Ramón Villar Ponte
Ramón Villar Ponte[1][2][3][4][5][6][7] (tamén coñecido como Ramón Vilar Ponte[8][9]), nado en Viveiro o 10 de xullo de 1890 e finado na Coruña o 14 de setembro de 1953, foi un dos máis importantes ensaístas das Irmandades da Fala, xunto ao seu irmán Antón.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xullo de 1890 Viveiro, España |
Morte | 14 de setembro de 1953 (63 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | homicidio |
Lugar de sepultura | cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
Alcalde de Viveiro | |
abril de 1931 – outubro de 1931 ← José Santiago Seijo – Eugenio Pérez Abadín → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | político, escritor |
Empregador | Irmandades da Fala |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1951–1953) Real Academia Galega (membro correspondente) (1942–1951) |
Xénero artístico | Ensaio |
Familia | |
Cónxuxe | Teresa Chao Maciñeira |
Fillos | José Ramón Villar Chao |
Irmáns | Antón Villar Ponte |
Traxectoria
editarFixo o bacharelato por libre e examinouse no Instituto de Lugo. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Madrid entre 1912 e 1916, regresando a Galicia ao licenciarse. Dedicouse profesionalmente ao ensino privado e ao xornalismo. En 1919 casou con Teresa Chao Maciñeira, cuñada do seu irmán. En 1921 accedeu á dirección do xornal ferrolán El Correo Gallego; foi correspondente de El Sol e La Voz de Madrid e colaborou tamén en Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo.
Organizou, xunto con Xaime Quintanilla, a Irmandade da Fala de Ferrol e foi o redactor dos seus boletíns. En 1921 o grupo de Ferrol fundou a editorial Céltiga, a primeira editorial nacionalista na que Ramón era xerente. En 1922 trasladouse a Viveiro onde creou o grupo nacionalista como Subdelegación da Delegación da ING en Ferrol. En 1927 ingresou no Seminario de Estudos Galegos.
Coa proclamación da Segunda República foi alcalde de Viveiro de abril a outubro de 1931 representando a ORGA. Porén, tras deixar a alcaldía acabou entrando no Partido Galeguista en 1932.[10] En 1936 culminou a iniciativa do seu irmán Antón coa fundación, en Santiago de Compostela, da Asociación de Escritores de Galicia.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 refuxiouse en Viveiro. O seu catolicismo librouno da represión, participou nos faladoiros dos membros de Acción Católica e falanxistas locais, como Francisco Leal Insua e Antonio Noriega Varela.
En 1942 trasladouse á Coruña coa muller, os fillos e os sobriños (fillos de Antón dos que se fixo cargo), onde sobreviviu impartindo aulas en colexios privados. En 1946 gañou o primeiro premio nos Xogos Florais de Betanzos co romance histórico Mandeu. Ingresou na Real Academia Galega en 1951, a proposta de Manuel Casás Fernández, Francisco Vales Villamarín e Ángel del Castillo, cun discurso en galego titulado A xeración do 16, lido o día 16 de xuño no acto da súa recepción, respondido por Ramón Cabanillas.[11] Permaneceu á marxe do grupo Galaxia nos anos cincuenta até a súa morte e seguiu colaborando na prensa galega e na da emigración, utilizando o pseudónimo Licenciado Pravio. Traballos seus foron lidos nas emisións da BBC londiniense.
O 16 de xuño de 1951 fixo a súa intervención en galego na Real Academia Galega, desobedecendo as ordes franquistas.[12] Pouco despois uns falanxistas déronlle unha malleira e morreu debido ás secuelas en 1953.[13]
Obra
editar- Doctrina nazonalista (Ferrol, 1921, El Correo Gallego), con prólogo de José Puig y Cadafalch.
- O sentimento nazonalista e o internazonalismo (discurso de ingreso no SEG), publicado en 1929 como serie de artigos n' A Nosa Terra.
- Historia sintética de Galicia, A Coruña, 1927.
- Breviario da autonomía, Santiago, 1933.
- Nicomedes Pastor Díaz, unha existencia exemplar.
- Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega, 1953.
Traducións
editar- Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W. B. Yeats (con Ramón Villar Ponte e P. R. Castro), Santiago, 1935.
Legado
editarOs fondos da biblioteca de Ramón Villar Ponte e do seu irmán Antón están no Parlamento de Galicia dende o ano 2001, cando foron adquiridos xunto co seu arquivo persoal. A colección está composta por 1216 volumes de monografías e alberga ademais 43 títulos de revistas, xunto con obras propias e un importante conxunto de documentación de carácter político, especialmente referido á actividade dos partidos galeguistas antes da guerra civil. Destacan preto de cen títulos impresos antes de 1900, entre os que hai obras de Benito Xerónimo Feijoo e algunhas primeiras edicións das de Manuel Murguía.[14]
Recoñecemento
editarO Concello de Viveiro convoca o Premio de novela Vilar Ponte que rende homenaxe a Ramón e a Antón Vilar Ponte.[15]
Vida persoal
editarCasou con Teresa Chao Maciñeira,[16] e foi pai de Jaime, Teresa e José Ramón Villar Chao.
Galería de imaxes
editar-
Voda de Teresa Chao Maciñeira e Ramón Villar Ponte, 1919.
-
Doctrina Nazonalista, 1921.
-
Retrato en Vida Gallega, 1928.
-
Placa na casa natal, Viveiro.
Notas
editar- ↑ "Hemeroteca Virtual da Real Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2015. Consultado o 28 de novembro de 2015.
- ↑ "Membros da Academia. Ramón Villar Ponte". Real Academia Galega.
- ↑ "Villar Ponte, Ramón". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e Ediciós do Castro. 2006. p. 2181.
- ↑ "Villar Ponte, Ramón". Enciclopedia Galega Universal 16. Ir Indo. p. 391. ISBN 84-7680-288-9.
- ↑ "Villar Ponte, Ramón". Diccionario enciclopédico galego universal 59. Ir Indo para La Voz de Galicia. p. 99. ISBN 84-7680-429-6.
- ↑ "Villar Ponte, Ramón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo. pp. 315–316.
- ↑ Vilavedra, D. (coord), Cochón, I. et al (1995). Diccionario da Literatura Galega, volume I (Autores), pp. 618-619. Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
- ↑ Monterroso Devesa, X. M.; Baramendi, X. et al.: "Vilar Ponte, Ramón" na GEG.
- ↑ Ramón Vilar Ponte. Biblioteca Virtual Galega, Universidade da Coruña.
- ↑ Ínsua, E. X.; Martínez González, X. (2018). Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais. p. 442.
- ↑ Villar Ponte, R. (1977). A xeración do 16. A Coruña: Real Academia Galega.
- ↑ "CarlosCallon; status". Twitter. Consultado o 18 de xuño de 2024.
- ↑ "Torturados, encarcelados y multados por hablar en gallego". www.publico.es. 2022-12-01. Consultado o 2024-06-18.
- ↑ O pazo do Hórreo Arquivado 07 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. na páxina web do Parlamento de Galicia
- ↑ "Bases II Premio de Novela Vilar Ponte" (PDF). Concello de Viveiro. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ Ínsua López, E. X. (2004). Antón e Ramón Villar Ponte. Unha irmandade alén do sangue Cadernos Ramón Piñeiro, VII. CIRP.[1] Arquivado 17 de novembro de 2015 en Wayback Machine.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramón Villar Ponte |
Bibliografía
editar- Beramendi, Justo (1991). A vida e a obra de Ramón Villar Ponte. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-508-1.
- Blanco Echauri, Xesús; García Negro, Pilar e Sanmartín, Goretti (2006) Textos filosófico-políticos de Ramón Vilar Ponte. Deputación de Lugo.[2]
- Ínsua, Emilio; Martínez, Xurxo (2018). Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9121-304-8.
- Soutelo Vázquez, Raúl (2001) "A Pegada dos irmáns Vilar Ponte no nacionalismo galego de antes da guerra". Anuario Brigantino 24.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Galegos.info
- "Ramón Villar Ponte". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Ínsua López, Emilio Xosé: Álbum das Irmandades da Fala CCG
- Cultura e pensamento de Ramón Vilar Ponte (Diario Galego)
Predecesor: José Santiago Seijo |
Alcalde de Viveiro 1931 |
Sucesor: Eugenio Pérez Abadín |