Abrir o menú principal

Pontevedra

concello da comarca de Pontevedra, na provincia de Pontevedra

Coordenadas: 42°25′54″N 8°38′37″O / 42.43167, -8.64361

Pontevedra
Bandeira de Pontevedra---Escudo de Pontevedra
Río Lérez.
Igrexa da Peregrina. Centro cidade.
Convento de San Francisco.
Situacion Pontevedra.PNG
Situación
Xentilicio[1]Pontevedrés-Lerense-Teucrino
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca de Pontevedra
Poboación82.802 hab. (2018)
Área118,3 km²
Densidade699,93 hab./km²
Entidades de poboación18 parroquias
Capital do concelloPontevedra
Política (2019[2])
AlcaldeMiguel Anxo Fernández Lores (BNG[3])
ConcelleirosBNG: 11
PPdeG: 9
PSdeG-PSOE: 4
Outros: C's: 1
Eleccións municipais en Pontevedra
Uso do galego[4] (2011)
Galegofalantes15,40%
Na rede
pontevedra.gal


Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas[5]. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra.

XeografíaEditar

 
Vista xeral de Pontevedra desde A Caeira (Poio).

O concello de Pontevedra ten unha área de 117 km², e alóngase de norte a sur case 20 quilómetros. Esténdese pola parte sur da ría que leva o seu nome (ría de Pontevedra), onde ocupa os vales fluviais do Lérez e do río dos Gafos. Cara ao sur, chega ata a desembocadura do río Verdugo, en Ponte Sampaio, xa na ría de Vigo. Aséntase rodeado de catro sectores montañosos separados entre si por dúas crebas, unha de dirección meridiana e a outra nordeste-sueste pola que transcorre o leito do río Lérez.

A cidade localízase no fondo da ría de Pontevedra, na desembocadura do Lérez. Está asentada nun outeiro rochoso relativamente aplanado pola erosión que, aínda que non é de moita altura, fai que o Lérez a arrodee polo norte antes de abrirse á ría. Por esta razón as únicas rúas que son algo empinadas son as que baixan á ribeira. O emprazamento resulta estratéxico, xa que é o primeiro punto, vindo desde o mar, a través da ría, polo que se pode cruzar de norte a sur.

Limita ao norte cos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro; ao leste cos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas; ao sur cos de Soutomaior, Vilaboa e Marín, e ao oeste co de Poio e coa ría de Pontevedra.

Zonas da cidadeEditar

O casco urbano ronda os 65.000 habitantes e ten barrios dende pequeno ata gran tamaño. Estes son:

  • Casco Vello: zona máis antiga da cidade, noutrora amurallada, posúe a meirande parte dos monumentos coma son as múltiples prazas, San Francisco ou a basílica de Santa María a Maior.
  • A Moureira: esténdese ao longo do río Lérez na avenida das Corbaceiras. Antigo barrio mariñeiro do que hoxe queda pouco, xa que moito foi construído nos 70, o seu urbanismo é algo caótico por ter a mesma planta que hai varios séculos. Aquí están a capela de San Roque, o porto deportivo e o Gremio de Mareantes.
  • Alameda-Palmeiras: engloba a zona da cidade alzada a finais do XIX. Os seus edificios importantes (o concello, a Deputación, o Instituto,...) foron case todos deseñados por Alejandro Sesmeros, xunto coa Alameda, o paseo de Montero Ríos, os xardíns de Vicenti e de Colón e zonas como a Praza de España, a rúa Xeneral Gutiérrez Mellado (tamén coñecida coma rúa dos Bancos pola cantidade de sucursais que hai) etc.
  • A Peregrina-Ensanche: As súas rúas están cheas de tendas retallistas ou de grandes cadeas. Os comercios de grandes marcas sitúanse no eixo comercial Benito Corbal-Sagasta na súa maioría. As tendas pequenas atópanse máis na rúa da Oliva e nas súas famosas Galerías. As prazas principais son tres: praza da Peregrina (coa súa popular igrexa, é o punto neurálxico da urbe), a praza de Compostela (tamén alcumada Fonte dos nenos) e a praza de San Xosé (chamada popularmente Praza dos Músicos, aquí atópanse os museos das antigas Caixanova e Caixa Galicia).
  • Santo Antoniño-Santa Clara: este barrio é, con probabilidade, un dos primeiros barrios de casas subvencionadas da cidade. Estas atópanse sobre todo na rúa San Antoniño. A praza de Barcelos é unha das prazas máis abertas da cidade. Outros elementos de interese son o Estadio da Xuventude en Pai Olmedo, o convento de Santa Clara ou a ponte dos Tirantes.
  • O Burgo-A Xunqueira: O Burgo, antiga aldea extramuros é un dos máis longos barrios residenciais da cidade. Este atópase arredor das rúas Coruña e Médico Ballina. Aquí atópanse o estadio de Pasarón, fogar do Pontevedra CF e a capela de Santiaguiño. A ponte do Burgo conéctaos co casco vello e a avenida de Compostela fai de saída norte da cidade, separándoos da Xunqueira. Nesta zona está o campus universitario, así como as escolas da Xunqueira, a cidade deportiva, o Pazo da Cultura-Recinto Feiral e o Parque da Familia.
  • A Eiriña: nesta zona, antiga aldea da que hoxe nada queda, está o Hospital Provincial e un importante número de novas residencias que agora se estenderán coa ampliación entre Filgueira Valverde e 12 de Novembro.
  • O Gorgullón: na beira leste do río dos Gafos e coa avenida Eduardo Pondal como eixo central, está esta zona, na que se atopan a estación de tren e de autobuses.
  • Os Salgueiriños-Valdecorvos: naceu coma unha urbanización subvencionada e agora é unha parte xurdida nos 90, entrada leste da cidade. A súa rúa principal é Loureiro Crespo (estrada de Ourense). É un barrio residencial case ao 100%.
  • A Seca: outro barrio totalmente residencial. Antes aquí estaba a fábrica madeireira TAFISA e hoxe parece que se vai ampliar ao campus nesta zona.
  • A Parda: zona totalmente residencial e actual onde hoxe están o colexio Sagrado Corazón, o Conservatorio e o centro de saúde da Parda. Apenas hai comercios e os que son funcionan coma bares ou pequenas tendas.
  • San Amaro: zona de moitas casas unifamiliares onde tamén se atopa o cemiterio e a capela homónimas.
  • Avenida de Lugo-Santa Margarida: a avenida de Lugo, saída da cidade cara ao concello de Cotobade e Ourense, posúe grandes superficies comerciais e concesionarios. En Santa Margarida, o seu principal atractivo é a súa capela co seu carballo.
  • Monteporreiro: zona xurdida nos 70, agora é un dos barrios máis poboados da cidade. Aquí está a UNED e outros servizos (pero de menor escala).
  • Campolongo: zona residencial da cidade aparecida nos 70 sobre o antigo pazo de Paco Leis. Destaca o seu parque e a súa igrexa, amais de ser a sede do gran complexo administrativo Xunta-Ministerio de Facenda na avenida Fernández Ladreda. A súa superficie ronda o medio quilómetro cadrado.
  • Mollabao- A Ruibal: antiga aldea aos pés do mar hoxe convertida en zona residencial de media e baixa densidade. A AP-9 atravesa esta zona, na que tamén está a estrada a Marín.
  • San Brais-Fontesanta: zona de chalés e antigas casas subvencionadas. Un hipermercado atópase neste preludio de Salcedo, aparte dunha capela adicada a San Brais.
  • Avenida de Vigo: zona de moi recente construción entorno á rúa do mesmo nome. Aquí atópase tamén o popular Nó do Pino, onde conflúen a PO-10, a N-550 e a PO-542.

DemografíaEditar

Censo total 82.539 (2015)
Menores de 15 anos 12.484 (15.12 %)
Entre 15 e 64 anos 54.365 (65.87 %)
Maiores de 65 anos 15.690 (19.01 %)


Segundo o Padrón municipal do IGE Pontevedra no ano 2015 tiña unha poboación de 82.539 habitantes (78.715 hab. en 2004)

Pontevedra é a segunda cidade máis poboada da provincia tras Vigo.

O seu xentilicio no Galizionario é «pontevedrés/pontevedresa», «lerense» e «teucrino/teucrina».

 
Fonte: INE[6]

Nota: Entre o censo de 1857 e o anterior medra o termo municipal porque incorpora a Verducido. Entre o censo de 1877 e o anterior incorpora Alba, Mourente e Salcedo, entre o de 1950 e o anterior incorpora a Xeve e no censo de 1960 é Ponte Sampaio o que xa está incorporado ao termo da cidade.

Evolución da poboación de Pontevedra   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018
22.330 30.821 43.221 64.184 78.715 81.891 82.400 82.684 82.934 82.946 82.539 82.549 82.671 {{{14}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

ClimaEditar

O clima é morno, cunha media anual de 15 °C e amplitude térmica de 10 °C (10 °C en xaneiro até 20 °C en xullo) e chuvioso (1.600-1.800 mm.), especialmente a finais do outono e no inverno. Ademais, a cidade está suxeita a unha serie de treboadas atlánticas durante o outono e o inverno, e con frecuencia teñen certa violencia.

  Parámetros climáticos promedio de Pontevedra (1972-2000)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 22,5 23,4 28,4 31,3 34,0 38,0 39,5 38,2 36,6 31,0 25,6 23,4
39,5
Temperatura máxima media (°C) 13,1 14,3 16,6 17,9 19,9 23,5 25,6 25,6 23,6 19,7 16,0 13,8
19,1
Temperatura media (°C) 9,5 10,6 12,1 13,2 15,4 18,5 20,5 20,4 18,8 15,6 12,3 10,5
14,8
Temperatura mínima media (°C) 6,0 6,8 7,6 8,5 10,9 13,4 15,4 15,2 13,9 11,4 8,6 7,3
10,4
Temperatura mínima absoluta (°C) -3,6 -1,7 -2,0 0,6 4,2 7,0 9,2 9,8 7,2 4,2 0,0 -1,5
-3,6
Precipitacións (mm) 204 190 126 140 129 66 44 47 108 185 198 254
1691
Horas de sol 116 112 179 197 226 270 292 278 212 151 116 98
2223
Humidade relativa media (%) 73 71 66 66 67 65 65 66 69 72 74 74
69
Fonte: AEMET

HistoriaEditar

Artigo principal: Historia de Pontevedra.

O nacementoEditar

Malia a existencia dunha lenda de carácter erudito creada cara ao renacemento para dotar á vila dunha orixe fantástica, que fai responsable da fundación a Teucro, un dos heroes da Guerra de Troia. A lenda di que chegou a estas terras tras ser exiliado polo seu pai Telamón e fundando un asentamento co nome de Helenes. Após iso casou con Helena, a filla do rei Putrech, quen nese momento dirixía o exército grego cara á cidade de Atenas.

Pero o certo é que diversos estudos históricos e arqueolóxicos máis recentes non detectan restos de presenza humana neste val anteriores á súa integración no Imperio Romano.

A fachada da casa do concello de Pontevedra, seguindo a lenda de Teucro, ten a seguinte inscrición:

FVNDOTE TEVCRO VALIENTE
DE AQVESTE RIO EN LA ORILLA
PARA QUE EN ESPAÑA FVESES
DE VILLAS LA MARAVILLA
DEL ZEBEDEO LA ESPADA
CORONA TU GENTILEZA
VN CASTILLO PVENTE Y MAR
ES TIMBRE DE TV NOBLEZA

Fundoute Teucro valente
na beira deste río,
para que en España foses
das vilas a mellor,
de Zebedeo a espada
coroa a túa xentileza;
un castelo, ponte e mar,
que é timbre da túa nobreza.

Época romanaEditar

 
Ponte do Burgo.

Despois da integración da Gallaecia no Imperio Romano, procedeuse á construción dunha serie de vías de comunicación que a unisen comercialmente co resto da Península. A vía XIX do itinerario de Antonino, que unía Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga), cruzaba o río Lérez por Pontevedra. A mansión de Turoqua (núcleo de poboación) emprazábase nas proximidades do lugar que ocupa hoxe a ponte do Burgo, en pleno centro histórico da cidade. Foi tempo despois cando se decidiu edificar unha nova ponte para salvar a canle do río. Estas dúas construcións foron decisivas para que se fose conformando un núcleo habitado. O achado en 1988 na cabeceira sur da ponte dunha columna miliaria, dedicada no ano 137 ao emperador Adriano confirma o paso da calzada romana polo lugar.

Séculos XII - XVEditar

 
Convento de San Francisco.

Durante o reinado en Galiza de Fernando II, na última parte do século XII, produciuse unha certa reactivación da actividade comercial debido á restauración de camiños e pontes, e parello a este fenómeno o lugar hoxe ocupado pola cidade volveu ser poboado, despois de pasar por un período de certo baleiro no altomedievo.

A ponte vella que xa daba nome á cidade foi substituída por outra medieval -á que hoxe se pode ver modificada- en 1169, cando Fernando II outorgou o foro aos habitantes da vila. Na actualidade non se conserva o foro orixinal de Fernando II, senón unha confirmación de Afonso X do ano 1264. Os privilexios e exencións que se lle foron concedendo á cidade actuaron como importantes dinamizadores da súa actividade económica. Entre as concesións destacan o monopolio da fabricación de saín en Galiza, así como da cura do peixe (non da salga) (1229) e a adxudicación do porto de carga e descarga de Galiza (1452).

As sucesivas ampliacións do recinto amurallado pontevedrés veñen determinadas polo crecemento demográfico e polo desenvolvemento de actividades económicas na vila, que precisaba de espazos máis amplos onde poder expandirse. A estas causas únese o desexo da Coroa por controlar a produción e o tránsito de mercadorías.

A actividade económica da cidade acada o seu maior esplendor baixo o reinado de Henrique IV de Castela, ao concederlle a cidade en 1467 o privilexio dunha feira franca, de 30 días de duración, que se celebraba quince días antes da festividade de San Bartolomeu. Para a celebración destas feiras, ampliouse de novo a muralla para dar cabida á praza da Ferrería, que albergaría o recinto feiral. Esta Feira Franca foi recuperada no ano 2000, celebrándose a primeira fin de semana do mes de setembro.

Século XVIEditar

 
Praza da leña.

No século XVI, Pontevedra convértese nunha das máis populosas vilas galegas cun gran porto pesqueiro ligado ao comercio internacional, no que destaca a actividade da exportación de peixe salgado a Portugal. Ao final do século XVI comezaron a ser notábeis os síntomas da profunda crise na que se sumiu Pontevedra durante os séculos XVII, XVIII e XIX, debido a diversos factores.

Séculos XVII – XVIIIEditar

Durante os séculos XVII e XVIII a decadencia agudizouse debido a unha situación de inestabilidade política provocada polas constantes guerras que había nese momento (Portugal e a sucesión á coroa española, a ocupación inglesa), que contribuíron ao decaemento do comercio exterior.

A poboación da cidade reduciuse á metade, nuns séculos nos que se duplicou en Galiza e se triplicou no resto da comarca pontevedresa. Esta crise demográfica foi ocasionada por epidemias e graves enfermidades.

Século XIXEditar

A comezos do século XIX, a economía de Pontevedra baséase fundamentalmente na actividade artesá, no comercio e, en menor medida, na pesca e na agricultura. En 1833, coa creación das provincias, convértese na capital da provincia do mesmo nome cá cidade, o que permitiu a transformación nunha urbe administrativa.

Nesta época, diante da necesidade de contar con espazos para a edificación, a cidade cambia a súa fisionomía; deste xeito, derrúbanse as murallas e ábrense novas rúas, como a que conduce hoxe desde a Oliva á Virxe do Camiño (na actualidade rúa de García Camba) ou a que vai desde a rúa do Comercio á Michelena. Igualmente, desenvólvense obras de infraestrutura e saneamento, constrúense escolas e hospitais, créanse espazos de uso público como a alameda do Arquitecto Sesmeros, e chega o ferrocarril.

Século XXEditar

 
Ponte de Santiago.

Nas primeiras décadas do século XX, Pontevedra vive un momento de especial efervescencia cultural e política. Ten especial relevancia a creación da Misión Biolóxica de Galiza e a fundación, en decembro de 1931, do Partido Galeguista, dirixido por Bóveda e Castelao, xermolo do nacionalismo galego actual.

En 1936 ten lugar o alzamento militar do xeneral Franco, que deu paso á dura guerra civil, fomentada polos odios e enfrontamentos acumulados durante anos. Tras o seu remate tres anos máis tarde, viu a represión por parte dos triunfadores nacionais. Así as cousas, numerosas persoas foron asasinadas, fusiladas ou obrigadas a marcharen ao exilio.

En 1944 anexionouse o concello de Xeve, que abranguía as parroquias de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido.

Como consecuencia desta guerra, as dúas primeiras décadas da ditadura franquista son de enormes dificultades económicas para a maioría da poboación. O cambio produciuse na década dos 60, que se caracteriza por un desenvolvemento sostido que empezou a manifestarse máis claramente a principios dos 70, coincidindo coa morte de Franco en 1975 e coa transición democrática española. Nestes anos prodúcese un auxe extraordinario da construción que chega a converterse, ata o día de hoxe, nun dos grandes motores da economía pontevedresa.

Nos últimos tempos véuselle recoñecendo o seu labor en diversos campos a moitos persoeiros do ámbito galego. Así, no ano 1999, o Concello de Pontevedra rendeu por vez primeira unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda (figura clave na historia contemporánea de Galiza) asasinado o 17 de agosto de 1936, e a outras figuras importantes na historia política de Pontevedra que foron fusiladas o 12 de novembro dese mesmo ano por defender a Galiza, a liberdade e a xustiza social: o comandante Ramiro Paz, o mestre Xermán Adrio, o avogado e ex gobernador civil Xosé Adrio, os médicos Amancio Caamaño, Luis Poza Pastrana e Telmo Bernárdez, o capitán de asalto Juan Rico González, o profesor de instituto Paulo Novás, o industrial Benigno Rey Pavón e o escritor Víctor Casas.

Desde 1999, a alcaldía é ocupada polo médico Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, que gobernou en solitario entre os anos 1999-2003, en coalición do PSdeG-PSOE entre 2003 e 2015 e, dende aquela, novamente en solitario con 12 concelleiros, a só un da maioría absoluta.

CulturaEditar

ToponimiaEditar

Pontevedra procede do latín pontem veteram 'ponte vella'.

PatrimonioEditar

A maior parte dos lugares de interese da cidade sitúanse na zona monumental, no recinto que estivo amurallado. Esta zona está peonalizada.

 
Cruz aos Caídos, na Avenida de Montero Rios.

A Alameda é unha ampla zona verde na que se atopa a Cruz aos Caídos e o Monumento aos Heroes de Ponte Sampaio; na mesma zona na que se atopa a xa citada Alameda, atópase o Parque Municipal das Palmeiras, chamado así polas súas altas palmeiras. No contacto da Alameda co Centro Histórico edifícase a Casa do Concello sobre os restos das antigas Casas do Concello de Pontevedra (séculos XV-XVI). Na Gran Vía de Montero Ríos emprázanse os organismos oficiais como o Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra, monumentos como as Ruínas de San Domingos de Pontevedra, ou edificios como o do Instituto Valle Inclán.

Desde aí, pola Avenida de Santa María, chégase á Basílica de Santa María A Maior, símbolo do apoxeo pontevedrés do século XVI. Baixando pola rúa de Sabela II, no primeiro cruce á esquerda, encóntrase a Capela das Aparicións, antigo colexio das Nais Doroteas e onde viviu Sor Lucía, despois da aparición da Virxe de Fátima. Pola rúa da Ponte dáse á que foi a antiga residencia dos Condes de Maceda e que desde 1955 abeira o Parador de Turismo, coñecido como o Parador do Barón. Subindo pola rúa do Barón chégase ata a praza das Cinco Rúas onde, diante da casa que habitou Valle-Inclán, pódese ver un cruceiro con diferentes figuras.

Pola rúa da Princesa chégase á praza do Teucro, enmarcada por casas señoriais dos séculos XVII e XVIII e nas que se atopan bos exemplos da riqueza heráldica de Pontevedra. Nas proximidades desta praza, bautizada co nome do mítico fundador da cidade, emprázase a Capela do Nazareno, o Teatro Principal, o Liceo Casino e a recentemente restaurada Casa das Campás, a construción civil máis antiga da cidade.

Seguindo pola rúa de Manuel Quiroga chégase á praza de Curros Enríquez co monumento ao insigne galeguista Alexandre Bóveda. A escasos metros está outra das prazas históricas da cidade, a praza de Casto Méndez Núñez. Baixo un gran magnolio, plantado pola irmá do navegante, encóntrase unha escultura de Valle-Inclán.

 
Igrexa da Capela da Virxe Peregrina cunha estatua do loro Ravachol.

Baixando cara ao mercado, no primeiro desvío á dereita, atópase a praza da Pedreira, onde se levanta o Pazo de Mugartegui. Subindo pola rúa dos Arcos, a igrexa de San Bartolomeu, unha das creacións máis destacadas do barroco galego.

Continuando pola rúa de Sarmiento cara ao leste, dáse con outros dous lugares de gran tradición histórica: a praza da Leña e a praza da Verdura, que fan referencia aos produtos que alí se vendían.

Na praza da Leña están tres dos edificios do Museo de Pontevedra, un dos mellores de Galicia pola súa gran riqueza e diversidade. No seu interior podemos atopar pezas e documentos que van desde a prehistoria ata a actualidade.

Subindo pola rúa San Román chégase á praza da Ferrería que recibe o nome das forxas existentes nos seus soportais. É digna de visitar a igrexa de San Francisco, unha edificación do século XIII que destaca polas súas bóvedas de cruzaría e polas súas vidradas cristaleiras.

Subindo pola praza de Ourense está a Capela da Virxe Peregrina, levantada ao borde do camiño portugués a Santiago sobre unha planta inspirada nunha cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos.

Cruzando unha das pontes do río Lérez chégase á parroquia do Burgo. Preto do campus universitario (pertencente á Universidade de Vigo) atópase a Illa das Esculturas, un recinto de 70.000 m² con mostras de arte contemporánea.

