes do descubrimento polos arqueólogos da versión en madeira de bambú en abril de 1972, unha versión comunmente citada de A arte da Guerra era a Anotación das Estratexias de Sun Tzu de Cao Cao, o fundador do reino de Wei. No prefacio, escribía que as anotacións previas non se centraban nas ideas esenciais. Outras anotacións mencionadas nos libros de historia oficiais inclúen a Estratexia Militar de Sun Tzu de Shen You (176-204), a Copia da Estratexia Militar de Sun Tzu de Jia Xu e A Estratexia Militar de Sun Tzu de Cao Cao e Wang Ling.

O Libro de Sui documentou sete libros ós que se lles pon o nome de Sunzi. Unha anotación de Du Mu tamén inclúe a anotación de Cao Cao. A arte da Guerra de Lle Jing dise que foi unha revisión das estratexias do Mestre Sun. As anotacións de Cao Cao, Du Mu e Li Quan traducíronse á lingua tangut antes do 1040. Un libro denominado Dez Escolas da arte de Anotacións de Guerra foi publicado antes de 1161.

Despois da invención da imprenta A arte da Guerra (coas anotacións de Cao Cao) foi publicado nun libro de texto militar xunto con outros seis libros de estratexia, colectivamente coñecidos como Os Sete Clásicos Militares (武經七書 / 武经七书).

Como libros de texto militares de lectura obrigatoria desde a Dinastía Song, Os Sete Clásicos Militares tiveron moitas anotacións. Hoxe en día existen máis de 30 versións diferentes destes libros con anotacións.

As dúas versións chinesas tradicionais máis comúns da Arte de Guerra (o Foco de Especialista Completo e a Biblia Militar) foron as fontes para a primeira tradución ó inglés e outras. Non foi até os anos 1970 que estes traballos se compilarían, con máis descubrimentos arqueolóxicos recentes, nunha versión máis completa única en Taipei, Taiwán. O traballo que resultou coñécese como a Versión Completa da arte da Guerra de Sun Tzu.

  1. Griffith, Samuel B. The Illustrated Art of War. 2005. Oxford University Press. p. 17, 141-143.
  2. Sawyer 2007, p. 149.
  3. "A Arte da Guerra" de Sun Zi, un clásico chinés na nosa lingua Arquivado 27 de marzo de 2013 en Wayback Machine. artigo en Sermos Galiza
  4. 4,0 4,1 Galvany, Albert (2012). Sunzi. A arte da guerra. Tradución directa do chinés antigo (8ª ed.). Madrid, España: Trotta. ISBN 978-84-9879-332-1. 
  5. Floyd, Raymond E. http://www.allbusiness.com/management/benchmarking-strategic-planning/338250-1.html Arquivado 22 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
  6. 6,0 6,1 Nicolas Werth, Karel Bartošek, Jean-Louis Panné, Jean-Louis Margolin, Andrzej Paczkowski, Stéphane Courtois, The Black Book of Communism: Crimes, Terror, Repression, Harvard University Press, 1999, hardcover, 858 pages, ISBN 0-674-07608-7, page 467.
  7. Cultural China (ed.). "Military Applications of The Art of War" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2011. Consultado o 17 de febreiro de 2012. 
  8. Furinkazan, military strategy (en inglés)
  9. Griffith 2011, p. 50.
  10. Interview with Dr. William Duiker, Conversation with Sonshi Arquivado 26 de maio de 2020 en Wayback Machine.
  11. McCready, Douglas. Learning from Sun Tzu, Military Review, May–June 2003."Ligazón". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 01 de febreiro de 2019. 
  12. Forbes, Andrew; Henley, David (2012). The Illustrated Art of War: Sun Tzu. Chiang Mai: Cognoscenti Books. ASIN: B00B91XX8U
  13. Marine Corps Professional Reading Program
  14. Yevgenia Albats and Catherine A. Fitzpatrick. The State Within a State: The KGB and Its Hold on Russia--Past, Present, and Future. 1994. ISBN 0-374-52738-5, chapter Who was behind perestroika?
  15. Michaelson, Gerald. "Sun Tzu: The Art of War for Managers; 50 Strategic Rules." Avon, MA: Adams Media, 2001
  16. McNeilly, Mark. "Sun Tzu and the Art of Business : Six Strategic Principles for Managers. New York:Oxford University Press, 1996.
  17. Krause, Donald G. "The Art of War for Executives: Ancient Knowledge for Today's Business Professional." New York: Berkley Publishing Group, 1995.
  18. Kammerer, Peter. "The Art of Negotiation." South China Morning Post (April 21, 2006) pg. 15
  19. Sawyer 2007, p. 150.
  20. Sawyer 2007, p. 422.
  21. Sawyer 2007, p. 422-423.
  22. Sawyer 2007.
  23. Sawyer 2007, p. 150-151.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Sun Tzu; Golden, Seán (trad.); Presas, Marisas (trad.) (2000). L'art de la guerra. Barcelona: Proa. ISBN 8482568418. 
  • Sawyer, Ralph D. (2007). The Seven Military Classics of Ancient China (en inglés). Basic Books. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar