Arco (arquitectura)

elemento arquitectónico sustentante de forma curva, aínda que admite moitas variantes

O arco é un elemento arquitectónico sustentante xeralmente de forma curva, que cobre un van entre dous puntos fixos, sobre os que reparte os pulos exercidos sobre el.

CompoñentesEditar

 
Representación esquemática do arco.
1. Chave: bloque ou doela superior que "fecha" ou traba a estrutura e pode estar decorada. Tamén designa o punto de fecho dunha bóveda onde os arcos que a compoñen se cruzan, xeralmente en forma estilizada de flor.
2. Doela: bloque en cuña que compón a zona curva do arco e que se coloca en sentido radial coa cara cóncava para o interior e a convexa para o exterior.
3. Extradorso: cara exterior e convexa do arco.
4. Imposta: Bloque superior do piar que separa o pé dereito do bloque de onde comeza a curva, a doela de arranque. Esta primeira doela aséntase sobre a imposta; ten polo menos un dos lados (xunta) horizontal.
5. Intradorso: cara interior e cóncava do arco.
6. Frecha: dimensión que se prolonga desde a liña de arranque (delimitada pola imposta e pola doela de arranque) até a cara interior da chave. Esta área pode estar tapada, dando lugar a un tímpano.
7. Luz: van, largura do arco, xeralmente maior que a súa profundidade. A relación entre a frecha e a luz é xeralmente traducida nunha fracción (ex: 1/2, 1/3 etc.)
8. Contraforte: muro que soporta a impulsión do arco. Caso de non existir unha parede, este apuxón pode ser recollido por outro arco lateral e así sucesivamente (arcada).

FuncionamentoEditar

Ao contrario das aberturas rematadas en trabe, onde a carga vertical exercida directamente sobre un lintel pode eventualmente deformalo ou quebralo, o arco funciona en compresión e transporta o peso da construción cara os piares de soporte e para os lados (apuxón lateral e diagonal), permitindo a abertura de vans maiores sen risco de colapso.

Xeralmente en pedra, ladrillo ou outro material de construción similar, o arco componse de bloques en cuña que, colocados adxacentemente, se traban uns aos outros en compresión e manteñen a forma en curva.

O bloque situado no vértice do arco, a chave, é o último elemento en ser colocado e o que permite que a estrutura se trabe e a forma se manteña. Até a colocación deste último elemento úsase unha armazón provisoria de madeira ou metal, o acimbre, que serve de molde, presentando o que será a curva interior do arco e que permite que as doelas teñan apoio até a consolidación final coa chave. No caso de que os cálculos fosen mal efectuados, pode acontecer que a estrutura colapse após a retirada do soporte.

HistoriaEditar

 
Portal con arco quebrado da catedral de Notre-Dame de París, en Francia.

O uso do arco xorde coas civilizacións da Antigüidade, aínda que o Antigo Exipto, Babilonia, Grecia Antiga e Asiria o restrinxiran a construcións no subsolo, especialmente en estruturas de drenaxe e bóvedas. Polo contrario, a súa arquitectura exterior caracterízase sobre todo por unha tipoloxía onde se conxuga o uso da columna coa viga horizontal. Así, pola necesidade de minorar o impulso vertical sobre os linteis de pedra, propágase o uso de columnas sucesivas de colocación próxima e que teñen como función soportar tal carga.

Son máis tarde os romanos os responsábeis da utilización do arco en grande escala, erixindo, polo alcance de vans maiores, edificios de dimensións monumentais. É nesta altura cando se propaga o arco de volta perfecta, semicircular asentado en piares, que será tamén unha das características do estilo románico e do Renacemento.

Co estilo gótico difúndese un novo xénero de arco que se cre xa ter sido anteriormente utilizado polos asirios [Cómpre referencia], o arco quebrado. Este arco está composto por dous segmentos de circunferencia con centros distintos, dando lugar a unha forma puntiaguda que faculta ao arco unha maior forza e posibilita vans máis altos. Este arco provoca, no entanto, un maior impulso oblicuo, que será inicialmente recibido por gruesos contrafortes e máis tarde por arcobotantes.

Tamén na arquitectura islámica é común o uso do arco, especialmente por motivacións decorativas; sobresaen o arco de ferradura e diversos arcos decorativos coa inserción de lóbulos. Oriente e a China usaban xa desde dinastías antigas o arco aplicado á construción de pontes. Ao longo do tempo vanse adaptando e fundindo diversas tipoloxías formais do arco nos diversos movementos eclécticos da arquitectura.

Tipos de arcosEditar

 
Arco Tudor
 
Arco en cortina
 
Arco carpanel
 
Arco de ferradura

Os tipos máis importantes son:

Abatido (tamén chamado deprimido rectilíneo)
o formado por dous cuadrantes e unha recta horizontal.
Abucinado
o que ten máis luz nun paramento que no oposto.
Alintelado
o que ten o intradorso horizontal e as doelas radiais.
Angular
o que ten o intradorso formando un ángulo e as doelas con despece radial.
Apuntado
Artigo principal: Arco apuntado. o que está formado por dous arcos de circunferencia con igual raio pero distintos centros, equidistantes do punto central da recta que une os puntos de arranque e que ó cruzarse forman ángulo.
Carpanel
o formado por varias porcións de circunferencia, cada unha co seu propio centro e en número impar. Emprégase especialmente o de tres.
Cego
o que ten tapiada a súa luz.[1]
Conopial
aquel que semella a quilla invertida dun barco. O nome deriva da palabra latina conopeum coa que se designaba o dosel ou as colgaduras que cubrían unha cama[2]. É propio do gótico flamíxero.
Cruceiro
o que une en diagonal dous ángulos dunha bóveda.
De descarga
o que se constrúe sobre un lintel para alixeiralo do peso da parede.
De ferradura
Artigo principal: Arco de ferradura. o que ten arranques a igual altura e está formado por unha sección circular maior que a semicircunferencia. É característico da arquitectura musulmá.
De medio punto ou de volta perfecta
Artigo principal: Arco de medio punto. o formado por unha semicircunferencia.
Diafragma
arco perpiaño que divide os tramos dunha nave para contrarresta-los pulos da bóveda sobre os muros laterais.
Dobrado
o que está formado por dous arcos superpostos. Moi común no románico.
Elíptico
o que ten forma de sección de elipse.
Festonado
o que presenta unha silueta de ondulacións convexas.
Formeiro
o que corre paralelo ó eixe lonxitudinal dunha nave, xeralmente comunicando a nave principal coas laterais.
Lanceolado
o apuntado moi agudo.
Lobado
o que ten o intradorso formado por varios arcos menores ou lóbulos que, ó cortarse, orixinan picos decorativos.
Lobulado
aquel coa silueta formada por tres ou máis seccións de circunferencia que se cortan entre si.
Mixtilíneo
o que está formado por liñas mixtas. Característico da arte musulmá.[1]
Oxival
Artigo principal: Arco oxival. arco apuntado formado por dous arcos de circunferencia que se cortan na clave.
Perpiaño
aquel que corta a bóveda en sentido transversal ó seu eixe, quedando resaltado a maneira de cincha. É equivalente ó arco de faixa ou faixón.
Por tranquil ou Rampante
o que posúe os seus arranques a distinta altura.
Sobreerguido
aquel que ten a altura maior ca semiluz.
Toral
cada un dos catro arcos sustentantes dunha nave con bóveda de aresta, perpendiculares ó eixe maior da mesma. Tamén é denominado así, cada un dos catro arcos que terman do cruceiro e sobre os que repousa unha cúpula.[1]
Triunfal
o que está situado nas igrexas entre a nave e o presbiterio. Emprégase esta denominación en lembranza do arco de triunfo romano, monumento conmemorativo erixido en honor do emperador, composto por un, tres ou máis vans, flanqueados por columnas ou pilastras e profusamente decorado con motivos alusivos á vitoria conmemorada.
Tudor
arco conopial achatado característico do estilo inglés do mesmo nome.
Túmido
arco de ferradura apuntado.[1]
  • Arco en gola

  • Arco carpanel

  • Arco conopial

  • Arco lanceolado

  • Arco parabólico

  • Arco rebaixado

  • Arco alintelado

  • Arco rampante

  • Arco triangular

  • Arco lobulado

  • NotasEditar

    1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Lajo, Rosina (1990). Léxico de Arte. Madrid: Akal. p. 21. ISBN 84-7600-493-1. 
    2. "Arco". lafronteradelduero.com. Consultado o 13-12-2017. 

    Véxase taménEditar