Catedral de Reims
A Catedral da nosa Señora de Reims (en francés: Cathédrale Notre-Dame de Reims), é unha catedral de culto católico romano baixo a advocación da virxe María na cidade de Reims, no departamento de Marne, en Francia, ao nordés do país, a un 160 km da capital estatal, París, é a cabeza da diocese de Reims.
(fr) Cathédrale Notre-Dame de Reims | ||||
Tipo | catedral católica | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Cathedral of Notre-Dame, Former Abbey of Saint-Rémi and Palace of Tau, Reims (en) | |||
Localización | ||||
División administrativa | Reims, Francia | |||
| ||||
Características | ||||
Dimensións | torre: 81 () m | |||
Monumento histórico clasificado | ||||
Data | 1 de decembro de 1920 | |||
Identificador | PA00078776 | |||
Monumento histórico clasificado | ||||
Data | 1862 | |||
Identificador | PA00078776 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | século XIII | |||
Páxina web | cathedrale-reims.com | |||
Construída no século XIII, despois das catedrais de París e de Chartres, mais antes das catedrais de Estrasburgo, Amiens e Beauvais. É un dos edificios góticos de maior importancia en Francia, tanto pola súa extraordinaria arquitectura como pola súa riquísima estatuaria. En 1991, foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
A Catedral de Reims era, no Antigo Réxime, o lugar da consagración dos monarcas de Francia. O derradeiro Rei coroado foi Carlos X, o 28 de maio de 1825.
Historia
editarNo século V, o bispo san Nicasio levantou unha primeira catedral sobre antigas termas romanas. Dedicado xa á Virxe María, este edificio foi o escenario do bautizo de Clodoveo (498),[1] consagrado polo arcebispo San Remixio. En 816, o fillo de Carlomagno, Ludovico Pío, elixe Reims para ser consagrado emperador. Alí é onde se custodiaba a Sainte Ampoule (un pequeno recipiente levado, segundo a lenda por unha pomba, e que contiña o aceite que se empregara na unción de Clodoveo, rei dos francos, ao ser bautizado). O prestixio do santo óleo e a potencia política dos arcebispos de Reims levaron a que Henrique I, en 1207, o establecera definitivamente como o lugar das consagracións reais.[1]
O 6 de maio de 1211, o arcebispo de Reims, Aubry de Humbert principia a construción da nova catedral de Reims (o edificio actual), destinada a substituír a catedral carolinxia, destruída por un incendio no ano anterior.[2] Sucedéronse nas obras até catro arquitectos (Jean d'Orbais, Jean-lle-Loup, Gaucher de Reims e Bernard de Soissons), e en 1275 xa estaba o groso das obras terminado.[2] A catedral, pois, rematouse para finais do século XIII, coa excepción da fachada occidental que se construíu no século XIV, a partir dos deseños do século XIII. Mentres, a nave central foi prolongada para permitir acoller a toda a xente que acudía ás coroacións. As torres aínda que foron deseñadas para chegar aos 120 metros de altura, quedaron en 81. A torre meridional ten dúas grandes campás; unha delas, chamada «Charlotte» por Carlos, cardeal de Lorena en 1570, pesa máis de 10.000 quilos.
En 1875 a Asemblea Nacional Francesa proporcionou fondos para reparar a fachada e as balaustradas. A fachada é a parte máis destacada do edificio, e unha das grandes obras mestras da Idade Media.
Durante a primeira guerra mundial, foi bombardeada polos alemáns, que vían nela un símbolo de Francia, e provocaron serios estragos polo que foi cualificada de "mártir". Entre o 19 e o 20 de setembro de 1914, foi alcanzada por 25 proxectís[3] que acabarían provocando o incendio da torre norte e a propagación do lume por todo o armazón. Fundiuse todo o chumbo da teitume e verteuse polas gárgolas, sendo recollidos polos veciños quen o restituíron despois do conflito. Igualmente, foi destruído o palacio de Tau, residencia do arcebispo. Como consecuencia da conmoción que causou na poboación, varios prisioneiros alemáns feridos, foron asasinados[3]. A catedral acabaría recibindo 288 proxectís en total, e Reims foi destruída en case un 85%.[4]
Restauración
editarOs traballos de restauración comezaron en 1919, baixo a dirección de Henri Deneux, nado en Reims e arquitecto xefe de Monuments Historiques, que empregou a gran cantidade de fotografías realizadas na década de 1880, no comezo da era da fotografía. A catedral volveuse abrir en 1938, grazas en parte ao apoio financeiro do mecenado estadounidense dos Rockefeller, pero desde entón os traballos continuaron sen cesar. O armazón de madeira destruído foi substituído por unha estrutura máis lixeira e ininflamable, constituída de pequenos elementos de cemento armado prefabricado, unidos por chavetas de carballo para garantir a flexibilidade do conxunto.
