Lois Tobío Fernández
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Lois Tobío Fernández, nado en Viveiro o 13 de xuño de 1906 e finado en Madrid o 13 de marzo de 2003, foi un diplomático, escritor e tradutor galego. Trala proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931, a sección do seminario que coordinaba Tobío propuxo redactar un Anteproyeito de Estatuto da Galiza, que deu pé ao Estatuto de Galicia de 1936. Traduciu textos de ficción, ensaísticos, filosóficos, políticos e económicos.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de xuño de 1906 Viveiro, España |
Morte | 13 de marzo de 2003 (96 anos) Madrid, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | tradutor, escritor, diplomático, filólogo |
Membro de | |
Familia | |
Cónxuxe | María del Carmen Soler |
Fillos | Miguel e Constanza |
Pai | Lois Tobío Campos |
Irmáns | María Tobío |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Diccionario da literatura galega Dicionario biográfico de Galicia |
Traxectoria
editarPor parte materna procedía dunha familia numerosa de clase alta de Viveiro, os Pardo Vaamonde, e por parte paterna dunha familia de clase alta de Pedrouzos (Brión). Era fillo de Lois Tobío Campos e bisneto de María Xosefa Martínez Viojo, tía paterna de Rosalía de Castro[1], o que fixo que as dúas familias mantivesen unha certa relación. Logo de pasar a infancia en Viveiro, marchou a Santiago de Compostela coa súa familia para cursar o bacharelato, e posteriormente ingresou na universidade para estudar Dereito.
En 1922, facendo o curso preparatorio de Dereito, fixo amizade con figuras chave na creación do Seminario de Estudos Galegos. Recibía clases de lingua e literatura española de man de Armando Cotarelo Valledor, e entre os seus compañeiros de promoción estaban Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Martínez López e Manuel Magariños. Iniciouse no labor cultural coa publicación dun fanzine de estudantes chamado Adral.
En 1923 Wenceslao Requejo Buet propúxolle formar un grupo "cos que se interesasen por problemas de cultura, arte, literatura e historia principalmente, algo así como unha tertulia ou ateneo"[2]. Nese grupo, que primeiro collería os estudantes da súa promoción (Filgueira, Martínez López, Magariños...), despois estenderíase aos maiores (Bouza, Romero Cerdeiriña...) e aos profesores, como Cotarelo. De feito, foi Cotarelo quen lle deu o nome de Seminario de Estudos Galegos, que foi como pasou á historia. Tobío desempeñou no Seminario os postos de secretario e máis de coordinador da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Dentro del comezou a facer e publicar os seus primeiros estudos culturais.
Pasou a vida entre Santiago, no curso, e Viveiro, onde botaba os veráns e fixo a catalogación da documentación municipal. En 1927, despois de obter o premio extraordinario de licenciatura, incorporouse como axudante de cátedra de Joaquín García Labella, de dereito público. Colaborou en El País Gallego. En 1928 fixo o servizo militar en artillaría en Santiago.
En 1929 accedeu a unha bolsa para proseguir os seus estudos en Berlín. Chegou a Hamburgo o 14 de novembro de 1929 no barco alemán Cap Arcona. Estableceuse en Berlín, onde seguiu estudos de dereito e onde fixo amizade con Francisco Ayala, Felipe Fernández Armesto e o lingüista Xosé Canedo. Foi anfitrión en Alemaña de Vicente Risco (experiencia que conta o ourensán en Mitteleuropa) e aos poucos meses volveu a Galicia para incorporarse en outubro de 1930 como profesor auxiliar de dereito romano e historia do dereito na Universidade de Santiago.
A República
editarTrala proclamación da República o 14 de abril de 1931, a sección do seminario que coordinaba Tobío propuxo redactar un Anteproyeito de Estatuto da Galiza, que deu pé ao Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. O grupo de traballo formárono Alexandre Bóveda, Ricardo Carvalho Calero, Valentín Paz-Andrade, Vicente Risco e o propio Tobío. Tobío e Carvalho foron os encargados de redactalo, e publicouse o 6 de maio de 1931, aínda que non foi a proposta aceptada finalmente. No inverno seguinte marchou a Madrid a preparar o doutoramento e coincidiu na capital española cos deputados galeguistas Castelao, Otero Pedrayo e Antón Villar Ponte. Precisamente o 6 de decembro de 1931 cando se funda en Pontevedra o Partido Galeguista. Tobío non asistiu por estar en Madrid, pero ingresou axiña nel e pasou a ser membro do seu Consello Executivo.
En 1932, logo duns meses en Galicia, trasladouse a Madrid para preparar oposicións a inspector de traballo e á carreira diplomática, e aprobou estas segundas. Ingresou no corpo diplomático en febreiro de 1933 e realizou diversos cursos e viaxes por países europeos, ata que se incorporou en decembro como secretario na embaixada española en Bulgaria.
Guerra civil e exilio
editarPermaneceu nese posto ata pouco despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, cando o embaixador pasou ao bando dos sublevados e Tobío, de feito, ocupou a titularidade da legación española. A comezos de 1937 foi nomeado cónsul en Montevideo, pero antes de viaxar a Uruguai pedíronlle a súa incorporación ao ministerio do Estado, naquel momento localizado xa co resto do goberno en Valencia.
Dentro de Exteriores ocupou altos cargos de xestión no ministerio de José Giral (goberno de Negrín), e foi encargado de realizar viaxes de inspección aos consulados de Francia e do norte de África. Durante a súa estadía en Valencia retomou o contacto con Castelao, que estaba preparando a aprobación do Estatuto. En novembro de 1937 trasladouse a Barcelona canda o goberno republicano. Viaxou por Europa Oriental en misión oficial e ao regreso a Barcelona marchou vivir á Residencia de Estudiantes, onde coñeceu a María del Carmen Soler (Montevideo 1917 - Madrid 1987), coa que despois casou. En maio de 1938 foi destinado a un cuartel de Granollers como instrutor de recrutas, e alí sufriu o bombardeo da cidade. En xullo incorporouse á fronte do Ebro como artilleiro, pero en outubro xa estaba de novo traballando como administrativo no ministerio de Defensa en Barcelona, posto co que participou na desmobilización das Brigadas Internacionais. En novembro regresou a Exteriores, daquela chamado ministerio de Estado, e o 1 de decembro de 1938 foi nomeado secretario xeral do ministerio. Retomou contacto co ambiente galeguista de Barcelona, e tamén a súa relación con María del Carmen Soler, interrompida polos destinos militares. En menos dun mes, o 24 de xaneiro de 1939 casaron polo xulgado en Barcelona. Uns días despois o goberno encamiñouse a Figueres e ao exilio. En Perpiñán a parella logrou evitar os campos de concentración, viaxaron a París e posteriormente a Cherburgo, onde embarcaron o 18 de marzo de 1939 cara a Nova York a bordo do Queen Mary.
O exilio
editarDespois dunha breve estadía en Nova York en compaña de Castelao, Tobío e mais a muller viaxaron a Cuba. Na Habana tomaron contacto con outros exiliados galegos Xosé Rubia Barcia e españois Manuel Altolaguirre, pero tamén coa intelectualidade cubana como Alejo Carpentier ou Dulce María Loynaz. Na Habana tentaron poñer en funcionamento un centro de ensino, pero un ano despois a escola non estaba aínda funcionando correctamente e decidiron marchar a México en xaneiro de 1940. Non conseguiron integrarse na sociedade mexicana e cinco meses despois, o 30 de xuño, embarcaron en Nova Orleáns cara a Montevideo, pois María del Carmen Soler tiña a nacionalidade uruguaia.
En Montevideo Tobío comezou a traballar como xornalista no xornal El Día e Radio Ariel o voceiro do batllismo, unha das correntes do Partido Colorado. Nel facía análise e información de ámbito internacional, ata que en 1947, xa asumido que a fin da Segunda guerra mundial non ía supor a fin do franquismo, comezou a traballar no departamento de comunicación da farmacéutica suíza Rocher. En 1945 tiveron o seu primeiro fillo, Miguel, e en 1954 a filla, Constanza.
Tobío axiña contactou cos medios intelectuais da capital uruguaia, e tamén co exilio republicano e o exilio galeguista. Socio da Casa de Galicia, o centro máis importante de galegos do país, participou en numerosos actos, entre as que se contaron as visitas de Castelao en 1940, 1944 e 1945. Coa axuda de Tobío, presentouse o Consello de Galiza precisamente en Montevideo, o 30 de xuño de 1945, baixo a presidencia de Castelao. Tamén participou, en setembro de 1950 na primeira emisión radiofónica en galego, Sempre en Galicia, que se emitía en Radio Carve, unha das emisoras máis importantes de Montevideo; e máis tarde estivo na creación do Banco de Galicia do Uruguai.
O exilio de Montevideo mantíñase en contacto cos centros galegos de Buenos Aires, e Tobío mantivo unha intensa relación cos exiliados na Arxentina e cos intelectuais galegos que facían viaxes pola emigración. Así, Tobío formou parte da comisión organizadora do primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado na capital riopratense do 21 ao 31 de xullo de 1956, e foi tamén o encargado de xestionar a edición e impresión da Historia de Galiza de Ramón Otero Pedrayo. Paralelamente, proseguiu a súa integración na sociedade uruguaia, presidindo un club de equitación en Montevideo, e máis na súa empresa. Porén, dinámicas corporativas levaron a pechar a súa oficina e trasládano a España (primeiro a Barcelona en decembro de 1962 e logo a Madrid uns meses despois) encargado da tradución de documentación e publicidade da firma.
Regreso a España
editarA viaxe a España coincidiu cos seus últimos anos de vida profesional: unha década máis na empresa farmacéutica Roche e como diplomático do Ministerio de Exteriores desde 1974 ata 1976 que se xubila. A súa traxectoria intelectual aparece ligada aos vellos galeguistas de Madrid, nucleados ao redor de Borobó, e ás súas investigacións sobre a figura do diplomático galego Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar. Viaxou a miúdo a Galicia, tanto para visitar a amigos como para participar en actos e congresos, como simplemente de vacacións. Porén, a súa vivenda seguía establecida en Madrid. En 1986 faleceu a súa muller, e en 2003, el.
Obras
editarComo tradutor
editarMalia que fixera algunhas colaboracións illadas, Tobío non comezou a dedicarse seriamente á tradución ata a súa estadía en Montevideo, para quen comeza traducindo do inglés ao español The Life of Greece, de Will Durant. Despois seguiu alternando a tradución de textos de ficción, como Narziss und Goldmund, de Hermann Hesse, coa tradución de textos ensaísticos filosóficos, políticos e económicos, coma do Staatslehre, de Hermann Heller, que publicara en 1942 o Fondo de Cultura Económica.
Seguiu facendo traducións de novo logo da súa xubilación. Entre as obras desta segunda época cóntanse Die Vollendung des Königs Henri Quatre de Heinrich Mann ou o Peter Camenzind, de Hesse, en 1980.
Ao galego traduciu:
- Os sonetos a Orfeu, de Rainer Maria Rilke, publicado en 1980 por Ediciós do Castro.
- Nai Coraxe e mais os seus fillos, de Bertold Brecht. Ediciós do Castro, 1987.
- Fausto, de Goethe. Laiovento, 1996.
Ademais, publicouse en 2004 unha colectánea de poesía inglesa e francesa vertida ao galego onde se inclúen algúns poemas traducidos por Tobío, a canda outros de Plácido Castro e Florencio Delgado Gurriarán.
Propias
editar- As décadas de T.L., Ediciós do Castro, 1994. Autobiografía.
- A nova vida, Ediciós do Castro, 2006 (póstuma). Narrativa.
- Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar, Patronato Ramón Otero Pedrayo, 1991
- Gondomar y los católicos ingleses, Ediciós do Castro, 1987
- Gondomar y su triunfo sobre Raleigh, Editorial Bibliófilos Gallegos, 1974
- A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca, Ediciós do Castro, 1984.
Galardóns
editar- Pergamiño de honra e louvanza, da Fundación Pedrón de Ouro (1984)
- Premio Trasalba (1991)
- Medalla de Honra de Viveiro (1997)
- Premio das Artes e das Letras de Galicia (1999)
- Fillo adoptivo de Gondomar, a título póstumo (2005).
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lois Tobío Fernández |
Bibliografía
editar- Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 267.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Carballo Calero, Ricardo (1978). Luis Tobío Fernández. Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Cuaderno do Laboratorio de Formas de Galicia 5 (Ediciós do Castro). pp. 83–85). ISBN 978-8485134892.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 409.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 430. ISBN 84-7492-465-0.
- Lombao; Alonso Montero; Axeitos; Ayala; Borobó et al. (2001). Homenaxes a Lois Tobío: Madrid 13 de xuño de 2001. Cadernos do Seminario de Sargadelos 88. Ediciós do Castro. ISBN 8484850129.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
Ligazóns externas
editar- "Lois Tobío Fernández". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Lois Tobío Fernández no Proxecto Epístola do CCG.