Durante a guerra fría, o Bloque do Leste, tamén chamado Bloque soviético e campo socialista, comprendía os seguintes países de Europa central e oriental: Bulgaria, Romanía, Hungría, a República Democrática Alemá, Polonia, Albania, a Unión Soviética e Checoslovaquia. O Bloque do Leste adoita considerarse idéntico ao Pacto de Varsovia. Outra das organizacións que reunían aos países do bloque era o Consello de Axuda Mutua Económica.

Bloque do Leste

Iugoslavia nunca formou parte do Bloque do Leste nin do Pacto de Varsovia. Malia ser un estado socialista, o seu líder Josip Broz Tito chegou ao poder grazas ao seu mando sobre a resistencia partisana durante a segunda guerra mundial e sempre mantivo unha política de distanciamento e autonomía respecto da influente Unión Soviética. O goberno iugoslavo mantívose neutral durante a guerra fría e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados.

Pola súa banda, o goberno de Albania (tildado de estalinista) tamén logrou o poder sen axuda soviética como consecuencia da segunda guerra mundial. Albania rompeu a súa relación coa Unión Soviética a comezos dos anos 1960, aliñándose coa República Popular Chinesa e a súa posición antirrevisionista.

As nacións do Bloque do Leste foron, en ocasións, mantidas dentro da esfera de influencia soviética mediante a forza militar. O Exército Vermello invadiu Hungría en 1956 logo dunha revolta anticomunista. Tamén Checoslovaquia foi invadida, en 1968 e por tropas do Pacto de Varsovia, co obxecto de poñer fin a un período de liberalización coñecido como a Primavera de Praga. Esta política foi denominada Doutrina Brezhnev e se convalidaba, segundo a argumentación soviética, na obrigación que tiñan os estados socialistas de sosterse uns a outros de acordo ao establecido no Pacto de Varsovia. A Primavera de Praga non era para os seus críticos outra cousa que un retorno progresivo ao capitalismo, o que xustificaba segundo este razoamento a intervención militar. Os críticos da Unión Soviética falaban á súa vez de social-imperialismo.

O Bloque do Leste disolveuse polo colapso dos diferentes estados socialistas que o formaban, case todos os cales deixaron directamente de existir. O golpe definitivo foi a disolución da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas mesma, bastión político e militar do Bloque, a fins de 1991.

Véxase tamén

editar