Independentismo galego
O independentismo galego é un movemento político e social dentro do nacionalismo galego que avoga pola independencia política de Galiza respecto de España, e a súa conversión nun estado independente e soberano, así como a anexión daqueles territorios galegofalantes baixo a administración de Castela e León e Asturias,[1] a coñecida como Galiza estremeira (As Portelas, O Bierzo e Terra Eo-Navia).[2][3][4]
Os comezos do separatismo popular en Galiza poden remontarse aos anos 20 e 30 do século XX, case un século despois da disolución do Reino de Galiza no ano 1833, momento no que se produciu un forte proceso de centralismo español[5] no cal Galiza perdeu todas as atribucións políticas, económicas, militares e diplomáticas, e España iniciou unha burocracia centralizada e a procura da homoxeneización xurídica, lingüística e cultural. Unha das primeiras organizacións independentistas galegas foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego, fundado por Fuco Gómez en Cuba no ano 1921. No ano 1931, Antón Alonso Ríos proclamou a República Galega como unha reacción ao malestar xerado polo caciquismo e mais pola paralización das obras do ferrocarril. A proclama quedou sen efectos reais e só durou unhas horas xa que o goberno central da Segunda República Española retomou a obra do ferrocarril, evitando que a insurrección se expandise.[6] Logo da guerra civil española, a ditadura de Francisco Franco acabou cos movementos autonomistas, galeguistas e de esquerdas galegos. Trala morte de Franco en 1975, os partidos políticos galegos e o nacionalismo galego maioritario concentráronse en recuperar a autonomía máis que na independencia.
No Parlamento de Galiza non existen partidos que apoien explicitamente a independencia, aínda que dentro do Bloque Nacionalista Galego existen partidarios desta opción,[7] e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, é independentista.[8] Entre as organizacións independentistas máis destacadas están Causa Galiza[9] e a Frente Popular Galega,[10] logo da disolución de Nós-Unidade Popular.[11]
Ideoloxía
editarA demanda de independencia galega baséase na idea de que Galiza, como unha nación cunha cultura, lingua e identidade diferentes ás de Castela e o resto do Estado español debe adquirir o status de estado que lle permita desenvolver unha política propia plena, co fin de salvagardar a súa identidade nacional, cultura, sociedade e intereses económicos propios.
O movemento pola independencia de Galiza é na actualidade moi diverso e abrangue amplos sectores, desde aqueles que formulan un avance gradual cara a independencia a través dunha progresiva recuperación do Goberno, ata os que consideran urxente a inmediata conversión de Galiza nun estado soberano e independente.[12] En 1981, coa instauración da Xunta de Galiza —órgano de goberno que toma o nome tradicional das xuntas formadas durante as invasións napoleónicas e alicerzando a súa lexitimidade no plebiscitado Estatuto de 1936 , o Estado español cedeu parte dos seus poderes lexislativos, respondendo así o gran pulo do autonomismo galego da transición española. Xunto coa creación dun parlamento democrático e o establecemento dun executivo galego con poderes administrativos, o goberno de Galiza logrou acadar amplas cotas de poder autónomo, pero limitado ao marco da Constitución española de 1978 que establece a indisoluble unidad de la nación española, imposibilitando por tanto a lexislación española, o dereito de autodeterminación de calquera dos territorios do Estado español. O independentismo galego, con todo, considera que a Xunta de Galiza e o executivo galego, deben ser tan só un estado intermedio na transición cara a un estado-nación galego plenamente libre e soberano.
Galiza é unha nación, e ningún antifeixista pode negarlle o direito de autodeterminación.
Historia
editarComezos do independentismo
editarNo ano 1843, dez anos despois da abolición do Reino de Galiza e dos demais antigos reinos da Monarquía Hispánica para crear un Estado centralizado, celebrouse en Lugo unha Asemblea para estudar a reorganización de Galiza con respecto á oposición existente contra da rexencia de Baldomero Espartero. Nela, Antolín Faraldo propuxo debater a independencia de Galiza. A súa proposta non chegou a ser considerada por un só voto.[13][14]
A primeira concreción política organizada foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego de Fuco Gómez fundado na Cuba dos anos 1920,[15] mais durante a II República Española non tivo apenas relevancia. Tamén na Arxentina houbo unha asociación independentista chamada Sociedade Nazonalista Pondal, activa sobre todo nos anos 30.[16]
Tamén na Galiza existiu algún movemento independentista nos anos 30, como foi o caso da Vangarda Nazonalista Galega.
Primeira República Galega
editar- Artigo principal: Primeira República Galega.
O 27 de xuño de 1931, un día antes das eleccións ás Cortes Constituíntes da II República Española, Galiza declarou a súa independencia e foi proclamada a Primeira República Galega.[17][18][19][20] Así a todo, o gobernador civil da provincia de Ourense e o Ministro da Gobernación Miguel Maura negaron oficialmente ante a prensa que se producise a devandita proclamación.[21][22][23][24] Ese 27 de xuño de 1931, Alonso Ríos é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega[25] A república durou unhas horas e o contexto no que se enmarca esta declaración foi tenso, coa recente vitoria republicana e a fuxida do rei español Afonso XIII. Así, a declaración dun Estado Galego veu propiciada por un ambiente de malestar xerado polo caciquismo imperante e mais pola paralización das obras do ferrocarril,[14] deixando sen traballo a 12.000 obreiros. Con todo e iso, en verdade soamente se debe entender esta declaración de independencia como unha proclama sen efectos reais.
O franquismo e os anos 70
editarA comezos da década de 1970, un sector da UPG próximo a Moncho Reboiras tentou organizar a loita armada contra o franquismo seguindo o modelo de ETA, mais rematou coa morte de Moncho Reboiras.[26] En 1978, un sector da UPG escindiuse, constituíndo primeiro a Unión do Povo Galego-liña proletaria e posteriormente o Partido Galego do Proletariado, de carácter independentista, que constituíu unha fronte asemblearia, Galicia Ceibe-OLN, na que se disolvería en 1981.[27] Propiciou a creación do LAR (Loita Armada Revolucionaria), que actuou principalmente contra a construción da autoestrada AP-9, o que provocou a detención de varios dirixentes, entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín. Galicia Ceibe-OLN negouse a entrar no BNG durante a Asemblea de Riazor.[27]
O independentismo galego na actualidade
editarEn 1986 o Partido Comunista de Liberación Nacional, escisión independentista da UPG, foi expulsado do BNG por ter apoiado a candidatura de Herri Batasuna durante as Eleccións ao Parlamento Europeo. Xunto a Galiza Ceive-OLN (novo nome da organización) e varios colectivos independentistas, formaron a Frente Popular Galega ao ano seguinte, a principal organización independentista galega desde entón.[28]
Nese contexto apareceu o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), que realizou 90 accións terroristas en seis anos, a última o 13 de setembro de 1991. Como consecuencia das súas accións morreron 2 membros do EGPGC e unha rapaza no atentado da discoteca Clangor, en Santiago de Compostela,[29] e o grupo asasinou o garda civil Benedicto García Ruzo e feriu de gravidade a outro cando pretendían roubarlles armas, no concello de Irixoa.[30] Foron detidos varias ducias de supostos membros.[31].
En 1989, o sector próximo a Galiza Ceive-OLN marchou da Frente Popular Galega por diferenzas sobre estratexia e o tratamento dos presos do EGPGC, e creou a Assembleia do Povo Unido (APU). A Frente Popular Galega continúa existindo na actualidade, sendo o principal partido independentista en número de votos. Ten certo apoio social e electoral no Morrazo e conta cun sindicato afín, a Central Unitaria de Traballadores (CUT). A APU auto-disolveuse en 1995 e a súa herdanza foi a organización xuvenil Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), creada en 1993.
Outra organización de carácter independentista creada en 1996) no interior BNG é Primeira Linha. Abandonou esa organización en 1999 denunciando a deriva dereitista e autonomista do BNG e a hostilidade da UPG coa corrente independentista. A súa forza estivo centrada nos ambientes estudantís de Compostela e na comarca do Condado. Ao igual que Galiza Ceive-OLN e o resto das organizacións aparecidas a partir da década de 1990, asume os postulados do reintegracionismo lingüístico (a única excepción actual no independentismo é a FPG). Todas estas organizacións son comunistas, se ben o modelo organizativo varía do marxismo-leninismo clásico até o asemblearismo.
Nos últimos anos da década de 1990 formulouse unha proposta, coñecida como Proceso Espiral, que pretendía unificar os numerosos grupos independentistas existentes, todos eles de tamaño reducido e áreas de acción limitadas. En 2001, formouse Nós-UP, que contaba coa AMI como organización xuvenil. O seu traballo céntrase nos centros sociais, a loita da mocidade, o sindicalismo e as organizacións feministas. O afastamento entre Nós-UP e AMI motivou que xurdise outra organización xuvenil, Briga, e a estudantil AGIR, ámbalas dúas afíns a Nós-UP.
Dez membros de AMI e outros colectivos foron detidos en 2005 e dous deles acusados de colocaren unha bomba nun caixeiro automático en Compostela. Ese mesmo ano fíxose pública a existencia dun grupo denominado Resistencia Galega que se ten atribuído varios atentados con bombas de pequeno tamaño.
En 2005 comezaron a formarse outras organizacións dentro do BNG, novamente procedentes en boa parte da UPG, de carácter independentista: o Movemento pola Base e o grupo xuvenil Isca. Contan cunha importante presenza na organización sindical nacionalista CIG.
Na primavera de 2007 apareceu unha plataforma cívica para a reivindicación do dereito de autodeterminación, denominada Causa Galiza. Esta iniciativa foi impulsada principalmente desde as organizacións vinculadas ao independentismo galego máis a participación nela era de carácter individual. Desde algúns sectores do nacionalismo galego esta plataforma foi vista como un intento de reunificación do independentismo, porén, fracasou e anos despois Causa Galiza é o principal partido do independentismo alleo ao BNG, tras a disolución de Nós-UP, en xuño de 2015,[32] e AMI, en setembro de 2014.[33]
No ano 2014 a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova celebrou a súa XIII Asemblea Nacional, na cal por primeira vez na súa historia pasaron a defender a independencia nacional de Galiza e a constitución dunha República Galega independente como única vía para acadar a soberanía para o pobo galego.
No ano 2017 tivo lugar a XVI Asemblea Nacional do BNG na cal se recoñeceu abertamente a existencia dentro da fronte de dúas tendencias na concepción do exercicio de autodeterminación: unha delas sería a confederación en pé de igualdade con outros pobos do estado e a outra sería a da independencia. Do mesmo xeito, a Unión do Povo Galego, principal partido integrado dentro do BNG comezou a posicionarse a partir do 2017 a prol da independencia nacional como medio para acadar a soberanía de Galiza.[34]
O 26 de novembro de 2021 o PPdeG anunciou que presentaría unha iniciativa no Parlamento galego para preguntar aos partidos «se queren unha República Independente en Galicia».[35] Días antes, Néstor Rego, deputado do BNG nas Cortes Xerais, dixera no Congreso español que «Galiza será más pronto que tarde una república libre y soberana».[36] O PPdeG, no entanto, acabou finalmente reformulando a iniciativa como unha declaración na defensa da Constitución española.[37] Precisamente, a Xunta de Galiza, rexida polo PPdeG, iniciou en comezos de 2023 a tramitación da Lei do Litoral de Galiza á marxe da devandita Constitución, feito que foi cualificado pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente de España como «case unha declaración de independencia».[38]
Galería de imaxes
editar-
III Jornadas Independentistas Galegas, organizadas por Primeira Linha en Compostela en 1999.
-
Manifestación de NÓS-Unidade Popular no 25 de xullo de 2005.
-
Graffiti en Santiago.
-
Graffiti en Louro, Muros, escrito en galego reintegracionista.
Notas
editar- ↑ Galicia Hoxe, ed. (20 de outubro de 2006). "A Galiza irredenta tambén existe!". Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2007. Consultado o 22/06/2010.
- ↑ "El movimiento ciudadano A Quinta presenta un manifiesto para convertir El Bierzo en provincia e integrarla en Galicia" (en Spanish). Consultado o 2020-10-15.
- ↑ Diario, Nós. "Recollida de sinaturas no Bierzo por unha modificación do estatuto galego que permita a súa integración na Galiza". Nós Diario. Consultado o 2020-12-19.
- ↑ Diario, Nós. "A reivindicación dun Bierzo integrado na Galiza chega ao Parlamento galego". Nós Diario. Consultado o 2021-01-30.
- ↑ Moreno, Luis (1997). La federalización de España: poder político y territorio. Siglo XXI de España Editores (en castelán). p. 58. ISBN 978-84-323-0946-5.
- ↑ Lo que no te contaron en clase: I República Galega (en castelán)
- ↑ elsaltodiario.com, ed. (22 de xullo de 2020). "“Galicia es una colonia, desde el punto de vista psicológico pero también económico”. Entrevista a Rubén Cela por Albert Botran". Consultado o 9 de xuño de 2021.
- ↑ "A Historia do BNG". arquivo.bng-galiza.org. Arquivado dende o orixinal o 02-03-2014. Consultado o 08-03-2016.
- ↑ País, El (2016-01-24). "Protesta apoyada por Anova y BNG contra la ilegalización de Causa Galiza". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-07-20.
- ↑ "A Frente Popular Galega.". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2008. Consultado o 09 de outubro de 2008.
- ↑ A, D (25 de xuño de 2015). "Nós-UP anuncia a súa disolución". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015.
- ↑ Galiza combatente 2013,. "CRAG". (galego reintegracionista).
- ↑ Ferreiro Delgado, Honorio (1977). "Contexto histórico-político de Galicia en la primera mitad del siglo XIX" (PDF). Revista de Estudios Políticos (en castelán) (Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales) (212): 327–348, en 330. ISSN 0048-7694.
- ↑ 14,0 14,1 Pérez Leira, Lois (27 de xuño de 2016). "Cando Galicia foi unha república independente". Historia de Galicia.
- ↑ D., S. (24 de decembro de 2020). "Fuco Gómez, o "escritor prolífico e político comprometido coa Galiza" que é case un descoñecido". nos diario.gal. Consultado o 26 de decembro de 2020.
- ↑ Diéguez Cequiel (2015), pp. 151-158
- ↑ "Se organiza una manifestación. Se proclama la República Gallega". El Pueblo Gallego nº 2.254 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 1. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014.
- ↑ "En Orense se declara la República Gallega". El Regional nº 17.127 (en castelán). 25 de xuño de 1931. p. 3.
- ↑ "Última Hora: A Madrid llega la noticia de haberse proclamado la República Gallega en Orense". La Zarpa nº 3.062 (en castelán). 25 de xuño de 1931. p. 12.
- ↑ "El bello gesto de Galicia". El Emigrado nº 378 (en castelán). 7 de xullo de 1931. p. 1.
- ↑ "No se proclamó la República Gallega en Orense". El Progreso nº 11.205 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014.
- ↑ "Del Gobierno Civil. No se proclamó la República Gallega". El Pueblo Gallego nº 2.254 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 10. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014.
- ↑ "Habla el señor Maura del ferrocarril Zamora Orense". El Regional nº 17.128 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 3.
- ↑ "El ferrocarril Zamora-Orense. Maura cree que el conflicto será resuelto pronto y favorablemente". El Pueblo Gallego nº 2.254 (en castelán). 26 de xuño de 1931. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2014.
- ↑ Xornal Pueblo Gallego (28-06-1931), p. 4.
- ↑ "Homenaxe a Moncho Reboiras". UPG. Archived from the original on 07-03-2006. Consultado o 10-06-2021.
- ↑ 27,0 27,1 "Da viabilidade económica das pequenas naçons". www.primeiralinha.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 2020-06-14.
- ↑ Actas do XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas, Universidade de Santiago de Compostela, 1989 (en castelán). Fundación "Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa,". 1992. p. 72.
- ↑ La ofensiva "guerrilleira" siembra el temor entre los narcotraficantes gallegos El País, 13-10-90
- ↑ El ex guerrilheiro juzgado por matar a un guardia civil dice que disparó «a ciegas» Arquivado 24/10/2013, en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 7/4/03
- ↑ Detenidos en Ferrol ocho presuntos miembros del Exército Guerrilleiro El País, 20-11-1991
- ↑ A, D (25 de xuño de 2015). "Nós-UP anuncia a súa disolución". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2014. Consultado o 01 de outubro de 2014.
- ↑ Artigo 1 dos Estatutos da UPG
- ↑ Reinero, David (26 de novembro de 2021). "O PP di que preguntará no Parlamento aos grupos “se queren unha república independente en Galicia”, debate declarado ilegal en Catalunya". Praza.gal.
- ↑ "Un diputado gallego defiende la independencia: "Galicia va a ser una república soberana"". COPE (en castelán). Santiago de Compostela. 25 de novembro de 2021.
- ↑ Reinero, David (18 de decembro de 2021). "O PP reorienta a pregunta no Parlamento sobre a “república independente en Galicia” a unha declaración “urxente” de apoio á Constitución". Praza.gal.
- ↑ "A Secretaría de Estado cualifica a Lei do Litoral da Galiza como "case unha declaración de independencia"". Nós Diario. 15 de xaneiro de 2023.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2015). Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975). Santiago de Compostela: Laoiovento. ISBN 978-8484872771.
- Rios Bergantinhos, Noa (2002). A esquerda independentista galega (1977-1995). Serie: Colecçom construirmos Galiza; nº 5. Santiago de Compostela: Abrente Editora. ISBN 84-930204-9-4.
- VV. AA. (2000). Garcia, Domingos Antom, ed. Para umha Galiza independente. Ensaios, testemunhos, cronologia e documentaçom histórica do independentismo galego. Serie: Colecçom construirmos Galiza. Santiago de Compostela: Abrente Editora. ISBN 978-8493020415. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 10 de xuño de 2021.
- VV. AA. (2014). 50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía de Galiza. Terra e Tempo. 171 (Santiago de Compostela: Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas). ISSN 1575-5509.
Ligazóns externas
editar- "Afinal… todos independentistas? Umha análise histórica". Diário Liberdade. 20 de xullo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2021. Consultado o 16 de xuño de 2021.