En arquitectura o termo trazaría[1], do latín tractiare (tirar liñas)[2], fai referencia ao traballo decorativo en pedra calada(tamén por veces madeira) composto por elementos xeométricos e utilizado na arquitectura, especialmente de gran desenvolvemento na arquitectura gótica. Este ornamento pode subdividir aberturas (como nun rosetón) en forma de renda perforada ou revestir áreas con formas en relevo podéndose atopar aplicado para coroar fiestras, arcos, a ornamentar bóvedas, gabletes e pináculos ou a cubrir superficies planas como paneis (de coro por exemplo) ou paredes.

Catedral de Estrasburgo, Francia.

Diferénciase da crestería, que tamén é un motivo decorativo en pedra, en que esta localízase na parte superior dun edificio, como unha crista[2].

Historia e características editar

 
Catedral de Notre-Dame de París, Francia.

O termo foi empregado por vez primeira por Christopher Wren, mais a súa aplicación remóntase xa ao estilo románico aplicado a fiestras onde unha circunferencia colocada na parte superior da frecha do arco inscribe un lobo simple. Á medida que as fiestras comezan a ser subdivididas en máis partes (por exemplo, fiestras xeminadas, de dúas luces) vanse preenchendo os espazos entre os arcos quebrados con trazaría.

 
Detalle de rosetón do século XIII, ilustración de 1856.

No estilo gótico os lobos poden tamén estar inscritos en cadrados ou triángulos e as formas xeométricas tórnanse máis complexas. É normal atopar na frecha dun arco quebrado lobos cuxos "gomos" se prolongan en longos brazos terminando tamén, pola súa parte, en trilobos.

A partir da segunda metade do século XIII e durante o século XIV a tipoloxía formal tórnase máis intricada dando lugar a áreas que se asemellan a filigrana pola súa complexidade. É en Francia e nas súas catedrais onde se conservan os máis variados exemplares desta técnica. Co pasar do tempo as formas tórnanse máis estilizadas e a composición pasa a executarse conxugando perfís illados e finos de pedra (arrendado de homes) en vez de se perforar a superficie en si (arrendado plano). Moitas veces facía falla reforzar a estrutura delgada con barras de ferro. Nesta época a súa aplicación xa era moi variada, non se limitando ao coroamento de fiestras. No último cuarto do século XIV e no século XV os padróns xeométricos tórnanse máis fluídos e ondulantes englobando curvas e contra-curvas, no que ficou denominado como gótico flamíxero. Inglaterra, por outro lado, asume no seu gótico perpendicular unha trazaría composta de elementos rectilíneos dispostos vertical e horizontalmente formando unha malla perpendicular.

Galería editar

Notas editar

  1. Dicionario visual da construción
  2. 2,0 2,1 Lajo, Rosina (1990). Léxico de arte. Akal. p. 202. ISBN 978-84-460-0924-5. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • CALADO, Margarida, PAIS DA SILVA, Jorge Henrique, Dicionário de Termos da Arte e Arquitectura, Editorial Presença, Lisboa, 2005, ISBN 20130007
  • KOEPF, Hans; BINDING, Günther (Überarbeitung), Bildwörterbuch der Architektur, Alfred Kröner Verlag, Stuttgart, 1999, ISBN 3-520-19403-1
  • NORBERG-SCHULZ, Christian, Arquitectura occidental, Editorial Gustavo Gili, Barcelona, 1999, ISBN 84-252-1805-5