Estruturas
editar- Lonxitude total: 149,17 m (contra 130 metros de Notre Dame de París e 145 m de Notre Dame de Amiens)
- Lonxitude interior: 138 m
- Altura da nave central: 38 m (33 m en París , 42 m en Amiens e de 48 m en Saint-Pierre de Beauvais)
- Altura das naves laterais: 16,5 m
- Largura da nave: 14,65 m (15,25 m en Saint Étienne de Sens e 12 m en París)
- Lonxitude do transepto: 61 m
- Largura do transepto: 30,70 m
- Altura das torres frontais: 81,50 m (69 m en París; 88 m de St. Croix d'Orléans)
- Altura da torre do campanario (Torre do Anxo): 87 m
- Largo da fachada occidental: 48.80 m (61.60 m en Notre-Dame de Rouen )
- Área de construción: 6 650 metros cadrados dos rosetóns
- Diámetro do rosetón oeste: 12,5 m (13,1 m para os 2 rosetóns do transepto de Notre Dame de París )
- Diámetro de rosetón norte: 9,65 m
- Diámetro de rosetón sur: 9,65 m
Descrición
editarExterior
editarA fachada occidental repite a mesma estrutura que a de Notre-Dame de París,[5] pero con varias diferenzas que indican a rápida evolución do estilo gótico.
Os tres pórticos están cargados de estatuas e figuras sendo en total 2 303[6] o número de estatuas, algunha de 4 metros de altura[4], superada tan só por Chartres entre as catedrais europeas con maior número de figuras esculpidas. Incluso a fachada interior resulta ornada de figuras esculpidas, entre elas a famosa «comuñón do cabaleiro».
O pórtico central da portada occidental, dedicado á Virxe María, en vez do característico tímpano, presenta un rosetón enmarcado nun arco tamén decorado con estatuas de pedra. No parteluz, aparece unha imaxe da Virxe sorrindo, e destacan os grupos das xambas, onde se atopa, no lado dereito, o tema da Anunciación (co arcanxo san Gabriel, tamén sorrindo) e a Visitación. Esta escena pódese interpretar como unha tranquila charla entre dúas mulleres embarazadas -a Virxe de Cristo e santa Sabela de san Xoán Bautista, respectivamente- que intercambian ideas. O perfecto pregado das roupas expresa a dignidade do seu estado pois manifesta o uso de técnicas non empregadas dende hai 900 anos. Necesariamente, o escultor de Reims tivo que coñecer ou estudar as esculturas da antiga Roma.[7] No tema da Anunciación, levado a cabo por outro mestre, as roupas da Virxe caen con gran naturalidade, mentres que a figura do anxo que sorrí, seguramente, pertence a un terceiro artista.[7] Realizado cun "estilo elegante" creado cara 1240 por mestres parisienses que traballaban para a corte real, foi tan exitoso que se converteu nun modelo a imitar na época.[8]
No lado esquerdo, está a Presentación de Xesús no Templo, cunha curiosa estatua de San Xosé amosa unha expresión algo pícara. As figuras amosan un cambio na concepción escultórica, pois xa non son relevos acaroados a un muro senón verdadeiras esculturas que se separan de: aparecen como figuras exentas.[7]
O coñecido "Anxo do sorriso", símbolo de Reims, está no pórtico esquerdo é a paradigma desta nova escultura gótica na que se está á procura dunha nova expresión e onde os personaxes parecen querer falar entre eles, con xestos e expresións individualizadas. Na parte superior, a «galería dos reis» amosa o bautismo de Clodoveo, no centro, flanqueado por estatuas dos seus sucesores.
As fachadas do transepto están tamén decoradas con esculturas. A do norte ten estatuas dos bispos de Reims, unha representación do Xuízo Final e unha figura de Cristo ("le Beau Dieu"), mentres que no lado meridional ten un fermosos rosetón moderno cos profetas e os apóstolos.
Un incendio destruíu o tellado e as agullas en 1481: das catro torres que flanqueaban os transeptos, non queda nada por riba da altura do tellado. Sobre o coro álzase un elegante campanario de madeira cuberto de chumbo que ten 18 metros de alto, reconstruído no século XV e nos anos 1920.
As torres miden 86 metros de altura, entre as máis fermosas do estilo gótico,[5] están realizadas en trazaría calada sen presentar ningunha superficie de muro. Entre outras escenas representadas, están a loita entre David e Goliat, e a coroación da Virxe María.
Interior
editarO edificio destaca pola súa unidade de estilo, a pesar dunha construción que non chega a dous séculos, pero que se reliza principalmente no século XIII. A altura da nave é de 38 metros no centro (Amiens: 42,30 m; Beauvais: 46,77 m). A nave mide 138,75 metros de longo e uns 30 de ancho. Comprende unha nave central con dez tramos e dúas laterais: o transepto, pouco desbordado, tamén ten naves laterais que se continúan nos tres tramos rectos do coro; o coro conta cun dobre corredor e a ábsida ten un deambulatorio con cinco capelas radiais.
No alzado, continúa coa fórmula de Chartres de tres niveis: grandes arcadas (16,60 metros), triforio e claraboia de grandes fiestrais. A catedral posúe a tapices, entre eles unha serie presentada por Robert de Lenoncourt (m. 1532), arcebispo con Francisco I, representando a vida da Virxe que se mostra, no momento actual, no anterior palacio do arcebispo convertido hoxe en museo, o Palacio de Tau.
O transepto norte contén un órgano nunha rechamante caixa gótica. O reloxo do coro está adornado con curiosas figuras mecánicas. Conserva vidreiras que van desde o século XIII ao XX (as fiestras do deambulatorio foron deseñadas por Marc Chagall[9] en 1974 e son un grande atractivo para os turistas)[10].
O tesouro, conservado no Palacio de Tau, inclúe moitos obxectos preciosos, entre eles a Sainte Ampoule, ou Santa Bocha, sucesora da antiga que contiña o aceite co que os reis franceses eran unxidos, que rompeu durante a Revolución Francesa, un fragmento da cal contén a actual Ampoule.
O labirinto
editarEntre o terceiro e o cuarto tramo da nave central aparece un labirinto construído en 1286,[11] en mármore negro, e que foi destruído en 1779 polo capítulo da catedral que alegaba distraccións e ruído durante os oficios. Hoxe coñécese a forma porque foi documentado por debuxos de Jacques Cellier (cara 1583-1587) e as descricións de Cocquault (1640) e do periodista Havé (1779). No centro, atopábase a figura de Aubry de Humbert (arcebispo que mandara construír a nova catedral) e nos catro octógonos pequenos das esquinas representáronse as figuras dos catro primeiros arquitectos: Jean d'Orbais, Jean-le-Loup, Gaucher de Reims e Bernard de Soissons.[11]
Hoxe en día, a forma do labirinto serviu para crear o deseño do logotipo que sinaliza, en Francia, os "Monumentos Históricos"[12].
Galería
editar-
Órgano da Catedral de Reims
-
Nave central.
-
Bóveda da nave central. Catedral de Reims.
-
Portada occidental.
-
Escultura da portada occidental. Grupo da Anunciación e a Visitación.
-
Imaxe dos efectos dos bombardeos.
-
A Catedral en 1914 tralos efectos dos bombardeos
-
Plano coas bombas recibidas na catedral e a zona arredor.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Allard (2012)
- ↑ 2,0 2,1 Erlande-Brandenburg (1992), p. 504
- ↑ 3,0 3,1 Chabaud, Hervé (2009). 1914-1918. Reims, ville martyre. L'Union. p. 6.
- ↑ 4,0 4,1 "La croix.com" (en francés). Consultado o 22-01-2017.
- ↑ 5,0 5,1 Hartt (1989), p. 493
- ↑ Erlande-Brandenburg, Alain. Reims. Cathedral (en inglés). Editións Jean-Paul Gisserot. p. 10. ISBN 9782877479226.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Honour (1987), pp. 298-300
- ↑ Janson (1988), p. 149
- ↑ Plazaola, Juan (2001). Arte e Iglesia: veinte siglos de arquitectura y pintura cristiana. Nerea. p. 222. ISBN 84-89569-57-6.
- ↑ Kunst, Hans-Joachim; Schenkluhn, Wolfgang (1996). La catedral de Reims. Siglo XXI editores. p. 9. ISBN 968-23-2006-2.
- ↑ 11,0 11,1 Emborg (2016), p. 32
- ↑ "O labirinto na Catedral de Reims". Arquivado dende o orixinal o 04-10-2013. Consultado o 27-01-2017.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Catedral de Notre-Dame de Reims |
Bibliografía
editar- Allard, Vincent; Garnier, Éric (2012). Los misterios del cristianismo. Barcelona: De Vecchi Ediciones. ISBN 978-8431540401.
- Emborg, Celina E. (2016). Laberintos Mágicos para Meditar y Pintar. A.M.Rothman. ISBN 978-987-42-2056-1.
- Erlande-Brandenburg, Alain (1992). El arte gótico. Madrid: Akal. ISBN 84-460-0044-X.
- Hartt, Frederick; Frígola, María Victoria (1989). Arte. Historia de la pintura, escultura e arquitectura. Akal. p. 493. ISBN . Col. Arte y estética Nº 20. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-411-7.
- Honour, Hugh; Flemming, John (1987). Historia del arte. Barcelona: Reverté. ISBN 84-291-1441-6.
- Janson, H.W.; Janson, A.F. (1988). Historia del arte para jóvenes. Col. Arte y Estética. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-268-8.
Ligazóns externas
editar- Sitio oficial da Catedral de Reims Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine. (fr)
- Sitio oficial da Dirección de Asuntos Culturais de Champagne-Ardenne Arquivado 17 de xullo de 2016 en Wayback Machine. (fr)
- Ficha da Catedral de Reims en Structurae (fr)