Guipúscoa
![]() ![]() | |
![]() | |
Capital | Donostia |
Área | 1.909 km² |
Poboación | 705.698 hab. (2009) |
Densidade | 366,89 hab./km² |
Concellos | 88 |
Xentilicio | Guipuscoano/a [1] |
Guipúscoa[1] (en éuscaro e oficialmente: Gipuzkoa; en castelán: Guipúzcoa) é unha das tres provincias españolas que forman a comunidade autónoma do País Vasco, ademais de ser unha das sete provincias (herrialdes) do País Vasco tradicional. Limita ao norte co mar Cantábrico, ao oeste con Biscaia, ao sur con Áraba e ao leste con Navarra e Iparralde (País Vasco francés), parte do departamento dos Pireneos Atlánticos. A súa capital é Donostia.

Guipúscoa é a provincia de menor superficie entre todas as de España, cunha área de 1.909 km². A súa poboación no ano 2007 alcanzaba 694.944 habitantes, o que a converte nunha das máis densamente poboadas de España (360,7 hab./km²).
Localidades importantes Editar
Ademais da capital provincial, na costa destacan Irún, Hondarribia, Pasaia e Zarautz, mentres que Arrasate, Tolosa, Errenteria, Bergara, Azpeitia e mais Éibar son poboacións importantes no interior do seu territorio.
Xeografía Editar
Na zona litoral as montañas chegan até o mar. As rías son pouco profundas (Deba, Orio, Pasaia), excepto a do Bidasoa, que fai de fronteira con Francia. Na zona central hai unha rede de ríos á beira dos cales se sitúan os principais centros industriais. A zona sur é a máis montañosa e onde se erguen as cimas máis elevadas (Aizgorri, 1.544 m).
Clima Editar
O clima é de tipo atlántico, con oscilacións de temperaturas non demasiado fortes, mais chuvia abundante e repartida durante todo o ano. En Donostia a temperatura media do mes máis frío é de 7,8 °C e a do máis cálido, de 15,1 °C. A media de precipitacións anual é de 1.506 mm. En consonancia, a vexetación é atlántica, con faias, carballos e grande abundancia de pradeiras.
Economía Editar
A economía guipúscoana caracterízase polo seu forte desenvolvemento da industria, pero, ao contrario que Biscaia, que se desenvolveu a partir da industria pesada siderúrxica, Guipúscoa puxo en marcha unha industria lixeira diversificada sen perder. As industrias principais son a metalúrxica, a téxtil, a de fabricación de armas e a das artes gráficas. A agricultura consiste, sobre todo, na obtención de forraxes para a gandaría bovina, que abastece a importantes empresas alimentarias. No litoral é moi importante a pesca (Pasaia é o porto pesqueiro máis importante), así como o turismo.
A rede de estradas e de ferrocarrís está ben desenvolvida. Hai aeroporto en Hondarribia.
Notas Editar
- ↑ 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para guipuscoano.
Véxase tamén Editar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Guipúscoa |