Evanxeo de Marcos

libro do Novo Testamento

O Evanxeo de Marcos é o segundo libro do Novo Testamento dentro da Biblia cristiá; céntrase na actividade pública de Xesús de Nazaret e apenas recolle os seus ditos e predicacións. Depende de tradicións anteriores, unidades de predicación sobre os feitos de Xesús que procura ensamblar a través de suturas redaccionales e sumarios para construír un relato (diégesis).

A oración de Xetsemaní. Marcos 24, 35-36: "E avanzando un pouco, caeu no chan, rogando para que, se fose posible, pasase del aquela hora. E dicía:‑Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz."

Autor editar

Tradicionalmente atribúese a Xoán Marcos, un discípulo secundario que recollía as predicacións de Pedro, papa. Esta idea é defendida por pais da Igrexa como Eusebio de Cesarea e Ireneo de Lión. Na Historia Eclesiástica de Eusebio de Cesarea recóllense fragmentos de Papías que din que Marcos seguía a Pedro que ensinaba por medio de chreias (anécdotas). Ireneo de Lión tamén a sinala que o autor deste evanxeo recompilou as ensinanzas de Pedro. Tamén nos Feitos dos Apóstolos, e nalgunhas Cartas de Paulo de Tarso e na primeira Carta de Pedro fálase dun Marcos ao que chama "meu fillo".[1] O feito de non terse atribuído a un apóstolo outorga certa verosimilitude a esta versión.

Data de composición editar

A maior parte dos autores sitúano ao entre o ano 65 e o 70, debido ás descricións que se fan no capítulo XIII no discurso apocalíptico de Xesús que semellan describir con certa exactitude as consecuencias da represión romana tras o levantamento xudeu.

Lugar da composición editar

Existen dúas teorías sobre onde se elaborou este evanxeo. Dunha parte, unha propón nalgún lugar preto de Palestina, pero dunha cultura distinta á xudía, pois explica algúns costumes hebreos. Doutra, certas expresións latinas parecen indicar unha posible composición en Roma, pero estes termos adoitan ser de dominación (flaxelación, denario, pretorio, censo, lexión...). Ambas hipóteses poden ter un certo grao de compatibilidade, unha primeira colección de tradicións antigas xudeocristiás en Siria, reelaboradas despois en Roma dende onde se difundiu e onde tomou a forma definitiva. A primeira redacción sería fonte para o Evanxeo de Mateu e o Evanxeo de Lucas.

Lingua editar

 
O león, símbolo de Marcos o Evanxelista, na Praza do Mercado en Lviv (Ucraína)

A lingua que emprega é o grego, idioma franco da parte oriental do Imperio Romano, aínda que as construcións manifestan un evidente substrato semítico. É moi salientable que recolla expresións literais no idioma de Xesús (o arameo de Galilea), como Effetá, Elí lamá sabactaní, talita kumi ou a invocación de Xesús a Deus coa palabra familiar Abba. Isto revela que se remonta a tradicións primixenias das primeiras testemuñas oculares e coetáneos de Xesús. Tamén, como xa foi sinalado, fai un uso frecuente de latinismos.

Téndese a empregar léxico pouco culto e abusa das negacións. O estilo é sinxelo aínda que gaña vivacidade narrativa mediante o uso de determinadas expresións. Tamén destaca o emprego de conxuncións cordinadas para unir as frases. No caso dalgunhas perícopas, recorre aos sumarios, resumos da actividade de Xesús, para unilas.[2]

Destinatarios editar

Considérase que o libro tiña como destinatarios a xentes de fóra de Palestina. Esta tese apóiase en que se traducen as verbas arameas usadas e que se explican os costumes xudeus.[2] O que máis claramente se percibe no texto de Marcos é que os seus destinatarios padecían unha situación de hostilidade e de encrucillada que poderían corresponderse co rexeitamento tanto por parte dos fariseos e o xudaísmo ortodoxo, coma do poder romano evidenciada na primeira persecución de Nerón.

Teoloxía de Marcos editar

O Evanxeo de Marcos insiste en presentar a Xesús como unha personalidade moi humana: por exemplo, Xesús como fillo de María sen mencionar ao pai, ou que os seus irmáns o consideraran como alienado. Tamén adoita presentar a Xesús rodeado dos seus doce discípulos. O Reino dos Ceos preséntase como a irrupción do poder de Deus mediante as obras de Xesús. Aínda que os seus feitos espertan a admiración da xente, Xesús non quere difundir a súa condición de Mesías. Segundo Marcos, o tempo da Salvación deu comezo con Xoán Bautista e continúa con Xesús e os seus discípulos. Ademais, os lugares xeográficos indicados teñen un significado teolóxico: así, cando se relata a resurrección indícase que foi en Galilea, sinalando o triunfo do Reino dos Ceos sobre Israel.[3][4]

Edicións en galego editar

Ao abeiro do Concilio Vaticano II a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[5] Deste xeito, a editorial SEPT editou en 1965 a primeira edición dos Evanxeos baixo o título A Palabra de Deus: Os Evanxeos sendo Manuel Espiña Gamallo e Xosé Morente os seus tradutores.[6] En 1980, dentro do proxecto de tradución por enteiro da Biblia, de novo a editorial SEPT, publicou o Novo Testamento en galego, sendo Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Andrés Torres Queiruga os responsables da tradución do Evanxeo de Marcos dende o orixinal grego.[7]

Notas editar

  1. "1 Pedro: capítulo 5, versículo 13 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". JW.ORG. Consultado o 2022-10-02. 
  2. 2,0 2,1 O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 99. ISBN 84-7337-048-1. 
  3. "Marcos: capítulo 16, versículo 7 - A Biblia en liña - A Biblia (SEPT)". jw.org. 
  4. O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 100. ISBN 84-7337-048-1. 
  5. "El uso de las lenguas vernáculas en la edición de los libros de la liturgia romana. Instrucción quinta "para aplicar debidamente la constitución del Concilio Vaticano II sobre la sagrada liturgia" (ad Const. art. 36)". www.vatican.va. Consultado o 2022-10-02. 
  6. "SEPT: 50 ANOS – Editorial SEPT". Consultado o 2022-10-02. 
  7. O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 11. ISBN 84-7337-048-1. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Hengel, Studies in the Gospel of Mark, Filadelfia, 1985
  • Sanders-Davies, Studying the Synoptic Gospels, Londres, 1989
  • Burridge, What are the Gospels. A Comparison with Graeco-Roman Biography, Cambridge, 1992

Ligazóns externas editar