El Pueblo Gallego

xornal galego editado en Vigo de 1924 a 1979

El Pueblo Gallego, subtitulado Diario de la mañana e posteriormente Al servicio de los intereses de Galicia, foi un xornal que se editou en Vigo entre 1924 e 1979.

El Pueblo Gallego
PaísEspaña
LugarVigo
Lingualingua castelá
Fundación24 de xaneiro de 1924
FundadorManuel Portela Valladares
Circulación
ISSN2487-5740
Na rede
Galiciana: 3952 BNE: Mise0000035330
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

editar

Comezos e primeira etapa

editar
 
Capa de Camilo Díaz Baliño.

Apareceu o 27 de xaneiro de 1924, o seu primeiro director foi Ramón Fernández Mato e José Rivas Montenegro o redactor xefe. Un dos socios fundadores, Alejandro Viana Esperón, foi o seu primeiro Conselleiro Delegado. Despois de facerse coa propiedade do xornal en 1927, Manuel Portela Valladares converteuse en director.

Nesta primeira etapa tivo unha orientación liberal aberta ao galeguismo e ao progresismo. O xornal acolleu as máis prestixiosas plumas do galeguismo e o republicanismo: Ánxel Sevillano, Roberto Blanco Torres, Evaristo Correa Calderón, Xulio Sigüenza e Ramiro Fernández Valle foron redactores xefes. Gerardo Álvarez Gallego, Felipe Fernández Armesto, Xoán Xesús González, Luís Amado Carballo e Ánxel Fole tamén foron redactores. Carlos Maside era o director artístico, acompañado de ilustradores como Manuel Torres e Álvaro Cebreiro.

Colaboradores destacados foron Johán Carballeira (que se iniciou como correspondente do xornal en Bueu), Avelino López Otero (correspondente na Coruña), Antón Vilar Ponte, Juan Antonio Suárez Picallo, Víctor Casas, Antón Alonso Ríos, Roberto González Pastoriza, Valentín Paz-Andrade, Alexandre Bóveda, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Vicente Risco, Castelao, Cándido Fernández Mazas, Álvaro Cunqueiro, Xosé Núñez Búa e Xesús Golmar. Tamén asinaron artigos Eugenio Montes, Azorín, Jorge Luis Borges ou Ramón Pérez de Ayala.

Nos seus mellores momentos El Pueblo Gallego acadou tiradas arredor dos 30.000 exemplares, creando un novo modelo de xornalismo crítico que non tivo parangón na Galiza da época.

El Pueblo Gallego foi o xornal máis próximo ás teses galeguistas, ata o punto de que existiu un proxecto organizado do Partido Galeguista e auspiciado por Bóveda para mercalo e convertelo en órgano oficial. O galeguismo tivo nas súas páxinas un espazo preferente e alí apareceron importantes textos políticos de Alexandre Bóveda, Víctor Casas (sección Fenestras) e Antón Villar Ponte (Pretextos cotidianos, Exemplos).

Portela Valladares rematou instrumentalizando o periódico para dar o salto definitivo á política. A partir de 1934 produciuse un distanciamento entre o xornal e o galeguismo cando El Pueblo Gallego apostou polo centrismo político, mentres o Partido Galeguista se achegaba ás teses da esquerda, aínda que se manteñen a maioría dos colaboradores galeguistas. O xornal sempre apostou pola autonomía e a súa primeira páxina do 28 de xuño de 1936, día do Referendo do estatuto, levaba o titular: "Enriba corazóns galegos".

Segunda etapa

editar

El Pueblo Gallego foi incautado o 31 de xullo de 1936 polas autoridades militares, converténdose o comandante González Simeoni no novo director. Pasou a formar parte da Cadena de Prensa del Movimiento.

Nesta segunda etapa tivo como directores a Jesús Suevos e Xosé María Castroviejo, e entre os colaboradores destacan: Luis Moure Mariño, Albino Núñez Domínguez e María Xosé Queizán

Os xornais da Cadena de Prensa del Movimiento reconvertida en Medios de Comunicación del Estado perdían diñeiro e o Goberno decidiu, en 1979, pechar os máis gravosos. El Pueblo Gallego cesou a súa publicación co número 20.661, o 17 de xuño de 1979.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar