Nacionalismo vasco
O nacionalismo vasco é unha corrente política de carácter nacionalista xurdida a finais do século XIX, trala Terceira guerra carlista e a case total supresión dos foros xerais vascos (leis propias), aínda que afunde as súas raíces no Padre Larramendi (1690-1766) e os seus seguidores, que defendían xa que:
O Proxecto das Provincias Unidas do Pireneo é sen dúbida magnífico e especioso (fermoso). República que se fará famosa co seu goberno aristocrático ou democrático, como mellor parecer, tomando das repúblicas antigas todo o que lles fixo célebres e bruidosas no mundo, e das modernas todo o que é conveniente para a súa duración e subsistencia (Sobre os foros de Guipúscoa, pax. 70)
O primeiro partido político abertamente nacionalista é o Partido Republicano Navarro, que converxe coa organización biscaíña de Sabino Arana Goiri para formar o Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV), no contexto da corrente do Romanticismo.
Antecedentes históricos
editar- Durante a fase final do Imperio Romano de Occidente, os vascos desempeñaron un papel predominante na Bagauda antifeudal.
- Durante a primeira fase dos reinos xermánicos, os vascos mantiveron a súa independencia, formándose eventualmente o Ducado de Vasconia[1] (con centro na actual Gascuña), unido dinasticamente ó romanizado Ducado de Aquitania (terras entre o río Garona e o Loira).
- Trala invasión musulmá da Península Ibérica, os Vasco-Aquitanos tiveron que buscar a protección dos carolinxios, que levou á asimilación gradual de Gascuña. No sur, así a todo, tras vencer ós francos en Orreaga (Roncesvalles), aparece un novo núcleo estatal: o Reino de Pamplona.
- O Reino de Pamplona, que posteriormente se denominaría Reino de Navarra, configúrase como novo estado, xerando un dereito propio, moito menos feudalista cós seus veciños, que será a base dos futuros foros. Con Sancho III O Maior (1004-1035), o reino de Pamplona acada a súa maior extensión territorial, abranguendo todo o territorio entre o Reino de Galicia e os Condados Cataláns. Á morte do Duque Sancho Guillerme, duque de Gascuña, o día 4 de outubro de 1032, estendeu a súa autoridade sobre a antiga Vasconia ultrapirenaica comprendida entre o Pireneo e o Garona. Á morte de Sancho III desmembraríase o reino dando lugar ós reinos de Navarra e Aragón. O reino de Castela xurdirá máis adiante como unha escisión do Reino de León, sendo inicialmente un condado.
- Tras terse anexionado a Coroa de Castela os territorios dos actuais Euskadi e A Rioxa no século XII, entre 1512 e 1516 as coroas de Castela e Aragón incorporan o territorio restante da Navarra peninsular, garantíndolle os mesmos foros. Porén, Navarra e os seus posteriores reis seguen existindo tralos Pireneos (o que hoxe se coñece como Iparralde). Eventualmente o monarca navarro será coroado rei de Francia (París ben vale unha Misa), polo que os reis de Francia desa época ostentaban o título de Rei de Francia e Navarra, aínda que isto só fixera referencia a Iparralde, que non puido ser conquistada polos Reis Católicos.
- Aínda que non sen conflitos, os foros, que outorgaban unha semi-independencia ós territorios vascos, permiten que durante séculos as relacións cos reinos hexemónicos sexan relativamente cordiais. Isto trócase coa Revolución Francesa e a nova idea do Estado-nación centralista, que non recoñece as diversas nacións presentes nos estados tentando impoñer unha delas ás demais. Por isto, primeiro o norte e logo o sur, tomarán o partido tradicionalista, como vía para manter as súas leis propias (os foros). As rebelións carlistas do século XIX alimentaranse case exclusivamente do fervor pola defensa das leis propias.
- Trala derrota na terceira Guerra Carlista, e a conseguinte supeditación dos foros á vontade das cortes, o sentimento de identidade vasco busca novas formas de expresión
Orixe
editarA finais do século XIX aparecen no país vasco unhas correntes defensoras da lingua e cultura vascas, os chamados “euskeros”, que reaccionan contra a perda de valores provocada pola forte inmigración debida á crecente industrialización do País Vasco. Sabino Arana Goiri, considerado o creador do nacionalismo vasco xunto ao seu irmán Luis Arana Goiri, limitouse a recoller todas estas ideas presentes na sociedade vasca.. Ademais do EAJ-PNV que fundou e liderou, é o creador dalgúns sinais da identidade vasca: a Ikurriña e o substantivo Euzkadi (que hoxe se acostuma escribir Euskadi), aínda que moitos prefiren empregar o máis xenuíno Euskal Herria.
Partido Nacionalista Vasco
editar- Artigo principal: Partido Nacionalista Vasco.
O PNV aparece como un dos primeiros partidos democristiáns de Europa, oscilando sempre entre os seus principios independentistas e o seu pragmatismo pactista. Ten sido en tódolos períodos democráticos de España a forza política principal do País Vasco. En Navarra, ten tamén unha importante presenza ata os anos 80, nos que os jeltzales navarros e gran parte dos guipuscoanos se escindiron para formar Eusko Alkartasuna.
República, Guerra Civil e Ditadura
editarO primeiro nacionalismo vasco de esquerdas é Acción Nacionalista Vasca (EAE-ANV), que ten certo peso durante o período republicano. Durante este período, as demandas nacionalistas de autonomía caen en saco roto no parlamento español, e non é ata o levantamento fascista de 1936 cando se recoñece o Estatuto de Estella para o País Vasco. Coa caída de Biscaia en 1937 e a rendición das milicias vascas en Santoña (Pacto de Santoña), finaliza este breve período de autonomía moderna. O ditador Francisco Franco declara a Biscaia e Guipúscoa provincias traidoras e retíralles os derradeiros restos de autonomía foral, ó tempo que os mantén en Áraba e Navarra. Os catro decenios de ditadura franquista, fortemente nacionalista, afectaron de forma especial ó País Vasco, ó, por exemplo, reprimirse a expresión en linguas vernáculas. Isto alimentou o sentimento anti-españolista na rexión, ata provocar o xurdimento de movementos terroristas posteriores.
Durante a primeira fase do franquismo a parte sur do País Vasco viviu algúns episodios de guerrilla (o maquis). En 1959 xorde ETA, que comezará a actuar como organización terrorista a partir de 1968. Neste período, entre outros atentados, ETA asasinou a Carrero Blanco, considerado como o posible continuador do réxime ditatorial.
Democracia
editarTrala morte de Franco, España inicia unha serie de reformas democráticas que inclúen o recoñecemento de autonomías diferenciadas para as diferentes rexións e nacionalidades -nunca consideradas nacións -.
A nova Constitución española de 1978 recibiu unha maioría abstencionista no País Vasco, co que, dende o punto de vista dos nacionalistas vascos, o consenso necesario para a aprobación da lei fundamental de calquera Estado moderno nunca se deu. A razón que esgrimiron é que dita Constitución contiña o axioma da indivisibilidade da “nación española”, e que ademais dito axioma estaba gabado polas armas do exército.
O novo estatuto si foi apoiado maioritariamente, pero moitas das competencias vanse cedendo ó goberno vasco segundo os pactos co goberno central do momento e outras moitas aínda non se traspasaron; e non parece que haxa vontade de transferilas xa que, a pesar de estar recollidas no Estatuto, os diferentes gobernos do PP e do PSOE negáronse explicitamente a transferilas. Por isto, os nacionalistas teñen acusado ó goberno español de non querer desenvolvelo plenamente.
Aínda que comparativamente, o nivel de autonomía do País Vasco é obxectivamente o máis alto da UE en canto a rexións nacionais se refire, este non recoñece o dereito dos cidadáns vascos a decidir libremente o seu futuro nin a súa posible separación de España (o chamado dereito de autodeterminación), xa que segundo a interpretación nacionalista, a nación vasca podería compararse aos casos de colonización de África, sendo un territorio subxugado desde antigo pola "nación española" ou por Castela.
Mentres tanto, ETA continúa coa súa actividade terrorista, esixindo (nos seus comunicados e a través de medios afíns) a soberanía do País Vasco. Coa chegada da democracia, a esquerda nacionalista divídese, formando os máis moderados Euskadiko Ezkerra (Esquerda Vasca), mentres os máis radicais agrúpanse na coalición Herri Batasuna (Unidade Popular), que inclúe ó histórico partido ANV. Este segundo grupo é o máis importante dos dous, tendo chegado a recoller o 20% dos votos nalgunhas eleccións. Mentres Euskadiko Ezkerra evoluciona cara a posicións máis estatutarias e remata por disolverse no Partido Socialista de Euskadi (PSE) e en Eusko Alkartasuna (escisión do PNV).
O PNV, mentres tanto, logra formar sempre parte do goberno vasco, unhas veces en solitario, logo en coalición co PSE. Durante unha década, funciona o chamado «Pacto de Ajuria Enea», polo que os partidos políticos con representación no parlamento vasco que rexeitan as actividades de ETA se reúnen regularmente para condenar os seus atentados e coordinar a loita político-policial contra ela. Ese pacto, nun dos seus puntos, recollía a conveniencia de que os cidadáns do País Vasco se expresasen libremente para decidir o seu futuro unha vez acadada a paz.
Desenvolvementos recentes
editarDesde mediados dos 80, houbo tamén un cambio na estratexia de ETA, que comezaba a atacar a políticos, e posteriormente a civís e non xa só a forzas de seguridade do Estado, o que supuxo para dita organización unha perda de popularidade importante ante unha gran parte da opinión pública.
En moitos aspectos houbo grandes avances no País Vasco durante as décadas dos 80 e os 90.
Posteriormente, prodúcense dous acontecementos de grande importancia: ETA declara por primeira vez na súa historia unha tregua indefinida e os distintos partidos nacionalistas (PNV, EA, Batasuna) e Ezker Batua-Izquierda Unida (EB-IU), xunto a outros actores sociais, firman o acordo de Lizarra (ou de Estella) comprometéndose en que son os propios cidadáns vascos os que deben decidir o futuro de Euskal Herria e en buscar o fin da violencia. A tregua durou un ano, sen resultados dignos de mención, salvo un aumento significativo do número de votos da esquerda nacionalista. ETA rompe a tregua, acusando ó goberno de inmobilismo (hai que recordar que o goberno francés, segundo tódolos indicios a instancias do goberno español, detivo a Belén González Peñalva, unha das portavoces de ETA nas conversacións bilaterais "de paz" tras un dos encontros), e ó PNV e EA por non cumprir os compromisos dun suposto "pacto segredo" con ela. Trala ruptura, a esquerda nacionalista que apoia as ideas de ETA retrocede novamente á súa franxa de votos habitual, e incluso baixa.
Ó empezar a cometer de novo atentados terroristas, o Tribunal Supremo comeza unha serie de procesos contra varias organizacións vascas, por suposta pertenza ou colaboración con ETA. Péchanse dous periódicos (Egin e Egunkaria) e un bo número doutras empresas acusadas todas elas de apoiar economicamente á banda terrorista. Ilegalízase Herri Batasuna, aplicando unha nova lei de partidos creada ó efecto, e ó demostrarse o seu estreita vínculo coa banda terrorista: moitos casos de pertenza a ETA entre edís deste partido político ou de recadación de fondos para ETA. Herri Batasuna, (que mudou de nome en diferentes ocasións ata chegar a Batasuna) continúa coa súa liña política independentista e non condenando os diferentes actos criminais de ETA e o seu contorno.
Mentres tanto, o lehendakari Juan José Ibarretxe Markuartu (PNV) propuxo un novo estatuto para o País Vasco, que é coñecido como Plan Ibarretxe e que é aprobado tan só por un voto de diferenza no parlamento vasco. Dito plan incluía a celebración dun referendo sobre a soberanía para os habitantes do País Vasco. Este proxecto de estatuto topou con serios obstáculos, tanto xurídicos como políticos. Foi apoiado polos nacionalistas e Ezker Batua, e duramente atacado polo resto de partidos. Foi amplamente rechazado de forma definitiva no congreso dos deputados de Madrid, sendo esta unha das poucas veces que os dous partidos principais da cámara naquel momento (PSOE e PP) tiveron consenso sobre un tema na lexislatura.
Forzas políticas nacionalistas vascas
editarEste artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
- Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV): considerado o primeiro partido do nacionalismo vasco moderno, foi fundado en 1895 por Sabino Arana Goiri e gobernou o País Vasco dende a transición; o seu actual presidente é Andoni Ortuzar.
- Eusko Alkartasuna (EA) (Solidaridade Vasca en galego): fundado polo ex-lehendakari Carlos Garaikoetxea en 1986 como escisión do PNV. Gobernou en coalición co PNV na Comunidade Autónoma Vasca durante as últimas 2 décadas.
- Batasuna (Unidade en castelán): ilegalizado en 2003 por ser considerado organización política dependente de ETA. Ó longo dos anos ten adoptado múltiples formas: Herri Batasuna, Euskal Herritarrok (coalición na que estaba HB), Batasuna; configúrase como unha coalición de partidos nacionalistas radicais. Tamén intentou constituírse noutras marcas electorais trala súa ilegalización sen éxito: Herritarren Zerrenda, Aukera Guztiak, Abertzale Sozialistak, Abertzale Sozialisten Batasuna...
- Aralar: fundado por Patxi Zabaleta, é unha escisión de Herri Batasuna que condena a violencia. Defínense como esquerda abertzale, en pugna con Batasuna, que pretende patrimonializar este termo.
- Euskal Herriko Alderdi Komunista/Partido Comunista de las Tierras Vascas (EHAK/PCTV): é unha escisión de Euskal Herritarrok con ideoloxía comunista estalinista. Foi apoiada abertamente por Batasuna trala súa ilegalización. Aínda que defende propostas de Batasuna no parlamento vasco non depende organicamente desta, polo que non foi ilegalizada en aplicación da Lei de Partidos.
- Batzarre: literalmente, "Xunta". Pequeno partido vasquista de esquerdas de orixe navarro. Incorporouse á coalición Euskal Herritarrok durante a tregua de ETA do 98, para volver a desligarse de dita coalición pola súa falta de condena do terrorismo de ETA trala ruptura da tregua.
- Abertzaleen Batasuna(AB): (Unidade de Patriotas), partido independentista vasco que circunscribe a súa actividade ás provincias vascofrancesas. Ó igual que Batzarre, estivo no seu día unida a Batasuna, pero desvinculouse desta trala ruptura da tregua de 1998-99.
- Nafarroa Bai (Navarra sí en galego): coalición navarra actualmente en vigor formada no ano 2004 e que agrupa ós partidos EA, PNV, Aralar e Batzarre . Defende o dereito dos navarros a decidir o seu futuro.
- ANV (Acción Nacionalista Vasca): tras permanecer inactivo moitos anos, o vello partido volveu á actividade para as eleccións municipais de 2007.
Outros partidos nacionalistas ó longo da historia
- EIA: (Euskal Iraultzako Alderdia - Partido da Revolución Vasca). Integrado en Euskadiko Ezkerra.
- EKA: (Partido Carlista de Euskal Herria)
- EMK: Euskadiko Mugimendu Komunista (Movemento Comunista de Euskadi) Integrado en Euskadiko Ezkerra.
- EE: Euskadiko Ezkerra - Esquerda de Euskadi. Partido xurdido en 1977 como coalición de EIA, (Partido para a Revolución Vasca ou Partido Vasco para a Revolución) e "Euskadiko Mugimendu Komunista" (Movemento Comunista de Euskadi (EMK), ambos escisións de ETA. Fusionouse en 1993 ó PSE, federación vasca do PSOE.
- EuE: Euskal Ezkerra - Esquerda Vasca
- EPK: Euskadiko Partidu Komunista - Este partido, a pesar de non defender o nacionalismo, si defende a postura de autodeterminación para Euskal Herria. Quere crear unha rede de repúblicas socialistas.
Autonomistas e federalistas :
Diversos partidos de ámbito estatal sosteñen na CAV posturas moderadas e en parte coincidintes coa ideoloxía nacionalista, de tendencia federalista. Ditas tendencias, que son tamén diferentes ás que manteñen en Navarra, teñen sido criticadas polas executivas centrais de ditos partidos e, por suposto polas opcións partidarias do "nacionalismo español"[2].
Entre estes destacamos ó Partido Socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra (PSE-EE) e a Ezker Batua-Berdeak (EB-Berdeak) que representan respectivamente a nivel estatal a PSOE e IU, polo que a adscrición do seu voto ou dos seus votantes ó sector "non nacionalista" é discutida[3][4][5]. De feito, na CAV o PSE fusionouse en 1993 co partido nacionalista Euskadiko Ezkerra que estaba composto na súa orixe por antigos militantes da desaparecida ETA-político-militar.
Pola súa parte Ezker Batua- Berdeak, referente de Izquierda Unida na CAV, propuña un modelo intermedio ó que denominan "federalismo de libre adhesión", defende a autodeterminación vasca e comparte o actual goberno na CAV xunto co PNV e EA.
Estas federacións vascas, defendendo o dereito dos navarros a determinar democraticamente o seu futuro, coinciden no seu desexo de reforzar, en maior ou menor medida, a unión da CAV con Navarra, non sendo esta postura respaldada maioritariamente polas súas respectivas executivas navarras[6]
Resultados electorais
editarAquí amósanse os resultados electorais obtidos polos partidos nacionalistas vascos e Ezker Batua (federalista) nas diferentes eleccións.
- Eleccións xerais 1977
- PNV: 8.
- Euskadiko Ezkerra: 1.
- Eleccións xerais 1979
- PNV: 7.
- Herri Batasuna: 3.
- Euskadiko Ezkerra: 1.
- Eleccións no País Vasco 1980
- EAJ-PNV: 25.
- Herri Batasuna: 11.
- Euskadiko Ezkerra: 6.
- Eleccións Xerais 1982
- PNV: 8.
- Herri Batasuna: 2.
- Euskadiko Ezkerra: 1.
- Eleccións no País Vasco (1998). (o parlamento vasco ten un total de 75 escanos)
- PNV: 21 escanos.
- Euskal Herritarrok: 14.
- Eusko Alkartasuna: 6.
- Ezker Batua: 2.
- Eleccións xerais do 2000
- EAJ-PNV: 7.
- Eusko Alkartasuna: 1.
- Eleccións na CAV no 2001.
- PNV-EA (en coalición): 33.
- Euskal Herritarrok: 7
- Ezker Batua: 3.
- Eleccións Xerais 2004
- EAJ-PNV: 7.
- Eusko Alkartasuna: 1.
- Nafarroa Bai: 1.
- Eleccións na CAV 2005
- EAJ-PNV e EA (en coalición) : 29.
- PCTV-EHAK: 9.
- Ezker Batua: 3.
- Aralar: 1.
Notas
editar- ↑ "existencia do Ducado de Vasconia". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 29 de xuño de 2006.
- ↑ [1] [2]
- ↑ [3]
- ↑ impresora.html[Ligazón morta]
- ↑ [4]
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 08 de abril de 2007.