Euskal Herritarrok
Euskal Herritarrok ("Cidadáns Vascos", en éuscaro) foi unha coalición independentista e de esquerdas vasca xurdida en 1998 como órgano electoral da esquerda abertzale. Euskal Herritarrok tivo unha vida efémera e a súa presentación a uns comicios electorais limitouse ás eleccións autonómicas de 1998 e ás municipais e forais de 1999. En ambas convocatorias superou a marca electoral que un partido defendendo esa ideoloxía nunca obtivera na comunidade autónoma vasca: 223.264 persoas lles deron o voto[Cómpre referencia]. Nas eleccións municipais estableceron unha coalición con outros partidos de esquerda extraparlamentar e superaron a marca anterior, aínda que cómpre ter en conta que Euskal Herritarrok se presentaba nun territorio maior en extensión, ao presentar listas aos municipios e ao Parlamento de Navarra. Por discrepancias coa liña política seguida e a organización interna, produciuse a escisión de Aralar. O partido Batzarre, que preexistía á coalición e que non é independentista, participou da coalición electoral Euskal Herritarrok, coalición que abandonou trala ruptura da tregua de ETA, ao non haber condena algunha por parte de Euskal Herritarrok.
Euskal Herritarrok | |
---|---|
Acrónimo | EH |
Tipo | partido político |
Ideoloxía | Nacionalismo vasco |
Data de fundación | 1998 |
Data de disolución | 5 de xuño de 2002 |
Sede | Donostia |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Máis adiante, diversas correntes da esquerda abertzale entraron nun proceso de discusión e refundación de onde xurdiu Batasuna, partido político que foi declarado ilegal en España no ano 2002, permanecendo legal en Francia.
O proxecto no que se apoiaba Euskal Herritarrok era o da creación dun Estado independente para as sete provincias vascas de Euskal Herria, catro das cales están baixo administración española e tres baixo administración francesa. Para isto a esquerda abertzale defende o dereito de autodeterminación. A aplicación do mesmo consistiría na celebración dun referendo sobre o status que debería ter o País Vasco nas sete provincias. A esquerda abertzale herda un ideario socialista. Se ben a forma en que ese socialismo sería definido é difícil, acuñaron o termo de "socialismo identitario" como unha forma de socialismo adaptado á situación do País Vasco. Respecto ao emprego da violencia, a esquerda abertzale entende que esta é produto dun conflito político, e polo tanto considera a condena como unha ferramenta fútil e avoga pola superación do conflito mediante o recoñecemento da territorialidade vasca e o exercicio do dereito de autodeterminación.