Arturo Cuadrado

escritor e político galego

Arturo Cuadrado Moure, nado en Dénia (Alacant) o 3 de maio de 1904 e finado en Buenos Aires o 6 de agosto de 1998, foi un escritor e político galego.

Arturo Cuadrado
Nacemento3 de maio de 1904
Lugar de nacementoDénia
Falecemento6 de agosto de 1998
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeArxentina e España
Ocupaciónescritor e político
CónxuxeAmparo Alvajar
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Fillo de Arturo Cuadrado, mestre nacional natural de Valladolid, e Mercedes Moure Carollo, que vivía na Agualada, Coristanco. Logo de casados, trasládanse por cuestións laborais a Dénia, onde residiron algúns anos. Coa morte do pai regresou a Galicia coa súa nai e irmáns. O seu primeiro traballo foi como vendedor na Casa Segundo García de Arriba, na rúa do Preguntoiro de Santiago de Compostela, onde vendía tecidos de confección fina.

En Compostela participou intensamente na vida cultural, e xunto a Xoán Xesús González abriu en 1926 na rúa da Calderería a barraca-libraría e Editorial Nike, na que o prezo o puña o comprador, e editando a máis dalgúns libros a revista vangardista Resol e o semanario republicano Don Claro[1]. Dende 1929 ata o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colaborou habitualmente na prensa (El País Gallego, El Pueblo Gallego, Yunque, Política e El Sol, de Madrid, ou El Mercantil Valenciano, de Valencia).

O 14 de xullo de 1936 viaxou a Madrid xunto a Castelao e Ánxel Casal para presentar ante as Cortes o Estatuto de Autonomía que viña de ser aprobado en referendo polos electores galegos. A sublevación militar sorprendeuno en Madrid. En Valencia casou con Amparo Alvajar e editou o seu primeiro libro de poemas, Aviones, de poesía comprometida; participou activamente nas campañas e mitins de apoio á República desde as páxinas de Nova Galiza, editada en Barcelona, e na edición de El Combatiente del Este, con Antonio Sánchez Barbudo, Xosé Otero Espasandín e Rafael Dieste. Pablo Neruda facilitoulle, ao final da guerra, o salvoconduto que lle permitiu pasar de Francia ao exilio de Buenos Aires.

 
Castelao, Seoane, Eiroa e Cuadrado, diante do portal da consulta do Dr. José Barros Sanromán en Pontevedra en 1932.

Entre os exiliados atopou a amizade de Luís Seoane, a quen xa coñecía de Galicia, e, máis tarde, de Lorenzo Varela, chegado de México. Participou con eles na fundación de editoras: EMECÉ, Nova e Botella al Mar; onde publicou dous libros de poemas, Soledad imposible e Amar sin amor (1981); pero sobre todo aparecen os innumerables prólogos e introducións que Cuadrado creou durante máis de 40 anos e as coleccións Camino de Santiago, Hórreo, Dorna e Pomba, que supoñen a supervivencia da cultura galega e do galego como lingua literaria durante os "anos escuros". Durante o primeiro goberno de Juan Domingo Perón exiliouse en Montevideo, onde tamén se encontraba Lorenzo Varela.

Logo do restablecemento da democracia realizou varios viaxes por España invitado pola Xunta de Galicia. Puido recuperar o seu grao de comandante e foi homenaxeado polo Parlamento sendo nomeado deputado honorario e as autoridades españolas outórganlle unha condecoración pola súa labor cultural e política. Nos últimos anos da súa vida seguiu dirixindo Botella al Mar e Ediciones Hombre al Agua, así como o periódico Galicia, órgano da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales da Arxentina.

Finou por mor dun paro cardíaco.

Obra editar

Noticia para una noticia. Buenos Aires: Emecé, 1965. Colección de textos breves sobre autorías de orixe galega: Emilia Pardo Bazán, Feijóo, Murguía, Rosalía de Castro, etc.

Prólogo de prólogos. Buenos Aires: Botella al mar, 1965.

Obra literaria

  • ¡Aviones!: poemas de la guerra. [Valencia] : Ediciones Resol, 1937.
  • Soledad imposible. Buenos Aires: Botella al mar, 1952. Ilustracións: Seoane. Edición facsímile: O Castro: Ediciós do Castro, 1991.
  • Canción para mi caballo muerto. Buenos Aires: Botella al mar, 1963.
  • Ola indecisa. Buenos Aires: Botella al mar, 1970.
  • Amar sin amor. Buenos Aires: Botella al mar, 1981.
  • Prohibido mirar. Buenos Aires: Botella al mar, 1995.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar