Xosé de Nazaret
Xosé de Nazaret (en hebreo: יוֹסֵף, transliterado Yosef) foi, segundo a relixión cristiá, o esposo de María, a nai de Xesús de Nazaret e, xa que logo, pai putativo de Xesús. Era de oficio carpinteiro,[1] profesión que lle ensinou ao seu fillo, e de extracción humilde, aínda que as xenealoxías de Mateo 1,1-17 e Lucas 3,23-38, fano descendente do rei David. Ignórase a data da súa morte (tradicionalmente, acéptase que morreu cando Xesucristo tiña máis de 12 anos), pero non está presente no relato evanxélico da predicación de Xesús, polo que se presume que morreu antes de que esta tivese lugar.
Nome orixinal | (he) יוֹסֵף |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 30 a. C. Nazaret (Xudea) |
Morte | 12 ↔ 29 (48/49 anos) Nazaret (Imperio Romano) |
Grupo étnico | Pobo xudeu |
Relixión | Xudaísmo |
Actividade | |
Campo de traballo | Carpintaría |
Ocupación | obreiro, carpinteiro, artesán, tektōn (en) |
Período de actividade | (Con vida en: século I ) |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 19 de marzo semana despois do Nadal |
Familia | |
Cónxuxe | Santa María |
Fillos | Xesús histórico, Xosé, José Barsabás, Xudas, Simón, Santiago o Xusto, Xesús de Nazaret, stepchild |
Pai | Heli Jacob |
Cronoloxía | |
visión | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Enciclopedia de Otto The Nuttall Encyclopædia >>>:Joseph, St. |
Orixes
editarO Evanxeo de Mateu di que era fillo de Xacobe ou Iago, entrementres o Evanxeo de Lucas denomina ao seu pai Elí. Ámbolos dous evanxelistas dan a entender a extracción humilde de Xosé pero o presentan como membro dunha familia descendente de David co fin de anticipar o carácter mesiánico de Xesús [2]. Carácter que se reafirma coa procedencia de Belén, a vila do mesmo Rei dos xudeus. Nos primeiros anos do Cristianismo, Paulo de Tarso reflicte nunha das súas cartas unha fórmula primitiva dun primeiro Credo: Xesús "naceu da estirpe de David por liña carnal" (Rom. 1, 3-3)
Algúns esexetas teñen manifestado o contraditorio destas xenealoxías se despois se afirma que Xosé non era o Pai biolóxico do Mesías.
En suma, dado que a ascendencia davídica é un factor indispensable, a afirmación de que Xesús era o fillo de Xosé da "casa de David" adquire unha importancia notable. Con todo, presentar unha reivindicación razoable ao título de Mesías é unha cousa e a idea da concepción virxinal outra moi distinta. Ao tentar ambas, Mateo e Lucas, confunden sen decatarse o propósito das xenealoxías. Porque se para proclamaren o nacemento virxinal tiñan que negar a paternidade real de Xosé, estaban forzosamente obrigados a mitigar a reivindicación mesiánica e rexia de XesúsGeza Vermes[3]
Aínda que oriúndo de Belén, residía na diminuta aldea de Nazareth, constituída por pequenas e poucas casas de pallabarro e cavernas [4].
Oficio
editarO seu oficio era de tekton, palabra grega que designa a un artesán humilde que facía portas, traballaba na construción de casas, reparaba sellas de montar.., e que un dos primeiros autores cristiáns e Pais da Igrexa, Xustino Mártir, identifica co oficio de carpinteiro. O propio Xustino asegura que nos seus días aínda existían aguilladas e arados construídos por Xosé e Xesús[5].
É posible que, tal como sospeita Schlatter, non existise traballo suficiente en Nazaret para un tekton, polo que sería factible que Xosé se desprazase con Xesús a traballar na helenizada e próxima cidade de Séforis. Especulación factible pero indemostrada. En todo caso, Xesús aprendería este oficio do seu pai dado que no xudaísmo rabínico tardío era obriga dun pai da condición social de Xosé ensinar un oficio manual ao seu fillo. Non ensinar a traballar era incumprir o mandamento de non roubar.[6]
Custodio de María e Xesús
editarXosé estaba desposado (prometido) con María de Nazareth, cando se decatou que esta estaba preñada. Angustiado e decepcionado, por resultarlle evidente que o embarazo non era del, resolveu repudiar a María en segredo. Sendo un home bo, segundo o Evanxeo de Mateu, procurou evitar a infamia e o grave risco de que María fose lapidada como unha adúltera consonte a Lei de Moisés. O historiador xudeu Joseph Klausner afirma que en Galilea se exercía un control estrito sobre as mociñas comprometidas, aínda que se cadra algo máis laxo que en Xudea.[7]. Segundo as fontes cristiáns, será unha revelación obtida en soños a que lle fará permanecer ao carón de María.(Mt.1:19;20-24). Esta mesma revelación ordéalle que lle poña ao seu fillo o nome de Xesús (en hebreo Yehosua, que significa Deus libera ou Deus salva).
Por prescrición gobernativa, Xosé ten que trasladarse con María a censarse en Belén onde non atopan pousada para eles (Lucas 2:1-7) xusto cando a María se lle estaban esgotando os días para o parto. Este terá lugar nun *manxadoiro do gando. Como parte do kerigma do nacemento do salvador para os pobres e marxinados, o mesmo Evanxeo de Lucas describe a estampa da adoración polos pastores (xente marxinal e de escasa reputación na Xudea do século I). Xosé acollerá a eses abraiados e imprevistos visitantes. Como kerigma verbo da chegada dun salvador tamén para os pobos pagáns, o Evanxeo de Mateu recolle a chegada duns Magos de Oriente (os Reis Magos da tradición popular posterior) que lle ofrecen ouro, incenso e mirra. Segundo os Pais da Igrexa a mirra evoca o sufrimento, o incenso a divindade, e o ouro a realeza mesiánica [8]. Xosé terá tamén que recibir a tan ilustres estranxeiros [9]
Ao pouco de nacer, Xosé coa súa muller, como xudeus piadosos, presentan ao seu fillo no Templo de Xerusalén, ficando Xosé abraiado do que alí lle proclama un servidor do Templo (Lucas 2:33).
Por medo a unha anunciada persecución de Herodes, Xosé colle a súa familia e foxe axiña e apuradamente (de noite) a Exipto onde vive coma un refuxiado e fuxitivo. Segundo o Evanxeo de Mateu, perpétrase en Belén a "matanza dos inocentes", que buscaba acabar coa vida do seu fillo (Mt. 2, 13-18).
Morto Herodes, e mantendo toda a prevención fronte ao sucesor Arquelao, Xosé establece a súa familia na pequena aldea de Nazareth onde aprende ao seu fillo o seu propio oficio de carpinteiro ou artesán de ferramentas propias dos labores campesiños. As parábolas que máis tarde Xesús relataría reflicten unha vida labrega típica de Galilea. No Evanxeo de Marcos, os veciños de Nazareth cualifican a Xesús con desprezo como "o carpinteiro fillo de María" (Mc 6,3). Ademais do oficio de tekton e outros labores aldeás, Xosé instruiría a Xesús na Torá, aínda que probablemente fose un dos chamados polos xudeus "débiles da Torá" (o Talmud di que os israelitas de Xudea consideraban aos galileos estúpidos, paifocos e parvos de acento aldeá e entregados a hábitos rústicos)[10].
A derradeira aparición de Xosé no Evanxeo de Lucas é con ocasión do relato da desaparición de Xesús, xa preadolescente, perdido durante tres días cando volvían con María dunha peregrinación a Xerusalén con ocasión da Pascua. Segundo as palabras de María, recollidas por Lucas, a busca do neno foi angustiosa: ¿por qué nos fixestes isto?, teu pai e máis eu andabámoste a buscar anguriados. Nin Xosé nin María entenderon a resposta de Xesús. (Lc. 2, 41-50).
A paternidade e descendencia de Xosé
editarAs igrexas cristiáns, en consonancia coa crenza na virxindade de María, adoitan entender que Xosé non era o pai biolóxico de Xesús. O Evanxeo de Marcos fala de que os veciños de Xesús denominan a este pexorativamente "o carpinteiro fillo de María". Algúns esexetas apuntan a que esta maneira de identificar a un galileo pola filiación materna é un indicativo de que se cuestionaba a paternidade, o que pode ser un reflexo dun rexoubeo local acerca da ilexitimidade de Xesús (Stauffer, Lüdemann, Schaberg...)[11][12]. Algo que continúa no século II cando autores como Celso utilizan este feito para desacreditar a seita dos cristiáns. O Toldot Ieshu, un relato popular xudeu, tamén sosterá ilexitimidade de Xesús. O Evanxeo de Mateu coloca na xenealoxía de Xosé e, por extensión, de Xesús, a catro mulleres lembradas polas súas relacións sexuais irregulares: Tamar que seduciu a Xudá, Raxab a prostituta, Rut que seduciu a Boaz e Batxeba, seducida por David (Mt.1,3,5,6) Pola súa banda, no Evanxeo de Xoán fálase de Xesús como o fillo de Xosé, porén, como un xeito de desacreditar a súa posición, os seus rivais dialécticos lle replican que eles non son "fillos da prostitución" (a expresión en grego é porneia) (Xn. 8,41).
Xosé tiña outros catro fillos: Santiago, (Santiago o Xusto), Xosé, Simón e Xudas, e polo menos dúas fillas, aos que os evanxeos denominan adelfós (Mt. 13,55 e Mc. 6,3), palabra grega que designa aos irmáns carnais [13]. Os nomes dos seus fillos semellan indicar unha férrea piedade nidiamente xudía impermeable ao proceso de helenización que irradiaría da cidade próxima de Séforis[14] (nos propios evanxeos aparecen galileos con nomes gregos como André Apóstolo e Filipe Apóstolo). Téñase en conta que Galilea era un reduto insurreccional fronte a Roma e que os galileos eran "nacionalistas e amantes da liberdade" fronte calquera invasión [15]
Moi probablemente, xa que logo, o feito de que a familia inmediata de Xesús levase nomes "patriarcais" e "matriarcais" denota a participación da mesma nese espertar da identidade nacional e relixiosa xudía, unha identidade que ollaba ao idílico pasado dos patriarcas en busca de definición.
O Evanxeo de Mateu di que Xosé non coñeceu a María ata que esta non deu a luz a Xesús (Mt. 1, 25). O que significa que despois tiveron unha vida conxugal normal, froito da cal serían os irmáns máis novos de Xesús, o primoxénito.[17] As igrexas protestantes non teñen problemas en aceptar esta proxenie biolóxica de Xosé e María.
Algúns evanxeos apócrifos, como o Protoevanxeo de Santiago ou a Historia de Xosé o carpinteiro, co fin de salvar a virxindade perpetua de María, entenden que estes fillos o eran dun anterior matrimonio e fan de Xosé xa un ancián cando casa en segundas nupcias coa moza María. Autores como Geza Vermes teñen apuntado que a identificación da palabra grega partenos con virxe é inaxeitada pois partenos significa muller nova e non necesariamente virxe. Sería a tradución da palabra hebrea almah (muller nova ou xove)[18].
O evanxeo apócrifo O nacemento de María, describe a elección de Xosé como prometido de María: esta servía dende moi nena no Templo e os sacerdotes decidiron buscarlle un home entre os viúvos de Xudea. Convocaron a estes para que o día convido se achegaran cada un co seu caxato que entregaron a un sacerdote. Cando, tras unha noite de oración, este devolveu os caxatos, do de Xosé agromou unha flor cuxo perfume asolagou o ambiente todo[19]. Esta versión tivo unha gran difusión popular e influíu na máis coñecida iconografía de Xosé, que adoita ser representado cun caxato florido.
O máis plausible é entender, consonte os communiter contingentia, que Xosé tería ao casar uns 25 anos, e María ao redor de 15[20].
Santiago, o irmán de Xesús, asumirá a xefatura da Igrexa de Xerusalén ou Igrexa nai. Isto pode reflectir unha mentalidade clánica tipicamente galilea onde, tras o pasamento do líder familiar, o seu irmán subseguinte pasa a ocupar a xefatura tribal. Deste xeito, a estirpe de Xosé pasaría a ser a cabeceira da primeira comunidade cristiá local, moi arraigada nun xudaísmo estrito a teor da carta atribuída a Santiago e incluída no Novo Testamento e as relacións con Paulo de Tarso das que este autor se fai eco. Santiago, a quen Flavio Xosefo tamén menciona referíndose a el como irmán de Xesús, foi axustizado polo sumo sacerdote saduceo Anás ben Anás.
Dos outros fillos Simón e Xosé, nada se sabe, pero si da descendencia de Xudas, a quen o emperador Domiciano fixo comparecer no seu intento por extirpar todo indicio de movemento revolucionario xudeu. Estes descendentes (bisnetos de Xosé e sobriños netos de Xesús) foron despedidos sen cargos como uns inofensivos aldeás nazarenos[21]. Xulio o Africano, nunha data tan avanzada como o século III fala de que en Nazareth aínda ficaban habitantes que se dicían familiares do "mestre"[22]. Isto nun clima hostil contra os cristiáns tanto dentro do xudaísmo como por parte do Imperio Romano.
Veneración
editarSegundo uns antigos calendarios coptos a data do 20 de xullo estaba adicada a San Xosé. Menoloxios gregos a sitúan nunha data próxima ao Nadal. Na Idade Media en Occidente figuras carismáticas como Bernaldo de Claraval ou intelectuais como Tomé de Aquino contribúen a espallar a súa devoción entre o pobo cristián.
O Papa Sisto IV introduciu no calendario romano a festa de San Xosé o 19 de marzo e Gregorio XV en 1621 declararaa festa de precepto. En 1847, Pío IX proclamou ao patriarca San Xosé patrón de toda a Igrexa. O 1 de maio a Igrexa católica celebra a festa de San Xosé obreiro, recoñecéndoo como patrón da clase traballadora.
