Dereito de autodeterminación
O dereito de autodeterminación é un principio fundamental dos dereitos humanos.[1] Defende o dereito individual e colectivo a "decidir libremente o status político e a escoller libremente o desenvolvemento económico, social e cultural". O principio da autodeterminación atópase xeralmente relacionado co proceso de descolonización que tivo lugar tras promulgarse a Carta das Nacións Unidas en 1945. A obriga de respectar o principio de autodeterminación é unha das características da Carta e aparece no seu preámbulo e no artigo 1.
O dereito á autodeterminación é unha das normas de ius cogens. Estas representan o máis alto nivel de dereito internacional e polo tanto son de obrigado cumprimento.
Antecedentes
editarEste principio foi formulado por primeira vez polo presidente dos Estados Unidos, Thomas Woodrow Wilson nos seus Catorce Puntos, tendo unha grande importancia no Tratado de Versalles, no que se deseñaron as fronteiras da Europa Oriental e xa apuntaban á descolonización. Non obstante, moitos dos conceptos básicos do dereito de autodeterminación atópanse xa en documentos anteriores como a propia Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América.
O dereito de autodeterminación ten sido reclamado en décadas recentes por pobos de todo o mundo. Na maior parte dos casos, este dereito é reclamado por: pobos de trazos culturais e lingüísticos propios, pobos ou países que perderon a súa independencia no pasado, minorías relixiosas, ou pobos e nacións que reúnen as anteriores premisas. Estas minorías ou culturas minorizadas perseguen co dereito de autodeterminación a independencia política, co fin de evitar a súa asimilación lingüística, cultural ou relixiosa, así como a súa discriminación ou mesmo persecución por parte do Estado ao que na actualidade pertence.
Moitos estados actuais defenden o dereito de autodeterminación, mais non aceptan a súa aplicación dentro do que consideran "territorio nacional". Outros estados, no entanto, contaron e contan na actualidade co recoñecemento de tal dereito. Así, estados como a Unión Soviética posuíron constitucións que recoñecían este dereito; no caso soviético o recoñecemento do dereito de autodeterminación para as repúblicas da antiga URSS permitiu en 1990 que numerosos países, tales como Lituania, Letonia ou Ucraína, entre outros, acadaran a independencia tras a Perestroika.
Carta das Nacións Unidas
editarCando se ratificou a Carta das Nacións Unidas en 1951, os signatarios introduciron nela o dereito dos pobos á autodeterminación e nos termos da diplomacia internacional.
O obxectivo do cláusula de autodeterminación foi facer que as ex-colonias que existían antes da segunda guerra mundial puidesen escoller libremente o seu futuro. Non obstante, despois da descolonización, o dereito de autodeterminación entendeuse que era aplicable só a Estados, e está limitado aos principios da integridade territorial e á non-inxerencia nos asuntos internos. Moitas ex-colonias que tiñan comezado o seu proceso de independencia encontráronse con movementos separatistas, e houbo consenso internacional en que a autodeterminación non é aplicable a estes movementos.
Declaración Universal dos Dereitos Humanos
editarNa Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1970, o dereito á autodeterminación foi confinada á doutrina do protocolo internacional. En suma, as persoas teñen dereito á autodeterminación para afrontar situacións de opresión ou falta de representación por un goberno en particular.
Isto produce unha tensión entre o concepto de autodeterminación e o de integridade territorial. Este conflito foi resolto, na práctica, a través da definición de que as persoas teñen dereito á autodeterminación dos pobos que viven nun estado-nación no que máis persoas comparten a mesma cultura ou lingua.
Pacto Internacional sobre Dereitos Civís e Políticos
editarAs Nacións Unidas proclamaron en 1966 o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos. Entrou en vigor en 1976 e foi ratificado polo Estado Español o 27 de xullo de 1977.[4]
O seu artigo 1 proclama:
- Todos os pobos teñen dereito á autodeterminación. En virtude deste dereito poden determinar libremente o seu status político, así como o seu desenvolvemento, económico, social e cultural.
- Todos os pobos poden, para os seus propios fins, dispor libremente das súas riquezas e dos seus recursos naturais, sen prexudicar ningúnha das obrigas que xorden da cooperación económica internacional, baseada nun principio de beneficio recíproco e no dereito internacional. En ningún caso un pobo pode ser privado dos seus medios de subsistencia.
- Os estados que participan neste pacto -incluídos os que teñen a responsabilidade de administrar territorios non autónomos e territorios en fideicomiso- promoverán o exercicio do dereito de autodeterminación e respectarán este dereito de acordo coas disposicións da Carta da ONU.
Notas
editar- ↑ The Karen Parker Home Page For Humanitarian Law - Understanding Self-Determination: The Basics
- ↑ “Defender Catalunya é defender a democracia”: Solidariedade nas rúas galegas contra a represión ao 1-O, nova en Sermos Galiza o 20 de setembro de 2017.
- ↑ Movilizaciones multitudinarias en Cataluña, Madrid y Euskal Herria, nova en Eitb.eus do 20 de setembro de 2017 (en castelán).
- ↑ Status of ratifications
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editarO dereito de autodeterminación nas constitucións