Xoán Xesús González

avogado, escritor e político galego

Xoán Xesús González Fernández,[1] tamén referido como Xohán Xesús González, nado en Sebil, parroquia de Cequeril (Cuntis), o 9 de novembro de 1895 e finado en Santiago de Compostela o 12 de setembro de 1936, foi un mestre, xornalista, avogado, escritor e político galego.

Xoán Xesús González
Nome completoXoán Xesús González Fernández
Nacemento9 de novembro de 1895
 Sebil
Falecemento12 de setembro de 1936
 Santiago de Compostela
Soterradocemiterio de Boisaca
NacionalidadeEspaña
Alma máterEscola Normal de Santiago de Compostela e Universidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritor, político e avogado
Xénerosxornalismo, poesía, narrativa, ensaio e teatro
InfluenciasVictoriano Taibo
EstudosDereito
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Na súa aldea natal exerceu como peón de canteiro, trasladado a Compostela estudou maxisterio, traballou como redactor en El Compostelano e formou parte da compañía de teatro da Universidade, en 1925 a Asociación de Prensa de Compostela elixiuno secretario pasando ao ano seguinte a contador. Xoán Xesús exerceu durante un tempo como mestre pero pediu a excedencia para poder estudar dereito. Participou no movemento estudantil, chegando a ser vicepresidente da Asociación Profesional de Estudantes de Dereito, e entrou en contacto con outros estudantes galeguistas como Luís Seoane ou Ánxel Fole. Agrarista convencido, participou en mitins agraristas e anticaciquís e publicou o folleto En pé campesiños. Nacionalista e socialista, colaborou no semanario A Nosa Terra e fundou o xornal El País Gallego (1927-1931).

Foi dirixente da Agrupación Nacionalista Independente de Compostela, mais deixou esta agrupación no momento en que ela se integrou no Partido Galeguista, xa que Xoán Xesús era tamén secretario da agrupación socialista local de Santiago e redactor xefe do voceiro Trabajo, ademais rexentaba o seu propio bufete de avogados, mantiña con Arturo Cuadrado a librería e editorial Niké e participaba na Asociación Defensores de Santiago. Descontento ante o feble impulso autonómico do partido, en maio de 1931 fundou o Seminario de Estudos Socialistas que en agosto se converteu no partido político Unión Socialista Galega, na que se conxugaba socialismo e galeguismo, e foi director do seu voceiro oficioso Amañecer. Tralo fracaso nas eleccións de 1933, o partido disólvese, integrándose en Izquierda Republicana. En xaneiro de 1934 fundou unha organización denominada Agrupación al Servicio de la Autonomía. En abril entraba na directiva de Izquierda Republicana e, tras unha serie de desacordos que acabaron na súa expulsión, fundou con varios amigos a Vanguardia de Izquierda Republicana.[2]

En 1936 participou na fundación da Asociación de Escritores de Galicia.

Ao estoupar a guerra civil púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo, coñecido como O Terzo de Calo,[3] que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana, chegando o 20 de xullo pola noite á cidade, pero tras a ocupación da cidade polos militares, ao día seguinte Xoán Xesús foi encarcerado e permaneceu na prisión. Foi xulgado en consello de guerra o 7 de setembro acusado de rebelión e condenado a pena de morte.[4] Fusilárono o 12 de setembro de 1936, na tapia do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela, xunto con José Pose Miguens, Faustino Liste Forján, Serafín Marino Santos e José Tourís Castro.[5]

Lembranza editar

A Asociación Cultural Quinteiro da Umia estreou no 12 de outubro de 2017 un documental sobre a súa figura: O canteiro de Sebil.[6]

Obra en galego editar

 
Fotografía publicada en Vida Gallega en 1928.
Poesía
  • Agarimos. Versos da y-alma, 1921.
Narrativa
Ensaio
  • En pé campesiños.
Teatro
  • Felisa, 2007.
  • Carmiña.

Obra en castelán editar

 
Ensaio
  • Hacia una morfología de la vida gallega, 1925.
  • Regionalismo, nacionalismo, separatismo, 1933, Nós.
Teatro
  • Los estudiantes, opereta inédita.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Xoán Xesús González na Biblioteca Virtual Galega.
  2. Marcos Seixo no Limiar da novela A modelo de Paco Asorei, Edicións Xerais de Galicia, 2002, pp 46-47.
  3. Carlos Velasco, 1936. Represión e alzamento militar en Galiza, Vigo, 2006, páx. 226.
  4. El Eco de Santiago, 3-9-1936, p. 3.
  5. El Eco de Santiago, 12-9-1936, p. 2.
  6. "O Canteiro de Sebil, libre e en aberto". Quinteiro do Umia. 2018-09-12. Consultado o 2022-09-06. 
  7. Iglesias, Xabier: "A filla da patrona" 4/1/2013.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar