Cedofeita, Ribadeo
Santa María Madalena (ou Madanela) de Cedofeita é unha parroquia do concello de Ribadeo, na comarca da Mariña Oriental, pertencente ao arciprestado de Ribadeo. Segundo o censo en 2004 tiña 182 habitantes, agrupados en 11 entidades de poboación e 3 lugares, cunha densidade de 25,3 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrou ata os 150 habitantes, sendo 73 homes e 77 mulleres.
Cedofeita | |
---|---|
Lugar de Piñeiro. | |
Concello | Ribadeo[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°29′38″N 7°07′31″O / 43.49381579, -7.12526886 |
Área | 7,17 km² |
Poboación | 124 hab. (2020) |
Densidade | 17,29 hab./km² |
Entidades de poboación | 14[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía
editarLimita ao norte coa parroquia de Covelas, ao sur coa Valboa e Vidal (concello de Trabada), ao leste con Vilausende e Couxela, e ao oeste con Arante. O río Grande fai de límite nunha das zonas, a el vai parar o regato de Queixadoiro. Xa no sur o regato da Ferreira fai de límite co concello de Trabada. Ten unha altitude media de 420 m.
As entidades de poboación son Barreiros (8), A Currada (29), A Igrexa (10), O Pedregal (9), Piñeiro (50), A Ponte (abandonado), Queixoiro (7), Requiande (36), Santo Antonio (7), Teixido (15) e A Trapa (11). Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades) son O Burgo, A Granda e A Torre.
Cultura
editarToponimia
editarSegundo Amor Meilán esta freguesía sería a antiga "Cito Facha"[2] que xa figuraba no cambio feito polo bispo Paio de Cebeira co rei Afonso IX en 1202. Dentro do termo encóntrase a torre de Cedofeita, construída, como mostra de poderío, para a defensa da facenda. A parroquia tivo o seu gran momento no século XIX cando, coas parroquias limítrofes, crearon o concello de Cedofeita independizándose así do concello de Ribadeo. Non obstante, esta independencia durou pouco tempo xa que a integridade territorial do municipio de Ribadeo foi restaurada pola Xunta de Goberno da vila no 1843.
Outras fontes remarcan que o nome de Cedofeita ten a súa orixe na palabra latina Citofacta, composta polo adverbio latino cito ("axiña, cedo") e factum, participio do verbo latino facio, ("facer"). Cito facta vese aplicado a outras zonas con igrexas feitas rápido, entre os séculos VIII e X.[3] Así pois, de cito, que cambia o -t- en -d- (como catena a cadea) e o -a- de facta evoluciona a -ei- (como lacte a leite), acadándose a súa forma actual, Cedofeita, co significado de algo que foi feito, non 'hai moito tempo', senón en curto espazo de tempo, 'axiña'.
Patrimonio
editarDestacan a igrexa de Santa María Madanela e do Viso (Natividade) en Cedofeita, amais das capelas da Nosa Señora do Carme e a de Santiago na aldea de Piñeiro.
O pazo de Cedofeita, situado a 8 km da vila de Ribadeo, foi construído entre finais do século XV e principios do XVI por Lope García de Cedofeita. De planta rectangular, fabricado en cachotería de lousa e cadeiría de granito en vans e esquinais, con cuberta de lousa a catro augas e con cheminea-torre. Composto dun corpo con baixo e primeiro piso e unha torre de dous andares, con remate en ameado. O conxunto complétase cun hórreo, un pombal circular, un muíño e unha pequena capela de estilo barroco rococó e con espadana dun só van. Todo iso está rodeado por un alto muro con dúas portadas, unha das cales leva a fachada principal, onde se encontra o escudo de armas, e a outra, orientada o norte, conduce ata unha escalinata de pedra pola que se accede a vivenda. O escudo de armas de madeira substitúe a un anterior de pedra, coas liñaxes de casas como os Armada, Cid, Pedrosa ou Sánchez. Ten un recinto amurallado cunha zona de cultivo, árbores froiteiras e xardín.
Festas
editarA festa da Virxe do Carme celébrase o 24 de xuño. A festa da Magdalena celébrase o 22 de xullo. Nestas dúas festas acostúmase a realizar unha procesión.
Lugares e parroquias
editarLugares de Cedofeita
editarLugares da parroquia de Cedofeita no concello de Ribadeo (Lugo) | |
---|---|
Barreiros | O Burgo | A Currada | A Granda | A Igrexa | O Pedregal | Piñeiro | A Ponte | Queixoiro | Requiande | Santo Antonio | Teixido | A Torre | A Trapa |
Parroquias de Ribadeo
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo.
- ↑ Calendario toponímico 2019 do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, accesible en http://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=system/files/calendario%20toponimico%20ies%20dionisio.pdf