Patrimonio culturalEditar

Museos e centros culturaisEditar

Pontevedra ten varios museos e outros que están facéndose:

Afundación: atópase na praza de San Xosé, nunha das zonas máis concorridas da cidade. Neste recinto hai importantes exposicións temporais de arte (principalmente contemporánea) e conta cun grande auditorio que alberga todo tipo de espectáculos: musicais, obras de teatro, ata conferencias.

O Museo Provincial de Pontevedra: está repartido en varios edificios espallados pola cidade. Os principais son os situados na rúa Pasantería, onde ten a sede. O último edificio construído, na rúa Amoedo Carballo, alberga unha importante colección arqueolóxica. Amais dunha zona de exposicións temporais.

Os edificios da rúa Pasantería albergan arte e arqueoloxía, onde se atopan obxectos importantes coma o tesouro de Caldas de Reis, un dos máis ricos de Europa, ou a recreación do despacho do almirante Méndez Núñez. O último edificio son as ruínas do convento de San Domingos, no paseo de Montero Ríos, albergan todos os brasóns nobiliarios rescatados por Casto Sampedro e, entre outras pezas (tumbas de nobres etc.), un miliario atopado a carón da ponte do Burgo.

Centro Cultural Caixa Galicia: na praza de San Xosé, no seu baixo alberga o café Moderno, antigo lugar onde se reunían as grandes personaxes pontevedresas a falar: Castelao, Carlos Casares, Manuel Quiroga,... Alberga un interesante conxunto de salas de exposicións temporais.

Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA): baixo a terra, na avenida de Santa María, atópanse os restos das antigas Torres Arcebispais que, na actualidade forman un museo inaugurado en agosto de 2010.

Museo da Historia: Na praza de Valentín García Escudero, tras o achado do antigo porto e de dous miliarios, vaise realizar un museo arqueolóxico importante na cidade.

Como proposta de cultura alternativa, dende 2011 a cidade conta co Liceo Mutante, unha asociación autoxestionada.

Nas asociacións de veciños tamén hai exposicións temporais de cando en vez, pero menos importantes.

Patrimonio naturalEditar

Espazos naturais, parques e xardínsEditar

Pontevedra, como as demais cidades galegas, ten xardíns e parques moi espallados pola cidade. En total, estes parques teñen unha extensión de 190 000 m², é dicir, 2,32 m²/habitante; na cidade, a diferenza de outras galegas, atópanse moitos pequenos parques que en certa maneira incrementarían estas cifras:

  • Parque das Palmeiras, Alameda e Xardíns de Vicenti: Trátase dun conxunto con tres áreas ben diferenciadas, coa Alameda separada das outras dúas (o xardín de Eduardo Vicenti e o paseo das Palmeiras) polo paseo peonil de Montero Ríos e os edificios do Instituto Valle Inclán, a Deputación e a Delegación de Educación. Destaca, diante do concello, o monumento conmemorativo da xesta dos Heroes de Ponte Sampaio, construído en 1911 para lembrar a victoria obtida nesta localidade sobre as tropas napoleónicas en 1808. O conxunto conforma o típico espazo urbano nacido a principios do século XX, cando se derrubaron os muros da cidade e se produciu unha expansión urbana fóra daqueles límites. No que era a horta do Convento de San Domingos foron construíndose esa avenida e a Alameda, que chegaba ate as primeiras casas das vellas Moureiras e o Cuartel de San Fernando, hoxe facultade de Belas Artes. Nesa época constrúese tamén o Concello, o Instituto, a Deputación e a sede de Educación, antes Instituto feminino. Tras estes edificios, os xardíns de Vicenti e o paseo das Palmeiras, un paseo lineal destas especies exóticas, que hoxe ten continuidade na rúa Xeneral Gutiérrez Mellado, que segue a linealidade de palmeiras que conforman esa agradábel zona verde.
  • Parque de Campolongo: Foi feito nos anos 70 para dar servizo á nova poboación do polígono residencial de Campolongo, conta cuns 19 000 m² de paseos, xardíns, pistas deportivas e unha igrexa (San Xosé de Campolongo). Actualmente conta, ademais, cun parque infantil de 930 metros cadrados inaugurado no ano 2019.
 
Escultura na illa das Esculturas, no río Lérez.
  • Senda do Gafos: Este parque é un paseo lineal ao longo da maior parte do treito urbano do Río dos Gafos, unha canle que procede de Vilaboa, atravesa Tomeza e a zona norte de Salcedo e penetra no centro urbano pola zona da Estación de Autobuses. No treito rural o río vai acompañado dunha agradábel senda en todo o seu percorrido. Na zona urbana, o espazo libre que deixou a intensa actividade edificatoria foi convertido nun parque lineal que parte da ponte da Avda. da Estación, atravesa baixo Ponte Boleira (Avda. de Vigo) e vai dar ao parque de Campolongo. Todo ese percorrido é de feito unha frondosa senda que decorre a ámbolos lados do río, apoiado en pasarelas de madeira para facer posíbel o paso, e un alumeado moi apropiado para unha acolledora área natural imbricada no centro urbano. A partir de aí, o Gafos decorre por baixo da urbanización de Campolongo, para volver renacer á altura da Avenida de Rosalía Castro, desde onde existe un último treito practicábel antes do seu fin, nas Corbaceiras. Neste último treito do percorrido, dúas pontes e varios edificios tradicionais dannos unha idea de como era este río antano, cando constituía unha das máis famosas fotos da cidade, coas mulleres lavando nas súas augas cristalinas.
  • Senda do Lérez: É un parque lineal que nace na Avenida de Bos Aires, paralela ao Río Lérez, e decorre en paralelo á urbanización de Monte Porreiro. En breve entrará en servizo o itinerario máis grande desta senda, que vai desde a Estación de captación de auga ata Bora, uns 5 km de percorrido cabo do río. A senda nace na Ponte dos Tirantes, desde onde vai en forma de paseo urbano ata a praia fluvial, perto das pontes do tren. De alí introdúcese na mesta vexetación de ribeira, entre carballos e salgueiros, por diversas pasarelas de madeira e camiños acondicionados para un acceso doado. Despois a senda ten que continuarse polos antigos accesos á estación de bombeo da auga, de onde nace o itinerario máis longo, que comunica esta zona de Monte Porreiro con Bora, en paralelo á tubería que conduce a auga que a fábrica de Ence en Lourizán capta do río. Pola marxe da parroquia de Lérez, a senda pode tomarse a partir da illa das Esculturas, desde onde se pode camiñar un pequeno treito á beira do río, para subir despois ao mosteiro de San Bieito. De alí, por diversos camiños, volve a baixar cara a unha das pasarelas peonís que comunican esta marxe coa de Monte Porreiro. Antes de cruzar a ponte, pode dirixirse, río arriba, ao lugar da illa do Couto, onde desemboca o río dos Fontáns, un espazo de agradábel fisionomía.
  • Illa das Esculturas: Tamén chamada illa do Cobo, atópase na desembocadura do río Lérez. Ten uns 130 000 m² que albergan esculturas de artistas de diversos países, unha pequena desviación do Lérez, zonas verdes e paseos. É o parque máis grande da cidade.
  • Miradoiro de Monte Porreiro: Un agradábel parque anexo á urbanización Monte Porreiro que na actualidade está en proceso de reconversión grazas aos labores de destoconamento e adaptación que se realizan, coa mellora do seu alumado público e en xeral das condicións de uso como área de expansión desta urbanización, complementario á próxima senda do Lérez e miradoiro privilexiado sobre o treito urbano do río. Ten no seu interior o vello templete do miradoiro, que era parte da finca que a principios do século XX explotaba D. Casimiro Gómez, dedicado á agricultura e á exportación a América de auga do Lérez.
FloraEditar

Arredor da cidade, existen eucaliptais na súa maioría. Tamén hai piñeirais, soutos e carballeiras. Unha parte da superficie forestal foi destruído nos incendios de 2006, aínda que hoxe está sendo repoboada con especies autóctonas grazas ao plan Monte Vivo aprobado en 2008, e que ten como obxectivo repoboar 12 parroquias do concello a razón de catro árbores por cada pontevedrés.

Nos parques da cidade abundan palmeiras (sobre todo no parque homónimo), camelias (ornamentan amplos espazos verdes e unha parte das rúas da cidade. Tamén hai plátanos na zona da Alameda e en avenidas como Bos Aires ou Fernández Ladreda.

En canto a pequenos arbustos e plantas herbáceas, as marismas de Alba son un importante ecosistema.

FaunaEditar

Na cidade abundan gaivotas e pombas. Nos parques hai unha cantidade algo relevante de merlos e estorniños. Os patos son importantes no río dos Gafos.

Nos bosques do arredor da cidade, abunda a fauna típica do bosque litoral galego. Nas Marismas de Alba hai anfibios, entre outros.

EcosistemasEditar

Á parte da ría e das fragas, as Marismas de Alba é un dos núcleos máis prezados. Comezan na cidade (barrio do Burgo) e alóngase ata a parroquia de Alba que na Idade Media tiña un porto pesqueiro.

Anfibios, aves e plantas de marisma conviven nesta feble contorna que se viu mellorada recentemente coa intervención das institucións.

EtnografíaEditar

Festas e celebraciónsEditar

 
A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela. Unha vivencia que nos achega ao tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos.

O día 20 de xaneiro celébrase a festividade de San Sebastián, patrón da cidade, e o día 18 de decembro, a da Virxe do O, a patroa.

Porén, as festas de máis sona son as da Virxe Peregrina (patroa da provincia), celebradas entre o segundo sábado e o terceiro domingo de agosto. O segundo domingo de agosto é o día da Peregrina, cando se celebra unha procesión que remata coa actuación do grupo de danzas Duos Pontes co seu famoso e tradicional baile de cintas, soltando unha pomba ó final do mesmo.

Tamén teñen repercusión as festas do Santiaguiño (25 de xullo, patrón da parroquia do Burgo), a romaría de San Benitiño de Lérez (11 de xullo, patrón da parroquia de Lérez), o entroido pontevedrés e a Feira Franca (primeiro sábado de setembro).

Cidades irmandadasEditar

Pontevedra está irmandada coas seguintes poboacións[7]:

EconomíaEditar

Desde a Idade Media, a vila de Pontevedra foi lugar de asentamento de actividades comerciais e artesanais, que se agrupaban en gremios ou confrarías de traballadores nun mesmo oficio. Hoxe moitas rúas levan, precisamente, o nome destes. Coa capitalidade provincial, creada en 1833, Pontevedra tornouse unha cidade administrativa e comercial, en contraste con Vigo, que concentraba a industria.

Sector primarioEditar

Ao campo só se dedica o 5 % da poboación. Está limitado ás parroquias rurais.

Sector secundarioEditar
 
Ence.

Comezouse a instalar en Pontevedra só desde a década de 1960, e hoxe ocupa ao 17% dos pontevedreses; con empresas públicas ou traída a través de xestións políticas, como ENCE, ELNOSA (que ocupan entre as dúas o 50% do peso industrial) ou Tafisa. Debido á imposibilidade de utilizar o porto propio, usouse o de Marín.

Existen varios polígonos industriais nos arredores da cidade, aínda que no concello o principal é o polígono industrial do Campiño. Existen outros como o sito en Campañó, que comparte co veciño Poio; o polígono industrial de Xeve, o sito na estrada de Vigo que engloba un gran número de concesionarios e talleres etc.

Outras empresas importantes localizadas en Pontevedra son Construcciones José Malvar e Constructora San José.

Sector terciarioEditar

Hoxe en día, o sector terciario, que é pouco dinámico, ocupa o 65 % da poboación. O pequeno comercio é a base deste sector, aínda que tamén cadeas nacionais e internacionais de roupa teñen tendas na cidade; sobre todo na rúa Benito Corbal, eixo comercial da cidade xunto algunha que outra rúa.


InfraestruturasEditar

Infraestruturas de transporteEditar

Distancias a outras
cidades galegas
km
  A Coruña 121
  Cambados 30
  Cangas do Morrazo 32
  Lugo 148
  Marín 7
  O Grove 35
  Ourense 100
  Sanxenxo 18
  Santiago de Compostela 58
  Tui 48
  Vigo 30
  Vilagarcía de Arousa 26
A péEditar

A zona vella da vila de Pontevedra e boa parte do Ensanche está peonalizado, polo que nesa zona o transporte a motor está restrinxido a residentes e servizos. No 2010, Pontevedra foi a primeira capital de provincia de España en reducir a 30 quilómetros por hora a velocidade máxima no casco urbano. A cidade converteuse nos últimos anos en referente das reformas urbanas das cidades no mundo. Pontevedra propón un novo modelo que consiste en dar prioridade ás persoas, máis espazo público, accesibilidade universal, tráfico só de necesidade, seguridade viaria, menos fumes, menos ruídos... é a cidade dos nenos e as nenas coa que o pedagogo italiano Francesco Tonucci soñaba no seu libro A cidade dos nenos[8].

O seu alcalde recolleu premios por este fito en moitos lugares, destacando entre eles Dubai[9] (premio ONU Hábitat 2014), Nova York[10] (Center for Active Design da Fundación Bloomberg no 2015) ou Mobilidade intelixente[11] (Shenzhen, 2016), entre outros. Así mesmo, a axenda do grupo de goberno está pragada de visitas a unha ampla diversidade de lugares do mundo para expoñer o seu multipremiado modelo urbano, chegando a participar no Cumio do clima de París[12] (2015), en Mextrópoli [13](Cidade de México, 2018) en xuntanzas da OCDE[14] en Atenas (2019).

A cidade de Pontevedra está ben comunicada co exterior mediante unha completa rede de infraestruturas que a conectan cos principais núcleos urbanos galegos, peninsulares e incluso internacionais.

Por estradaEditar

A autoestrada do Atlántico (AP-9), que atravesa todo o territorio da Comunidade Autónoma galega desde Ferrol ata Tui, pasa pola cidade.

Outras importantes vías de comunicación para esta urbe son a autovía das Rías Baixas e a do Noroeste. A primeira enlaza no Porriño coa autoestrada do norte de Portugal que pasa polas cidades de Tui, Braga, Porto, ata enlazar con Lisboa. Por outra banda, a autovía do Noroeste conéctaa coa cidade de Madrid e co resto da meseta.

Ademais destas tres vías, a rede estatal de estradas comunica Pontevedra coa súa comarca, así coma con todas as capitais de Galiza. A N-550 que une A Coruña con Tui; a N-541, que é a principal vía cara ao interior pasando por Ourense; a PO-546 vai cara a Marín; a PO-308 e o corredor CG-4.8 vai cara ao Salnés, a PO-531 con dirección a Vilagarcía de Arousa e a PO-532 cara a Ponte Caldelas.

PontesEditar
Por ferrocarrilEditar
 
Estación de trens.

A estación de Pontevedra está na liña G-1 A Coruña-Vigo, e serve de enlace ferroviario co porto de Marín.

Tamén ten o servizo de longa distancia co Talgo/Altaria a Madrid-Chamartín e a Alacant-Terminal.

Ademais da devandita estación, existe un apeadoiro preto do campus universitario.

Por autobúsEditar

A estación de autobuses de Pontevedra conecta a cidade con multitude de destinos autonómicos, nacionais e internacionais. O servizo interurbano de autobús que comunica con Marín, xestionado pola empresa Monbus, segue a ser coñecido popularmente como "trole", polo trolebús que antigamente facía ese percorrido.

DeporteEditar

 
Támara Echegoyen, David Cal, Javier Gómez Noya, Teresa Portela e Beatriz Gómez, 5 deportistas vinculados á vila de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

Hai varios equipos de sona na cidade:

Recintos deportivosEditar

O Estadio Municipal de Pasarón é o fogar do Pontevedra CF. Ao seu carón, o Pavillón Municipal dos Deportes é sede de partidos de todo tipo, entre eles os do Teucro. A cidade deportiva da Xunqueira alberga varios campos de fútbol. Pontevedra é tamén a sede do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, sito no estadio da Xuventude, que posúe piscinas e pistas de atletismo. Á beira do Lérez está o Porto Deportivo de Pontevedra, e na presa do Pontillón do Castro está o centro deportivo que en 2007 acolleu o campionato europeo de piragüismo en augas tranquilas.

Política e gobernoEditar

 
Edificio principal do Concello de Pontevedra engalanado coas cores da bandeira LGTBI co gallo do 28 de xuño

O alcalde é o médico Miguel Anxo Fernández Lores, do Bloque Nacionalista Galego. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do BNG, son o PPdeG, cuxo portavoz no pleno é Jacobo Moreira, o PSdeG con Tino Fernández, Marea Pontevedra con Luís Rei e Ciudadanos con María Rey.

O concello de Pontevedra estrutúrase en diferentes concellerías: de cultura e normalización lingüística, de servizos municipais: deportes, mocidade, transportes e iluminación pública; de medio ambiente; de benestar social e participación cidadá, de promoción económica, turismo e comercio e policía local; e de obras. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que con frecuencia se celebran plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan ao concello.

A corporación municipal ten 25 membros. Deles, 12 forman o equipo de goberno (composto polos 12 concelleiros do BNG), 7 son do PPdeG, 3 do PSdeG, 2 da Marea Pontevedra e 1 de Ciudadanos.[15]

Eleccións municipais, 25 de maio de 2003[16]
Partido Votos % Concelleiros
BNG 17.400 38,69 % 10
PP 15.946 35,46 % 10
PSOE 8.004 17,8 % 5
Alcalde electo: Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[17]
Partido Votos % Concelleiros
PP 19.387 43,85 % 12
BNG 12.412 28,07 % 7
PSOE 9.807 22,18 % 6
Alcalde electo: Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011[18]
Partido Votos % Concelleiros
PP 17.244 39,52 % 11
BNG 17.130 39,25 % 11
PSOE 5.803 13,30 % 3
Alcalde electo: Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).

Na literatura popularEditar

  • As nenas de Pontevedra/ son o mesmo cás de Ourense,/ son sen quitarlle nin porlle/ como tódalas mulleres.
  • Dime, Manoela,/ dime donde vas./ Para Pontevedra,/ buscar un rapás [19].
  • Pontevedra é Boa Vila/ dá de beber a quen pasa/ a fonte na Ferrería/San Bartolomé na praza.
  • Pontevedra non ten auga,/ se non ten eu lla darei:/ coas bágoas dos meus ollos/ Pontevedra regarei [20][21].
  • Santiago reza, Pontevedra dorme, Vigo traballa e a Coruña divírtese.[22]
  • Vexo Caldas, vexo Vigo,/ tamén vexo Pontevedra,/ vexo a ponte de Sampaio/ camiño da miña terra[23].
  • Vexo Vigo, vexo Cangas,/ tamén vexo Redondela;/ vexo a ponte de Sampaio,/ camiño da miña terra[24].
  • Viva Cruña, viva Lugo,/ viva Ourense e Pontevedra,/ viva Galicia, irmauciños,/ que pra nós no’hai millor terra [25].

Galería de imaxesEditar

ParroquiasEditar

Lugares de PontevedraEditar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Pontevedra vexa: Lugares de Pontevedra.

NotasEditar

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Resultados eleccións 2019
  3. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Pontevedra". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019. 
  4. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  5. "El Concello y la denominación Rías Baixas buscan una promoción común", artigo no Faro de Vigo, 18 de outubro de 2012 (en castelán).
  6. INEbase. Variaciones intercensales. Alteraciones de los municipios en los censos de población desde 1842. En línea: http://www.ine.es/intercensal/ Consultado 30-06-2011. Cuando se dispone del dato de población de hecho y de derecho se ha tomado la cifra más alta.
  7. IGADI. instituto galego de análise e documentación internacional
  8. 1940-, Tonucci, Francesco (2014). A cidade dos nenos : un xeito novo de pensar a cidade. Kalandraka. ISBN 9788484648840. OCLC 904665803. 
  9. Costas, Anxeles Pereira (2015-02-24). "Pontevedra recolle en Dubai o premio da ONU pola súa transformación". Concello de Pontevedra. Consultado o 2019-03-09. 
  10. Costas, Anxeles Pereira (2015-04-09). "Pontevedra premiada en Nova York". Concello de Pontevedra. Consultado o 2019-03-09. 
  11. Costas, Anxeles Pereira (2016-12-10). "Pontevedra, premiada pola mobilidade amábel na cidade chinesa de Shenzhen". Concello de Pontevedra. Consultado o 2019-03-09. 
  12. Costas, Anxeles Pereira (2015-12-04). "Lores fai valer en París os méritos de Pontevedra como cidade sustentábel". Concello de Pontevedra. Consultado o 2019-03-09. 
  13. Márquez, Begoña (2018-03-20). "2.000 profesionais da arquitectura e o urbanismo, interesados polo modelo Pontevedra en Ciudad de México". Concello de Pontevedra. Consultado o 2019-03-09. 
  14. Costas, Anxeles Pereira (2019-01-28). "Pontevedra convidada a participar no encontro de alcaldes e ministros da OCDE". Concello de Pontevedra. Consultado o 2019-03-09. 
  15. Corporación municipal
  16. Eleccións municipais de 2003
  17. Eleccións municipais de 2007
  18. [1][Ligazón morta]
  19. Fermín Bouza-Brey 1929, 167.
  20. Marcial Valladares Núñez (1884), s. v. auga. No orixinal: Pontevedra non tèn auga,/ se n'a tèn, eu ll'a darei:/ co-as bagoiñas d'os meus ollos/ Pontevedra regarei.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 236.
  22. Paz Roca, M.ª Carmen (2007). "Aínda novos manuscritos paremiolóxicos de Vázquez Saco" (PDF). Cadernos de Fraseoloxía Galega (Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro - Xunta de Galicia) (9): 264. ISSN 1698-7861. Santiago reza, Pontevedra dorme, Vigo traballa i-a Coruña devírtese 
  23. Ademais de Pontevedra, Ponte Sampaio é unha parroquia de Pontevedra. (Fermín Bouza-Brey 1929, 201. No orixinal: San Paio).
  24. Ponte Sampaio, parroquia de Pontevedra. (Fermín Bouza-Brey 1929, 201. No orixinal: San Paio.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 162.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar