Manuel Espiña Gamallo

sacerdote, teólogo e tradutor galego

Manuel Espiña Gamallo, nado en Folgoso (Cerdedo-Cotobade) o 25 de xullo de 1933 e finado en Pontevedra o 28 de febreiro de 2010, foi un sacerdote, teólogo, pedagogo, escritor e promotor e defensor do uso da lingua galega no seo da Igrexa e do achegamento e compromiso do catolicismo coa realidade galega.

Infotaula de personaManuel Espiña Gamallo
Biografía
Nacemento25 de xullo de 1933 Editar o valor em Wikidata
Folgoso, España Editar o valor em Wikidata
Morte28 de febreiro de 2010 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Pontificia Comillas Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónteólogo , tradutor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Despois de realizar os seus primeiros estudos en Folgoso (Cerdedo) e Presqueiras (Forcarei) cun profesor particular, ingresou en 1945 no Seminario de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, onde estudou Humanidades.[1][2]

A partir de 1951 cursou as licenciaturas en Filosofía e Teoloxía na Universidade Pontificia Comillas (Santander), ordenándose alí sacerdote en marzo de 1959.[1][2] Foi en Comillas onde comezou a formarse a súa conciencia galeguista, como lle ocorreu a tantos outros; alí coincidiu con Carlos Baliñas Fernández, o Padre Silva e Morente Torres, entre outros.[3]

O seu primeiro destino foi como coadxutor-vigairo en Santa María do Azougue (Betanzos), cargo que desempeñou desde 1959 a 1962, cando foi nomeado polo cardeal Quiroga Palacios director espiritual do Seminario Menor de Belvís, onde o seu labor máis innovador foi ser o galeguizador ao atoparse cuns rapaces que se avergoñaban da lingua dos seus pais ou que eran castigados cando falaban entre eles en galego (Espiña conseguiu que se suprimisen estes castigos). Alí comezou a traducir os Evanxeos ao galego, no medio da incomprensión dos seus compañeiros.[3]

En 1965 conseguiu por oposición unha coenxía na Real Colexiata da Coruña e, o mesmo ano comezou a dar clases de latín, grego e francés no Fogar de Santa Margarida da Coruña e de relixión na Escola Normal de Maxisterio (e posteriormente na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB na que aquela se transformou), e logo, até a súa xubilación en 1999 de teoloxía católica e a súa didáctica e pedagoxía, así como de historia das relixións, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.[2]

 
Colexiata de Santa María do Campo.

Na cidade herculina rematou a tradución dos Evanxeos coa colaboración de Morente Torres, publicándose en 1966 co título A Palabra de Deus, editada por SEPT (foi o primeiro libro desta editorial, que se creara ese mesmo ano). O ano seguinte Espiña oficiou en lingua galega a misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval e comezou, tamén con Morente, unha misa en galego aos domingos nas Capuchinas da Coruña. Porén, non conseguiu o permiso de Fraga, daquela ministro de Información e Turismo, para poder retransmitir a misa en galego pola radio.[3]

En 1968 recibiu con Morente o Pedrón de Ouro polo seu labor a prol da galeguización da liturxia; un camiño demasiado lento pola eterna resposta do supersedeatur, co que Roma contestaba unha e outra vez, a pesar da insistencia do cardeal Quiroga (foi a comezos do 1969 cando se acadou a aprobación oficial). No mesmo ano 1968 editouse o Misal Galego dos Fieis, obra de novo do tándem Espiña-Morente, coa colaboración de Vidán Torreira, Alonso Estravís e Ventura Cores Trasmonte.[1][3]

 
A Fundación Labaca.

En xaneiro de 1970 o daquela director de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, concedeulle unha sección semanal no xornal, O outeiro de san Xusto, que se converteu na máis longa do diario. Esta atalaia deulle unha notoriedade infrecuente nun cura, até o punto de que en dúas ocasións (1973 e 1981) foi "Invitado de honra" dos Centros Galegos de Bos Aires e de Montevideo con motivo do Día de Galicia. Pero tamén comportou que a súa misa dominical, primeiro nas Capuchinas, e despois nos locais do Servizo Doméstico, estivese sempre controlada pola policía.[3]

Colaborou tamén en revistas como Galicia de Bos Aires.

Entre outras actividades, fundou en 1973 a Comunidade cristiá Home Novo (que ten a súa sede en Culleredo), presidiu desde 1978 o Padroado da Fundación Labaca até a súa disolución, e a Irmandade Médica Paulino; foi vogal da Irmandade Moncho Valcarce, secretario da cooperativa CODELI. Así mesmo, fundou na Coruña o Centro Español de Nuevas Profesiones. Tamén foi membro do Consello de Redacción da revista Encrucillada durante 30 anos, e colaborador de Irimia e das Romaxes de Crentes Galegos.

Algunhas obras editar

  • A palabra de Deus: evanxelios (1965; en colaboración con Xosé Morente Torres. Editorial SEPT / As Edicións do Adro, Santiago de Compostela, A Coruña.
  • Misal galego (1968; en colaboración), Editorial SEPT.
  • Manuel Fraiz Garrido: un cura moi humano e canteiro. 2002. A Coruña, Real Colexiata de Santa María.
  • O Outeiro de San Xusto - Escolma I, 2008. A Coruña.

Recoñecementos editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Antonio Rodríguez Fraiz (1974): Espiña Gamallo, Manuel na Gran Enciclopedia Gallega.
  2. 2,0 2,1 2,2 Manuel Espiña Gamallo Arquivado 30 de setembro de 2011 en Wayback Machine. en Galegos.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Galegos e cristiáns Arquivado 03 de setembro de 2014 en Wayback Machine.. "Deus fratresque Gallaeciae". BVG.
  4. Manuel Espiña, «un home de paz», ya tiene una calle

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar