Carlos X de Francia
Carlos X de Francia, nado no Palacio de Versalles o 9 de outubro de 1757 e finado en Gorizia (Iliria) o 6 de novembro de 1836, foi rei de Francia e Navarra[1][2] entre 1824 e 1830. Foi o último rei borbón de Francia, e o último que tivo unha cerimonia de coroación.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarNeto de Lois XV e a súa esposa, a princesa polaca María Leszczyńska, e fillo máis novo de Lois, Delfín de Francia, que nunca reinou, e da súa esposa alemá, María Xosefa de Saxonia. Carlos era irmán de Lois XVI, deposto e executado durante a Revolución Francesa, e tamén do rei Lois XVIII, que reinou trala caída de Napoleón. Levou o título de conde de Artois.
Foi bautizado o 19 de outubro de 1761 cos nomes de Carlos Felipe polo arcebispo Carlos Antonio de La Roche-Aymon na Capela Real de Versalles en presenza de Jean-François Allart, sacerdote da igrexa de Nosa Señora de Versalles. A súa madriña foi a súa tía Sofía de Francia e o seu padriño o rei Carlos III de España, representado polo futuro Lois XVI, o seu irmán.
Matrimonio e descendencia
editarO 16 de novembro de 1773, contraeu matrimonio con María Tareixa de Savoia (1756-1805), filla de Vítor Amadeu III de Savoia e da infanta María Antonieta de Borbón. O matrimonio tivo catro fillos:
- Lois Antón, duque de Angulema (1775-1844), casado coa súa prima María Tareixa de Francia, filla de Lois XVI e de María Antonieta de Austria.
- Sofía, Mademoiselle de Artois (5 de agosto de 1776-5 de decembro de 1783), finada con sete anos.
- Carlos Fernando, duque de Berry (1778-1820), casado en primeiras nupcias cunha dama inglesa, e despois con Carolina de Borbón-Dúas Sicilias.
- María Teresa, Mademoiselle de Angulema (6 de xaneiro de 1783-22 de xuño de 1783), finad aos cinco meses.
O seu fillo favorito era Carlos Fernando, que se parecía moito a el, tanto física como moralmente. O máis vello, Lois Antón, polo contrario era tímido e sufría de miopía e tics nerviosos.
Carlos, a diferenza dos seus irmáns máis vellos, que tiñan tendencia ao sobrepeso, era un home aposto e atractivo. A súa esposa non era considerada fermosa e Carlos tivo moitas amantes durante a súa vida, como Louise de Polastron.
Revolución e exilio
editarExiliado de Francia mesmo antes da toma da Bastilla, o conde de Artois foi un dos símbolos máis salientábeis da contrarrevolución, residindo durante moitos anos en Gran Bretaña ata que a caída de Napoleón permitiu que o seu irmán Lois XVIII ascendese ao trono de Francia.
Volta do exilio: reinado de Lois XVIII e os ultramonárquicos
editarDurante o reinado de Lois XVIII, o futuro Carlos X representou a rama máis extremista do conservadorismo, liderando en segredo o partido ultramonárquico, do que se dicía que era "máis monárquico có rei". Ao contrario que o seu irmán o rei, que se mostraba conciliador e perdoou os partidarios de Napoleón, o conde de Artois avogaba polo castigo aos participantes da Revolución, o que deu lugar ao chamado Terror Branco.
Os ultramonárquicos foron gañando poder progresivamente, e segundo máis enfermo se atopaba o monarca, máis poder delegaba no seu irmán de Artois. A morte de Lois XVIII e o ascenso de Carlos X cubriu as expectativas do partido.
Reinado
editarÁ morte de Lois XVIII en 1824, Carlos X herdou o trono francés e foi coroado o 29 de maio de 1825 na catedral de Reims. Foi a última coroación dun rei en Francia. O reinado de Carlos X estivo marcado polas inmensas tensións coa burguesía francesa, e, en xeral, coas ramas máis liberais do estamento político; as pretensións absolutistas e ultramonárquicas de Carlos X non atopaban espazo nun sistema político formado na súa maioría por grupos políticos liberais, que era patente que tiñan o apoio popular suficiente para controlar a Cámara de Deputados, se ban a fraude electoral previña esa circunstancia.
A incomodidade do rei e dos seus partidarios ultramonárquicos ante esta situación foi evidente desde o principio do seu reinado, e os ultramonárquicos non dubidaron en tratar de dominar a política francesa recorrendo á fraude electoral, á chantaxe e ao libelo, o que provocou un gran descontento entre a burguesía liberal e as clases populares; este descontento manifesouse cando en abril de 1827, Carlos X estaba a pasar revista á Garda Nacional: os gardas non dubidaron en proferir insultos e ameazas contra o rei ante a impotencia dos oficiais e Carlos X tivo que fuxir precipitadamente. Días despois, Carlos X, asustado pola posibilidade de que a Garda Nacional o derrocase, ordenou a súa disolución. Porén, o episodio deixara clara a débil posición da monarquía, que foi incapaz de desarmar a Garda trala disolución.
A política ultramonárquica de Carlos X concretábase nas iniciativas lexislativas desenvolvidas por un dos seus principais apouos, o primeiro ministro Jean-Baptiste de Villèle, que exercía o cargo desde o reinado de Lois XVIII. Era sabido que as principais leis promovidas polo primeiro ministro eran parte dunha lista de leis que Carlos X lle entregara ao principio do seu reinado, e que quería ver ratificadas pola Cámara de Deputados e a dos Pares o antes posible. Estas leis, tremendamente impopulares, ían encamiñadas a outorgar grandes poderes e privilexios á nobreza e ao clero, en detrimento do terceiro estado; en definitiva, a iniciativa lexislativa de Carlos X pretendía abolir os principais logros da Revolución. En 1825 aprobouse unha das leis máis polémicas, destinada a indemnizar a todos aqueles nobres que foran donos de terras expropiadas durante a Revolución. A lei Anti-Sacrilexio dese mesmo ano convertía en delito penal calquera ofensa cometida contra a Igrexa Católica; esta lei foi empregada como instrumento de vinganza política contra moitos políticos liberais.
Non obstante, o episodio da Garda Nacional de 1827 puxo de manifesto o desgaste de Carlos X. En novembro dese ano, o ultramonárquico Villèle perdeu a mayoría parlamentaria, e foi desprazado do poder. O seguinte primeiro ministro, Jean-Baptiste de Martignac, era un político moderado a quen Carlos X detestaba. O rei pensou no ministerio deste como nun mal pasaxeiro, e non dubidou en conspirar contra o seu primeiro ministro, que se viu forzado a dimitir en agosto de 1829. Martignac foi sucedido polo ultramonárquico Jules de Polignac, amigo do rei de escasa intelixencia política. Porén, o ascenso de Polignac coincidiu coas eleccións do 30 de agosto de 1829, en que os ultramonárquicos perderon calquera posibilidade de controlar as cámaras lexislativas. O abandono das filas promonárquicas do conservador Chateaubriand, moi descontento coa elección de Polignac, deixou estes en minoría, polo que Polignac e Carlos X manobraron para non convocar as novas cámaras ata marzo de 1830, previndo iniciativas lexislativas de tendencia liberal. Mentre, en xaneiro de 1830, Carlos X declarou a guerra a Alxeria debido a que o vicerrei Hussein Dey expulsara o cónsul francés na zona; con esta guerra Carlos X esperaba distraer a atención do público da situación política interna.
Finalmente, o 2 de marzo de 1830, Carlos X tivo á fin que convocar as Cámaras para inaugurar a lexislatura. No seu discurso inaugural ante elas agardábase que Carlos se mostrase moderado e conciliador, mais en vez diso, fixo un panexírico da súa política, xustificando a elección de Polignac como primeiro ministro e obviando o talante eminentemente liberal das novas cámaras. Estas viron no discurso do rei unha provocación á que responderon o 18 de marzo votando un decreto que esixía que o gabinete e os ministros do rei contasen coa aprobación das cámaras. O día anterior, coñecendo a inminente iniciativa, o rei e o seu goberno convocara eleccións xerais para xullo, e o 19 de marzo Carlos X disolvía as cámaras. O descontento popular foi inmenso.
Previndo unha derrota electoral, Carlos X non dubidou en tratar de manipular as eleccións, que comezaron o 23 de xuño; o 6 de xullo, vendo que a súa situación política era moi precaria, o rei foi urxido por Polignac a que invocase o artigo 14 da Constitución, que permitía suspendela ante unha situación de emerxencia, outorgando poderes extraordinarios ao monarca. Mediante o exercicio dos poderes de emerxencia, Carlos X pretendía convocar unhas novas eleccións e manipular os resultados ao seu favor, o que esixía en primeira instancia poder nomear prefectos provinciais afíns ao partido ultramonárquico. De limitarse a iso, o autogolpe de estado talvez tivese éxito, mais aconsellado por Polignac, o consello de ministros redactou as Ordenanzas de Xullo, un conxunto de catro ordenanzas encamiñadas a abolir a liberdade de prensa, disolver a nova cámara de deputados, alterar o sistema electoral e convocar novas eleccións para setembro. Polignac cría que deste xeito o éxito do golpe estaba garantido.
Revolución de Xullo
editarCarlos X asinou as ordenanzas no Château de Saint-Cloud o 25 de xullo, crendo así rematada a criste política que el mesmo iniciara. As ordenanzas publicáronse no Moniteur (o boletín oficial do estado) o 26 de xullo, causando unha fonda sorpresa en París. Aínda que nun primeiro momento pareceu que o pobo non ía reaccionar ante elas, axiña se demostrou o contrario: a prensa liberal, encabezada polo xornalista Adolphe Thiers, e que ía ser abolida de facto grazas ás ordenanzas, comezou a chamar á resistencia contra as pretensións do monarca. O 26 de xullo pola tarde, unha inmensa multitude comezou a reunirse nos xardíns do Palais-Royal, un lugar simbólico desde a Revolución francesa. Os gritos de "Abaixo os Borbóns!" e "Viva a Constitución" sucedéronse; esa noite, a policía pechou os xardíns do Palais Royal, e a multitude, furiosa, reuniuse nas rúas adxacentes, dando comezo aos disturbios. A mañá do 27 de xuño a policía clausurou os xornais que continuaban a publicarse; cando a nova chegou á xente, tomaron de novo os xardíns do Palais Royal. Carlos X, temeroso da revolta, ordenou os soldados alí apostados que disolvesen a multitude. Ante os disparos que esta fixo contra eles, o exército abriu fogo. Sucedéronse os disturbios, e os comercios do Palais Royal foron saqueados. O 28 de xullo o pobo de París comezou a montar barricadas nas rúas. O mariscal Marmont, a quen Carlos X puxera ao mando da situación, urxiu o monarca a reconciliarse co pobo derrogando as ordenanzas. Carlos X negouse, ao tempo que os homes de Marmont, simpatizantes da causa do pobo, comezaban a desertar. A situación de Marmont era precaria; Carlos X ordenara abrir fogo contra a multitude, mais esta, armada e parapetada tralas barricadas das estreitas rúas do centro, obrigouno a retroceder cos restos da súa tropa cara ao Palacio das Tullerías.
