Seminario de Estudos Galegos
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha institución creada en 1923[1] polo galeguismo para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e para formar investigadores.
CreaciónEditar
Antón Losada Diéguez tivo a idea de crear un órgano que tivese como función poñer en valor a cultura galega, unha función que a universidade galega da época, a de Santiago, non cumpría ó desenvolver programas académicos alleos á realidade, á historia e á cultura galegas. Fórmase, pois, na casa de Losada en Pontevedra a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas.
Paralelamente, como conta Lois Tobío Fernández, en 1923, Wenceslao Requejo Buet proponlle a un grupo de estudantes de primeiro de Dereito formar un grupo "cos que se interesasen por problemas de cultura, arte, literatura e historia principalmente, algo así como unha tertulia ou ateneo"[2]. Nese grupo, que primeiro collería xente como Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños ou Lois Tobío Fernández, estenderíase despois a estudantes maiores (Fermín Bouza Brey, Romero Cerdeiriña...) e aos profesores, como Armando Cotarelo Valledor. De feito, foi Cotarelo quen lle deu o nome de Seminario de Estudos Galegos, que foi como pasou á historia.
Nunha xuntanza celebrada o 12 de outubro de 1923 en Ortoño (Ames), na casa onde vivira Rosalía de Castro, onde participan estes nove estudantes recollendo a tradición da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, acordan a creación do seminario. Ós poucos días, o 23 de outubro, intégranse nel boa parte da intelectualidade galeguista que se movía ó redor da revista Nós e asinan a acta fundacional no domicilio de Armando Cotarelo Valledor. Porén Lois Tobío sinala que Losada Diéguez non se sumou ao seminario nese momento inicial, senón pouco despois, canda o Grupo Nós, Castelao, Antón Villar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Leandro Carré Alvarellos ou Gonzalo López Abente.[2]
No escudo, deseño de Castelao, a tipografía discorre sobre dous círculos concéntricos que xiran arredor dun cáliz con cinco estrelas e unha pomba, coas lendas SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS · COMPOSTELA e DEUS · SCIENTIA · GRATRESQUE · GALLÆTIÆ.[3]
Nos anos seguintes incorporaríase a maior parte de intelectualidade galeguista, dende o arquiveiro do concello de Santiago de Compostela, Pablo Pérez Costanti, ata o arcebispo Manuel Lago González, pasando por Ramón María Aller, Federico Maciñeira ou Xesús Carro.
ConsolidaciónEditar
En 1925 Cotarelo trasládase a Madrid e a presidencia pasa a Salvador Cabeza de León. Comezan tamén a recibir axudas económicas e en 1927 empezan a publicar os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, que editará Ánxel Casal e que recompilará as publicacións da institución. Con anterioridade os seus produtos editábanse a través da Real Academia Galega. Contou con local propio desde 1925, situado nos baixos do Colexio Maior San Clemente[4] e pasou de contar con só un cento de asociados nos seus comezos a chegar aos 500 no curso 1925-1926[5].
De esquerda a dereita na fileira de atrás: Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Vicente Risco, Carballo Calero, Xosé Filgueira Valverde, Sebastián García Paz, Luís Pintos Fonseca, Antón Fraguas, Bibiano Fernández Osorio-Tafall.
Sentados: Isidro Parga Pondal, Abelardo Moralejo Laso, Xesús Carro García, Salvador Cabeza de León, Joaquín Arias Sanjurjo, Xerardo Álvarez Limeses e Juan Novás Guillán.
Obxectivos e estruturaEditar
O programa do Seminario fíxase os seguintes obxectivos: "o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos".
O SEG estaba estruturado en doce seccións e utilizaba como método de traballo os equipos interdisciplinarios e aínda que non todos os traballos feitos estiveran en galego, é certo que foi o SEG quen por primeira vez utilizou a lingua galega de xeito significativo para facer traballo científico, mesmo sendo obrigatorio a lectura dun traballo orixinal en galego para adquirir a condición de socio numerario. As doce seccións, e os seus presidentes, son as seguintes:
- Sección de Filoloxía, coordinador Armando Cotarelo Valledor
- Sección de Arte e Letras, coordinador Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
- Sección de Etnografía, coordinador Vicente Risco
- Sección de Historia, coordinador Cabeza de León, presidente do Seminario de 1925 a 1934
- Sección de Prehistoria, coordinador Florentino López Cuevillas
- Sección de Xeografía, coordinador Otero Pedrayo
- Sección de Historia da Arte, coordinador Xesús Carro
- Sección de Historia da Literatura, coordinador Xosé Filgueira Valverde
- Sección de Pedagoxía, coordinador Manuel Díaz Rozas
- Sección de Ciencias Aplicadas, coordinador Manuel Gómez Román
- Sección de Ciencias Naturais, coordinador Luís Iglesias
- Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas; coordinador Lois Tobío Fernández
Estudos das comarcas galegasEditar
Entre os obxectivos do Seminario estaba a creación de estudos das comarcas galegas, a través de cada unha das súas seccións científicas, e destes traballos publicaron varios libros:[6]
- Vila de Calvos: notas etnográficas e folklóricas, 1930, Florentino López Cuevillas e Xoaquín Lourenzo Fernández.[6][7]
- Terra de Melide, 1933, Editorial Nós.[6][8]
- Parroquia de Velle, 1936, Florentino López Cuevillas, Vicente Fernández Hermida e Xoaquín Lorenzo Fernández.[6][9]
DisoluciónEditar
En 1936 o SEG, tras trece anos de actividade, foi desmantelado polo novo réxime xurdido do 18 de xullo. En 1944 co patrimonio do SEG creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dependente do CSIC.[10]
NotasEditar
- ↑ Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
- ↑ 2,0 2,1 Tobío Fernández, Lois: As décadas de TL, Ediciós do Castro, 1994, pp. 123-126
- ↑ Díaz, Xosé: "As liñas da conciencia. Castelao ilustrador e deseñador" Arquivado 14 de marzo de 2016 en Wayback Machine. p. 235 en Boletín da RAG n.º 375, 2014.
- ↑ Tobío Fernández, Lois: As décadas de TL, Ediciós do Castro, 1994, p. 131
- ↑ Emilio Xosé Ínsua e xurxo Martínez González (2018) Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais, pp. 341-342
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 O libro Terra de Melide
- ↑ Ficha do libro en Galiciana
- ↑ Ficha en Galiciana
- ↑ Ficha do libro en Galiciana
- ↑ Ayán, Xurxo: «Saudades do Seminario» 1/7/2010.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Seminario de Estudos Galegos |
BibliografíaEditar
- Mato, Alfonso (2001). O Seminario de Estudos Galegos. Ediciós do Castro, Sada-A Coruña.
- Mato, Alfonso. «A desfeita no Seminario de Estudos Galegos» Grial: revista galega de cultura, 163, 2004, pp. 34–37.
Outros artigosEditar
Ligazóns externasEditar
- «El Seminario de Estudios Gallegos será restaurado proximamente» ABC, 19/1/1979 (en castelán).
- Aniversario do Seminario de Estudos Galegos Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine. Real Academia Galega, 15/10/2013.