El Sol (1917)
El Sol foi un xornal editado en Madrid entre 1917 e 1939. De ideoloxía liberal, o seu fundador foi Nicolás María de Urgoiti.
El Sol (1917) | |
---|---|
Fundación | 1 de decembro de 1917 |
Remata | 1936 |
Fundador | Nicolás María de Urgoiti |
Lingua | lingua castelá |
Localidade | Madrid e España |
ISSN | 2171-262X |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarDe ideoloxía liberal e rexeneracionista, fundouno o 1 de decembro de 1917 Nicolás María de Urgoiti, director de Papelera Española. Fundindo o interese comercial mais un importante compoñente cultural e político, atopou a entusiasta colaboración de José Ortega y Gasset, que abandonou El Imparcial, para se converter no máximo inspirador ideolóxico e no colaborador estrela do novo xornal.
El Sol defendía un proxecto reformista, o que os sectores máis progresistas e dinámicos da burguesía e da intelectualidade española sentía como algo imperioso, e que xa presidira a fundación da revista España (1915-1924). El Sol amosa tamén nas súas páxinas comprensión e simpatía polo movemento obreiro organizado e construtivo, e máis en concreto polo socialismo, ao que aspira a axudar a orientar nun sentido evolutivo e reformista. Prestoulle grande atención non só ao catalanismo e nacionalismo galego e vasco, senón en xeral aos acontecementos de fóra da capital, o que denominaban "vida de provincias". Contou con ampla información sobre o estranxeiro, superior ao que era habitual na prensa da época.
Escrito por intelectuais recoñecidos, renunciou por principio a informacións sobre loterías e á crítica taurina, dándolle tamén un papel secundario a crimes e outros asuntos cruentos ou escandalosos, preferidos polo gran público, xa que logo El Sol non foi nin podía ser, un xornal popular.
Dirixido primeiro por Félix Lorenzo, Heliófilo, substituído por Manuel Aznar desde o 14 de setembro de 1918 ata o 28 de marzo de 1922. En abril de 1924 Ramón J. Sender entrou a formar parte da redacción. As viñetas de Luis Bagaría contribuíron a crear unha imaxe de marca representativa do tándem Urgoiti-Ortega. Publicou máis de medio cento de estampas de Castelao [1] e algúns textos asinados por el entre 1918 e 1922, incluído un monográfico de Pontevedra, e foi entrevistado polo propio Bagaría (que tamén o debuxou máis dunha vez) un mes antes do golpe de Estado que deu comezo á guerra civil [2]
Publicado en gran formato con doce páxinas, El Sol custaba o dobre que calquera xornal da época e proclamou a súa vocación crítica e independente no comentario que figurou nos seus primeiros números:
El Sol non admite subvencións, nin anticipos reintegrables. O seu prezo é de 10 céntimos por custar o papel máis de 5, e non conta con máis ingresos que os lícitos e confesables en que se basea toda empresa seria e independente
Podía manter a independencia económica e política polos vínculos privilexiados que mantiña con Papelera Española, empresa matriz do poderoso grupo de Urgoiti, entón en plena expansión. En 1920, Urgoiti editou un novo diario vespertino, La Voz, que pretendía recoller o público popular que El Sol non podía captar.
A finais de 1930, Urgoiti, polas circunstancias do momento, viuse na obriga de vender as accións de El Sol aos monárquicos que dirixían La Papelera, encabezados polo conde de Barbate e o conde de Gamazo, a causa principalmente dun artigo de Ortega y Gasset titulado "El error Berenguer".[3] A pesar deste xiro monárquico, á chegada da República terminou por aliñarse co novo réxime.[4]
En 1932, a súa liña liberal e republicana non impedía que nas súas páxinas culturais colaborasen mesmo os futuros fundadores de Falanxe Española Pedro Mourlane Michelena, Eugenio Montes, José María Alfaro e Ernesto Giménez Caballero.[5]
Dende maio de 1934, El Sol e La Voz sufriron múltiples avatares ata a Guerra Civil, diminuíndo considerablemente o seu prestixio e mais a súa difusión.[6]
Tras a guerra civil nos seus talleres, incautados polos falanxistas, comezou a se imprimir o diario Arriba.
Suplementos
editarDesde xaneiro de 1918 publicou suplementos semanais dedicados a diferentes áreas cada día da semana:
- Domingos: agricultura e gandería.
- Luns: pedagoxía e instrución pública.
- Martes: bioloxía e medicina.
- Mércores: ciencias sociais e económicas.
- Xoves: historia e xeografía.
- Venres: enxeñería e arquitectura.
- Sábados: dereito e lexislación.
Galería de imaxes
editar-
Artigo sobre a gripe de 1918 con debuxo de Bagaría
-
Nova da pandemia do 18 e a doenza de Alfonso XIII
-
Anuncio de Lámparas Z; El Sol renunciou a incluír crónicas taurinas nas súas páxinas
-
Caricatura de Eugénio de Castro, por Bagaría
-
Caricatura de H.G. Wells, por Bagaría
-
Recensión sobre Mildred Harris, exparella de Charlie Chaplin
Notas
editar- ↑ "Alfonso R. Castelao, un miembro de la Generación del 14" (PDF). Autora: Isabel Gómez Rivas; Anuario brigantino, ISSN 1130-7625, Nº 19, 1996, páxs. 279-306. Consultado o 25-1-2022.
- ↑ LQSomos (2017-09-26). "Una conversación con el gran caricaturista gallego Castelao". LoQueSomos (en castelán). Consultado o 2022-01-25.
- ↑ El error Berenguer (texto completo)
- ↑ Desvois, Jean Michel (1977), La prensa en España (1900-1931), Madrid: Siglo XXI; p. 57
- ↑ El (Madrid. 1917)/1932/193203/19320322/19320322 00000.pdf#page=1 El Sol, 22-03-1932, pag. 3, En el Centenario de la muerte de Goethe
- ↑ Cruz Seoane, María (1996), Historia del perodismo en España. 3. El siglo XX: 1896-1936, Alianza Editorial, p. 422
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: El Sol |