Francisco Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913, e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010 ós 97 anos de idade,[2] foi un intelectual e activista político[3] galego. Escribiu cos pseudónimos de Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Francisco Fernández del Riego | |
---|---|
Nacemento | 7 de xaneiro de 1913 |
Vilanova de Lourenzá (Lugo) | |
Falecemento | 26 de novembro de 2010 (97 anos) |
Vigo | |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | escritor e político |
Cónxuxe | Evelina Hervella Nieto |
Fillos | non tivo |
Xéneros | Ensaio, narrativa |
Premios | Medalla Castelao, doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, Premio Laxeiro e Medalla de Ouro de Galicia |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
“ | A cultura non se pode politizar seitariamente, perténcelle ao país, que se interpreta a través dela.[4] | ” |
Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós.
TraxectoriaEditar
Tras rematar o bacharelato matriculouse en dereito na Universidade Complutense de Madrid. A proclamación da República colleuno nesa cidade, pouco despois trasladouse a Santiago de Compostela e seguiu os seus estudos na súa universidade ao tempo que realizaba filosofía.
Iniciou a súa actividade literaria con colaboracións na revista Vallibria e xa en Compostela publicou artigos en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra e Heraldo de Galicia. A súa participación política iniciouse en 1931 coa publicación dun manifesto galeguista en Vilanova de Lourenzá que asinaba xunto con outro mozo; en Compostela entrou no Seminario de Estudos Galegos, e incorporouse ao Partido Galeguista logo da súa fundación.[5] En 1932 foi elixido secretario xeral da agrupación Ultreya. Cando se constituíu a Federación de Mocedades Galeguistas foi o seu primeiro secretario xeral, e formou parte do Consello galego de Galeusca (1934).
Foi xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. En 1963 xurdiu desta editorial a revista Grial, que Del Riego codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recesións literarias e artigos. Ingresou en 1960 na Real Academia Galega cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. En 1997 presidiu esta institución.
O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convérteno nun dos principais intelectuais galeguistas do século XX e comezos do XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia da literatura (1984), Galicia no espello, Diccionario de escritores en lingua galega, A xeración Galaxia e estranxeiras, como Letras do noso tempo.
Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, O camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxías poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). No 2003 recompila a súa correspondencia con Cunqueiro e a edita en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense, e publica tamén en Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
En 1995 doou á cidade de Vigo a súa colección de libros, que constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego. Foi director da Biblioteca da Fundación Penzol, en Vigo.
Obra en galegoEditar
EnsaioEditar
- Cos ollos do noso esprito, 1949, Alborada (Buenos Aires).
- Galicia no espello, 1954, Ediciones Galicia (Centro Gallego de Buenos Aires).
- Os camiños galegos na andadura de don Ramón María del Valle-Inclán, 1971.
- Manual de historia da literatura galega, 1971, Galaxia.
- Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, 1973.
- Letras do noso tempo, 1974, Galaxia.
- Ánxel Casal e o libro galego, 1983, Ediciós do Castro.
- As peregrinacións xacobeas, 1984, Biblioteca Básica da Cultura Galega. Traducida ao castelán.[6]
- Escritores de Portugal e do Brasil, 1984, Ediciós do Castro.
- Historia da literatura, 1984, Biblioteca Básica da Cultura Galega.
- O señor da casa grande de Cima de Vila, 1988, Fundación Otero Pedrayo.
- Diccionario de escritores en lingua galega, 1990, Ediciós do Castro.
- O río do tempo, 1990, Ediciós do Castro.
- Álvaro Cunqueiro e o seu mundo: vivencias e fabulacións, 1991, Ir Indo.
- Presencia de Vigo na industria do libro e nas publicacións periódicas, 1991, Ediciós do Castro.
- Blanco Amor, emigrante e autodidacta: a súa vida literaria, 1992, Ir Indo.
- O camiño de Santiago, 1992.
- Galicia, 1994, Edicións Xerais de Galicia.
- Luis Seoane desde a memoria, 1994, Ediciós do Castro.
- A xeración Galaxia, 1996, Galaxia.
- Antolín Faraldo, o gran soñador, 1998, Xerais.
- A pesca galega de mar a mar, 1998, Ediciós do Castro.
- A pegada das viaxes, 2000, Ir Indo.
- Portugal norteño, 2000.
- Con Pondal en Bergantiños, 2001, Ediciós do Castro.
- Ourense sentimental, 2001.
- Vigo sentimental, 2001. Caixanova.
- Camiño andado, 2003, Galaxia.
- Desde a miña fiestra: 13 figuras da cultura galega contemporánea, 2003.
- As peregrinacións xacobeas, 2003, 3C3.
- Sinais dunha cultura, 2003, Deputación de Pontevedra.
- Lourenzá, 2004, Ediciós do Castro.
- Palabras a eito, 2005, Universidade de Santiago de Compostela.
NarrativaEditar
- O cego de Pumardedón, 1992, Ir Indo.
- Mondoñedo, 1992.
- San Andrés de Teixido, 1993, Contos do Castromil.
- Na espera do amigo, 1994.
Edicións e antoloxíasEditar
- Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos, 1955, Galaxia.
- Do dezanove ós continuadores, 1976, Galaxia.
- Do posmodernismo ós novos, 1980, Galaxia.[7]
- Escolma de textos de Vicente Risco, 1981, Real Academia Galega.
- Pensamento galeguista do século XIX, 1983, Biblioteca Básica da Cultura Galega.
- Pensamento galeguista do século XX, 1983, Biblioteca Básica da Cultura Galega.
- Poesía, de Antonio Noriega Varela, 1991, Xerais.
- Eduardo Blanco Amor: escolma de textos, 1993, Real Academia Galega.
Obras colectivasEditar
- A máis recente poesía galega, 1951, Galaxia. Con Ánxel Johán.
- La Saudade, 1953, Galaxia.
- Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole, 1986, Concello de Lugo.
- Abrir Vigo ó mar, 1996, Consorcio da Zona Franca de Vigo. Canda Álvarez Cáccamo, Casares, Garrido, Víctor Freixanes et al.
- Roberto Blanco Torres (1891-1936), 1999, Xerais.
- Un epistolario de Ramón Piñeiro, 2000, Galaxia.
- Manuel Murguía (1833-1923), 2000, Xerais.
- Manuel María, 2001, Ophiusa.
- Epistolario a Fernández del Riego, de Ricardo Carballo Calero, 2006, Galaxia.[8]
- Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. II), 2006, Consello da Cultura Galega.
- Fermín Penzol: unha obra para un país, 2010, Galaxia.
- Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1959-2007, de Xosé Neira Vilas, 2013, Galaxia.
TraduciónEditar
- Uvas e granito (Unha viaxe por Galicia) do inglés, de Nina Epton, xunto con Antonio Fernández del Riego. Ir Indo. 1993.
Obra en castelánEditar
EnsaioEditar
- Danzas populares gallegas, 1950, Ediciones Galicia (Centro Gallego de Buenos Aires).
- Historia de la literatura gallega, 1951, Galaxia.
- Peregrinaciones a Santiago, 2004, Galaxia.
- Sesenta gallegos ilustres. Obra periodística olvidada en Vida Gallega, 1956-1962, 2005, Alvarellos Editora.
DicionariosEditar
- Vocabulario castellano-gallego, 1973, Galaxia.
Galardóns e recoñecementosEditar
Como unha das principais figuras de Galicia, foi recoñecido con numerosos galardóns, como o Premio Trasalba, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, o Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, o Premio Celanova Casa dos Poetas, unha Medalla Castelao, o Premio das Artes e das Letras de Galicia, o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda, o Premio Laxeiro e outros.
Foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica, así como Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e, postumamente, Bo e Xeneroso por esta mesma entidade. Unha praza de Vigo leva o seu nome.
Vida persoalEditar
Estivo casado con Evelina Hervella Nieto (1908-2007), filla de Antonio Hervella Ferreira, mais non tivo fillos. Á súa morte, foi incinerado, e as súas cinzas depositadas no cemiterio de San Pedro da Ramallosa, Nigrán.[9][10]
Galería de imaxesEditar
NotasEditar
- ↑ «Francisco Fernández del Riego ya tiene una plaza en Vigo» Arquivado 22 de agosto de 2016 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 15/7/2000 (en castelán).
- ↑ "Portada do Diario de Pontevedra: "Adeus a Francisco Fernández del Riego"" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de xaneiro de 2012. Consultado o 02 de decembro de 2010.
- ↑ Fernández del Riego, Francisco, interviewee. Conversas con Paco del Riego. ISBN 978-84-9121-395-6. OCLC 1049576527.
- ↑ Carballa, Xan: ""Queimamos a vida en defender a cultura do país" El País, 26/1/2007.
- ↑ Biografía de Fernández del Riego Arquivado 26 de outubro de 2011 en Wayback Machine. en Praza das letras da Consellería de Cultura.
- ↑ "Las peregrinaciones a Santiago". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 2019-07-22.
- ↑ Fernández del Riego, Francisco (1980). Poesía galega. Do posmodernismo aos novos. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-354-0.
- ↑ Epistolario a Fernández del Riego en Google Books.
- ↑ "Fernández del Riego descansa en San Pedro" Faro de Vigo, 1/12/2010.
- ↑ As imaxes do último adeus a Francisco Fernández del Riego, Xornal de Galicia, 3/2/2011.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Barrera, Feliciano, ed. (2002). "Fernández del Riego, Francisco". Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. p. 199. ISBN 84-8064-113-4.
- ———, ed. (2004). Hijos predilectos y adoptivos de Galicia (en castelán). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. ISBN 84-8064-137-1.
- Blas, Ceferino de (2013): Fernández del Riego. El guerrero del galleguismo. Vigo: Faro de Vigo, 200 pp., ISBN 978-84-616-2545-1.
- Conde Muruais, Perfecto (2018). Conversas con Paco del Riego. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9121-395-6.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 63.
- Fernández del Riego, Francisco (1990). Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro. p. 149.
- Giráldez Lomba, Antonio (2010). 200 memorias de Vigo (en castelán). Caixanova, Faro de Vigo e Alcaldía de Vigo. p. 51. VG 955-2010.
- Mascato, Antón: Paco del Riego. Unha historia da restauración política e cultural,[1] 2002, ISBN 978-84-8289-207-8.
- Maure, Franco, Ríos, Álvarez, Díaz, Monteagudo, Santamarina, Lugrís, Graña, Mascato, Barreiro et al.: Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán (libro+CD), 2003, Edicións do Cumio, ISBN 84-8289-220-7.
- Piñeiro, R.; et al. (2005). "Fernández del Riego, Francisco". Gran Enciclopedia Galega (DVD). ISBN 84-87804-88-8.
- Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2009): O triunfo do galeguismo. Opinión pública, partidos políticos e comportamento electoral na transición autonómica. Madrid: Editorial Dykinson.
- Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2009): Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Vigo: Xerais.
- Vilavedra, D., ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Galaxia. pp. 210–212. ISBN 84-8288-019-5.
- "Fernández del Riego, Francisco". Diccionario enciclopédico galego universal 27. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 68. ISBN 84-7680-429-6.
- "Fernández del Riego, Francisco". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 59–60.
- "Fernández del Riego, Francisco". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 892-893. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Fernández del Riego, Francisco". Enciclopedia Galega Universal 9. Ir Indo. 1999-2002. p. 84. ISBN 84-7680-288-9.
Amigos CRTVG, 15/11/2013. |
Outros artigosEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Fernández del Riego |
Ligazóns externasEditar
- Fernandez del Riego na Biblioteca Virtual Galega.
- Vídeo-entrevista en culturagalega.org. e Perfil biográfico en Culturagalega.org Consello da Cultura Galega.
- Villanueva Gesteira, M. D.: «Una mente lúcida al servicio de Galicia» en FronteraD, revista digital 13/1/2011 (en castelán).
Predecesor: Domingo García-Sabell |
Presidente da RAG 1997-2001 |
Sucesor: Xosé Ramón Barreiro |