Mentres tanto, a Cámara de Deputados reuniuse o 28 de xullo na casa de Audrey de Puyraveau, e enviou unha delegación a Marmont pedíndolle que urxise o rei a abolir de novo as ordenanzas. Marmont tratou de convencer a Polignac, que se atopaba nas Tullerías, mais este negouse. Vendo o insustentábel da situación, Carlos X culpou os seus ministros dela e destituínos esa mesma tarde; con iso perdía, sen pretendelo, o apoio do partido ultramonárquico. Deste xeito, o rei quedou politicamente illado e ante a revolta fíxose patente a fin do seu reinado. Vendo o rei como un cadáver político, a Cámara de Deputados, reunida o 30 de xullo na casa de Jacques Lafitte e despois no Palais Bourbon, non recoñeceu autoridade ningunha ao rei e decidiu convidar a Lois Filipe de Orleáns, fillo de Filipe Igualdade, partidario da causa liberal e burguesa, para desempeñar o cargo de Lugartenente Xeral do Reino, co beneplácito da Cámara dos Pares.[3] Imprimíronse panfletos que promovían o ascenso de Lois Filipe e distribuíronos entre a multitude, encantada de ver como a autoridade do goberno de Carlos X se derrubaba.
O rei viuse forzado a fuxir de Saint-Cloud a mañá do 31 de xullo, mentres unha turba se achegaba coa intención de saquear o palacio. Tomando refuxio en Versalles, tratou de salvar o seu goberno no momento en que Lois Filipe entraba en París e aceptaba o cargo de Lugartenente Xeral do Reino que lle ofrecía a Cámara de Deputados.[4] Os apoios a Carlos X desapareceran e o monarca mostrábase incapaz de entender que fora desprazado do trono. O 2 de agosto a revolta obrigouno a refuxiarse en Rambouillet; ese mesmo día, tres rexementos da Garda Real, o único corpo que permanecera leal ao rei, abandonárono. Perdida toda esperanza e sen protección ante a multitude ameazadora, ese día Carlos X abdicou e obrigou o seu fillo o Delfín Lois Antón de Borbón, duque de Angulema, a facer o mesmo en favor do seu sobriño Henrique de Artois, duque de Bordeos, un rapaz de doce anos naquel momento. O ex-rei enviou unha carta ao seu primo Lois Filipe pedíndolle que o proclamase rei:
Meu primo,
Estou fondamente apenado polos males que aflixen e poderían ameazar as miñas xentes porque non atopei un modo de previlos. Tomei a resolución de abdicar da coroa en favor do meu neto o duque de Bordeos.
O Delfín, que comparte os meus sentimentos, renuncia tamén aos seus dereitos en favor do seu sobriño.
Debedes, na vosa calidade de lugartenente xeneral do reino, facer proclamar o ascenso de Henrique V ao trono. Por outra banda, tomaredes todas as medidas que vos correspondan para axustar as novas formas de goberno durante a minoría do novo rei.
[..]
Comunidade as miñas intencións ao corpo diplomático e facédeme saber o antes posible sobre a proclamación pola que o meu neto será recoñecido baixo o nome de Henrique V.
Lois Filipe de Orleáns comunicou a abdicación e renuncia ás Cámaras o 3 de agosto, e lonxe de proclamar rei o duque de Bordeos, procedeu a expulsar de Francia a familia de Carlos armando o pobo de París.[5] As Cámaras, pola súa banda, reelaboraron a Carta Constitucional de 1814, declarando o trono vacante e procedendo a elixir a Lois Filipe como novo rei, que foi proclamado co nome de Lois Filipe I, Rei dos franceses o 9 de agosto.[6]
Exilio
editarO 16 de agosto, a antiga familia real embarcouse para Inglaterra a instancias de Lois Filipe, que garantiu un salvoconduto para eles. O goberno inglés, anoxado pola actitude de Carlos X, informouno de que só se lle permitiría residir no Reino Unido como un cidadán privado. Recibiu o permiso para resideir en Dorset, onde o monarca derrocado foi acosado polos acredores que lle emprestaran grandes sumas de cartos durante o seu primeiro exilio en Inglaterra, en tempos da Revolución. Aínda que dispuñan dunha pequena fortuna que Carlos X colocara por se acaso na Banca Inglesa, a situación en Inglaterra era tremendamente incómoda. Abandonou Inglaterra en outubro e refuxiouse en Edimburgo, onde viviu durante 1831 acosado esta vez por algúns membros da súa familia, que pretendía que cedese a rexencia no exilio á duquesa de Berry, nai de Henrique V. En 1832 aceptou a invitación do emperador Francisco I de Austria para vivir en Praga, onde comezou a recibir moitos lexitimistas borbónicos que fuxiran de Francia trala Revolución de Xullo. Os seus últimos anos pasounos en territorio austrohúngaro, conspirando de xeito torpe e público a favor da causa da Casa de Borbón.
Despois de vivir no castelo de Hradchin, en Praga, Carlos X morreu, afectado de cólera, en Gorizia (Iliria) en 1836. Está enterrado xunto ao seu fillo máis vello, Lois Antón de Borbón (Lois XIX) na cripta da igrexa do mosteiro franciscano de Kostanjevica (Nova Gorica, Eslovenia). Xunto aos seus sepulcros de mármore hai unha placa que di:
Ici repose très haut et très puissant excellent prince Charles X de nom roi, par la grâce de Dieu, de France et de NavarreAquí repousa [o] moi alto e moi poderoso, excelente príncipe Carlos X, chamado rei, pola graza de Deus, de Francia e de Navarra
Antepasados
editarNotas
editar- ↑ Achaintre, Nicolas Louis (1825), Histoire généalogique et chronologique de la maison royale de Bourbon, volume 2, ed. Mansut, páx. 269
- ↑ O título navarro era simbólico, xa que o Reino de Navarra (Baixa Navarra) fora abolido en 1789 e os seus territorios quedaran integrados en Francia: Zink, Anne (2000). Pays ou circonscriptions: les collectivités territoriales de la France du Sud-Ouest sous l'Ancien régime (en francés). Publications de la Sorbonne. p. 321. ISBN 9782859443894.
- ↑ de Vaulabelle, Achille Tenaille (1854). Chute de l'Empire. Histoire des deux restaurations jusqu'à la chute de Charles X (en francés) 7. Perrotin. p. 456.
- ↑ Blanc, Louis (1848). The History of Ten Years, 1830-1840: Or, France Under Louis Philippe (en inglés) 1. Lea & Blanchard. p. 193.
- ↑ Dyer, Thomas Henry (1901). A History of Modern Europe from the Fall of Constantinople (en inglés) 6. G. Bell and Sons. p. 42.
- ↑ Fortescue, William (2005). France and 1848: The End of Monarchy (en inglés). Psychology Press. p. 20. ISBN 9780415314626.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos X de Francia |
Bibliografía
editar- Artz, Frederick Binkerd. France Under the Bourbon Restoration, 1814–1830 (1931). online free
- Artz, Frederick B. Reaction and Revolution 1814–1832 (1938), covers Europe. online
- Brown, Bradford C. "France, 1830 Revolution" en Immanuel Ness, ed., The International Encyclopedia of Revolution and Protest (2009): 1–8.
- Frederking, Bettina. "'Il ne faut pas être le roi de deux peuples': strategies of national reconciliation in Restoration France." French History 22.4 (2008): 446–468. in English
- Rader, Daniel L. The Journalists and the July Revolution in France: The Role of the Political Press in the Overthrow of the Bourbon Restoration, 1827–1830 (Springer, 2013).
- Weiner, Margery. The French Exiles, 1789–1815 (Morrow, 1961).
- Wolf, John B. France 1814–1919: the Rise of a Liberal Democratic Society (1940) pp 1–58.
Predecesor: Lois XVIII |
Rei de Francia e de Navarra 1824 – 1830 |
Sucesor: Lois Filipe (como Lugartenente Xeneral do Reino) |
Predecesor: Lois XVIII |
Copríncipe de Andorra 1824 – 1830 |
Sucesor: Lois Filipe |