Antonio Baltar
Antonio Baltar Domínguez, nado en Santiago de Compostela o 13 de setembro de 1906 e finado en Buenos Aires o 22 de setembro de 1970, foi un médico galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de setembro de 1906 Santiago de Compostela, España |
Morte | 22 de setembro de 1970 (64 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | médico |
Familia | |
Cónxuxe | Mireia Dieste |
Pai | Ángel Baltar Cortés |
Irmáns | Ramón Baltar Domínguez |
Traxectoria
editarFillo do padronés Ángel Baltar Cortés que foi director do Hospital de Santiago e pioneiro en técnicas cirúrxicas, e sobriño de Ramón Baltar, pai tamén de dous cirurxiáns, foi director do Sanatorio Baltar e do Gran Hospital de Santiago, Antonio Baltar estudou Medicina en Compostela, en París atraído pola escola de Histopatoloxía e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. En 1933, especializado en Histoloxía patolóxica, ingresou no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago e pouco despois, bolseiro da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, viaxou a Berlín para estudar. Entre 1934 e 1936 desempeñou o cargo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que concentraba as súas inquedanzas na creación da "Agrupación al Servicio de la República" de Compostela e na elaboración dos seus escritos publicados da Revista PAN (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina e exiliouse en América, onde a súa muller, Mireia Dieste, filla de Eduardo Dieste, tiña casa familiar. Logo de dous meses en Montevideo, trasladáronse a Arxentina onde participou nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. En 1937 revalidou o título de doutor en Medicina na Universidade da Plata e fundou un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués Gumersindo Sánchez Guisande. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en 1941.[1]
Entre 1939 a 1947, Baltar organizou o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, fundou o Hogar Gallego para Ancianos en Domseelar, e publicou varios artigos sobre Ciencia e Cultura. Trasladouse á Patagonia para exercer como médico dos mineiros de Chos Malal, lugar illado do Neuquen, ao pé dos Andes.
Entre 1952 e 1953 exerceu de secretario na Dirección Xeral de sanidade do Sur (Baía Branca). Ao ano seguinte foi nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico. En 1954 abandonou a cátedra para exercer como director xeral de Sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e a loita anticancerosa. Logo traballou como patólogo en Bos Aires e especializouse en Medicina Social na Organización Mundial da Saúde. Entre 1961 e 1964 coordinou un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras pampánicas. Nos anos posteriores traballou na Coordinación Sanitaria Rexional en Córdoba.
Relacionouse cos intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo co seu tío Rafael Dieste e en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA). Despois da celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega de 1956, organizado polo Consello de Galiza, no que presentou un relatorio titulado A Emigración Galega e a Cultura, viaxou a Galicia co encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As xestións de Baltar non foron ben acollidas polos intelectuais do interior e a policía aconselloulle que abandonase Galicia. Tamén colaborou estreitamente con Díaz Pardo e Luís Seoane no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia que incluía a restauración de Sargadelos e a creación dun Museo Galego de Arte Contemporánea. Baltar tratou de que o Museo promovido polo Laboratorio de Formas no Castro de Samoedo incorporase a maior parte da obra de Carlos Maside.
Antonio Baltar morreu dun paro cardíaco en setembro de 1970 no Hospital Ribadavia de Buenos Aires.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "Baltar Domínguez, Antón". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Baltar Domínguez, Antonio". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Díaz Rey, María (2002). Antonio Baltar. O compromiso do exilio. Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-084-7.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.
- Pérez Leira, Lois (2011). Protagonistas de una historia colectiva II. Vigo: Grupo de Comunicación de Galicia en el Mundo. pp. 21–26. ISBN 978-84-938464-4-2.