Personalidade e significación
editarA personalidade de Xosé debeu deixar unha fonda pegada na sensibilidade relixiosa e afectiva de Xesús, tal como afirman incluso autores non cristiáns[23]. Cando este quere expresar a súa íntima unión coa divindade, chama a Deus Abba, expresión familiar aramea que significa Pai [24]. Para Xesús Deus era como o seu pai postergando outras denominacións máis frecuentes na tradición profética (esposo, por exemplo) e xudía (o adonai innomeable). Esta concepción de proximidade dun Deus que antes que nada é Pai, resultou ser unha das innovacións máis escandalosas da predicación de Xesús e unha marca distintiva do cristián, a xulgar polas cartas de Paulo de Tarso, que non se atreve a traducir a expresión aramea cando el escribía en grego (por exemplo en Rom. 8, 14-16). Ao igual que acontece co Evanxeo de Marcos, que deixa a palabra aramea sen traducir ao grego na escena da agonía no Monte das Oliveiras (Mc 14, 36). A paternidade humana de Xosé abriu en Xesús un novo modo preferencial de entender a relación con Deus.
Galería de imaxes
editar-
San Xosé.
-
San Xosé de Chandebrito.
-
Grande imaxe na fachada de S. Xosé Obreiro, Vigo.
Notas
editar- ↑ Véxase, por exemplo, Marcos 6:3, Mateo 13:55. Geza Vermes (Jesús el judío, páx. 26) pono, con todo, en dúbida, indicando que nestes pasaxes «carpinteiro» pode aparecer como sinónimo de sabio ou erudito, como ocorre nalgúns textos talmúdicos, bastante posteriores á morte de Xesús. Con todo, este sentido proposto por Vermes non parece corresponderse co contexto.
- ↑ Brown, R.E. The Birth of the Messiah. A Commentary on the Infancy Narratives in the Gospels of Mathew and Luke (Nova York, 1993)
- ↑ Geza Vermes, El nacimiento de Jesús. Ed. Artes y Mares 2007, pax. 68. ISBN 978-84-8432-944-2
- ↑ Crossan, J.D.Reed J.L., Excavating Jesus: Beneath the Stones, behind the Text (San Francisco, 2001)
- ↑ Dialogus cum Tryphone Juadeos
- ↑ Gnilka Joachim, Jesús de Nazaret, Mensaje e historia. Ed. Herder 1995, pp 97 e 98. ISBN 84-254-1807-0
- ↑ Klausner, Joseph, Jesús de Nazareth, su vida, su época, sus enseñanzas. Ed. Paidós 2006. pax. 291. ISBN 84-493-1834-3
- ↑ Biblia de Xerusalén nota ao versículo 2. 11, pax. 1368, Ed. Desclee Brower, Bilbao 1988, ISBN 84-330-0022-5
- ↑ Dunn, James D.G. Jesús recordado, el cristianismo en sus comienzos, pp 339-401 Evd, 2009 ISBN 978-84-8169-864-0
- ↑ Klausner, Joseph. opus cit, pax. 290
- ↑ Ludemann G. Virgin Birth? The Real Story of Mary and her son Jesus Londres, 1998
- ↑ Schaberg, J, The Illigitimacy of Jesus: A Feminist Theological Interpretation of the Infancy Narratives, San Francisco, 1987
- ↑ Meier J. P.:Un judío marginal. Nueva visión del Jesús histórico. Tomo I: las raíces del problema y de la persona Edv.ISBN 978-84-8169
- ↑ Horsley R. A. Archeology, History and Society in Galilee: the social context of Jesus and the rabbis (Trinity, 1996)
- ↑ Geza Vermes, Jesús el Judío, Muchnik editores, 1997, pax.51-53, ISBN 87-7669-309-5
- ↑ Meier J. P. opus cit, pax. 221
- ↑ Geza Vermes, El nacimiento de Jesús, opus cit, pax. 109
- ↑ Geza Vermes, El nacimiento de Jesús, opus cit. pax. 101
- ↑ Antonio Piñero, Jesús. La vida oculta según los evangelios rechazados por la Iglesia. Ed. Esquilo. pp 48 e 49. ISBN 987-989-8092-04-5
- ↑ Gnilka Joachim, opus cit. pax. 96
- ↑ Eusebio de Cesarea, Historia Eclesiástica 3:20, 1-6)
- ↑ Geza Vermes, El Nacimiento de Jesús, opus cit. pax. 66,
- ↑ Klausner, Joseph, opus cit pax. 295
- ↑ Joachim Jeremias, Abba, el mensaje central del Nuevo Testamento, Salamanca 1993