Estación de Pontevedra
A estación de Pontevedra é unha estación de ferrocarril de Adif da cidade de Pontevedra. Ten servizos de longa e media distancia, incluíndo os do eixe atlántico de alta velocidade. Ten tamén funcións loxísticas.[1]
Pontevedra | |
---|---|
Estación de ferrocarril de Pontevedra | |
Situación | Avenida da Estación s/n 36003 Pontevedra |
Servizos | |
Liñas | |
Longa Distancia | Alvia, Trenhotel |
Media distancia | MD Rexional |
Intermodalidade | |
Bus | Estación de Autobuses |
Outros | Taxi Bus urbano (liña 1) |
Tivo 1 024 500 pasaxeiros en 2022.[2] En 2021, Pontevedra foi unha das quince estaciones españolas con acceso gratuíto a Internet Wi-fi.[3].
Situación ferroviaria
editarA estación está a 31 metros de altura e forma parte da seguintes liña férreas de ancho ibérico:
- Liña férrea Redondela-Santiago de Compostela, punto quilométrico 18,00.[4]
- Liña férrea Pontevedra-Marín, liña que une Pontevedra co porto de Marín.[5]
Historia
editarEn 1863 creouse a sociedade do Ferrocarril Compostelán da Infanta Dona Isabel co propósito de unir Santiago de Compostela co Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.[6] Esta sociedade foi vendida en 1866 a The West Galicia Railway Company Limited, compañía británica que foi quen puxo en marcha o mencionado tramo o 15 de setembro de 1873 tras once anos de traballo. En 1889 púxose en marcha o tramo de 42 quilómetros que permitiu prolongar a liña ata Pontevedra.[6]
O 16 de maio de 1884, o primeiro tren chegou a Pontevedra, nun percorrido de proba desde Redondela. Esta foi a etapa previa á viaxe inaugural da liña Pontevedra-Redondela o 30 de xuño do mesmo ano. En 1886, a Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo (xeralmente abreviada como MZOV) concluíra o trazado da liña férrea que unía Monforte de Lemos con Vigo e que se pretendía prolongar a Portugal.[7] Esta liña contou cunha ligazón de 18,95 quilómetros desde Redondela que alcanzaba a recentemente creada estación de Pontevedra, inaugurada o 30 de xuño de 1884 no barrio de Campolongo, nun terreo correspondente a unha parte da actual praza de Galicia.
O 9 de setembro de 1928, MZOV fíxose co control de The West Galicia Railway Company Limited.[7] Con todo esta situación só durou un ano tras ser absorbida a primeira pola Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste. En 1941, Oeste foi nacionalizada e integrada na recentemente creada Renfe quen xestionou a estación ata a súa separación en Adif e Renfe Operadora o 31 de decembro de 2004.
A actual estación foi inaugurada o 8 de agosto de 1966[8], substituíndo a vella do barrio de Campolongo.
O 30 de novembro de 2000 inaugurouse o centro comercial Vialia, anexo á estación de ferrocarril, onde hai 8 salas de cinema con 1.488 butacas. Trátase do primeiro centro comercial Vialia de Galicia.[9][3]. Está explotado por ADIF en nel hai tendas de agasallos, servizos, lecer e restauración.
En setembro de 2000 iniciáronse as obras do ramal de Pontevedra ao porto de Marín-Pontevedra. O 10 de xullo de 2002 inaugurouse esta liña de mercadorías de 6,487 km.[10][11].
En 2007 e 2008 adxudicáronse as obras dos tramos que unen a cidade co chamado eixe atlántico de alta velocidade que facilitarán as conexións de alta velocidade con Pontevedra.
Entre 2013 e 2015 a estación de Pontevedra recibiu unha profunda remodelación total das instalacións ferroviarias. Demoléronse todas as plataformas e vías, construíronse 3 novas plataformas e unha nova praia de vías con dúas vías centrais pasantes e 5 vías con plataforma. Realizouse un enorme paso inferior que substitúe ao antigo paso inferior, actualmente transformado en galería de servizos. Instaláronse ascensores nas tres plataformas e fíxose a preinstalación para 6 escaleiras mecánicas, instalando finalmente só dúas, de subida nas 2 plataformas máis usadas.
A estación
editarO edificio de viaxeiros da estación de Pontevedra é unha estrutura de dous pisos de planta alongada e rectangular revestida de pedra e adornada no seu acceso principal por un amplo arco nun frontón triangular. Unha marquesiña en beiril en formigón armado cobre as plataformas da estación. O edificio foi proxectado en abril de 1943 polos enxeñeiros de camiños José Luis Tovar Bisbal e Eugenio de la Sal Crespo. Sitúase na Avenida da Estación, na zona sueste da cidade, no lugar da Parda. Está a carón do río dos Gafos e da estación de autobuses, e por diante dela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago e atópase o monumento Dorna.
O edificio de pasaxeiros está equipado con máquinas expendedoras de billetes e unha sala de espera. Conta con tres plataformas, a principal pegada ao edificio e dúas laterais cinco vías. Entre a plataforma principal e as dúas laterais hai dúas vías centrais pasantes. Os cambios de plataforma realízanse grazas a un paso subterráneo. Dispón de venda de billetes, atención ao cliente, aseos e cafetería. Todo o recinto está equipado con servizos adaptados para as persoas con minusvalía. No exterior existen varias zonas de aparcadoiro e unha parada de taxi.
Servizos ferroviarios
editarLonga Distancia
editarActualizados a 12 de xuño de 2022.
Tren | Orixe | Paradas intermedias | Destino | Observacións |
---|---|---|---|---|
Alvia | Madrid-Chamartín | Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela - Vilagarcía de Arousa - Pontevedra · Vigo | Pontevedra / Vigo | 3/4 trens diarios por sentido - Alta Velocidade Madrid Chamartín-Ourense Cambio de ancho de vía en Taboadela (Ourense) |
Alvia | Alacant-Terminal | Villena AV · Albacete-Los Llanos · Cuenca-Fernando Zóbel · Madrid-Puerta de Atocha · Madrid-Chamartín · Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Guillarei · Redondela · Vigo-Guixar | Pontevedra | 1 tren semanal por sentido |
Trenhotel Rías Galegas | Madrid-Chamartín | Ávila · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Ribadavia · Guillarei · O Porriño · Redondela · Vigo-Guixar | Pontevedra | 1 tren diario por sentido |
Media distancia
editarActualizados a 12 de xuño de 2016.
Liña | Trens | Orixe/Destino | <> | Destino/Orixe |
---|---|---|---|---|
Avant (MD) | A Coruña Santiago de Compostela Pontevedra |
<> | Vigo-Urzáiz | |
1 | MD | A Coruña Santiago de Compostela Pontevedra |
<> | Vigo-Guixar |
Intermodalidade
editarA estación de autobuses atópase xunto á estación de ferrocarril de Pontevedra. A conexión entre ambas as estacións realízase a través dun itinerario peonil directo e unha marquesiña cuberta, complementados por unha praza de acceso peonil fronte á estación de autobuses.[12].
Nas inmediacións hai un aparcadoiro de superficie e outro subterráneo. Á estación chegan os autobuses urbanos da cidade (liñas 1 e 2); a parada atópase fronte á estación.
Servizo de mercadorías
editarEsta estación está aberta para o servizo de mercadorías, especialmente para as procedentes ou con destino ao porto de Marín-Pontevedra.
Galería
editar-
Estación de Pontevedra co seu Centro Comercial Vialia
-
Letreiro da estación.
-
Plataformas centrais.
-
Fachada do edificio da estación.
Notas
editar- ↑ Ficha técnica Adif
- ↑ "La estación de tren supera el millón de viajeros en 2022, un 82% más que en 2021". Faro (en castelán). 25 de marzo de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 "La estación de tren de Pontevedra tendrá wifi en un año". Diario de Pontevedra. 27 de maio de 2020.
- ↑ Ministerio de Fomento. "Rede ferroviaria española" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de setembro de 2010. Consultado o 2 de agosto de 2014.
- ↑ Liña Pontevedra-Marín Arquivado 29 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Spanishrailway
- ↑ 6,0 6,1 Pontevedra a Santiago (The West Galicia Railway Company Limited) Arquivado 29 de xuño de 2016 en Wayback Machine. Spanishrailway
- ↑ 7,0 7,1 Monforte a Vigo e Pontevedra (vía Ourense) Arquivado 29 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Spanishrailway
- ↑ "NO-DO Noticias Españolas". RTVE (en castelán). 22 de agosto de 1966.
- ↑ "Pontevedra duplicará la próxima semana su oferta de salas de cine". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2000.
- ↑ "El enlace ferroviario con el puerto de Marín entrará en funcionamiento a partir del 10 de julio". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de maio de 2002.
- ↑ "El tren atraviesa Placeres desde hace una década". Faro (en castelán). 8 de xullo de 2012.
- ↑ "La estación intermodal entrará en su etapa final con una inversión de 4,26 millones de euros para el próximo año". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estación de Pontevedra |
Bibliografía
editar- López Torre, Rafael (2015): "La nueva estación de ferrocarril", pp. 226–235, en Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), Concello de Pontevedra e Faro, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).