Manuel Lugrís Freire

escritor e político galego

Manuel Lugrís Freire, nado en Sada o 11 de febreiro de 1863[1] e finado na Coruña o 15 de febreiro de 1940, foi un poeta, ensaísta e dramaturgo galeguista, un dos principais animadores da política e da cultura galegas de principios do século XX.[2] Fundou o primeiro periódico americano redactado en lingua galega. Foi director ou cofundador da Escola Rexional de Declamación, da Real Academia Galega, do sindicato Solidaridad Gallega, das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e membro do Seminario de Estudos Galegos. Foi pai do pintor Urbano Lugrís González. En 2006 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Modelo:BiografíaManuel Lugrís Freire

Retrato en Vida Gallega, 1934
Biografía
Nacemento11 de febreiro de 1863
Sada, A Coruña
Morte15 de febreiro de 1940 (77 anos)
A Coruña
Lugar de sepulturaCemiterio de Santo Amaro 
Presidente da Real Academia Galega
1934 – 1935
← Eladio Rodríguez GonzálezDavid Fernández Diéguez → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, político, autor Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía, novela, teatro
Familia
CónxuxeConcepción Orta Iglesias(1896-1898)
Pura González Varela(1902- ) Editar o valor en Wikidata
Fillos6 (Socorro; Pilar; Urbano…) Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura

Galiciana: 57159 BNE: XX1008651 BUSC: lugris-freire-manuel-1863-1940

Traxectoria

editar

Foi fillo de Manuel Lugrís e Socorro Freire. O pai de Manuel tiña un almacén de sal no porto, pero perdeuno por problemas administrativos, polo que axiña chegaron as dificultades económicas. Así, ao rematar os estudos primarios, Manuel viuse obrigado a estudar para escribán no concello de Oleiros, ata onde ía andando dende a súa casa en Soñeiro. É daquela cando escribe "Nociones generales de mitología".[3] Emigrou a Cuba aos vinte anos (1883), chamado polo seu irmán máis vello Plácido, entre as guerras. Alí traballou como contable na firma Otamendi Amiel, formou parte do Centro Galego dende 1884 e foi o director (e fundador) do primeiro xornal americano editado integramente en lingua galega, A Gaita Gallega (1885-1889), tras colaborar con El Eco de Galicia de Waldo Álvarez Insua, no que a súa primeira colaboración fora un poema intitulado "Nostalxia". A declaración de principios aparece no seu artigo "O noso pensamento". N´A Gaita Gallega colaborou durante as primeiras seis entregas pero, pelexado con Ramón Armada Teixeiro, deixouna. Foi un dos fundadores de La Tierra Gallega. Foi tamén vogal da xunta directiva do Centro Gallego de La Habana. En Cuba publicou Soidades (poesías prologadas por Manuel Curros Enríquez), a novela curta O penedo do crime e A costureira da aldea, obra de teatro costumista que tamén se representou. Escribiu tamén a obriña De Galicia a Lavapiés, en resposta a unha obra que pretendía ridiculizar os galegos.

Volveu a Galiza en 1896 acompañado da cubana de ascendencia española Concepción Orta Iglesias, instalouse na Coruña e continuou o seu labor literario, mentres que seguía empregándose como contábel. Ingresou na Sociedad Anónima Aguas de La Coruña, da que foi socio accionista e primeiro empregado. Relacionouse cos rexionalistas coruñeses, tomando parte en todas as actividades galeguistas do momento, como a Cova Céltica, xunto con Murguía, Pondal e outros. En 1897 entrou na directiva da Liga Gallega da Cruña, presidida por Salvador Golpe, como secretario.

 
Lugrís e Concepción Orta.

En 1898 naceu a súa filla Socorro e morreu a súa muller, o que lle causou unha forte depresión. En 1901 publicou Noitebras, libro de poemas na que mestura pesimismo persoal e composicións de intención social e mítica. Ao ano seguinte casou con Purificación González Varela, irmá do pintor e escritor rexionalista Urbano González, coa que tería cinco fillos.

Pulou pola creación da Escola Rexional de Declamación (1903), que fundou con Galo Salinas e foi presidente dela. Tivo como especial preocupación a de fornecer de textos á nova entidade, teimando retirar a literatura galega do costumismo predominante. Todos os seus textos teñen unha carga reivindicativa forte. A Escola presentouse cunha peza de Galo Salinas e, durante o ano que durou, a totalidade das montaxes foron sobre obras do propio Lugrís Freire: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904). Lugrís Freire foi o primeiro autor teatral galego en utilizar a prosa. É tamén o máximo representante do teatro social ou de tese.

En 1904 participou na fundación da Asociación da Prensa de Coruña e en 1906 da Real Academia Galega. Lugrís Freire foi o primeiro en utilizar o galego nun mitin: foi o 6 de outubro de 1907 en Betanzos, nun acto do sindicato Solidaridad Gallega, do que tamén fora fundador, publicándose o discurso o día 19 de outubro dese mes no xornal A Nosa Terra[4]. Participou noutros moitos actos públicos na comarca da Coruña e tivo un destacado papel dentro da masonería galega. En 1908 pasou a ser membro do Consello Redactor d´A Nosa Terra, publicación na que aparecerían desde o primeiro número (4 de agosto) unha serie de contos populares baixo o título xenérico de A carón do lar.

 
Irmandade da Fala en Pontedeume, 1919.[5]

Abandonado o teatro, retomou a poesía e escribiu tamén numerosos relatos curtos, que reuniu en 1909 en Contos de Asieumedre.

En 1916 participou na creación da Irmandade da Fala da Coruña. En 1919, como suplemento do periódico El Noroeste, publicou Versos de loita, pero o seu mellor libro poético foi Ardencias (1927), que está dedicado á xuventude galega.

En 1922 publicou unha Gramática do idioma galego,[6] seguidora da Gramática de Saco y Arce, pero a primeira nesta lingua, e ao ano seguinte ingresou como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal. O 5 de maio de 1924 foi nomeado fillo predilecto de Sada.

En 1930 participou na elaboración do programa do Partido Autonomista Republicano Agrario para a campaña electoral e na constitución da Federación Republicana Gallega. Neste ano tamén se lle dedicou unha rúa na súa vila natal. En maio do ano seguinte, participou na redacción do Anteproyeito de Estatuto da Galiza promovido polo Seminario de Estudos Galegos e en decembro na redacción dos estatutos do Partido Galeguista. En 1932, xunto con Alexandre Bóveda, redactou o anteproxecto definitivo do Estatuto, por encarga da Asemblea de Municipios de Galicia.

 
Ingreso de Pedrayo na RAG, 1929. Con Lugrís; Eladio Rodríguez; Estrada Catoyra; Carré; Risco

O 28 de abril de 1934 foi nomeado presidente da Real Academia Galega, mais renunciou o 20 de agosto do ano seguinte por problemas de saúde[7]. Pouco antes participara como orador no acto de inauguración do monumento a Manuel Curros Enríquez na Coruña, xunto do presidente da República Española, Niceto Alcalá-Zamora. Tamén foi nomeado socio de mérito do Instituto Histórico do Minho, de Viana do Castelo.

O seu labor xornalístico foi tamén extenso. Asinou cons pseudónimos de Asieumedre, L.U. Gris, K. Ñoto e Roque das Mariñas.

Lugrís Freire morreu na Coruña ao ano de finalizar a Guerra civil española, no medio da persecución da actividade galeguista e o drama de ver dous fillos en bandos distintos da guerra, debido ás circunstancias: Secundino no Quinto Rexemento en Madrid e Urbano Lugrís, que logo destacaría como pintor, recrutado polo bando nacional. Está enterrado no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

O Día das Letras Galegas de 2006 estivo dedicado a Manuel Lugrís Freire.

Ensaio

editar
 
Foto de grupo, en Lugo, o 19 de xuño de 1932.[8]
  • Nociones generales de mitología, 1880.[3]
  • Gramática do idioma galego, 1922 e 1931.[6]
  • As Mariñas de Sada: homenaxe a Sociedade Sada y sus Contornos, 1928

Narrativa

editar

Teatro

editar
 
Recepción de Castelao na RAG en 1934.[9]
  • A costureira d´aldea, 1884, A Habana.[10]
  • A ponte: drama en dous actos en prosa, 1903.
  • Mareiras: drama en tres actos en prosa, 1904.
  • Minia: drama n-un acto en prosa, 1904. Imprenta y fotograbado de Ferrer.
  • Esclavitú: drama en dous actos en prosa, 1906, Editado por Carré. Impreso por Ferrer.
  • O pazo: comedia en dous actos, en prosa, 1916.
  • Estadeíña: comedia en dúas xornadas en prosa, 1919.

Poesía

editar
  • Soidades: versos en gallego, 1894.[11]
  • Noitegras: poesías, 1901.
  • Versos de loita, 1919.
  • Ardencias, 1927.

Galería de imaxes

editar
  1. En Xabier Campos Villar: A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, px. 9, figura coma data de nacemento o día 12, mais trátase dun erro, xa que nese día foi bautizado, tendo nacido o anterior, coma figura nos libros parroquiais
  2. Dicionario biográfico de Galicia.
  3. 3,0 3,1 Lugrís Rodríguez, Manuel "Biografía de Manuel Lugrís Freire". Boletín RAG n.º 367. p. 60
  4. Primeiro discurso político en galego 5/10/2012. RAG.
  5. Xosé A. Fraga Vázquez (6/1/2016). "O galego, tamén idioma da ciencia". Praza Pública. 
  6. 6,0 6,1 Facsímile da Gramática do idioma galego Consello da Cultura Galega.
  7. Barreiro Noya, A. (1942). "Al entrar en un nuevo período : Resumen de una gestión". BRAG (264): 313–314. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2022. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  8. Nesta fotografía aparecen, entre outros: Ramón Villar Ponte, Fernández del Riego, Antón Villar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Ramón Rodríguez Somoza, Manuel Beiras, Manuel Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Carlos Maside e Alexandre Bóveda.[1]
  9. De pé, de esquerda a dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez González, Enrique Peinador, Gonzalo López Abente, Purificación González Varela (muller de Lugrís), Celia Brañas, Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés Bugía. Sentados: Fernando Martínez Morás, Castelao, Lugrís, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra.
  10. A costureira d'aldea
  11. Lugrís Freire, Manuel (1894). Soidades. Prólogo de M. Curros Enríquez. Habana: [s.n.] . En Galiciana. Biblioteca de Galicia

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
Luís Alonso Girgado e María Vilariño Suárez: "Manuel Lugrís Freire (1863-1940), xornalista".
Ernesto González Seoane: "A gramática de Lugrís na tradición lingüística galega".
Xabier Campos Villar: "Aproximación á narrativa de Lugrís Freire".
Manuel Lugrís Rodríguez: "Biografía de Manuel Lugrís Freire".
Iolanda Ogando: "Palabra, construción e transmisión. O teatro de Manuel Lugrís Freire"
Laura Tato Fontaíña: "Manuel Lugrís Freire no teatro galego".

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
Predecesor:
Eladio Rodríguez González
  
Presidente da RAG
 
1934-1935
Sucesor:
David Fernández Diéguez