Joaquín Arias Sanjurjo
Joaquín Arias Sanjurjo Pardiñas, nado en Santiago de Compostela o 1 de abril de 1860 e finado na mesma cidade o 1 de setembro de 1946, foi un avogado, xornalista e escritor galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de abril de 1860 Santiago de Compostela, España |
Morte | 1 de setembro de 1946 (86 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, avogado |
Traxectoria
editarFillo de Antonio Arias Armesto e Efigenia Sanjurjo Pardiñas. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e foi un intelectual preocupado polos problemas do campo. En 1887 encargouse da dirección do xornal Gaceta de Galicia por un breve período.[1]. Instalado en Ferreira de Pantón, foi elixido presidente do Comité Republicano de Monforte de Lemos en 1903.[2] Presidente da Sociedad de Agricultores del Ayuntamiento de Monforte, interveu nas Asembleas de Monforte e en Solidaridad Gallega. En 1909 presentouse como candidato nas eleccións á Deputación Provincial con Juan Golpe e Santiago Casares Quiroga e foi o único solidario que conseguiu a vitoria, sendo elixido polo distrito Monforte-Quiroga na Deputación de Lugo. Ao finalizar a súa etapa de deputado escribiu un Manifiesto en contra das deputacións provinciais, en particular contra a de Lugo. En 1915 colaborou coa revista España de Madrid, de orientación melquiadista. En 1918, despois da presentación dos candidatos galeguistas próximos á Lliga Regionalista catalá, escribiu un novo Manifiesto a las sociedades de labradores de Galicia y a los regionalistas de raza y abolengo gallego que no se hallen alquilados a la plutocracia barcelonesa o alistados en las clientelas de las oligarquías seudopolíticas de Madrid.
Nos anos vinte volveu instalarse en Santiago de Compostela. Na Segunda República foi elixido Vicepresidente do Centro Radical Republicano de Santiago de Compostela en 1932,[3] e concelleiro e tenente de alcalde do concello de Santiago (1934-1935).[4] Publicou numerosos artigos que recolleu coa denominación xeral de Papeletas e Papeletas cervantinas, e outros relacionados coa historia de Galicia, mosteiros e vías romanas. Colaborou en El Eco de Santiago e Arquivos do Seminario de Estudios Galegos.
Foi noivo de Alejandra Murguía, filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía,[5] mais non chegaron a casar, ao pouco de finar Rosalía, porque Murguía disuadiu a Alejandra.[6]
Finou en Santiago de Compostela o 1 de setembro de 1946.[7]
Obras
editar- El reino de Aregia, 1928.
- El Castillo de Litoria y otras menudencias orensanas, 1932.
- Novena sobre el Estatuto de Galicia, 1932.
- Décima sobre el problema social de nuestro tiempo, 1933.
- Sobre el actual problema ferroviario de Galicia, 1935.
Notas
editar- ↑ Gaceta de Galicia, 2-5-1887, p. 2.
- ↑ El Regional, 30-10-1903, p. 2.
- ↑ El Compostelano, 23-5-1932, p. 2.
- ↑ El Compostelano, 19-11-1934, p. 1.
- ↑ "Xenealoxía Rosalía de Castro". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2013. Consultado o 14 de maio de 2014.
- ↑ Naya Pérez, J. (1974). "El final de una estirpe: Rosalía de Castro y Manuel Murguía". Boletín da Real Academia Galega XXXI (356): 24–42.
- ↑ La Noche, 2-9-1946, p. 2.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joaquín Arias Sanjurjo |
Bibliografía
editar- "Arias Sanjurjo, Xoaquín". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 70.
- "Arias Sanjurjo, Xoaquín". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Arias Sanjurjo, Joaquín". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Bibliófilos Gallegos. p. 87.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 497. ISBN 84-7492-465-0.
- Somoza, Juan Ramón (1915). Semblanzas (en castelán) I. Lugo: Gerardo Castro. p. 178. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2024. Consultado o 31 de maio de 2024.