Ruínas de San Domingos

Restos da igrexa do convento de San Domingos en Pontevedra

As ruínas de San Domingos constitúen un dos seis edificios que forman o complexo do Museo Provincial de Pontevedra. Corresponde cos restos que permanecen en pé da igrexa gótica do que no seu día foi o convento de San Domingos.

Ruínas de San Domingos
Vista exterior das ruínas
PaísEspaña
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′52″N 8°38′49″O / 42.431198, -8.646964
EstiloArquitectura gótica
editar datos en Wikidata ]
Vista xeral segundo se accede ás ruínas: á esquerda, as capelas; ó fondo, a sancristía; á dereita, o acceso á sala capitular.

Hoxe consérvase só a cabeceira porticada, con cinco capelas correspondentes ó brazo transversal do cruceiro, mentres que a entrada ó recinto faise polo extremo oposto do cruceiro.

A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra iniciou en 1889 as xestións para a súa recuperación e declaración como Monumento Nacional, e utilizou as ruínas como sede da institución. Co tempo, a Sociedade cedeu as instalacións ó Museo de Pontevedra, en 1938, e este converteu este espazo na súa Sección lapidar (arqueolóxica) e dedicouno á exposición permanente de sepulcros de persoeiros históricos pontevedreses, laudas gremiais e escudos heráldicos procedentes de enterramentos na propia igrexa e de casas nobres da cidade e da provincia.

Historia do convento

editar

Os dominicos chegaron a Pontevedra a finais do século XIII e fundaron o convento cara a 1281, na Moureira, nas proximidades da muralla que pechaba a cidade na Idade Media, onda a porta do mesmo nome, pero pronto se trasladaron ó lugar onde hoxe quedan os restos do edificio. As obras da cabeceira comezaron en 1304 ou 1305 pero a partir de 1380 substituíronse pola obra actual, que non se rematou ata o século XV. A finais do XVIII decidiuse reformar a igrexa mediante unha nova nave, neoclásica, que substituiría a antiga igrexa gótica. Esta reconstrución, que ía dirixir Álvarez Reguera, viuse fanada en 1835, cando o Estado aprobou a chamada desamortización de Mendizábal e puxo en venda as posesións das ordes relixiosas, incluída igrexa e convento de San Domingos.

O 8 de decembro de 1836 pecha o convento[1] e a partir deste momento, o edificio entrou nun longo proceso de ruína e deterioración progresivos. En 1840 a Junta de Enajenación de Edificios y Efectos de los Conventos Suprimidos de la Provincia de Pontevedra cedeuno ó Concello, que o dedicou a Casa de Asilo; posteriormente dedicouse a cárcere, hospicio, escola infantil, cuartel e teatro, pero sen realizar labores de mantemento que evitaran a progresiva ruína. Mesmo en 1846 aprovéitase a pedra para pavimentar as rúas de Pontevedra.

Filgueira Valverde recolleu o seguinte texto do historiador pontevedrés Gonzalo de Zúñiga que, en 1846 se refería así ás lápidas e sepulcros que se conservaban:

"... una mano ignorante y osada, arrancándolas de aquel paraje para pavimentar calles y plazas, nos privó de los auxilios que estas inscripciones pudieran prestar a la arqueología".

En 1864 derrúbase a capela de San Xacinto, que estaba no extremo sur do cruceiro e entre 1869 e 1870 a parte superior da torre que existía neste mesmo punto.

 
"Ruinas de la Iglesias de Santo Domingo de Pontevedra " 1879. La Ilustración Gallega y Asturiana[2]

En 1874 o Concello comeza a estudar a demolición do convento, co obxectivo de ampliar o espazo dedicado a Campo da Feira (actual parque das Palmeiras), para o que conta co informe favorable da Comisión Provincial de Monumentos, que puña como condición respectar a antiga igrexa e algúns outros elementos de interese. A pesar desta limitación, o Concello aprobou en xullo de 1880 a demolición completa, decisión que provocou a reacción en contra da Comisión de Monumentos, e de numerosos pontevedreses, que conseguiron deter as obras de demolición. O Concello volveuno intentar en 1889, pero a reacción social conseguiu de novo deter as obras; nesta ocasión a vontade de demoler as ruínas era tan firme que o concello xa incluíu nos seus orzamentos os ingresos previstos pola venda dos terreos resultantes.

