Faia

especie de árbore

A faia[1] (Fagus sylvatica) é unha árbore caducifolia da familia das fagáceas de porte robusto e gran talle, que alcanza os 35 ou 40 m, cun tronco recto que o fai moi valioso, e unha copa ovalada no seu terzo superior. Se a árbore crece illada (non en espesura) cambia radicalmente, ábrese moi pronto, sendo algo irregular, ramificándose desde abaixo e variando moito a copa.

Fagus sylvatica
Fagus sylvatica

Conserva a casca practicamente lisa durante toda a súa vida, dun gris cincento ou esbrancuxado. As follas son simples, alternas nos talos novos, nos adultos saen en fascículos sobre pequenos braquiblastos, e caedizas. Son de pecíolo curto, e o limbo é de forma ovalada, co bordo ondulado, en principio algo festonado e prolongándose nunha lanuxe sedosa moi característica. Teñen os nervios laterais ben marcados e paralelos (penninervia), son dunha cor verde moi viva polo feixe volvéndose máis escuras na madurez, e dispóñense sempre en posición moi horizontal, captando a maior cantidade de luz posible. Iso fai que os seus bosques teñan un aspecto un tanto sombrío, case propio de conto de fadas, non permitindo crecer no chan a apenas ningunha outra planta. Frecuentemente, con todo, crece en bosques mixtos co abeto e outras especies do bosque caducifolio. Ó bosque de faias chámaselle faial.

Hábitat editar

 
Unha faia do Parque Natural de Somiedo (Asturias).

A faia é unha árbore indiferente á natureza química do solo; pode medrar en solos acedos ou moi acedos (até pH arredor de 3,5) até outros de natureza básica (pH próximo a 8,0). Como ten unha elevada taxa de transpiración, necesita abundantes precipitacións, particularmente na época estival, pero non tolera o enchoupamento do solo. É unha especie de sombra nas idades temperás, polo que tende a aparecer de xeito máis abundante nas ladeiras avesías das montañas. Non obstante, baixo a cuberta doutras especies arbóreas nas fases xuvenís, temén chega a conformar bosques extensos noutras orientacións. Dentro da súa área de distribución, pode medrar desde o nivel do mar ata os 2.500 m de altitude.

Europa editar

En Europa esténdese formando bosques desde Pilio, no centro de Grecia, ou redutos en Sicilia e no centro de España no Sur, até Suecia e Noruega, chegando até Trondheim no norte. En Finlandia coñécense algúns pequenos bosques de faias. Atópase moi estendido no centro de Europa destacando os bosques da Selva Negra (Alemaña), o Bosque de Soignesy en Bélxica, a Selva de Irati en Navarra (España), así como os faiais de Francia onde as faias conforman o 10% do total dos bosques. O reduto máis meridional atópase nas ladeiras do volcán Etna, en Sicilia.

Península Ibérica editar

É infrecuente fóra das montañas setentrionais (Cordilleira Cantábrica, Sistema ibérico, Pireneos). En Galicia, os faiais ocupan algo menos de 200 ha de superficie, formando masas arboradas de pequeno tamaño que se concentran, principalmente, nas montañas do Cebreiro e a metade setentrional da Serra do Courel. O máis grande ocupa unhas 70 ha e atópase na parroquia de Riocereixa, no concello de Pedrafita do Cebreiro. Os pequenos faiais que se conservan nalgúns vales da cabeceira do río Eo, nos concellos de Baleira e A Fonsagrada, son os máis suroccidentais de toda Europa. Hai tamén faiais nas ladeiras do Moncayo e no parque natural dos Portos de Tortosa-Beceite (Tarragona), que son os máis meridionais de España, así como nalgúns bosques do Sistema Central, en Tejera Negra (Guadalaxara), a Pedrosa (Segovia) ou en Montejo de la Sierra (Madrid). En Ciñera de Gordón (León) atópase un dos faiais mellor conservados. Tamén é frecuente nas montañas do País Vasco e o Val do Rudrón (Burgos). As masas arboradas existentes no Parque Nacional da Peneda-Gerês portugués proceden de plantacións efectuadas polos servizos forestais dese país no pasado século, polo que non se poden considerar bosques naturais desta especie. Os exemplares silvestres de faia situados a menor altitude dentro do contexto ibérico (80 m.s.n.m) atópanse no concello asturiano de Valdés, mentres que o maior faial das montañas cantábricas atópase no val de Mosteiro de Hermo, no concello de Cangas del Narcea, a moi poucos quilómetros da Reserva Integral de Muniellos, que comprende, entre outros tipos de bosque, un dos carballais de Quercus petraea mellor conservado da Península Ibérica.

Galicia editar

A faia é unha especie arbórea nativa no NW ibérico que está presente neste territorio desde, polo menos, o interestadial Eemiense (hai 130.000-115.000 anos antes do presente), fase climática caracterizada por un clíma algo máis morno e húmido que a actualidade no S de Europa. Dese período consérvase pole fósil desta especie no xacemento do Area Longa (Fazouro, Lugo). Con posterioridade, o arrefriamento climático experimentado ao lonfo do estadial Würmiense (115.00-10.000 anos antes do presente) fragmentou as poboacións desta especie provocando o seu refuxio en altitudes baixas ata que, a finais deset último período glaciar, xunto a moitas outras especies arbóreas pouco tolerantes ao frío, comezou a súa expansión polas áreas interiores e sistemas montañosos do N da Península Ibérica. Como resultado desta expansión, a faia chegou a estar presente en gran parte e Galicia, até que, coa adopción da agricultura e a gandaría por parte dos grupos humanos aquí presentes, hai aproximadamente 5.000 anos, comezou o seu declive como consecuencia da xeneralización das actividaes deforestadoras. O resultado de todo iso foi que a faia só conseguiu resistir nas áreas montañosas máis abruptas do oriente de Galicia, onde as condicións climáticas e a dificultade de acceso para os humanos favoreceron a súa pervivencia.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar