Revolución
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Unha revolución (do latín revolutio 'dar volta') é un cambio ou transformación radical e profundo respecto ao pasado inmediato. Pódese producir en varios ámbitos ao mesmo tempo, tales como económicos, culturais, relixiosos, políticos, sociais, militares etc. Os cambios revolucionarios, ademais de radicais e profundos, e sobre todo traeren consecuencias transcendentais, han de percibirse como súbitos e violentos, como unha ruptura da orde estabelecida ou unha descontinuidade evidente co estado anterior das cousas. Se non é así, debería falarse mellor dunha evolución, dunha transición ou dunha crise. Se o que falta é o seu carácter transcendental, debería falarse mellor dunha revolta. As revolucións son consecuencia de procesos históricos e de construcións colectivas, para que unha revolución exista é necesario que haxa unha nova unión de intereses fronte a unha vella unión de intereses. Entón, podemos dicir que revolución é un cambio brusco ou radical nas estruturas, isto pode afectar no social, económico, cultural etc.
Tipoloxía das revolucións
editarNa historiografía fálase xeralmente de tres tipos de revolucións
Poden valer para exemplificalas as tres grandes revolucións que xorden e se desenvolven entre os séculos XVIII e XIX, marcando a fin da Idade Moderna e o comezo da Idade Contemporánea.
- A Revolución Francesa foi un movemento fundamentalmente político, porque se trataba de substituír a monarquía absoluta existente ata 1789, para substituíla por un sistema político con características radicalmente opostas, o que permitiu falar dun Antigo Réxime e un Novo Réxime. Desde un punto de vista xeral, pode incluírse a francesa entre as Revolucións Liberais, entendidas como as que aplican a ideoloxía política liberal, e que comezarían coa independencia americana e continuarían en Europa occidental polo menos até 1848.
- A revolución burguesa entendida como a substitución como clase dominante do estamento privilexiado (formado por nobreza e clero) pola burguesía, co cambio de relacións, comportamentos, actitudes e valores sociais que se identifican cunha ou outra; permite falar dunha nova sociedade de clases. Porén, a historiografía adoita utilizar máis comunmente o termo Revolucións burguesas para referirse, até no seu aspecto estritamente político (a pesar da impropiedade), ás que chamamos revolucións liberais, é dicir, a todos os procesos revolucionarios (como a mesma Revolución Francesa) nos que esta clase social é impulsora.
- A Revolución Industrial ten un carácter esencialmente económico, a transformación respecto da época precedente (a preindustrial) co uso de novas técnicas, fontes de enerxía, invención de maquinarias, innovadores medios de transporte, aumento da capacidade produtiva coa substitución dos talleres artesanais polas fábricas etc
É necesario indicar que estes dous últimos procesos, a pesar de seren de duración secular, foron claramente percibidos polos seus contemporáneos como súbitos e violentos, como o proban, entre outros extremos, a resistencia e os conflitos que xerou a aparición do maquinismo (a destrución de máquinas ou luddismo). É de imposíbel solución o debate (no que pode destacarse o achegue de E. P. Thompson) sobre se a revolución industrial inglesa custou máis mortes e sufrimentos que a revolución liberal francesa.
Xustificado este uso, enténdese que por extensión se aplique o termo revolución á Revolución Neolítica e a Revolución Urbana (definidos por Vere Gordon Childe), procesos xa non seculares mais milenarios, pero que presentan claras analoxías cos do XVIII e XIX en canto á transformación radical (e sen dúbida violenta) das formas de vida da humanidade.
Non se esgota a tipoloxía das revolucións con estes tres tipos. Fálase de revolucións en calquera ámbito, até nos máis afastados dos usos anteriores, como sería o ámbito da ideoloxía (revolución ideolóxica) ou o da arte (revolución artística). Ás veces esa extensión faise con evidente abuso do termo (cando se aplica á moda, ao deporte, á última novidade da música popular...), e ás veces está plenamente xustificada (Revolución Cultural na China maoísta) ou o concepto de revolución científica (Thomas Kuhn).
Revolución Irmandiña
editarAínda que a aplicación do termo revolución a estes sucesos é moi discutida, na historiografía galega o feito máis importante deste tipo é o conxunto de revoltas irmandiñas, que se ben vistos desde hoxe non teñen algunhas das características dunha revolución e o seu obxectivo era máis unha restauración de dereitos que un cambio radical, si foron vistas polos seus protagonistas e por moitos galegos desde entón como unha revolución.
Revolucións
editarNome | Período | Descrición |
---|---|---|
Revolucións liberais | ||
Burguesa | Revolucións inspiradas na Ilustración. Ascensión das burguesías en Europa e América. | |
Inglesa | 1642-63 | Guerra entre o Parlamento e o Rei. Execución de Carlos I e formación dun protectorado republicano. |
Gloriosa | 1688-89 | Jacobo II de Inglaterra é derrocado. Establécese unha monarquía constitucional controlada polo Whig. |
Estadounidense | 1776 | Institúe a independencia de Inglaterra coa creación dunha república. |
Francesa | 1789-99 | Unha das revolucións máis influentes, asociada coa ascensión da burguesía. |
De maio | 1810-20 | Arxentina independizouse (de feito en 1810 e de dereito en 1816) dos reis Borbóns de España. |
De xullo | 1830 | Carlos X de Francia abandona o poder, sendo substituído por Lois Filipe. |
Belga | 1830 | Fallada revolución. Consolídase o reino belga. |
De 1848 | 1848 | Vaga de revolucións liberais e republicanas erradas en toda Europa. |
Rusa | 1905 | Fallada revolución burguesa-liberal con socialistas contra o Tsar Nicolao II. |
Mexicana | 1910 | Derrocamento do ditador Porfirio Díaz, chegada ao poder de Francisco I. Madero. |
Xinhai | 1911 | Desbaratamento do goberno da dinastía Qing e creación da República da China. |
Alemá | 1918 | Instauración da República de Weimar por unha revolución obreira contra o káiser. |
Alxeriana | 1954-62 | Guerra revolucionaria de independencia colonial contra Francia. |
Maio francés | 1968 | Revoltas estudantís e de traballadores contra o goberno de Charles de Gaulle. |
Dos Caraveis | 1974 | Derrocamento da ditadura conservadora pola esquerda portuguesa. |
Indonesa | 1998 | Caída do ditador Suharto. |
Serbia | 2000 | Derrota de Slobodan Milošević, novo presidente e gobernos democráticos. |
Revolucións socialistas | ||
Española | 1936 | Resposta ao golpe de estado do 18 de xullo de 1936 contra a legalidade republicana. O seu carácter foi en gran parte libertario. |
Alemá | 1919 | Fracasada revolución en Alemaña de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht. |
Sandinista | 1979 | Popular derrocamento en Nicaragua da ditadura de Somoza por un movemento campesiño. |
Bolivariana | 1999 | Cambio político económico e social impulsado por Hugo Chávez en Venezuela, comezado desde o seu acceso ao goberno. A revolución está baseada, no ideario do libertador Simón Bolívar. |
Revolucións anti-soviéticas | ||
Húngara | 1956 | Revolución de labregos e obreiros contra o goberno comunista, suprimida polas tropas soviéticas. |
De veludo | 1989 | Desbaratamento pacífico do goberno comunista na desaparecida Checoslovaquia. |
Cantada | 1988 | Derrocamento pacífico do goberno comunista en Estonia. |
Revolucións marxista-leninistas | ||
Rusa | 1917 | A máis influente revolución moderna, os bolxeviques conseguen o poder e forman a URSS. |
Húngara | 1919 | Tras o final da primeira guerra mundial, estabelécese a República Soviética Húngara. |
Mongol | 1920 | |
Norcoreana | 1948 | Estabelécese un réxime comunista. |
China | 1949 | Vitoria da rebelión campesiña comunista de Mao Zedong, nace a República Popular da China. |
Cultural | 1966-76 | Movemento maoísta na República Popular da China. |
Norvietnamita | 1954 | Ho Chi Minh estabelece un Estado socialista. |
Iraquí | 1958 | Karim Qasim tomou o poder tras un golpe de estado. |
Cubana | 1959 | Revolución contra o ditador Fulgencio Batista. Vitoria do goberno revolucionario de Fidel Castro. |
Congolesa | 1964 | |
Suriemení | 1967 | Establécese unha República Popular de orientación marxista. |
Libia | 1969 | Gaddafi estabelece un estado Popular e Socialista. |
Somalí | 1969 | |
Beninesa | 1972 | |
Etíope | 1974 | |
Guineana | 1974 | |
Cambodiana | 1975 | Estabelécese a Kampuchea Democrática. |
Survietnamita | 1975 | |
Laosiana | 1975 | |
Malgaxe | 1975 | Un golpe de estado puxo o goberno en poder de Didier Ratsiraka. |
Caboverdiana | 1975 | |
Mozambicana | 1975 | O FRELIMO consegue a independencia do país. |
Angolana | 1975 | Conséguese a independencia. O MPLA toma o poder. |
Afgá | 1978 | |
Granadina | 1979 | Maurice Bishop estabelece un goberno Marxista-Leninista. |
Burkinesa | 1983 | |
Revolucións islámicas | ||
Iraniana | 1979 | Derrota popular do Sah de Irán, conformándose unha república islámica. |
Talibán | 1996 | Movemento extremista islámico en Afganistán. |
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Hobsbawm, Eric J. Las revoluciones burguesas (The Age of Revolution) 1987 Barcelona: Labor ISBN 84335298781
- Arendt, Hannah Sobre la revolución (On Revolution) 1967, 1998 Revista de Occidente, Alianza Editorial ISBN 84-206-5806-5