Recuperación

editar

Aínda que a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra non se constituíu formalmente ata o 15 de agosto de 1894[3], baixo a presidencia de Casto Sampedro, xa desde anos antes levou adiante algunhas actividades en prol da conservación histórica e artística de Pontevedra. Canto ás actividades dirixidas á conservación das ruínas de San Domingos cómpre destacar a xuntanza que se celebrou nas propias ruínas o 16 de setembro de 1889[4], baixo a convocatoria do poeta Roxelio Lois Estévez, daquela director de O Galiciano, Manuel de la Fuente e o médico Xosé Casal, estes dous delegados da Comisión Provincial de Monumentos. Esta xuntanza converteuse nunha especie de ocupación das ruínas, a piques de ser derrubadas definitivamente. Nesta xuntanza tomaron as ruínas como sede da Sociedade e procederon a limpalas de entullos e lixo e ó seu peche cun valado.

A consecuencia desta reivindicación foi a declaración como Monumento Nacional do que nese momento se conservaba das ruínas —o que hoxe podemos ver—, o 14 de agosto de 1895. San Domingos convertíase así no primeiro Monumento Nacional da provincia de Pontevedra.

Os debuxantes da Sociedade Arqueolóxica recolleron así o estado das ruínas nesa época:

"Precisamente un deses edificios sentenciados a unha lenta morte ao longo do século XIX e salvado no último momento do seu derrubamento total polo empeño de Sampedro e outros colaboradores foron as Ruínas de San Domingos, que se converteron deste xeito no «buque insignia» da Arqueológica, tanto polo seu valor histórico-artístico coma por seren o núcleo onde se concentraban e expoñían as coleccións de obxectos que a Sociedad conseguía rescatar do esquecemento"
Museo de Pontevedra [1]

En 1905 comezan as obras do Instituto de Pontevedra (actual IES Valle Inclán), a carón das ruínas, sobre o terreo que ocupaba o convento. Entón, a Sociedade Arqueolóxica solicitou que se lle reservase un espazo na planta baixa, pero a sala que lle deixaron era insuficiente para os fondos que necesitaba expor. En 1945 esta sala foi permutada por un pequeno patio e parte do soto do instituto.

 
O membros do SEG en 1928, nas ruínas de San Domingos. De pé: Pedrayo, Losada, Cuevillas, Risco, Carballo Calero, Filgueira, García Paz, Pintos, Fraguas e Osorio-Tafall. Sentados: Parga Pondal, Moralejo Laso, Carro, Cabeza de León, Arias Sanjurjo, Álvarez Limeses e Novás.[5]

En 2008, durante as obras acometidas polo concello para a construción dun aparcadoiro subterráneo na praza de España, descubríronse restos da cimentación da igrexa gótica e unhas 20 fosas do que sería o cemiterio exterior da mesma.

As ruínas como sección do Museo de Pontevedra

editar

A Sociedade Arqueolóxica disolveuse en 1938 e cedeu a xestión dos restos ó Museo de Pontevedra, que fora fundado en 1927. Como xa se dixo, o Museo de Pontevedra dedicou este espazo á exposición permanente de pezas pétreas relacionadas coa historia da cidade e provincia. No exterior exponse ó público non só as propias ruínas senón tamén sepulcros de persoeiros pontevedreses e laudas gremiais, algúns deles procedentes dos enterramentos que se realizaron na propia igrexa, e unha ampla colección de escudos heráldicos, procedentes das casas nobres da cidade e da provincia, cedidos polos propietarios ou herdeiros no momento do derrubo das mesmas ou adquiridas polo propio museo.

O espazo museístico está constituído, en primeiro lugar, polos restos conservados da propia igrexa:

  • A capela central, maior. Sábese que estaba en construción en 1331 (a primeira do lado do Evanxeo data de 1360 e as dúas do lado da Epístola son de finais do XIV e principios do XV).
  • Á esquerda da anterior, a capela de Santa María Madalena, rebautizada despois baixo a advocación ó Espírito Santo.
  • Máis á esquerda, no extremo norte do cruceiro, a capela do Espírito Santo vella, máis tarde chamada de San Domingo de Suriano. Nesta capela está o sartego de Tristán de Montenegro.
  • Á dereita da capela maior está a capela de San Pedro Mártir, rebautizada como capela do Bo Xesús.
  • Á dereita da anterior, no extremo sur do cruceiro, a capela de San Tomé, chamada despois de Santo André.

Á dereita desta última estaba a capela de San Xacinto e a torre, derruídas entre 1864 e 1870, e a sancristía, xa fronte ás capelas. No muro da zona da sancristía pódese ver un rosetón que foi trasladado desde a fachada norte (onde hoxe está o acceso ó recinto). Xunto á sancristía sitúase a entrada á sala capitular, precedida por unha arquería que procede do antigo convento.

Entre os sepulcros expostos destacan os de Paio Gómez de Soutomaior. Tamén estaba exposto o do seu fillo Sueiro, hoxe no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

 
Arco de entrada á sala capitular, procedente de San Bartolomeu o Vello

A sala capitular foi ampliada e aproveitada para expor pezas máis sensibles, como capiteis, estatuas, tímpanos, baldaquinos etc. A entrada a esta sala faise a través dun arco construído coas doelas recuperadas da portada occidental da igrexa de San Bartolomeu o Vello, derruída en 1842. A reconstrución hipotética foi realizada baixo a dirección de Xosé Filgueira Valverde para construír unha portada con dúas arquivoltas, aproveitando sete doelas (seis anciáns músicos sedentes e un anxo) máis a cabeza de Cristo na clave inferior e tres anxos con filacterias ou un libro, na superior. Parece ser que na reconstrución se alterou a forma orixinal das esculturas e que a disposición non corresponde co arco de medio punto que se fixo senón que se trataría orixinalmente dun arco apuntado, máis propio da fábrica gótica do edificio de San Bartolomeu [6].

No soto desta sala capitular habilitáronse algunhas estancias dedicadas á restauración.

A Sociedade Arqueolóxica chegou a reunir unha importante colección de escudos heráldicos, que se expoñían tanto no interior do recinto como no xardín exterior, entre os contrafortes das capelas, ata un total de 63, pero trala remodelación levada a cabo en 2016 retiráronse un bo número destes escudos, mantendo expostos unicamente 19 (nove fronte á sala capitular e 10 na antiga sancristía).

Ademais destes escudos recuperados doutras localizacións, as ruínas mostran outros cinco escudos encastrados nas paredes da igrexa.

Fotografías históricas

editar
  1. Rematada a exclaustración houbo intentos de restaurar o convento, pero non frutificaron.
  2. "Ruinas San Domingos 1789". Galiciana. 
  3. A constitución da Sociedade foi, de feito, pioneira no panorama cultural galego: a Real Academia Galega naceu en 1905 e o Seminario de Estudos Galegos en 1923.
  4. No libro editado polo Museo de Pontevedra, Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Filgueira Valverde dá a data do 16 de setembro de 1886 (px. 10). Pero máis adiante, as autoras do capítulo dedicado á Sociedade Arqueolóxica, dan a data de 1889 (px. 31).
  5. Véxase o reverso manuscrito por F.B.B. en 1955.
  6. Teresa Moure Peña, 210-212.
  7. A terceira lauda, correspondente ó gremio dos carniceiros, está hoxe exposta no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar