Carlos Maside

pintor galego

Carlos Maside García, nado en San Xulián (Pontecesures) o 16 de marzo de 1897 e finado en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958, foi un pintor galego do grupo dos renovadores.[1][2]

Carlos Maside García
Nacemento16 de marzo de 1897
 San Xulián
Falecemento10 de xuño de 1958
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
EidoPintura, Debuxo, Gravado
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Valentín Paz-Andrade e Roberto Blanco Torres na cadea visitados por Carlos Maside en 1924.

De mozo, os pais mandárono a Padrón, á escola dos mestres Gende e Trasmonte. Alí completou os estudos escolares e recibiu as súas primeiras ensinanzas artísticas. En 1913 faleceu o seu pai e Maside comezou a traballar nun almacén téxtil. En 1917 foi a Madrid para cumprir co servizo militar. O ano seguinte comezou a publicar os seus traballos na revista Vida Gallega.

A toma de conciencia do feito galego verifícase en Maside desde a propia terra, en contacto coa Xeración Nós. A figura máis afín a el foi o seu amigo Castelao, non só por razóns estéticas, senón tamén sentimentais e ideolóxicas. Maside, amais, entra no mundo da cultura galega na década de 1920. Neste tempo aprécianse cambios substanciais na sociedade e no mundo urbano e industrial que permiten albiscar unha Galiza menos ruralizada. É esta a Galiza que lle interesa a Maside: o mundo urbano, a imaxe do centro industrial vigués, as fábricas de conservas e os obradoiros de construción naval.

 
Profesores da Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela: Teodoro Andreu, Carlos Maside, Enrique Mayer, José María Fenollera e Francisco Asorey.

A xeración de Maside recibiu tamén o impacto do marxismo na primeira xuventude. As causas da revolución social e a defensa do proletariado foron acollidas por Maside e moitos novecentistas. Identificáronse no plano intelectual coa versión comunista do socialismo e rexeitaron, agás excepcións, os fascismos, triunfantes na década de 1930. En Madrid, a través de publicacións como El Sol, Nueva España ou Política, Maside apoiou os cambios sociais da Segunda República Española. En El Pueblo Gallego, na súa viñeta diaria, buscou crear actitudes e conseguir liberdades para o país, como o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no marco da legalidade democrática.

 
19 de xuño de 1932. Nesta foto de grupo aparecen, entre outros: Ramón Villar Ponte, Francisco Fernández del Riego, Antón Villar Ponte, Plácido Castro, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Rodríguez Somoza, Manuel Beiras García, Manuel Lugrís Freire, Castelao, Ramón Suárez Picallo, Carlos Maside e Alexandre Bóveda.

Carlos Maside formou parte das vangardas, destinadas á renovación artística e social. Os membros desta xeración, Os Novos, emerxen como grupo arredor de 1925 en torno ao diario El Pueblo Gallego. Nesta década apareceron as obras definitivas. Manuel Antonio publicou en 1928 De catro a catro, o primeiro poeta de vangarda na orde cronolóxica e xerárquica. Rafael Dieste transformou a linguaxe narrativa nos relatos de Dos arquivos do trasno de 1926. Maside iniciou ese mesmo ano unha serie de pinturas cunha determinada repartición da superficie e de cor convencional que constitúe, xunto coa serie de estampas, un fito na renovación plástica.

Estes mozos reuníronse en Madrid na década de 1930 no parladoiro de La Granja del Henar, arredor da revista Nueva España. Pertencían a disciplinas diversas, como a pintura, o xornalismo, o ensaio ou a filosofía. Formaban un grupo heteroxéneo, mais cunha tensión espiritual e creativa común. Eran Rafael Dieste, Carlos Maside, Eugenio Montes, José Rogelio Otero Espasandín, Jesús Bal y Gay, Felipe Fernández Armesto, Arturo Souto, Cándido Fernández Mazas e Manuel Colmeiro Guimarás, entre outros nomes. A maioría colaboraban activamente nas actividades socio-culturais da Segunda República de forma solidaria.

En Compostela editar

En 1932, o seu espazo volve ser Compostela. Estabeleceu o seu estudo definitivo no número 42 da rúa do Vilar e impartiu aulas de debuxo no Instituto de Noia. Tamén gostaba de conversar e xogar ao xadrez nos faladoiros dos cafés composteláns. A súa vocación non era só pintar, tamén investigar e revelar. Estudou o gravado en madeira, augaforte e linóleo, e cultivou con paixón o aspecto artesanal da pintura. O intercambio de ideas e discusións de técnicas, entre outros, no obradoiro de Xosé Eiroa reforzou a amizade con marmoristas, ebanistas e xente doutros oficios. Mantiña trato habitual con ourives e tallistas da contorna, e relacionábase con albaneis para perfeccionar a témpera.

Convencido de que a creatividade do momento debía xerar unha pintura nova en relación á arquitectura, seguiu o proceso de integración das artes que defendía a Bauhaus e a vangarda rusa. Valoraba o papel do público e pretendía que actuase ante a obra e se sentise identificado con ela como parte do seu propio ser. A súa representación máis apaixonada de Galicia baseábase no muralismo, inspirado na pintura mural mexicana, nun muralismo que plasmase o traballo do pobo, os seus ritos ou a súa cultura nas paredes das construcións oficiais.

O cambio político afectara, entre outros aspectos, a composición do seu círculo máis íntimo de amizades, a relación coas institucións. Vivíase un ambiente de proximidade da cultura á sociedade. Maside foi pioneiro na formación da Colección de Arte Contemporánea para o Seminario de Estudos Galegos, con pezas que se entregaban como traballo preceptivo para ser membros de número. Foi vogal da Xunta Directiva da Sociedade de Amigos del Arte para o desenvolvemento das artes plásticas. Esta entidade facía uso dun escaparate, aberto sempre ao público, como lugar de exposición permanente. Por iniciativa súa, a directiva decidiu propoñerlle ao Concello de Santiago a creación dunha Biblioteca de Arte no Pavillón do Paseo da Ferradura.

Maside visitaba con frecuencia a Librería Niké, onde con frecuencia a clientela mercaba libros segundo a súa situación económica. A editorial Nós, no número 15 da rúa do Vilar, fronte o seu estudo, era outro lugar de encontro habitual, en torno ao grupo que se movía xunto a Ánxel Casal, para quen colaboraba con asiduidade. O recinto da cidade, as prazas, rúas, monumentos, soportais, motivábano para realizar apuntamentos ao natural que, elaborados no estudo, converte en gravados, gouaches e óleos.

Na feira da carballeira de Santa Susana, recollía os xoves figuras de paisanas, feirantes, vendedoras, animais, trebellos, ferramentas e cestos, que lle servían para confeccionar dun modo inmediato as estampas e a viñeta do día seguinte no xornal. En 1932 realiza estampas e gravados para as revistas Resol, Universitarios. Revista de la F.U.E., Cristal e Yunque- Son deste ano tamén as famosas xilografías do seu "Autorretrato" e do "Retrato de Castelao".

Parladoiros editar

En 1932, na vida intelectual compostelá convivían dous parladoiros: o do café Derby e o do Español. No Derby xuntábanse galeguistas e profesionais de procedencia universitaria. A el asistía Ramón María del Valle-Inclán, nas súas estadías temporais en Santiago, e tamén Carlos Maside. Este gozaba da amizade de varios contertulios e do escritor, de quen realizaba apuntamentos e retratos ao natural.

O parladoiro do Café Español caracterizábase polo interese artístico e literario. Estaba formado por artesáns, empregados, estudantes e artistas, moitos deles republicanos e de pensamento filomarxista. No eido da plástica, Maside exercía especial influencia e Luís Seoane destacaba como futura promesa. No Español xestouse un grupo local do Comité Cooperación Intelectual, e convidouse a varios poetas para pronunciar conferencias, entre eles, a Federico García Lorca.

Carlos Maside e Lorca coñecéronse en persoa en 1932. Tiñan en común unha grande experiencia no tratamento do tema popular. Ambos viven ao tempo como "o popular" estaba a ser enriquecido polo "pobo", tal como se entende despois do triunfo da Segunda República. Este encontro memorable, dende un ángulo externo, tamén significa o contacto fugaz de dúas culturas moi intensas na persoa de dous creadores que son así mesmo membros representativos da Xeración de 1927 española e da Xeración de 1925 galega.

Exposicións editar

En 1932, parte da obra pictórica de Carlos Maside foi seleccionada para unha exposición itinerante por varias cidades dos Estados Unidos de América, baixo o título de Exposición de Artistas Españoles Contemporáneos. Patrocinada polo Carnegie Institute of Pittsburg, figuraban obras de Daniel Vazquez Díaz, José Moreno Villa, Maruxa Mallo, Arturo Souto, Ricardo Baroja, Hidalgo de Caviedes e José Gutiérrez Solana. Xunto a unha produción sempre copiosa como debuxante, a súa pintura faise máis reflexiva.

En marzo dese ano, Carlos Maside presentou no Casino de Vigo a primeira grande exposición individual, que constituíu un acontecemento social e artístico. Esta mostra, moi coidada, recollía o seu traballo desde 1928. O autor esperaba certo éxito nas vendas, mais resultou un fracaso económico.

Nesta altura, Maside xa ten maduro o seu ideario pictórico. Para el, o tema ou motivación non é nunca un mero pretexto. O obxecto é un misterio unitario, total, inescindible, no cal se poden discernir analiticamente estruturas formais, relacións lumínicas, calidades ou cualidades. Deste xeito, Maside escríbelle a Luís Seoane:

Para min o quid, a clave está no asunto. Non porque crea que este teña de absorber ou subordinar os valores plásticos, converter o cadro en simple narración, senón como elemento enxendrador del, a súa semente. E a calidade da semente decide a esencia e o valor humano do cadro; a carga magnética da cor e das formas. Creo que hai que pintar aquilo que amamos entrañablemente, que nos ata co seu misterio e alegría; que mete as súas raíces en nós e as súas ansias de florecer na alma.[...] Basta de xarras ou de guitarras porque a arte non é un xogo. De selo sería unha partida na que o xogador pon a súa fortuna, gloria e ruína.[...] Esto formou, sen dúbida, sabios pero non santos, e santo, nun senso entrañable (aínda que non relixioso, naturalmente) é ante todo o artista.[Cómpre referencia]

Guerra civil editar

Colaborou coa Fronte Popular nas eleccións de febreiro. En abril de 1936 viaxou a Madrid para atender ao seu irmán Benito, enfermo. Asistiu á asemblea autonómica do 17 de maio en Compostela e participou na campaña do Estatuto de Autonomía con carteis, gravados e viñetas, pouco antes do levantamento militar.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a Maside, que impartía clases en Vigo, comunícanlle o seu cesamento como profesor e a inhabilitación para exercer a docencia, así como para participar en actividades culturais. Tentou facer unha exposición no salón de Faro de Vigo, mais foi clausurada por mandato gobernativo. Retornou a Compostela e recluíuse na súa casa estudio da rúa do Vilar. A Comisión depuradora franquista ditaminou sanción de “separación definitiva” da docencia. As caricaturas publicadas en El Pueblo Gallego dos asistentes á asemblea celebrada en Santiago a prol do plebiscito do Estatuto de Autonomía, a colaboración co Frente Popular, as súas viñetas publicadas nos xornais madrileños Sol e Política entre 1928 e 1931 e as envexas profesionais estaban detrás da súa depuración. A información «voluntaria» proporcionada polo director da Escola de Artes e Oficios Artísticos de Santiago, o pintor local Roberto González del Blanco, ademais compañeiro de traballo seu, foron determinantes para impoñerlle a sanción.

Durante varios anos viviu no illamento, con escasos contactos e ningunha relación coa vida oficial e política. Recolleu os seus pensamentos teóricos e experiencias nun caderno de notas, onde analizou a polémica da arte realista fronte á abstracta. A guerra civil española e as súas secuelas influíron directamente na súa obra e Maside desenvolveu novas técnicas de distanciamento ou de estrañamento. Deste xeito, en condicións políticas forzadas, reconstruíu as formas escollidas do artista marxinado que se aparta da reprodución dunha contemporaneidade oficial hostil á arte.

Exilio interior editar

En 1940 morreu o seu irmán Benito. Maside alugou un novo estudo na zona vella de Vigo, onde mantivo unha relación moi estreita con Laxeiro. Formou parte do parladoiro do Derby e conviviu con Valentín Paz-Andrade, Francisco Fernández del Riego, Emilio Álvarez Blázquez e Darío Álvarez Blázquez.

No outono de 1945 organizou no Casino de Vigo a súa primeira exposición despois da guerra. Trátase dunha obra de madurez que amosa a tensión entre o alento creador e a súa mentalidade analítica. En 1947 iniciou unha intensa correspondencia con Luís Seoane que se prolongou ata o seu falecemento.

En 1951 concorreu con varios cadros á exposición Artistas Gallegos, organizada polo Centro Gallego de Bos Aires na sala Velázquez. Por medio de Paz Andrade, enviou á mostra A sorte do paxariño, Tenda, A sesta, Dúas paisanas, Xardas e Costureira. En Compostela uniuse ao círculo do Café Español, onde coincide con Ramón Otero Pedrayo, Borobó, Fermín Bouza-Brey, Aquilino Iglesia Alvariño ou Benito Varela Jácome. A este parladoiro asistían con regularidade Ramón Piñeiro e Domingo García-Sabell, destacados membros da Editorial Galaxia, da que Carlos Maside foi elixido director artístico. Estabeleceu unha íntima amizade con Ramón Piñeiro, por riba das nomeadas diferenzas ideolóxicas.

Nos seus últimos anos toma contacto coa mocidade daquel tempo, o seu sobriño Xulio Maside, os irmáns Franco Grande, Ventura Cores Trasmonte, Salvador García-Bodaño ou Gonzalo Rodríguez Mourullo. Establece con eles fortes lazos afectivos e intelectuais.

Na primavera de 1953 realizou a súa última mostra individual, na Sala de Turismo de Santiago, en dúas exposicións consecutivas. A primeira, composta por dezanove obras, presentaba unha visión directa da realidade, onde os valores representativos se impoñían sobre os plásticos. A segunda, con dezasete lenzos, caracterizábase porque o interese do artista pola visión directa da natureza pasase a segundo plano, mentres que os valores plásticos adquirisen primacía. A liña, a cor, a luz e a composición orquestrábanse e aspiraban a representar no plano a imaxe aparentemente real do mundo exterior.

Malia a súa precaria saúde, escribiu sobre os temas que máis o apaixonaban: a relación da forma co movemento, o comportamento da luz e a esencia expresiva das cores e as formas. Fixo comentarios sobre os expresionistas, Arnout, Nolde, Kokoschka ou Soutine, sobre o simbolismo e sobre o coñecemento humano e as emocións. Porén, o seu tema fundamental seguía a ser a cuestión da representación. Tamén o teatro e o cine constituían grandes afeccións para Maside. En 1953 elaborou un proxecto de documental para NO-DO, titulado O Pórtico da Gloria, no que abordaba o guión técnico, literario e a dirección, mais non chegou a realizarse.

En 1957 a súa vila natal quixo renderlle unha homenaxe e dedicarlle unha rúa. Porén, nunha carta autógrafa que lle enviou ao alcalde, refugou o ofrecemento. Ese mesmo ano morreu a súa irmá Maruxa, coa que convivía. En xullo foi intervido cirurxicamente, aínda que continuou pintando e escribindo. Unido ideolóxica e afectivamente aos amigos exiliados, reclamounos para liderar o movemento intelectual. Rafael Dieste, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Antonio Baltar foron decisivos na denominación do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, na súa memoria.

Faleceu en Santiago de Compostela o 10 de xuño de 1958 despois dunha longa enfermidade. O colectivo da emigración fíxose eco da súa desaparición. A Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas do Centro Lucense de Buenos Aires realizou un acto de homenaxe na súa honra no que interviñeron Rafael Dieste, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

Obra editar

A súa obra ten unha fonda raizame galega que, debido ao percorrido vital deste artista, conxugou co cubismo, o realismo máxico e o expresionismo, polo que rematou sendo unha importante referencia para as vangardas pictóricas galegas

É a figura aglutinadora dos renovadores, fortemente vinculado a personalidades que reivindican unha nova realidade política e social para Galiza, como Castelao ou Rafael Dieste. É quizais o máis internacional do grupo, chegando a celebrar exposicións en Europa e América. Na súa formación artística cabe destacar a estadía en París, cunha bolsa para ampliar estudos por dous anos, de onde recibiu o influxo de Cézanne, Van Gogh e Gauguin. Así, quixo introducir as novas vangardas descubertas na cidade do Sena pero sen perder a identidade galaica. Dese intento saen obras como Labregas comendo mazás (1927-1928).

Nas súas obras está moi presente a liña expresionista, especialmente naquelas onde os trazos se fan moi grosos e nos remiten á paleta triste e case monocroma característica do expresionismo alemán. No cadro Cabezudo podémolo apreciar ben. Como na maior parte dos renovadores, os temas relacionados coa muller teñen unha activa presenza, sobre todo a representación da muller campesiña, que quedou representada nas composicións Costureira, Cacharreira ou tamén en Parolando.

Pintor, debuxante e gravador, interésase pola estruturación volumétrica e a expresividade, moi na liña do primeiro expresionismo. Nos seus cadros ao óleo destacan os grupos de figuras humanas, fundamentalmente femininas, sorprendidas nos seus labores diarios, dotadas de inmobilidade, ensimesmadas, atemporais e inexpresivas. Recrea os ambientes das feiras, as paisaxes, o ambiente campesiño e a Galiza urbana. Nas súas composicións predominan as formas sólidas, feitas con trazos sumarios pero densa coloración, as figuras pesadas e fortes, concibidas como esculturas de granito e de formas redondeadas.

Nos anos de posguerra potenciou os efectos cromáticos e os efectos da luz, empregando tons máis puros, luminosos e intensos, achegándose a posturas fauvistas. Fronte á solidez anterior e trala lectura das obras de Kandinsky, incorpora un maior sentido xeométrico, comeza a desintegración formal das figuras e tamén a compoñer por medio de planos de intensa luminosidade e cromatismo.

Notas editar

  1. "Salas dos Renovadores no Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León"". 
  2. . Traducido por Manuel Díaz Martínez. "El movimiento renovador del arte gallego" (PDF). Espejo de paciencia (en castelán) (Universidad de Las Palmas de Gran Canaria) (4): 37–39. 1998. ISSN 1136-5390. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar